Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2017 Páx. 7683

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 16/2017, do 2 de febreiro, polo que se crea o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense por segregación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución Española, a Lei 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais e profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse por Decreto 337/1996, do 13 de setembro.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia regula no artigo 15.2 a modificación do ámbito territorial dos colexios profesionais por segregación dun colexio preexistente, de conformidade co disposto nos seus estatutos, e que será aprobada por decreto da Xunta de Galicia.

O acordo de segregación foi aprobado pola Asemblea Xeral Extraordinaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense con data 30 de xuño de 2016, previa solicitude da Delegación do Colexio de Ourense.

Previa tramitación do procedemento correspondente, e considerando que se cumpren os requisitos de legalidade establecidos na normativa, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dous de febreiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Créase o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense, por segregación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense, con personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Ámbito territorial e persoal

O ámbito de actuación do Colexio é o territorio da provincia de Ourense, e agrupa aos profesionais actualmente colexiados que teñan domicilio único ou principal na provincia de Ourense, e aos que no futuro sexan admitidos por reunir os requisitos de colexiación vixentes.

Disposición transitoria única. Asemblea constituínte

A Delegación de Ourense do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto, deberá convocar unha asemblea xeral extraordinaria que terá o carácter de asemblea constituínte do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense, á que deberán convocar a todos os colexiados con domicilio na provincia de Ourense, que deberá elaborar e aprobar os estatutos de Colexio e elixir os membros dos seus órganos de goberno.

Os estatutos aprobados, remitiranse á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de febreiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza