Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2017 Páx. 8462

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2017 pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2017.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no Plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non basta con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os ditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias.

Desta forma o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria seleccionando aquelas áreas de risco que se consideren de actuación prioritaria para combater a fraude fiscal, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.

Esta misión de aplicación efectiva do sistema tributario para que se dea cumprimento aos principios constitucionais non se limita ás actuacións de loita contra a fraude ou control do cumprimento tributario, senón que debe incluír as actuacións de información e asistencia ao contribuínte, co obxecto de facilitar ao máximo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j) que lle corresponde á Dirección da Axencia aprobar o plan de control tributario anual e á propia Axencia as funcións aplicativas dos tributos.

En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, publícanse os criterios e as liñas de actuación que informan cada unha das áreas de control tributario.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2017

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2017 que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difundir as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2017

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017

María Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO
Directrices do Plan xeral de control tributario de 2017

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2017 está composto polas directrices xerais, nas cales se definen as principais áreas de risco, así como as liñas xerais de actuación que corresponden, e os plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme o disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado, e fíxanse en cada un deles as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos para alcanzar por cada unha das citadas áreas.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase distinguindo entre actuacións de control preventivo, actuacións de control posterior e actuacións de xestión recadatoria.

Nas primeiras incluiranse, fundamentalmente, as actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social. Nas segundas, máximo expoñente da loita contra a fraude fiscal, distínguese o control extensivo ou de carácter masivo, perseguindo someter a control a totalidade das declaracións presentadas e o control intensivo (selectivo) e investigación, dirixidas ao descubrimento e regularización das formas máis graves e complexas de fraude fiscal e economía somerxida que xeran competencia desleal e prexudican empresas e particulares que si cumpren correctamente coas súas obrigas tributarias e, por último, as actuacións de xestión recadatoria que perseguen o cobramento efectivo de todas as débedas tributarias pendentes de ingreso.

No exercicio das actuacións anteriores, terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de maneira máis eficaz e eficiente. Neste sentido seguirase traballando en aumentar as fontes de información, tanto na mellora das xa existentes como na procura de novas fontes, e en especial a información dispoñible na internet e redes sociais que poida ter relevancia tributaria.

Así mesmo, durante 2017, para detectar as distintas áreas de risco fiscal, seguirase integrando toda a información dispoñible de maneira que esta quede unificada baixo parámetros comúns que permitan a súa rápida consulta, creando unidades transversais ás distintas áreas da Atriga coa finalidade de evitar duplicidades nos obxectos parciais de control sobre un mesmo suxeito, unidades que se farán cargo das actuacións que pola súa amplitude, complexidade ou importancia cuantitativa requiran dunha dirección única, logrando así que as actuacións comprobadoras e investigadoras poidan ser o máis completas posibles, o que redundará na eficacia da Administración e na seguridade xurídica do contribuínte.

O presente plan anual de control tributario dá cabida ás actuacións específicas e de carácter reservado que están desenvolvendo as áreas de Xestión e Inspección no marco do Plan especial de loita contra a fraude que ten por obxectivo lograr un incremento dos ingresos tributarios nunha contía de 20 millóns de euros.

Por tanto, con este plan dáse cumprimento á obriga legal de establecer unha planificación anual das actuacións de control que deben levar a cabo as administracións tributarias, reforzando as actuacións para perseguir as diferentes formas de fraude, evasión e elusión fiscal practicadas polas grandes empresas e os grandes patrimonios e, así mesmo, compleméntase co plan especial que se está desenvolvendo no marco das actuacións de reforzamento dos ingresos públicos autonómicos, que, en definitiva, contribúen ao financiamento dos servizos públicos fundamentais prestados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

1. Control preventivo.

1.1. Información e asistencia aos obrigados tributarios.

As actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios son as reflectidas na sección 2ª do capítulo I do título III da Lei xeral tributaria, como obriga da Administración tributaria tendente a fomentar o cumprimento adecuado das obrigas fiscais e a evitar a fraude fiscal. Dentro desta categoría inclúense aquelas actuacións de control dirixidas a detectar e evitar a realización de actuacións fraudulentas antes da súa comisión. Estas actuacións están encomendadas á Área de Colaboración Social, Información e Asistencia, a cal continuará mellorando tanto a información existente na súa páxina web como os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual, e dotaraa con novas funcionalidades. En especial, seguirase aumentando a colaboración social coas administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, sobre todo con aqueles sectores que asesoren ou intermedien nas operacións das cales poidan derivar obrigas tributarias, e asinaranse, se é o caso, os correspondentes convenios de colaboración. Neste último aspecto, profundarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia.

Co obxecto de fomentar o cumprimento espontáneo das obrigas fiscais mediante a redución dos custos indirectos no cumprimento das obrigas fiscais e de contribuír á seguridade xurídica, profundarase nas seguintes actuacións vinculantes para a Administración:

1.1.1. Publicación dos valores de referencia de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.1.2. Emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos. Posta en marcha dun novo portal web co obxectivo de dar mellor servizo aos cidadáns, para que dispoñan dun espazo personalizado para o seguimento dos seus expedientes, homoxeneizando os servizos que se prestan e estandarizando a información.

1.1.3. Adaptación dos modelos de declaración aos últimos cambios normativos de modo que permitan un maior detalle no tratamento da información que conteñen, ampliando a efectividade dos intercambios de información e o manexo das diversas fontes de datos.

1.1.4. Revisión dos modelos normalizados, para facilitar o exercicio, por parte dos obrigados tributarios, dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, simplificando e reducindo as obrigas de carácter formal.

1.1.5. Realización de programas de comunicación que fomenten a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns.

1.2. Colaboración e intercambio de información.

Neste ámbito, ademais de consolidar e mellorar a colaboración e intercambio de información xa implantada en períodos previos, intensificaranse os labores de captación de información destinados á obtención dos datos tributarios necesarios para a toma de decisións sobre a realización de actuacións de control.

Como en anos precedentes, a colaboración e intercambio de información levaranse a cabo, principalmente, cos seguintes organismos:

1.2.1. Agencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT):

A) Planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais do Plan anual de control tributario e alfandegueiro de 2017 da AEAT, na súa epígrafe III, «Colaboración entre a Axencia Tributaria e as administracións tributarias das comunidades autónomas», para o adecuado control dos tributos cedidos, xa sexan xestionados pola AEAT o polas CC.AA. por delegación do Estado.

B) Reforzamento dos intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia cumprindo o establecido no artigo 61 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias. O obxectivo é fornecer periodicamente a información con transcendencia tributaria, mediante cruzamentos de información entre as bases de datos das distintas administracións tributarias, para que a información que agora se fornece de forma individual poida ser tratada de forma masiva, co fin de detectar de forma máis áxil e eficiente os riscos fiscais. Isto redundaría nun mellor control da fraude fiscal e, paralelamente, nunha diminución do custo administrativo de aplicación dos tributos.

No mesmo sentido propoñerase que a nova información de que dispón a AEAT derivada das novas obrigas de información, así como os novos convenios de colaboración e intercambio de información subscritos con outros Estados, que poña de manifesto titularidade dun patrimonio, se incorporen da forma máis áxil posible á información que xa se intercambia na actualidade.

Todo iso con independencia de que a dita información conste en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a AEAT como a Axencia Tributaria de Galicia, ao abeiro do disposto na cláusula novena do Acordo do 9 de abril de 2013 do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria, no cal se establecen as condicións xerais para o intercambio de información, se comprometen a levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para solicitar deles a información acordada.

C) Intercambio de información sobre os datos censuais máis relevantes dos obrigados tributarios a través do censo único compartido, en especial os relativos ao domicilio fiscal e ás súas modificacións para a detección de posibles deslocalizacións, co propósito de lograr unha menor tributación.

D) Transmisión periódica á AEAT da información contida en declaracións tributarias correspondentes a tributos cedidos, e sobre os valores reais de transmisión de bens e dereitos comprobados no curso de procedementos de control. Esta información pode pór de manifesto a existencia doutros posibles feitos impoñibles, especialmente, no imposto sobre a renda das persoas físicas e no imposto sobre sociedades. Neste sentido, potenciarase a remisión de información sobre a constitución de rendas vitalicias, operacións de disolución de sociedades e de redución do capital social con atribución de bens ou dereitos da sociedade aos seus socios, préstamos entre particulares, información sobre operacións de xogo e pagamentos orzamentarios.

E) Subministración de información á AEAT para o control das deducións establecidas pola Comunidade Autónoma no IRPF, así como dos datos de familias numerosas e de graos de discapacidade recoñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, para a tramitación dos pagamentos anticipados das deducións para iso previstas no artigo 81 bis da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, modificada pola Lei 26/2014, do 27 de novembro.

F) Colaboración para a verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do IRPF aprobadas pola Comunidade Autónoma, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal, mediante a confección de rexistros de suxeitos beneficiarios dos citados beneficios fiscais.

G) Envío de dilixencias de colaboración a outras administracións, especialmente nas actuacións de control da fraude neste ámbito de colaboración, mediante a posta en coñecemento dos feitos ou circunstancias con transcendencia tributaria para outras administracións tributarias, que se poñan de manifesto no curso da tramitación de actuacións ou procedementos de inspección.

H) Intercambio de información nos casos en que, como resultado dun procedemento de comprobación, se determine a improcedencia do tributo cuxa xestión lle corresponde e conseguintemente a procedencia doutro xestionado por outra Administración tributaria.

I) Intercambio de información en relación co cumprimento da condición de vivenda habitual, cando no curso dun procedemento se detecte o incumprimento desa condición co fin de controlar a aplicación de beneficios fiscais ou tipos reducidos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou a dedución prevista para esta materia no IRPF.

1.2.2. Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial: para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia. Neste ámbito, o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Ilustre Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, asinado o 22 de decembro de 2010, seguirá ofrecendo a información necesaria para a verificación das operacións realizadas e a súa tributación. Neste sentido seguirase profundando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as dúas fontes de información e permitan, dunha maneira automatizada, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mediante unha selección adecuada de contribuíntes, mellorando desta forma a eficiencia na acción comprobadora.

1.2.3. Dirección Xeral de Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compravenda de vehículos usados. Neste ámbito, o convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Axencia Tributaria de Galicia en materia de intercambio e cesión mutua de información para os efectos tributarios permite un mellor exercicio das súas respectivas competencias.

1.2.4. Dirección Xeral do Catastro: a información contida no Catastro inmobiliario resulta de grande importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial, xa que a través deste se poden detectar bens non declarados ou que determinan a obriga de declarar no imposto sobre o patrimonio e no imposto sobre sucesións, así como verificar os cambios de titularidade que poden dar lugar a feitos impoñibles no imposto sobre doazóns ou no ITP-AXD. Ademais, fomentarase a coordinación co Catastro para a determinación dos elementos dos bens inmobles que inflúen na determinación do seu valor real, sobre todo naqueles tributos que toman esta contía como base impoñible.

1.2.5. Administracións tributarias de tributos locais: reviste grande importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. É patente a conexión entre determinados tributos que xestionan ambas as dúas administracións e a utilidade de compartir a información de que dispoñen. A Axencia Tributaria de Galicia continuará durante 2017 fomentando este intercambio de información mutuo.

1.2.6. A propia Administración pública galega e outras administracións públicas, en especial o Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios: relación de falecidos, vendas de bens, outorgamento de concesións, autorizacións, declaracións responsables, comunicacións e operacións reguladas ou autorizadas por eses organismos con transcendencia tributaria, datos ambientais, etc.

2. Control posterior.

2.1. Control extensivo e intensivo.

As actuacións de control extensivo son aquelas desenvolvidas polos órganos das áreas de xestión tributaria e de información e asistencia, aos cales corresponde o exercicio das funcións atribuídas á xestión tributaria no artigo 117 da Lei xeral tributaria. En desenvolvemento destas funcións efectuaranse controis baseados en procesos (físicos ou informáticos) que se refiren a todas as declaracións presentadas, aínda que tamén a actuacións individualizadas, dirixidas a resolver discrepancias, incoherencias ou situacións en que existen indicios de incumprimentos significativos.

As actuacións de control intensivo (selectivo) e investigación comprenden todas as realizadas pola Área de Inspección Tributaria no exercicio das funcións atribuídas á inspección tributaria no artigo 141 da Lei xeral tributaria. En particular, inclúense actuacións de comprobación e investigación, co obxecto de detectar e regularizar os incumprimentos tributarios que revisten maior dificultade, de obtención de información, de comprobación de valores, de comprobación de beneficios e incentivos fiscais e devolucións, de comprobación limitada, de informe, análise e traslado de información e de colaboración con outras áreas da Axencia e con outras administracións.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non fornecidas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

Como se sinalou, estas actuacións de control realizaranse a través dos procedementos de aplicación dos tributos desenvolvidos na Lei xeral tributaria, utilizando aquel que corresponda en función da normativa aplicable e das circunstancias do caso concreto, o que determinará a súa asignación a cada unha das áreas nas cales se estrutura a Axencia.

Nestes procedementos cobra especial importancia pola súa implicación nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados o procedemento de comprobación de valores. No devandito procedemento, sen prexuízo de utilizar aqueles medios de comprobación que máis se adapten ás características do ben que se vai valorar dentro dos medios establecidos no artigo 57 da Lei xeral tributaria, a Axencia Tributaria de Galicia dará prioridade a aqueles medios que outorguen á contribuínte seguridade xurídica, a través do seu coñecemento previo e a súa facilidade de comprensión.

Así para os bens urbanos optarase preferentemente pola valoración a través de coeficientes sobre o valor catastral, valor que xa coñece o contribuínte e que recolle as características singulares de devandito ben, sendo o coeficiente a adaptación do devandito valor ao mercado.

En canto ao ditame pericial, reforzarase tanto o contido da base de datos que os técnicos utilizan para a elaboración do informe, acudindo ao maior número de fontes de información posible, como os sistemas informáticos postos á disposición do perito para estruturar a devandita información e lograr unha procura rápida e fiable daqueles datos que se necesiten en cada caso concreto en función das características do ben para valorar. Así mesmo, aumentarase a información que se vai mostrar ao contribuínte para dotalo de maior seguridade xurídica.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario establecéronse, por unha banda, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que hai que empregar.

2.1.1. Xerais.

2.1.1.1. Comprobación das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial aos fornecidos polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizase en documento notarial, ou ben aos fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.1.2. Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

2.1.1.3. Comprobación das declaracións informativas e das declaracións censuais presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, ou ben os fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.1.4. Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

2.1.1.5. Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa fornecida no exercicio do deber de información ou colaboración.

2.1.2. Preferentes.

2.1.2.1. Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente nos diversos rexistros de bens inmobles e bens mobles de importante valor.

2.1.2.2. Constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen outorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución do uso privativo ou aproveitamento especial do dominio ou uso público.

2.1.2.3. Constitución de arrendamentos de predios urbanos ou dereitos reais de garantía.

2.1.2.4. Adxudicacións en poxas públicas.

2.1.2.5. Comprobacións que deriven de situacións patrimoniais inconsistentes co contido das declaracións tributarias presentadas polo contribuínte. Para estes efectos, resulta esencial a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e a AEAT na selección de contribuíntes, tendo en conta que os datos obtidos pola AEAT das actuacións de comprobación e investigación dos impostos estatais, en especial o IRPF, e a través da Declaración informativa sobre bens e dereitos situados no estranxeiro (modelo 720), a través da Declaración tributaria especial (modelo 750) e a través dos convenios de intercambio de información asinados con outros Estados, poden implicar consecuencias, sobre todo no imposto sobre o patrimonio e a súa relación co imposto sobre sucesións e doazóns.

2.1.2.6. En relación coa tributación sobre o xogo, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, fundamentalmente a subministrada polos órganos competentes en materia de xogo, así como a procedente dos obrigados a fornecer información, co obxecto de verificar e comprobar tanto os datos e as bases impoñibles declaradas polos suxeitos pasivos de máquinas, bingo, apostas, rifas, tómbolas e combinacións aleatorias e casinos, como no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados e á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais.

2.1.2.7. En relación cos tributos propios ambientais e as taxas e prezos, analizarase a información da que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario como, por exemplo, a subministrada polos órganos competentes en materia de ambiente, industria, enerxía e augas ou polos órganos xestores de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais.

2.1.2.8. En relación coas taxas e prezos, estreitar a colaboración cos seus órganos xestores en relación cos procedementos de control que se van desenvolver, así como estudar a posibilidade de asumir procedementos de xestión en determinados casos.

2.1.2.9. Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial:

2.1.2.9.1. As reducións na base impoñible ou deducións na cota referidas a empresas e vivenda, ou para fomentar a constitución ou adquisición de empresas ou negocios profesionais, tanto das condicións para cumprir no momento da devindicación como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma.

2.1.2.9.2. Os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas e actos xurídicos asociados.

2.1.2.9.3. A transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

2.1.2.9.4 Os tipos bonificados noutros tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia.

2.1.2.10. Verificación da presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

2.1.2.11. Verificación das operacións en relación coa división da cousa común e extinción do condominio, as operacións de endebedamento e garantía e as súas alteracións, e as de recoñecemento de débeda.

2.1.2.12. Comprobación dos domicilios declarados e as súas modificacións para corrixir deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia.

2.1.2.13. Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial:

2.1.2.13.1. A adecuación da masa coa información contida nos rexistros administrativos e fiscais.

2.1.2.13.2. A comprobación de actos anteriores do causante.

2.1.2.13.3. A adición de bens nos supostos establecidos na norma.

2.1.2.13.4. Comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas e créditos con persoas ou entidades coas cales exista algún tipo de vinculación.

2.1.2.14. Colaboración coa AEAT para o control das declaracións dos premios procedentes do xogo.

2.1.2.15. Comprobación da correcta aplicación da bonificación autonómica no imposto sobre o patrimonio.

2.1.2.16. Verificación dos ingresos que se produzan sen presentación da correspondente autoliquidación e, se é o caso, inicio dos procedementos sancionadores oportunos.

2.1.3. Grandes empresas e patrimonios.

2.1.3.1. Investigación dos obrigados tributarios que, pola contía do patrimonio persoal ou das súas rendas, teñan obriga de presentar imposto sobre o patrimonio ou poidan concorrer doazóns non declaradas.

2.1.3.2. Verificación dos requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, relativo á exención dos bens e dereitos das persoas físicas necesarios para o desenvolvemento da súa actividade empresarial ou profesional e das participacións en entidades.

2.1.3.3. Verificación dos requisitos previstos nos artigos 7.4 e 8.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, relativos á redución no imposto sobre sucesións e doazóns pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades.

2.1.3.4. Estudo e comprobación das estruturas empresariais constituídas coa finalidade de poder acceder ao gozo indebido de beneficios fiscais.

2.1.3.5. Comprobación das transmisións ás cales se pode aplicar indebidamente a exención regulada no artigo 314 do texto refundido da Lei do mercado de valores aprobado polo Real decreto lexislativo 4/2015, do 23 de outubro.

2.1.3.6. Verificación das operacións inmobiliarias realizadas por empresarios para os efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial a verificación do cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, prevista no artigo 20.2 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do imposto de actos xurídicos documentados.

3. Control en fase recadatoria.

Por último, as actuacións de xestión recadatoria, referidas tanto ás débedas de tributos cedidos e propios, como aos demais ingresos de dereito público e para todos os obrigados ao pagamento.

Como sinala o artigo 2 da Lei xeral tributaria, o fin primordial dos tributos é obter os ingresos necesarios para o sostemento dos gastos públicos, de tal forma que de nada valen os procedementos comprobadores se non se converten en ingresos para as administracións. Así, faise necesaria unha actuación conxunta dos órganos de recadación cos órganos con competencia comprobadora, e demais órganos ou entes da Comunidade Autónoma que desempeñen funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público, así como con outras administracións, en especial a AEAT, para determinar, con carácter previo, a situación patrimonial dos suxeitos obxecto de comprobación, e dos cales pode resultar unha cantidade para ingresar, mellorando así os niveis de eficiencia e anticipándose á situación futura do procedemento recadador co fin de adoptar, se é o caso, posibles medidas cautelares.

As principais liñas de actuación ou medidas de control que coadxuven a este obxectivo final de conseguir o pagamento íntegro das contías debidas á Xunta de Galicia e que se van desenvolver son as seguintes:

3.1. Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando a correcta transferencia dos fondos, así como o envío dos ficheiros de información nos prazos establecidos e a correcta validación dos documentos cobratorios presentados polos obrigados tributarios.

3.2. Realizar as actuacións necesarias para incrementar o número das entidades colaboradoras na recadación que se incorporen ao pagamento telemático das débedas.

3.3. Mellorar a xestión recadatoria de cobramento de débedas da Xunta por parte da AEAT, a través da negociación e subscrición dunha addenda no marco do convenio de recadación xa vixente entre ambas as dúas administracións, que se concreta na posibilidade de actuacións conxuntas, concesión de competencias á AEAT para abarcar todo o procedemento de constrinximento, incluíndo derivación de responsabilidades ou sucesión de débedas, e maior uso dos procesos telemáticos nas comunicacións, todo iso co fin de mellorar a tramitación dos expedientes xestionados.

3.4. Control e seguimento dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

3.5. Control do sistema de compensación de débedas e créditos.

3.6. Control e seguimento das débedas pendentes de pagamento nos supostos de sucesores de persoas físicas, xurídicas e entidades sen personalidade.

3.7. Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público, atendendo especialmente ás operacións de baleiramento patrimonial.

3.8. Control e seguimento dos expedientes de adiamentos e fraccionamentos de pagamento, das suspensións das garantías das débedas que estean en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de constrinximento e embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para conseguir dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

3.9. Revisión completa dos expedientes de insolvencia e falidos, co fin de extremar a procura de bens do debedor realizables que revelen como inexacta esa situación inicialmente prevista como insolvencia.

3.10. Actuacións en colaboración con xuíces e administradores concursais co obxectivo de conseguir a máxima operatividade no pagamento das débedas que teñan este carácter, con independencia de que o proceso culmine en aprobación do convenio ou o proceso entre en fase de liquidación.

3.11. Coordinación cos órganos competentes para a realización de pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto da posibilidade de practicar embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia.

3.12. Realización das actuacións necesarias que posibiliten a colaboración nos procedementos de alleamento forzoso de bens inmobles embargados noutras comunidades autónomas e no embargo de pagamentos orzamentarios efectuados por outras comunidades autónomas.

3.13. Especial atención ás actuacións que viran arredor das poxas, como último paso da recadación en período executivo –tales como valoracións, comunicacións, publicidade– que permitan unha maior realización e adxudicación de bens obxecto destas, nunhas circunstancias de mercado que resultan mellores que en anos anteriores.

3.14. Control das renuncias ás herdanzas realizadas polos obrigados tributarios que sexan debedores da Comunidade Autónoma de Galicia, por se puidesen prexudicar os intereses de cobramento desta e co fin de iniciar, neste caso, as actuacións procesuais necesarias na vía civil ou penal.

3.15. Comprobación da existencia de avais así como doutro tipo de garantías que poidan estar constituídas dentro de calquera procedemento que garantan o cobramento das débedas que non fosen ingresadas no prazo legal, para a súa correspondente execución, co fin de lograr a máxima satisfacción posible das débedas garantidas.