Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2017 Páx. 5550

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de xaneiro de 2017 pola que se autoriza a apertura e funcionamento do Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas Cented do Pereiro de Aguiar.

O representante da titularidade do Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas Cented solicita autorización de apertura e funcionamento dun centro docente no concello do Pereiro de Aguiar (Ourense), para impartir as ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en Fútbol, reguladas no Decreto 353/2003, do 11 de setembro, e no Decreto 372/2003, do 16 de setembro; ensinanzas incluídas no ámbito do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, que establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, nas cales se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos cos que deben contar os centros.

Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar a apertura e funcionamento do Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas Cented, que queda configurado como se sinala a continuación:

Denominación xenérica: Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas.

Denominación específica: Cented.

Código do centro: 32020896.

Titular: 2005 Tecniproneo, S.L.

Domicilio: rúa Un, nº 9, Urbanización Monterrei.

Lugar: O Pereiro de Aguiar.

Concello: O Pereiro de Aguiar.

Provincia: Ourense.

Ensinanzas que se autorizan:

– Grao medio: as conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Fútbol (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

– Grao superior: as conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Fútbol (1 unidade para 30 alumnos/as).

Segundo. Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Ourense, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no devandito centro, así como o equipamento axeitado.

Terceiro. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se teña que modificar calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria