A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 9.2.2017 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Mesía a favor do Concello de Mesía.
De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.
Por todo isto,
RESOLVO:
Publicar o Acordo do 9 de febreiro de 2017, da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Mesía, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.
Santiago de Compostela, 21 de febrero de 2017
Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
ANEXO
Acordo do 9 de febreiro de 2017, da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de Mesía.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terra, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Agader.
O Concello de Mesía solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.
O 19.7.2016 a presidenta de Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, do inmoble.
O 17.8.2016 a Subdirección de Mobilidade de Terras de Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.
O 29.8.2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O 19.9.2016 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.
O 26.12.2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.
O 28.12.2016 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O 29.12.2016 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O 11.7.2013 o Consello de Dirección de Agader delegou na persoa titular da Presidencia de Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).
Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e despois da proposta do director xeral de Agader,
DISPOÑO:
Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Mesía, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Mesía, que se describe a continuación:
Parcela 410 do polígono 4 da zona de concentración parcelaria de San Lourenzo de Olas, no concello de Mesía, cunha extensión superficial de corenta e catro áreas e cincuenta e oito centiáreas. Limita norte con río Samo, sur con camiño que a separa de Manuel Rodríguez Quindimil (411), leste con río Samo, e oeste con Dosinda Rodríguez Castro (409).
Na parcela localízanse unha zona de aparcamento, unha zona de xogos infantís e unha zona de bancos e mesas de pedra.
Referencia catastral: 15048C507004100000YM.
Titular catastral: Sociedade Anónima Xestora Bantegal figura como titular catastral.
Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Ordes, a nome de Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 763, libro 78, folio 62, número rexistral predio 12.854, inscrición 1.
Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:
1. O inmoble destinarase a espazo público de lecer.
2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos a persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.
3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.
Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.
A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.
Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:
a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.
b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.
c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.
d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.
4. A persoa cesionaria realizará pola súa conta a correspondente alta, baixa ou modificación no catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for do caso, inscrita no rexistro da propiedade.
Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, incluso o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.
5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando, polo tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.
Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno de Agader, ou funcionario en quen delegue, debendo constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.
Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.