Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2017 Páx. 7685

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao programa operativo do Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2017.

A Constitución española establece no seu artigo 40 a obriga dos poderes públicos de promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, de realizar unha política orientada ao pleno emprego. Así mesmo, recolle no artigo 129 a obriga de promover eficazmente as diversas formas de participación na empresa e de fomentar, mediante unha lexislación adecuada, as sociedades cooperativas, así como a de establecer os medios que faciliten o acceso das persoas traballadoras á propiedade dos medios de produción.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Pola súa banda, a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, a través dunha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que a integran, ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as devanditas entidades para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como o establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación.

As empresas de economía social, e singularmente as cooperativas, teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en aplicación do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúelle á citada consellería a competencia para propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, que engloba, entre outras, as competencias en materia de cooperativas e outras entidades de economía social. Segundo o seu artigo 36.c), correspóndelle á Secretaría Xeral de Emprego, entre outras, a dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de emprego, cooperativas e outras entidades de economía social.

En exercicio das citadas competencias, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou a Axenda 20 para o emprego, que pretende ser o instrumento que permita a creación de emprego estable e de calidade, no marco do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 e do novo modelo económico e produtivo definido para Galicia, a través da Axenda para a competitividade industrial, Axenda 4.0; a Estratexia de especialización intelixente e a Estratexia de internacionalización da peme galega. Entre as medidas que recolle a Axenda 20 para o emprego destaca o programa Aprol, destinado a incentivar o emprego e que ten como unha das súas vertentes o cooperativismo e a economía social.

As distintas subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un desenvolvemento adecuado en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e á mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo.

Deste xeito, o programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece subvencións orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas ou traballadoras temporais como socias traballadoras ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Adicionalmente, o programa de fomento de acceso á condición de persoa socia prevé subvencións dirixidas ás persoas desempregadas para promover a súa incorporación a empresas de economía social, facilitando a realización da contribución económica ao capital social que resulta precisa para o bo fin do proxecto de emprendemento. Igualmente recolle como posibles beneficiarias as persoas asalariadas, socias en proba ou socias a tempo parcial destas empresas, co obxectivo de conseguir a consolidación dos seus empregos e a plena integración na empresa.

No tocante ás persoas mozas, esta orde aborda un tratamento singular da súa situación e promove a creación e consolidación de cooperativas xuvenís (as constituídas maioritariamente por persoas socias traballadoras menores de 30 anos ou 35, se se trata de persoas con discapacidade), a través de incrementos significativos das contías recollidas nos programas que as afectan, ademais de prever incentivos específicos para a incorporación como persoas socias traballadoras ou de traballo en proba para persoas menores de 30 anos, e incorpora así unha liña de incentivos que en convocatorias anteriores estaba prevista unicamente para as persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

O programa de impulso de proxectos empresariais colectivos pon á disposición das persoas emprendedoras os recursos precisos para a posta en marcha dos proxectos.

Finalmente, o Programa de intercooperación e integración cooperativa promove os procesos de concentración entre empresas de economía social e a posta en marcha de proxectos de colaboración empresarial ao redor de dous eixes: a configuración de proxectos de integración e a colaboración empresarial en proxectos de I+D+i, comercialización e internacionalización.

Estas actividades de fomento compleméntanse con servizos de formación, asesoramento, acompañamento e titorización, cos cales se pretende asegurar o bo fin dos proxectos emprendidos. Con esta finalidade, a Secretaría Xeral de Emprego, a través da Rede Eusumo, pon á disposición das persoas desempregadas e demais emprendedores/as os recursos necesarios para a posta en marcha dos proxectos, desde antes da súa constitución formal ata unha vez iniciada a actividade, servizo que se considera especialmente importante nas cooperativas de nova creación.

Prevese o financiamento dos distintos programas con cargo aos fondos seguintes:

– Fondos finalistas, cando se trate de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

– Programa operativo do Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, cofinanciado polo dito fondo nun 80 %, no seu obxectivo temático 08: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; prioridade de investimento 08.03: o traballo por conta propia, o espírito emprendedor e a creación de empresas, incluídas as microempresas e as pequenas e medianas empresas innovadoras; obxectivo específico 8.3.1: aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas, facilitando o seu financiamento, mellorando a calidade e a eficiencia dos servizos de apoio e consolidación, e categoría de intervención 104.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido no artigo 25 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polas que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao preverse que exista crédito suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento colectivo en empresas de economía social.

2. Establécense os seguintes programas de axudas:

a) Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

b) Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).

c) Programa III: impulso de proxectos empresariais colectivos (procedemento TR807D).

d) Programa IV: intercooperación e integración empresarial (procedemento TR807F).

Artigo 2. Normativa aplicable

1. As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Para as subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo serán de aplicación: o Regulamento (CE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, e o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, así como a normativa estatal de subvencionabilidade dos gastos para o período 2014-2020.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas de subvencións realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das subvencións previstas nos programas desta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego:

– Programa I: aplicación 09.40.324C.470.0, cofinanciada con cargo ao programa operativo do Fondo Social Europeo 2014-2020 nun 80 %.

– Programa II: aplicación 09.40.324C.470.0, financiada con fondos finalistas do Estado por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

– Programa III: aplicación 09.40.324C.470.0, financiada con fondos finalistas do Estado por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

– Programa IV: aplicación 09.40.324C.472.2, financiada con fondos finalistas do Estado por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

2. A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de subvencións.

3. De producirse remanentes de crédito nalgún dos devanditos programas, procederase á reasignación das contías sobrantes entre os restantes sempre que estean financiados con cargo ao mesmo tipo de fondos.

4. Estes importes poderán verse modificados ou incrementados con fondos comunitarios, da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás subvencións cofinanciadas polos fondos europeos, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Esta circunstancia será verificada de oficio polo órgano xestor e deixará constancia no expediente agás que a persoa interesada denegue a súa comprobación, neste caso deberá achegar a documentación que se sinala en cada programa.

b) Persoa demandante de emprego: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego. Esta circunstancia será verificada de oficio polo órgano xestor e deixará constancia no expediente agás que a persoa interesada denegue a súa comprobación, neste caso deberá achegar a documentación que se sinala en cada programa.

c) Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa incorporación estea sen traballo e acredite un período de inscrición como demandante de emprego de polo menos 12 meses nos últimos 18. Esta circunstancia será verificada de oficio polo órgano xestor, e deixará constancia no expediente agás que a persoa interesada denegue a súa comprobación, en cuxo caso deberá achegar a documentación que se sinala en cada programa.

d) Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, considerarase que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos, a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE núm. 300, do 16 de decembro).

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de que a persoa interesada denegue a súa comprobación ou que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

e) Persoa en situación ou risco de exclusión social: aquela en que concorra a ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Esta circunstancia acreditarase mediante certificado emitido polos servizos sociais xustificativo de ser persoa perceptora da renda de inclusión social de Galicia ou da situación social sinalada no parágrafo anterior.

f) Unidade familiar: o conxunto de persoas que, convivindo no mesmo domicilio, está formado por:

– A persoa que se incorpora como socia traballadora ou de traballo a unha cooperativa ou sociedade laboral.

– O seu ou a súa cónxuxe ou parella inscrita no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

– Os seus fillos e fillas menores de 26 anos ou maiores con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

– As persoas menores de idade que teña acollidas.

Para a aplicación da condición de pertencer a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados, requirirase que todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos estean desempregados, e non sexan perceptores de pensión pública por xubilación ou incapacidade.

g) Cooperativa: sociedade cooperativa galega inscrita no Rexistro de Cooperativas de Galicia dependente da Xunta de Galicia. Esta circunstancia será verificada de oficio pola Administración e deixará constancia no expediente.

h) Sociedade laboral: sociedade inscrita no Rexistro de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil. Esta circunstancia será verificada de oficio pola Administración e deixará constancia no expediente.

i) Cooperativa xuvenil: aquela cooperativa inscrita como tal no Rexistro de Cooperativas de Galicia que non estea incursa en causa de disolución en virtude do sinalado nas letras d) ou f) do parágrafo 2 da disposición adicional novena da Lei 5/1998, do 18 de decembro.

j) Cooperativa de nova creación: aquela que non supere os corenta e dous meses de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

k) Data de incorporación á cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido: en xeral, é a data de alta ou variación de datos no correspondente réxime de traballadores/as por conta allea da Seguridade Social, ou a data solicitada para a alta no réxime de traballadores/as autónomos/as ou en mutualidade de colexio profesional. Esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, así como nos informes de vida laboral. Excepcionalmente, nos casos en que a incorporación con carácter indefinido se refira a unha persoa que tiña previamente a condición de asalariada ou socia en proba da cooperativa ou sociedade laboral e non se produza alta ou variación de datos, a data de incorporación será aquela en que a persoa socia cumpra todos os requisitos legais e estatutarios para acceder a tal condición, incluída a achega mínima obrigatoria ao capital social e a cota de ingreso, se é o caso. Esta circunstancia acreditarase mediante certificado emitido polo órgano competente da cooperativa ou sociedade laboral comprensivo do importe das achegas e cotas de ingreso, se é o caso, subscritas e desembolsadas para adquirir a condición de socio ou socia, así como certificación bancaria do seu pagamento en que conste claramente a persoa emisora e receptora, o concepto do gasto e a data en que se fixo efectivo.

l) Data de inicio de actividade laboral por conta propia: data solicitada para a alta como autónomo/a no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional. Esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, así como nos informes de vida laboral.

m) Concello rural: concello que non conta con ningunha zona densamente poboada (ZDP). Son consideradas como zonas densamente poboadas, en función do seu grao de urbanización, os conxuntos limítrofes de áreas locais, definidas no nivel de parroquia, cunha densidade de poboación igual ou superior a 500 habitantes por km2 e unha poboación mínima de 50.000 habitantes, segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística. Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no correspondente programa de axudas:

a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas nos programas I, III e IV.

b) As persoas desempregadas, socias ou traballadoras de cooperativas ou sociedades laborais ou doutras empresas que se transformen nestas, para as actuacións previstas no programa II.

2. Con carácter xeral, as persoas e entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

e) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.

Artigo 7. Subvencións baixo condicións de minimis

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

1. Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Cando se trate dunha única empresa que realice por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada o importe total das axudas de minimis concedidas non excederá 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, sen que estas axudas se poidan utilizar para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

2. Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Capítulo II
Normas comúns, solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde, nos modelos de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación sinalada nesta orde, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

2. Para os procedementos dos programas I, III e IV (TR802G, TR807D, TR807F), as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para o programa II (TR802J), as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os formularios de solicitude tamén poderán ser obtidos, cubertos e validados pola persoa ou entidade solicitante a través da aplicación informática á cal se poderá acceder igualmente a través da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Portal de Emprego (http://emprego.ceei.xunta.gal). As solicitudes obtidas a través desta aplicación informática deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A presentación electrónica da documentación complementaria será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude (programas I, III e IV: TR802G, TR807D e TR807F). Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica (programa II, TR802J), opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa ou entidade solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

8. As persoas ou entidades que soliciten axuda para máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación que resulte coincidente coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Para os programas I, III e IV, no caso de que a solicitude sexa presentada de xeito presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, requirirase a persoa interesada para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

Nos programas I e II deberá analizarse a viabilidade do proxecto empresarial ou plan de empresa con base na documentación presentada e, no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá o rexeitamento da solicitude por esta causa.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Secretaría Xeral de Emprego, así como as certificacións indicadas no artigo 10.1 desta orde.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos elaborados polas administracións públicas. Presumirase que a persoa interesada presta o seu consentimento para que estes datos sexan consultados ou obtidos polo órgano xestor, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. No caso de oposición, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coas solicitudes os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. No suposto de que a subvención estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa ou entidade beneficiaria que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, así como a outra información prevista no anexo XII a que fai referencia o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

5. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxa finalidade e usos son a xestión das relacións administrativas cos cidadáns, entre elas, procedementos administrativos, rexistros, portelo electrónico 24×7, axudas, subvencións; e a xestión das relacións administrativas con entidades sen ánimo de lucro que manteñan relación coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Así mesmo, os datos persoais referidos no parágrafo anterior tamén serán incluídos nun ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxa finalidade e usos previstos son: a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa; a xestión e tramitación ante a Administración xeral do Estado e ante a Unión Europea dos reembolsos dos programas operativos; a realización, coordinación e análise das avaliacións exixidas polos regulamentos comunitarios; accións informativas e de actividades dirixidas á cidadanía. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, como responsable do ficheiro mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes para os programas I e II será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, competente por razón do territorio.

O órgano instrutor dos expedientes relativos aos programas III e IV será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego.

2. As notificacións para os programas I, III e IV realizaranse por medios electrónicos, de acordo co disposto no artigo 41.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso do programa II, de non elixir a persoa interesada relacionarse electronicamente coa Administración, todas as notificacións que se lle practiquen en papel serán postas á súa disposición na sede electrónica da Administración para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia –Notifica–, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á Comisión de Avaliación, que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras.

A Comisión de Avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da xefatura do Servizo de Cooperativas e Economía Social, as persoas titulares dos servizos de Emprego e Economía Social das xefaturas territoriais da consellería e unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que actuará como secretaria.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria ou, de ser o caso, quen os supla, e a metade, polo menos, dos seus membros.

A Comisión de Valoración levantará acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor, que formulará proposta de resolución.

Artigo 12. Criterios obxectivos de concesión

1. Os criterios de valoración das solicitudes para os programas de axudas I, II, III e IV serán os recollidos nos artigos 26, 33, 40 e 47 respectivamente desta orde. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración, obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario ou beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

2. En caso de empate de puntos de baremación, entre as solicitudes establécense os seguintes criterios de desempate:

a) En primeiro lugar terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no primeiro dos criterios de avaliación, segundo a orde de aparición en que figuran na base reguladora. De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no segundo dos criterios de avaliación e así sucesivamente.

b) De persistir o empate, terase en conta a data de rexistro de entrada da solicitude e terán prioridade as solicitudes presentadas con anterioridade.

3. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refiren os puntos anteriores, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

4. No suposto de ampliación do crédito, sexa por incremento da dotación ou por redistribución do crédito remanente doutros programas, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle aos seguintes órganos, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria:

a) Para os programas I e II, á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

b) Para os programas III e IV, á Secretaría Xeral de Emprego.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase rexeitada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución definitiva, as persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. De ser o caso, na notificación da resolución da subvención comunicarase á persoa beneficiaria o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo, con concreción do eixe, do obxectivo temático, da prioridade de investimento e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Igualmente recolleranse os demais requisitos previstos na normativa comunitaria que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), en especial os requisitos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo VII, X, XII ou XV, segundo o programa de que se trate, xunto coa documentación xustificativa que corresponda relacionada nos artigos 27, 34, 41 e 48 desta orde en función do programa de que se trate.

A presentación das solicitudes de pagamento realizarase na forma sinalada no artigo 8. No caso do programa II, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica e, no caso dos programas I, III e IV, unicamente poderá realizarse a través dese medio.

2. A persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente, segundo o programa de que se trate de acordo co previsto no artigo 13, a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa da subvención no prazo fixado na resolución de concesión e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención a opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

5. Cando concorran varias subvencións ao abeiro desta orde só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, facendo constar os procedementos a que se refire.

6. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria, e sempre que se xustifique o pagamento mediante documentos bancarios, nos cales deberán quedar claramente identificadas as persoas ou entidades receptoras e as emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias da axuda), así como o concepto destes. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

7. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En ningún caso o custo de adquisición dos bens ou servizos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

En todo caso, para os gastos financiables co Fondo Social Europeo, respectaranse as condicións das normas de subvencionabilidade ditadas para o período 2014-2020, de acordo co disposto na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

8. As unidades administrativas responsables da instrución de cada programa analizarán a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirán unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

9. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

10. Se da documentación presentada pola persoa ou entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

11. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

12. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá excepcionalmente solicitar, de xeito motivado, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, xa se atope en poder da Administración.

Artigo 16. Réxime de compatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles entre si. Porén, non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nesta orde.

O importe máximo das subvencións para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras e en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións para o fomento do acceso á condición de persoa socia previstas no programa II resultarán compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único, así como coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

3. As subvencións establecidas nos programas I e II desta orde serán incompatibles coas subvencións establecidas nos diferentes programas dirixidos ao apoio a iniciativas de emprego ou á promoción do emprego autónomo.

Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do FSE, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou doutros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. As persoas ou entidades beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, ademais, as obrigas específicas previstas en cada programa, nos artigos 28, 35, 42 e 49 desta orde.

Artigo 18. Obrigas derivadas do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE, ao abeiro do programa operativo do Fondo Social Europeo do período 2014-2020, a entidade promotora deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

– Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e, nos lugares de realización da actuación, informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

– Así mesmo, as entidades beneficiarias do programa I informarán por escrito as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Economía, Emprego e Industria) e polo FSE, así como dos obxectivos dos fondos. Deben figurar os emblemas na documentación xerada con esta finalidade.

Pódense consultar as normas sobre información e comunicación das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais no período 2014-2020 na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/informacion-e-comunicacion-2014-2020

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nesta orde:

– Manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida.

– Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación da certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través dos indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os indicadores de execución refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da persoa participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato refírense ao día inmediatamente posterior á finalización da súa vinculación coa operación. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Enténdese que finaliza a vinculación coa operación cando se cumpre o período de mantemento de obrigas (mantemento de actividade, forma xurídica e/ou emprego) a que se refire cada programa.

Artigo 19. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, así como o incumprimento da obriga establecida no artigo 17.1.e), dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da subvención concedida.

b) O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 17.1.c) e d) e 18 dará lugar a un reintegro dun 2 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga establecida no artigo 17.1.b) dará lugar ao seguinte reintegro da axuda concedida:

i. Para o caso de subvencións incompatibles con outras axudas:

a. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, procederá o reintegro do 10 % do importe da subvención percibida.

b. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, procederá o reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

ii. Para o caso de subvencións compatibles:

a. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, procederá o reintegro do 5 % do importe da subvención percibida.

b. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.2 desta orde, por cada incorporación subvencionada e non substituída conforme o establecido nos ditos artigos, procederá o reintegro nos seguintes termos:

i. Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo estivo menos de 12 meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro total da axuda concedida pola dita persoa.

ii. Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo estivo 12 ou máis meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola dita persoa. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses o importe da subvención concedida pola persoa socia traballadora ou de traballo de que se trate.

b. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

iii. Se se efectuou a substitución dunha persoa socia traballadora ou de traballo a tempo completo por outra a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa socia traballadora ou de traballo de que se trate.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. Multiplícase o resultado obtido na operación segunda (b) polo número de meses que resten desde a nova incorporación ata cumprir os vinte e catro.

e) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.3 desta orde, por cada incorporación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo, procederá o reintegro nos seguintes termos:

i. Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo en proba estivo menos de 6 meses de alta na cooperativa, procederá o reintegro total da axuda concedida.

ii. Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo en proba estivo 6 ou máis meses de alta na cooperativa, procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese o importe da subvención concedida pola incorporación da persoa socia traballadora ou de traballo en proba de que se trate entre o número de meses subvencionados.

b. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computarase para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

iii. Se se efectuou a substitución dunha persoa socia traballadora ou de traballo en proba a tempo completo por outra a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese o importe da subvención concedida pola incorporación da persoa socia traballadora ou de traballo en proba de que se trate entre o número de meses subvencionados.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. Multiplícase o resultado obtido na operación segunda (b) polo número de meses que resten desde a nova incorporación ata cumprir o período subvencionado.

f) No caso de que a persoa beneficiaria incumpra a obriga establecida nos artigos 35.1 e 35.2 desta orde, procederá o reintegro nos seguintes termos:

i. Se non se efectúa a transmisión da achega e a persoa socia estivo menos de 12 meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro total da axuda concedida.

ii. Se non se efectúa a transmisión da achega e a persoa socia estivo 12 ou máis meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese o importe concedido entre vinte e catro meses.

b. Calcúlase o número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida (b).

iii. No caso de persoas socias traballadoras ou de traballo a tempo completo, se a persoa á que se lle transmite a achega se incorpora a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. O resultado anterior multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro.

g) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida nos artigos 28.1, 42.1 ou 49.1 desta orde, segundo o caso, procederá o reintegro nos seguintes termos:

i. Se a obriga se mantivo por un período de menos de 12 meses, procederá o reintegro total da axuda concedida.

ii. Se a obriga se mantivo por un período de 12 ou máis meses, procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

b. Calcúlase o número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida (b).

h) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas e entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención, para iso indicarán expresamente a persoa e entidade beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. En todo caso, a persoa e entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación da contía que se devolve. Á memoria deberase xuntar a copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 21. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Capítulo III
Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

Artigo 22. Finalidade

Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou en proba.

Artigo 23. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.

c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias en proba da cooperativa a que se incorporan.

A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención. Para os efectos do incremento do emprego, non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais nin as persoas socias en situación de proba.

2. Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo en proba, persoas menores de 30 anos que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.

3. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

4. Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socias (agás cando fose en situación de proba). Tampouco poderá concederse cando se trate da incorporación de persoas polas que se obtiveron nos últimos cinco anos as subvencións previstas para a incorporación como persoas socias, para a contratación de directores/as ou xerentes/as ou para apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade.

5. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

6. En todo caso, as cooperativas ou sociedades laborais deberán acreditar a viabilidade do seu proxecto empresarial.

Artigo 24. Contía dos incentivos

1. Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000 € con carácter xeral.

Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

d) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.

e) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

f) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil de nova creación.

2. Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo en proba, a subvención ascenderá a 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

3. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, nos termos previstos no artigo 23.3, a contía dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

4. A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500 euros.

No caso de que a suma das contías que resulten en aplicación dos parágrafos anteriores sexa superior aos 67.500 €, atribuirase a cada incorporación a contía que proporcionalmente lle corresponda.

Artigo 25. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que deben presentar as cooperativas e sociedades laborais para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto no artigo 8, é a seguinte:

1. Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

3. Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

4. Alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde) ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

5. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Esta memoria deberá axustarse ao modelo dispoñible na páxina web da consellería (http://emprego.ceei.xunta.gal), no seu punto de axudas e subvencións.

6. Certificación da relación nominal das persoas polas que se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

7. Comunicación á persoa socia sobre a comprobación de datos, conforme o modelo do anexo IV, relativa a cada unha das persoas polas que se solicita a subvención, debidamente asinada por estas.

8. Copia do documento nacional de identidade das persoas por quen se solicita subvención, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV (artigo 10.1 desta orde).

9. Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas por quen se solicita subvención, referido á data de presentación da solicitude, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV (artigo 10.1 desta orde).

10. No caso de incorporación de persoas desempregadas de longa duración, certificación emitida polo Servizo Público de Emprego dos períodos de inscrición como demandante de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, referida á data de incorporación (ou á data de presentación da solicitude, se aínda non tivo lugar a incorporación) das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV (artigo 10.1 desta orde).

11. Se é o caso, documentos acreditativos da discapacidade ou da situación ou risco de exclusión social das persoas polas que se solicita a subvención. No caso de discapacidade, só será necesario no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV (artigo 10.1 desta orde).

12. Se é o caso, certificación do órgano competente da cooperativa sobre a condición de persoa socia en proba das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, referida á data de incorporación (ou á data de presentación da solicitude, se aínda non tivo lugar a incorporación).

13. No caso de incorporación dunha persoa pertencente a unha familia en que todos os seus membros están desempregados:

a) Declaración responsable da persoa pola que se solicita a subvención sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo V.

b) Comunicación sobre a comprobación de datos relativa a cada unha das persoas que forman parte da unidade familiar das persoas polas que se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo VI, asinada por aquelas.

c) Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

d) Se é o caso, copia do libro de familia; no caso de parellas inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, certificado de inscrición no dito rexistro, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

e) Copia do documento nacional de identidade das persoas membro da unidade familiar maiores de 16 anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

f) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas membro da unidade familiar maiores de 16 anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

g) Certificado das prestacións e importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas que integran a unidade familiar maiores de 16 anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

14. Calendario laboral da cooperativa ou sociedade laboral e certificación relativa á xornada de traballo asignada ás persoas que se incorporan como socias traballadoras ou de traballo. Pódese obter un modelo na páxina web da consellería (http://emprego.ceei.xunta.gal), no seu punto de axudas e subvencións.

15. No caso de sociedades laborais, nota simple ou certificación de ter depositadas as contas correspondentes ao último exercicio, emitida polo Rexistro Mercantil correspondente.

Artigo 26. Criterios de avaliación das solicitudes

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

1. Por cada persoa incorporada como socia traballadora ou de traballo: 2 puntos se se incorpora con carácter indefinido e 1 punto se se incorpora en proba, ata un máximo de 15 puntos.

2. Por cada persoa incorporada que sexa desempregada de longa duración: 2 puntos se se incorpora con carácter indefinido e 1 punto se se incorpora en proba, ata un máximo de 15 puntos.

3. Por cada persoa incorporada con carácter indefinido maior de 45 anos: 2 puntos ata un máximo de 10.

4. Por cada persoa incorporada con carácter indefinido menor de 30 anos: 1 punto, ata un máximo de 5.

5. Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección, sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres na entidade, ata un máximo de 2 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50 %.

6. No caso de que a cooperativa ou sociedade laboral teña por obxecto unha actividade comprendida nalgún dos sectores seguintes: os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia), economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización) e economía azul (crecemento sustentable nos sectores mariño e marítimo): 5 puntos.

7. No caso de que a actividade desenvolvida pola empresa solicitante garde relación directa con proxectos de I+D+i: 5 puntos.

8. Cando a memoria técnica e económica ou plan de empresa prevexa e avalíe especificamente a contribución da cooperativa ou sociedade laboral á mellora ambiental dun xeito relevante: 5 puntos.

Artigo 27. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 15 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención deste programa, a entidade beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo VIII.

2. Para a incorporación como socio ou socia con carácter indefinido: certificado de alta e permanencia como persoa socia traballadora ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral.

3. Para a incorporación como socio ou socia en proba: certificado de alta como persoa socia traballadora ou de traballo en proba, emitido pola cooperativa, así como do período de permanencia nesta situación. No caso de que a persoa incorporada finalizase o período de proba sen adquirir a condición de persoa socia traballadora ou de traballo con carácter indefinido, deberá achegarse memoria explicativa do traballo desenvolvido durante o período de proba e das razóns da súa finalización.

4. Documento de alta na Seguridade Social das persoas incorporadas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV (artigo 10.1 desta orde) ou documento de alta na mutualidade de colexio profesional que corresponda.

5. Certificación de relación nominal das persoas socias traballadoras ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período (segundo o modelo do anexo III).

6. No suposto de traballadores ou traballadoras vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por contrato laboral de carácter temporal, copia do contrato de traballo, documento de alta inicial na Seguridade Social, así como xustificante da comunicación á Seguridade Social dos cambios producidos.

7. Cando se trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

8. Cando se trate dunha persoa socia en proba que accede á condición de socia con carácter indefinido, certificación do órgano competente da cooperativa do importe das achegas e cotas de ingreso, se é o caso, subscritas e desembolsadas para adquirir a condición de socio ou socia, así como certificación bancaria do seu pagamento en que conste claramente a persoa emisora e receptora, o concepto do gasto e a data en que se fixo efectivo.

9. Copia do documento en que se lle comunique á persoa incorporada pola que se obtivo a subvención que esta actuación foi cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, segundo se establece na letra a) do artigo 18 desta orde.

10. Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 18.a) desta orde.

11. Breve documento explicativo do procedemento e da denominación desagregada (contas e subcontas, códigos, ...) empregados para manter os gastos financiados de forma separada na contabilidade.

Nesta fase, o órgano xestor comprobará de oficio o cumprimento da obriga de comunicar os indicadores de execución a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, relativo ao Fondo Social Europeo, mediante o acceso á aplicación Participa 1420, á cal a entidade beneficiaria accederá mediante o sistema usuario/clave que o órgano xestor lle facilitará no enderezo electrónico que sinale no anexo de solicitude de subvención.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das recollidas con carácter xeral nos artigos 17 e 18 desta orde, as entidades beneficiarias de subvencións deste programa deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Manter polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobada polo órgano xestor coa periodicidade que se considere oportuna.

2. No caso de subvencións por incorporación como persoa socia traballadora ou de traballo con carácter indefinido: manter a persoa pola que se concede a subvención nesta mesma condición polo menos durante dous anos desde a súa incorporación.

No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituíla por outra persoa, no prazo máximo de nove meses desde a data de baixa e polo período que reste ata completar os dous anos. Tanto o feito da baixa como a substitución deben serlle comunicados ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde o día en que os ditos feitos se producisen.

A persoa substituta deberá cumprir os requisitos do artigo 23 desta orde e cando a subvención se concedese pola incorporación dunha persoa pertencente a un colectivo determinado, a substitución deberá ser realizada por outra persoa pertencente a algún dos colectivos polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa.

Esta incorporación poderá realizarse en situación de persoa socia en proba polo máximo tempo permitido legalmente, transcorrido o cal, a relación poderá converterse en ordinaria e indefinida ou, de non ser así, incorporar con este carácter outra persoa coas características anteriormente sinaladas.

Respecto das persoas substitutas, a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación prevista nos parágrafos 7 ao 11, ambos incluídos, do artigo 25 desta orde, así como a prevista nos parágrafos 2, 4, 6, 7 ou 8 (de ser o caso) e 9 do artigo 27.

Esta nova incorporación en ningún caso dará lugar a unha nova subvención.

No caso de non producirse a substitución de acordo co punto anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 19 desta orde.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobada polo órgano xestor coa periodicidade que se considere oportuna.

3. No caso de subvencións por incorporación como persoa socia en proba: manter a persoa incorporada, como mínimo, polo tempo subvencionado. Se se produce o cesamento do mozo ou moza, a empresa beneficiaria está obrigada a substituíla no prazo dun mes por outra, polo menos, en tempo de dedicación igual á anterior. Tanto o feito da baixa como a substitución deberán serlle comunicados ao órgano que concedeu a subvención no prazo dun mes contado desde o día en que os ditos feitos se producisen.

Respecto das persoas substitutas, a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación prevista nos parágrafos 7 ao 10 do artigo 25 desta orde, así como a prevista nos parágrafos 3, 4, 7 (de ser o caso) e 9 do artigo 27.

Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado polo órgano xestor coa periodicidade que se considere oportuna.

4. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa socia a que se refire o parágrafo anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención, os indicadores de resultado inmediato a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, relativo ao Fondo Social Europeo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice o citado período de mantemento da condición de socio, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Capítulo IV
Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia

Artigo 29. Finalidade

Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

Artigo 30. Persoas beneficiarias e condicións para a obtención da subvención

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:

a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

b) Ser persoas socias en proba da cooperativa á cal se incorporan.

c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.

d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial, que accedan á mesma condición a tempo completo.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego, que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.

3. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

4. No caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

5. Ningunha persoa poderá ser beneficiaria de máis dunha subvención das previstas neste programa. De recibirse máis dunha solicitude dunha mesma persoa, unicamente se dará validez á rexistrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia e inadmitiranse as restantes. Así mesmo, non poderá concederse esta subvención a persoas que obtivesen unha subvención para financiar a achega ao capital social de cooperativas ou sociedades laborais durante os últimos cinco anos, agás no suposto sinalado no artigo 30.1.e).

6. No caso das subvencións para acceso á condición de persoa socia traballadora, será necesario acreditar a viabilidade do proxecto empresarial a que se incorpora a persoa solicitante, mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa.

7. No caso das subvencións para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, será necesario acreditar a viabilidade da actividade económica que a persoa realizará por conta propia mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa.

8. No caso de cooperativas, o importe da subvención será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social, ou como cota de ingreso que deberá incorporarse ao fondo de reserva obrigatorio. No caso das sociedades laborais, o importe das subvencións será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social.

Artigo 31. Contía das subvencións

1. As subvencións previstas neste programa poderán ascender ás contías seguintes:

a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, alíneas a), b), c) e d), e no artigo 30.2, ata 6.000 €.

b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, alínea e), ata 3.000 €.

2. As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa beneficiaria pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

d) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.

e) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

f) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil de nova creación.

3. Cando a dedicación da persoa incorporada sexa a tempo parcial, a contía máxima dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

4. As contías referidas nos anteriores puntos en ningún caso poderán ser superiores ás que subscriba o socio ou socia en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais segundo o caso, pola súa incorporación. Para estes efectos unicamente se terán en conta os importes desembolsados durante o período recollido na convocatoria para a subvencionabilidade do gasto. Así mesmo, no suposto previsto no artigo 30.1.e), a contía da subvención, sumada á que, de ser o caso, percibise a persoa beneficiaria con motivo da súa incorporación como socia a tempo parcial, non poderá superar as contías establecidas no artigo 31.1.a).

Artigo 32. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto no artigo 8 desta orde, é a seguinte:

1. Copia do documento nacional de identidade da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, se é o caso, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

3. No caso de actuar por representación da persoa solicitante, documentación que acredite por calquera medio válido en dereito a dita representación.

4. No caso de incorporación de persoas desempregadas de longa duración, certificación emitida polo Servizo Público de Emprego dos períodos de inscrición como demandante de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, referida á data de incorporación (ou á data de presentación da solicitude, se aínda non tivo lugar a incorporación), só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

5. Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

6. De ser o caso, documentos acreditativos da discapacidade ou da situación ou risco de exclusión social. No caso de discapacidade, só será necesario no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

7. No caso de pertencer a unha familia en que todos os seus membros están desempregados:

a) Declaración responsable da persoa solicitante sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo V.

b) Comunicación sobre a comprobación de datos relativa a cada unha das persoas que forman parte da unidade familiar da persoa solicitante, segundo o modelo do anexo VI, asinada por aquelas.

c) Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

d) Se é o caso, copia do libro de familia; no caso de parellas inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, certificado de inscrición no dito rexistro, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

e) Copia do documento nacional de identidade das persoas membro da unidade familiar maiores de 16 anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

f) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas membro da unidade familiar maiores de 16 anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

g) Certificado das prestacións e dos importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas que integran a unidade familiar maiores de 16 anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo VI (artigo 10.1 desta orde).

8. Se é o caso, certificación do órgano competente da cooperativa sobre a condición de persoa socia en proba, referida á data de incorporación (ou á data de presentación da solicitude, se aínda non tivo lugar a incorporación).

9. No caso de incorporación a unha cooperativa, certificación do acordo da asemblea xeral relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias das novas persoas socias e da cota de ingreso, de ser o caso.

10. Documentación específica da subvención para o acceso á condición de persoa socia traballadora de cooperativas e sociedades laborais (artigo 30.1):

a) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa da entidade a que se incorpora, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade con detalle dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Esta memoria deberá axustarse ao modelo dispoñible na páxina web da consellería (http://emprego.ceei.xunta.gal), no seu punto de axudas e subvencións.

b) Calendario laboral da cooperativa ou sociedade laboral e certificación relativa á xornada de traballo asignada á persoa solicitante. Poderá obter un modelo na páxina web da consellería (http://emprego.ceei.xunta.gal), no seu punto de axudas e subvencións.

11. Documentación específica da subvención para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas (artigo 30.2): memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa da persoa emprendedora, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Esta memoria deberá axustarse ao modelo dispoñible na páxina web da consellería (http://emprego.ceei.xunta.gal), no seu punto de axudas e subvencións.

Artigo 33. Criterios de avaliación das solicitudes

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

1. Por ter a condición de persoa desempregada de longa duración: 20 puntos.

2. Por ter máis de 45 anos: 10 puntos.

3. Por ter menos de 30 anos: 5 puntos.

4. Por estar vinculada á cooperativa ou sociedade laboral a que se incorpora ou á empresa transformada, por un contrato de traballo de carácter temporal, ou ben ser socia en proba da cooperativa: 5 puntos.

5. Por incorporación a unha cooperativa ou sociedade laboral que teña por obxecto unha actividade comprendida nalgún dos sectores seguintes: os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia), economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización) e economía azul (crecemento sustentable nos sectores mariño e marítimo): 5 puntos.

6. No caso de que a actividade desenvolvida pola cooperativa ou sociedade laboral a que se incorpora garde relación directa con proxectos de I+D+i: 5 puntos.

7. Cando a memoria técnica e económica ou plan de empresa prevexa e avalíe especificamente a contribución da cooperativa ou sociedade laboral á mellora ambiental dun xeito relevante: 5 puntos.

Artigo 34. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 15 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención deste programa, a persoa beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo VIII.

2. Certificación do acordo do órgano de administración da cooperativa ou sociedade laboral, relativo á incorporación como persoa socia e á permanencia nela, agás cando se trate de persoas socias promotoras das referidas entidades.

3. Documento de alta na Seguridade Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

4. Certificación emitida pola cooperativa ou sociedade laboral do importe das achegas, participacións ou accións, e cotas de ingreso, se é o caso, subscritas e desembolsadas para adquirir a condición de socio ou socia, así como certificación bancaria do seu pagamento en que conste claramente a persoa emisora e receptora e o concepto do gasto.

5. Cando se trate de incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo a tempo parcial: certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

6. No suposto previsto no artigo 30.1.e), certificación do órgano de administración da cooperativa ou sociedade laboral acreditativa da situación de socio a tempo parcial na data inmediatamente anterior á de alta na Seguridade Social a tempo completo.

7. No suposto previsto no artigo 30.2), alta no imposto de actividades económicas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde) ou, se é o caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios no Ministerio de Economía e Facenda.

Artigo 35. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 17 desta orde, as persoas beneficiarias de subvencións deste programa deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Manter a condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral a que se incorporan por un período mínimo de dous anos desde a súa incorporación.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobada polo órgano xestor coa periodicidade que se considere oportuna.

2. O importe das devanditas subvencións recoñecido como capital social deberá manter o seu carácter de achegas ao capital social de sociedades cooperativas, ou de accións ou participacións sociais de clase laboral, no caso das sociedades laborais, durante un período mínimo de dous anos desde que se realice a achega. Durante este período non poderán ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos. Non obstante, a persoa socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituíla nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo. Esta substitución non dará lugar a unha nova subvención.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobada polo órgano xestor coa periodicidade que se considere oportuna.

3. No caso de incumprimento do previsto nos puntos anteriores, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 19 desta orde.

Capítulo V
Programa III: impulso de proxectos empresariais colectivos

Artigo 36. Finalidade

Este programa de subvencións está dirixido a fomentar a economía social, concedendo subvencións que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto de nova creación de cooperativas ou sociedades laborais como xerados polas existentes.

Artigo 37. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención da subvención

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que realicen proxectos empresariais subvencionables.

Terán a consideración de proxectos empresariais subvencionables os seguintes:

a) Constitución de cooperativas ou sociedades laborais.

b) Transformación doutras fórmulas empresariais en cooperativas ou sociedades laborais.

c) Lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade das cooperativas ou sociedades laborais existentes.

2. A asistencia técnica para a realización das accións subvencionables deberá ser prestada por persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa solvencia profesional, por medio de titulación académica oficial suficiente para a prestación do servizo. No caso de persoas xurídicas, a persoa posuidora da titulación deberá acreditar o seu vínculo coa entidade.

Artigo 38. Contía da subvención

1. Poderá subvencionarse ata o 75 % dos gastos seguintes:

a) Elaboración de estudos de viabilidade, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga, necesarios para a posta en marcha dos proxectos empresariais, ata un máximo de 1.000 €, cando integren menos de 10 persoas socias, e ata un máximo de 2.000 €, cando integren 10 persoas socias ou máis.

b) Elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno necesarios para a posta en marcha dos proxectos empresariais, ata un máximo de 1.000 €.

En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos.

2. As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % no caso de que o novo proxecto supoña a apertura dun centro de traballo nun concello rural.

b) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Artigo 39. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar as subvencións deste programa, de acordo co previsto no artigo 8 desta orde, é a seguinte:

1. Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

3. Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

4. Alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde) ou, se é caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

5. No caso de que se incorporen á sociedade persoas socias traballadoras ou asalariadas con discapacidade, comunicación a cada unha delas sobre a comprobación de datos, conforme o modelo do anexo IV (artigo 10.1 desta orde), debidamente asinada por estas, así como documentación acreditativa da discapacidade, no caso de que deneguen expresamente a súa consulta.

6. Se é o caso, documentos referidos ás persoas socias traballadoras ou asalariadas que se incorporen á sociedade, acreditativos da súa situación ou do risco de exclusión social.

7. Memoria técnica do novo proxecto empresarial, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade. Esta memoria deberá axustarse ao modelo dispoñible na páxina web da consellería (http://emprego.ceei.xunta.gal), no seu punto de axudas e subvencións. No caso de lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade, deberán identificarse claramente estas áreas con respecto á actividade actual da entidade.

8. Orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable e cuantificado economicamente en todas as epígrafes.

9. Documentación que acredite a habilitación legal e a debida cualificación para a prestación do servizo, nos termos previstos no artigo 37.2 desta orde.

10. No caso de sociedades laborais, nota simple ou certificación de ter depositadas as contas correspondentes ao último exercicio, emitida polo Rexistro Mercantil correspondente.

Artigo 40. Criterios de avaliación das solicitudes

A concesión das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

1. Polo emprego previsto durante o primeiro ano de execución do proxecto empresarial:

a) Por cada persoa que se incorpore á cooperativa ou sociedade laboral como socia traballadora ou de traballo: 2 puntos con carácter xeral, 3 puntos se se trata dunha muller ou 4 puntos se se trata dunha persoa con discapacidade ou que se atope en situación ou risco de exclusión social, ata un máximo de 20 puntos.

b) Por cada persoa que se incorpore á cooperativa ou sociedade laboral como asalariada de xeito indefinido: 1 punto con carácter xeral, 2 puntos se se trata dunha muller ou 3 puntos se se trata dunha persoa con discapacidade ou que se atope en situación ou risco de exclusión social ata un máximo de 10 puntos.

2. Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección, sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres na entidade, ata un máximo de 2 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50 %.

3. Actividades desenvolvidas en sectores estratéxicos: 5 puntos no caso de que o proxecto empresarial para o cal se solicita a subvención estea comprendido nalgún dos sectores seguintes: os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia), economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización) e economía azul (crecemento sustentable nos sectores mariño e marítimo).

4. Desenvolvemento de proxectos de I+D+i: 5 puntos no caso de que o proxecto empresarial para o cal se solicita a subvención garde relación directa con proxectos de I+D+i.

5. Contribución á mellora ambiental: 5 puntos cando a memoria técnica e económica ou plan de empresa prevexa e avalíe especificamente a contribución da cooperativa ou sociedade laboral á mellora ambiental dun xeito relevante.

Artigo 41. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 15 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Copia das facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como dos xustificantes bancarios de pagamento. Nos xustificantes bancarios deberán quedar claramente identificadas as persoas ou entidades receptoras e as emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias da axuda), así como o concepto destes.

2. Copia dos estudos, proxectos, auditorías, informes, estatutos ou regulamentos de réxime interior para os cales se solicitou a subvención.

3. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo VIII.

4. Breve documento explicativo do procedemento e da denominación desagregada (contas e subcontas, códigos...) empregados para manter os gastos financiados de forma separada na contabilidade.

Artigo 42. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Ademais das obrigas recollidas con carácter xeral no artigo 17 desta orde, as entidades beneficiarias deberán manter polo menos durante un período de dous anos, contados desde a data de resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a súa actividade empresarial.

2. No caso de incumprimento do previsto no punto anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 19 desta orde.

Capítulo VI
Programa IV: intercooperación e integración empresarial

Artigo 43. Finalidade

Por medio deste programa impúlsanse as actividades de intercooperación, realizadas de forma conxunta por entidades de economía social, especialmente os procesos de integración empresarial co fin de acadar a dimensión necesaria para mellorar a competitividade, capturar maior valor engadido e satisfacer adecuadamente as necesidades das persoas que forman a cooperativa ou sociedade laboral.

Promóvese, así mesmo, o lanzamento de proxectos de colaboración empresarial para a consecución de obxectivos comúns relacionados coa investigación, desenvolvemento e innovación, coa loxística, comercialización e internacionalización, e subvenciónanse parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.

Artigo 44. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención da subvención

1. Poderán resultar beneficiarias as cooperativas ou sociedades laborais que participen en proxectos de integración ou colaboración empresarial e que se agrupen para realizar conxuntamente a súa solicitude de axuda.

No caso de proxectos de integración empresarial requirirase un mínimo de dúas entidades participantes.

No caso doutros proxectos de colaboración, requírese un mínimo de tres entidades das que, como mínimo, dúas deben ser cooperativas ou sociedades laborais. Terán unicamente estas acceso á subvención.

Todas as entidades perceptoras da axuda quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.

2. Igualmente poderán ser beneficiarias deste programa as cooperativas de segundo grao e as entidades que resulten dun proceso de fusión realizado no período de execución desta orde.

3. Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude das previstas neste programa. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude rexistrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren a entidade ou entidades incumpridoras.

4. Serán subvencionables as actividades seguintes:

a) Configuración de proxectos de integración.

b) Actividades de investigación, desenvolvemento e innovación.

c) Comercialización e internacionalización.

Artigo 45. Contía das axudas

1. A contía das axudas previstas neste programa non poderá superar o 75 % dos gastos seguintes:

a) Para a configuración de proxectos de integración:

1) Contratación de asistencia externa para a elaboración dos estudos e informes precisos para o impulso dos proxectos de integración; en especial estudos de viabilidade, auditorías e proxectos técnicos, ata un máximo de 15.000 €.

2) Contratación de asistencia externa para a xestión e dinamización dos equipos de traballo conxuntos, ata un máximo de 1.500 €.

b) Para as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación:

1) Contratación de asistencia externa para a elaboración de proxectos e estudos de viabilidade en materia de I+D+i, ata un máximo de 15.000 €.

2) Contratación de asistencia externa para a xestión e dinamización dos equipos de traballo conxuntos, ata un máximo de 1.500 €.

c) Para as actividades de comercialización e internacionalización:

1) Elaboración de proxectos de loxística, distribución conxunta de produtos, oferta integrada de servizos, tendas cooperativas, puntos de atención e outras fórmulas de venda e atención directa ao/á consumidor/a e usuario/a, cos seguintes conceptos e límites:

a. Contratación de asistencia externa para a elaboración de proxectos técnicos e estudos de viabilidade, ata un máximo de 15.000 €.

b. Asistencia técnica para a xestión de tramitación de certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes conxuntas, ata un máximo de 5.000 €.

2) Deseño e creación de instrumentos de comercio electrónico a través da internet, excluídos os gastos de mantemento, ata 10.000 €.

3) Deseño, tradución e produción de materiais promocionais, tales como catálogos de produtos e servizos, materiais audiovisuais, folletos e similares, para a súa comercialización conxunta (excluída a impresión de materiais ou produción de copias), ata un máximo de 5.000 €.

4) Misións comerciais e presenza en feiras, mostras e congresos, cos seguintes límites:

a. Gastos de viaxe á cidade de celebración do evento, así como o aloxamento, incluído o almorzo, para unha persoa de cada entidade participante máis unha persoa do organismo intermedio: 75 € por noite (cun máximo de 5 noites por evento) e 300 € de gastos de viaxe por persoa, cun máximo de 2.500 €.

b. Gastos de alugamento e loxística de salas e outros espazos necesarios para a realización das accións, casetas, mobiliario e servizos inherentes, asistencia técnica para a organización de eventos e intérpretes, máximo 15.000 €.

c. Gastos de asistencia externa en destino para a detección de oportunidades, a realización de axendas e/ou seguimento de contactos iniciais, ata 5.000 €.

2. Quedan excluídos os custos de mailing, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos, así como os de compra de espazos publicitarios. Tampouco se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos.

3. A contía máxima que poderá ser concedida con cargo a este programa será de 5.000 € por cada cooperativa ou sociedade laboral participante, agás no caso de integración empresarial que se eleva a 10.000 € por entidade, cun límite máximo global de 30.000 € por solicitude.

Artigo 46. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar as subvencións deste programa, de acordo co previsto no artigo 8 desta orde, é a seguinte:

1. Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade ou entidades beneficiarias, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde).

3. Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

4. Alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade ou entidades beneficiarias, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 10.1 desta orde), ou, se é o caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

5. Declaración complementaria de cada unha das cooperativas ou sociedades laborais participantes (agás a que actúe como representante) do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo VIII.

6. Orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable e cuantificado economicamente en todas as epígrafes.

7. Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 euros (IVE excluído), deberá presentar así mesmo tres ofertas de diferentes provedores, previas á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención. Deberá indicarse cal é a oferta elixida e xustificarse expresamente cando non sexa a proposta económica máis vantaxosa.

8. Memoria das actividades para as cales se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as ou os destinatarios e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes.

9. Documento que acredite o acordo de colaboración das entidades agrupadas, de designación da que os representa e de petición da subvención, así como a delegación na entidade que actúe como representante de todas elas.

10. Declaración de aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, asinada por todos os beneficiarios.

11. Declaración de cada unha das entidades solidarias ao respecto do número de persoas socias traballadoras e asalariadas, desagregado por sexo, de acordo co modelo do anexo XIV.

12. No caso de sociedades laborais, nota simple ou certificación de ter depositadas as contas correspondentes ao último exercicio, emitida polo Rexistro Mercantil correspondente.

Artigo 47. Criterios de avaliación das solicitudes

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

1. Pola tipoloxía de proxecto: 10 puntos cando se trate de procesos de integración empresarial, a través da fusión de entidades ou a constitución dunha cooperativa de segundo grao e 5 puntos cando se trate doutros procesos de colaboración.

2. Polas entidades participantes: 1 punto por cada unha das entidades participantes no proxecto para o cal se solicita a axuda ou 3 puntos por cada unha que sexa unha cooperativa xuvenil.

3. Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección, sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres na entidade, ata un máximo de 2 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50 %. Para tales efectos, dividirase a suma da puntuación obtida por cada entidade participante entre o número total delas.

4. Incidencia no contorno xeográfico en que se desenvolva a actuación: 2 puntos por cada unha das entidades participantes que teña o seu domicilio social nun concello rural.

5. Ata 10 puntos polo carácter innovador do proxecto común.

Artigo 48. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 15 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención deste programa, a entidade beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Memoria resumo da execución da actividade subvencionada, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade, asinada pola persoa que exerza a representación da beneficiaria.

2. Certificación detallada dos gastos realizados e do cumprimento dos fins obxecto da subvención.

3. Copia das facturas ou doutros documentos xustificativos do gasto, así como dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación de documentos xustificativos do anexo XV. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

4. Copia dos estudos, proxectos, auditorías, informes, catálogos ou outros documentos obxecto da subvención ou xerados na execución do proxecto subvencionado.

5. Copia dos acordos de integración, fusión ou colaboración empresarial resultantes do proceso, agás no caso de que os informes de viabilidade sexan negativos.

6. No caso de intercooperación para a realización de actividades de I+D+i: proposta do proxecto presentado ou que se pretenda presentar a algunha convocatoria pública.

7. Declaración complementaria de cada unha das entidades beneficiarias, do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo VIII.

8. Breve documento explicativo do procedemento e da denominación desagregada (contas e subcontas, códigos...) empregados para manter os gastos financiados de forma separada na contabilidade.

Artigo 49. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Ademais das obrigas recollidas con carácter xeral no artigo 17 desta orde, as entidades beneficiarias deberán manter polo menos durante un período de dous anos, contados desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a súa actividade empresarial.

2. No caso de incumprimento do previsto no punto anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 19 desta orde.

Capítulo VIII
Convocatoria de subvencións para o ano 2017

Artigo 50. Convocatoria

Convócanse para o ano 2017 as subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-economía social) reguladas polas bases contidas nesta orde.

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 51. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 52. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 28 de agosto de 2016 ata o 16 de novembro de 2017.

Considerarase gasto subvencionable o efectivamente pagado no dito período.

Artigo 53. Xustificación das accións subvencionadas

As persoas ou entidades beneficiarias das subvencións deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo do anexo VII, X, XII ou XV, en función do programa de que se trate.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 16 de novembro de 2017.

Artigo 54. Financiamento e normativa reguladora

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 2.548.828 € e a distribución inicial de créditos por programas é a que se indica, de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Programa I: 1.458.828 € (09.40.324C.470.0).

Programa II: 900.000 € (09.40.324C.470.0).

Programa III: 70.000 € (09.40.324C.470.0).

Programa IV: 120.000 € (09.40.324C.472.2).

Artigo 55. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa da Consellería de Economía, Emprego e Industria nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respecto dos programas I e II.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria a favor da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respecto dos programas III e IV.

Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Remanentes de crédito

Se unha vez adxudicadas as subvencións resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición adicional terceira. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file