Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9349

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2017 pola que se convoca unha xornada de traballo e convivencia para os xefes e mandos dos corpos de Policía local de Galicia.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2017 da Academia Galega de Seguridade Pública, aprobado polo Consello Reitor deste organismo con data do 15 de febreiro de 2017, e tendo en conta a importancia de continuar avanzando na necesaria coordinación e colaboración coas policías locais da nosa Comunidade Autónoma, convócase unha xornada de traballo e convivencia para xefes e mandos dos corpos das policías locais de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Facilitar un espazo adecuado para a realización dunha análise profunda da situación actual da Policía local de Galicia, reflexionar, buscar puntos en común, melloras necesarias, solucións aos problemas actuais, fomentando o intercambio de experiencias.

Segunda. Destinatarios

Esta xornada está dirixida exclusivamente a xefes e mandos da Policía local dos concellos galegos que se atopen en situación de servizo activo ou en excedencia por coidado de familiares.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Datas: 9 e 10 de marzo de 2017, en réxime de internado.

Horario: desde as 11.00 horas do día 9 de marzo ata as 14.00 horas do día 10 de marzo de 2017.

Número de prazas: ilimitado.

Vestiario: uniforme regulamentario.

Cuarta. Solicitudes de participación

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es). A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil, co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 3 de marzo de 2017.

Quinta. Admisión

O día 6 de marzo de 2017, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigacións das persoas seleccionadas:

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberá comunicarse por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22. Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

Unha vez comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais e sempre xustificadamente. De exceder esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

Sexta. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Sétima. Modificacións e incidencias

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 15 de febreiro de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública