Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2017 Páx. 6778

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2017, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de coordinador do Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés.

Mediante Resolución do 27 de xullo de 2015, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (DOG nº 176, do 15 de setembro), convocouse a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, dun posto de coordinador/a do Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés.

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 47, do 7 de marzo), e pola Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG nº 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), esta xerencia

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicar o posto de coordinador do Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés a Manuel J. Vázquez Lima, aspirante que acadou a maior puntuación.

Segundo. O aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular e será declarado/a nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Terceiro. O aspirante seleccionado obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, o profesional seleccionado será avaliado para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso, darase previamente audiencia ao interesado.

Cuarto. Contra a presente resolución poderá interporse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 y 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 18 de xaneiro de 2017

José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés