Antecedentes de feito:
Primeiro. O 31.10.2016 a Confraría de Pescadores «San Bartolomé» de Noia presentou os anexos I e II do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG, núm. 129, do 6 de xullo) debidamente cumprimentados e, a solicitude de prórroga para o aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Tambre para o ano 2017, así como as listaxes das vendas das capturas diarias das embarcacións autorizadas no plan do ano 2016.
Segundo. Por Resolución do 14 de febreiro de 2013, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre, para o ano 2013 (DOG núm. 44, do 4 de marzo) que se foi renovando en anos sucesivos polas seguintes resolucións:
– Resolución do 22 de xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se aprobou a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2014 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).
– Resolución do 18 de febreiro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aprobou a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2015 (DOG núm. 46, do 9 de marzo).
– Resolución do 7 de marzo de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2016 (DOG núm. 59, do 29 de marzo).
Terceiro. De acordo co establecido no artigo 9.3 do Decreto 130/2011, o plan que se aproba foi sometido a informe da Consellería do Mar, por afectar a zona de desembocadura, e á Área de Biodiversidade do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.
Cuarto. Segundo establece o artigo 9.2 do Decreto 130/2011, a renovación dos plans de aproveitamento procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente ao incremento do esforzo de pesca ou a modificación de zonas dentro da bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos cos que conte o Servizo Provincial de Conservación da Natureza non aconsellen modificacións do plan vixente, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación e renovación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais de Galicia.
Segundo. A competencia para ditar a resolución de renovación dos plans de aproveitamento específico correspóndelle ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conforme o establecido no artigo 9.4 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (DOG, núm. 221, do 19 de novembro).
Resolución:
Visto o exposto nos antecedentes e fundamentos de dereito, acórdase a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2017, que figura como anexo a esta resolución.
Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 9 de xaneiro de 2017
Cristina Carrión Rodríguez
Xefa territorial da Coruña
ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Tambre para o ano 2017
A. Artes de pesca:
a) Nasa tipo voitirón con rede de malla non inferior a 14 mm, medidos en diagonal e mollada.
b) Colocaranse a unha distancia mínima de 25 m entre eles.
c) Cada voitirón deberá estar debidamente identificado, co número de matrícula e folio da embarcación á que pertenza.
B. Zona dentro da bacía fluvial e períodos de pesca:
a) Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Ponte Nafonso (exceptúase a zona de desembocadura do río Tines, delimitada no mapa 10 do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia (DOG núm. 102, do 30 de maio).
b) Perídodo de pesca: desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 2017.
C. Número de días de actividade.
a) O número de días previsto é de 126 días.
D. Horas de pesca diarias.
a) O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns ata as 12.00 horas do sábado. Cun máximo de 8 horas diarias de traballo.
b) Os voitiróns deberán ser levantados diariamente.
E. Número de aparellos ou artes de pesca por persoa.
a) O número máximo de artes de pesca que se vai empregar non poderá ser superior a dez (10) por tripulante e non se poderá acumular dun tripulante a outro.
F. Cota de captura por temporada de pesca e tamaño mínimo de captura.
a) Total admisible de capturas (TAC) por temporada de pesca: 1.000 kg. Unha vez acadado o TAC pecharase a temporada.
b) A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.
c) Devolverase ao río calquera outra especie que entre nos voitiróns.
d) Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela», e deberanse devolver á auga inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».
G. Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación autorizados.
a) Benigna, con matrícula 3ªCO-7-2015, que contará cun máximo de 2 tripulantes.
b) Baña, con matrícula 3ªCO-7-2580, que contará cun máximo de 3 tripulantes.
H. Sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza.
a) Cada mes, a confraría remitirá a declaración das capturas por especie e por día traballado ao Servizo de Conservación da Natureza, vía fax (981 18 46 54) ou por correo electrónico ao enderezo conservacion.co@xunta.es. Ademais, remitirase a seguinte información: o día, número de tripulantes, número de nasas empregadas, kg capturados de anguía e, ademais, indicación das especies capturadas non obxecto da pesquería.
b) Así mesmo, remitirase parte das especies capturadas e liberadas de lamprea, alosa e salmón, se fose o caso.
c) Os axentes da autoridade con funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats poderán realizar a inspección de embarcacións co obxecto de facer as comprobacións oportunas sobre as capturas.
I. Sistema de comercialización das capturas e o seu control.
a) A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia. Os participantes no plan teñen a obriga de entregar a totalidade das súas capturas.
b) Cada mes, xunto coas declaracións de capturas, os participantes no plan remitirán ao Servizo Territorial de Conservación da Natureza o xustificante das vendas en lonxa. Remitiranse aos mesmos lugares indicados no punto H.a).
J. Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o regulado na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).