Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9352

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2017 pola que se convocan as II Xornadas de actuación técnica en intervención operativa para gardas rurais e as súas especialidades.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria das II Xornadas de actualización técnica e intervención operativa policial, organizadas en colaboración coa Comandancia da Garda Civil da provincia de Pontevedra, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: II Xornadas de actualización técnica e intervención operativa policial.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 23.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Impartir a formación demandada polo sector, unificando criterios de actuación, establecendo as canles de comunicación adecuadas e sinalando os novos documentos de identificación persoal, o uso de logos, uniformidade e vehículos.

Contido:

1. Dereitos, deberes e obrigacións dos gardas rurais. Control e procedemento sancionador. Xestión documental de altas e baixas. Novos documentos de identificación persoal.

2. Actualización do Código penal: conversión de faltas a delitos leves e infraccións administrativas. Protección dos axentes da autoridade. Nova Lei de seguridade cidadá.

3. O Servizo de Protección da Natureza en Pontevedra. Incendios. O furtivismo. Redacción acta-denuncia. Canles de comunicación co Seprona.

4. Normativa naútica en materia de titulacións deportivas. Licenzas de pesca deportivas. Canles de comunicación co servizo marítimo.

5. Mapa de servizos. Canles de comunicación co COC. Resultado das consultas co Seprose sobre o uso de uniformidade, logos e rotulación de vehículos e outros.

6. PP.AA.

7. Arco de intervención gradual-uso da forza. Técnicas de identificación e cacheo. Técnicas de percusión con obxectos contundentes.

8. Agresión corpo a corpo. Técnicas de control, redución e inmovilización.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatario/as:

Gardas rurais e as súas especialidades.

Prazas ofertadas:

50 prazas.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es). A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación terminará o día 28 de febreiro de 2017.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden atopar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñeranse instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

a) Por orde de inscrición.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 2 de marzo de 2017, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigacións das persoas seleccionadas.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obrigación de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberá comunicarse por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22. Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

Unha vez comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais e sempre xustificadamente. De exceder esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp.

Datas: 6, 7 e 8 de marzo de 2017.

Horario: os días 6 e 8 de marzo, das 9.00 ás 14.00 horas, e o 7 de marzo, das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas.

Vestiario: uniforme ao completo e material policial de uso habitual (grillóns, defensa, etc.).

Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 15 de febreiro de 2017

Luís Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública