Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9357

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2017 pola que se publica o plan de formación para o primeiro semestre do ano 2017 para o persoal do Corpo Nacional de Policía con destino en Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos Corpos de Seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, publícase o plan de formación para o primeiro semestre deste ano para o persoal do Corpo Nacional de Policía.

A Agasp desenvolverá en colaboración directa coa Xefatura Superior de Policía de Galicia os seguintes cursos dirixidos ao seu persoal, cuxas bases se especifican no anexo I desta resolución.

Denominación

Núm. alumnos/as

Horas lectivas

Xornadas de actuación operativa en supostos de custodia persoal de persoas (2 edicións)

20

12

Xornadas de branqueo económico e localización de activos financeiros.

20

6

Xornadas sobre violencia de xénero (2 edicións)

20

14

Xornadas sobre o tratamento policial de menores.

DESA

16

8

Xornadas de rescate acuático. Kit de salvamento marítimo.

16

8

A Estrada, 15 de febreiro de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios

Persoal do Corpo Nacional de Policía destinado en Galicia en servizo activo.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de considerarse oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia que se desenvolva, reservándose expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Lugar e datas

Os cursos desenvolveranse nas instalacións da Agasp.

As datas de cada curso estableceranse cunha antelación de 20 días naturais antes da súa realización e comunicarase desde a zona a todas as unidades para o coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Terceira. Solicitudes e criterios xerais de selección

As solicitudes faranse directamente á Xefatura Superior de Policía de Galicia, órgano encargado tamén da selección do alumnado.

Os criterios de selección para cada acción formativa serán os indicados pola Xefatura Superior de Policía de Galicia, en caso de non haber especificidade ningunha atenderanse criterios de orde de inscrición e número de cursos realizados con anterioridade.

A Xefatura Superior de Policía de Galicia remitirá ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp a listaxe do alumnado participante en cada acción formativa, polo menos, 5 días hábiles antes do comezo de cada actividade, con todos os datos precisos para realizar a inscrición de xeito correcto.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas, que en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma, no caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia a un número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso senón tamén a penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

Sexta. Certificación

Para poder superar os cursos o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remataren, no caso de que os ditos cursos figuren con aproveitamento.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.