Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2017 Páx. 8496

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 27 de xaneiro de 2017 pola que se convoca unha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo.

BDNS (identif.): 332820.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 27 de xaneiro de 2017 pola que se convoca unha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións.

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

– Acreditar ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2012 e algunha das seguintes titulacións universitarias: licenciatura/grao en Dereito.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola.

Segundo. Obxecto

Bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo.

A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Resolución do 27 de xaneiro de 2017 pola que se convoca unha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo no sector público.

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

O importe de cada bolsa será de 1.100 euros brutos mensuais (13.200 euros anuais). O pagamento efectuarase tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación da bolsa.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexta. Outros datos

As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo I a esta convocatoria e deberán ir xunto coa seguinte documentación en orixinal ou copia:

1. Copia do DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

2. Título correspondente ou, na falta deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición. Só no caso de non autorizar a consulta.

3. Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas. Para facilitar a valoración do expediente académico débese incluír na certificación a nota media obtida.

4. Currículo do/da solicitante (de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II), con exposición dos méritos académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados.

5. Documentos que acrediten a formación en materias relacionadas co obxecto da bolsa alegados polo interesado no seu currículo.

6. Memoria que versará sobre a reforma administrativa da Administración autonómica galega, cunha extensión máxima de 20 follas.

7. Acreditación do curso de perfeccionamento de galego ou Celga 4, no caso de denegar expresamente a súa verificación.