Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2017 Páx. 5548

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 11/2017, do 19 de xaneiro, polo que se modifica a denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 17 establece que o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, ben por propia iniciativa, co acordo do consello de goberno da universidade, ben por iniciativa da universidade, mediante proposta do seu consello de goberno, en ambos os dous casos co informe favorable do seu consello social, logo do informe preceptivo do Consello Galego de Universidades, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de xaneiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. A modificación da denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo

Modifícase a denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, da Universidade de Vigo, situada no Campus de Vigo, pola de Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria