Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2017 Páx. 6897

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as medidas urxentes para a erradicación e control da praga Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes:

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2015.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 209, do 3 de novembro), declarouse a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e establecéronse as zonas demarcadas para esta praga e as medidas urxentes para a súa erradicación e control.

Posteriormente producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio da comunidade autónoma, as cales foron actualizadas mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 38, do 25 de febreiro), e mediante a Resolución do 2 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).

Á espera de que se aprobe e se publique o programa nacional de control e erradicación de Tecia solanivora Povolny, faise necesario establecer novas medidas complementarias que permitan o control das plantacións e movementos de patacas dentro das zonas afectadas.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. De conformidade co previsto no artigo 5.c) da Lei 43/2002, do 20 de novembro, os operadores de pataca deberán notificar de forma inmediata á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, cando detecten síntomas ou sospeiten da presenza de Tecia solanivora Povolny nas súas instalacións.

2. Co fin de dispoñer da maior información sobre a superficie plantada e, en particular, a dedicada á produción de pataca para o autoconsumo, e a súa distribución en Galicia, os comerciantes ou puntos de venda de semente solicitarán dos compradores de pataca de semente a seguinte información: nome e enderezo do comprador, cantidade adquirida, data de adquisición. Esta información estará á disposición dos servizos oficiais de sanidade vexetal.

3. Todo produtor de pataca, tanto profesional como de autoconsumo, localizado en calquera dos concellos declarados como zona demarcada, deberá comunicar a superficie plantada na presente campaña, de acordo co anexo I.

4. A Administración local reforzará a vixilancia da procedencia dos tubérculos que se venden nos mercados locais, constatando a orixe da pataca comercializada e adoptando as medidas para impedir, se é o caso, a circulación.

5. Mentres non se aproba a normativa estatal, recoméndase non realizar a plantación de cultivo de pataca nas zonas demarcadas. Tras a publicación do programa nacional de control e erradicación do patóxeno, a presenza da praga nos cultivos das zonas afectadas suporá que estes sexan declarados como infestados, e procederase á arrinca e destrución da colleita.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

missing image file
missing image file