Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2017 Páx. 12219

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas no Real decreto 197/2017 polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny.

Antecedentes

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 209, do 3 de novembro), declarouse a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e establecéronse as zonas demarcadas para esta praga e as medidas urxentes para a súa erradicación e control.

Posteriormente producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio da comunidade autónoma, as cales foron actualizadas mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 38, do 25 de febreiro), e mediante a Resolución do 2 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).

O día 14 de febreiro de 2017 publícase no DOG número 31 a Resolución de ampliación de medidas urxentes para a erradicación e control desta praga, na cal se establecían medidas de obrigado cumprimento tanto para operadores nos puntos de venda de pataca de semente como para produtores profesionais e de autoconsumo.

Con data do 4 de marzo de 2017 publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo), en diante real decreto, que establece unhas definicións e medidas que, debido ás características do cultivo da pataca en Galicia e o gran número de pequenas parcelas con destino fundamental ao autoconsumo, fai necesario publicar esta resolución para adaptar o recollido neste real decreto á nosa situación de cara a realizar o control das plantacións e os movementos de patacas dentro das zonas afectadas.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Con base nos puntos 3 e 5 do artigo 6 do real decreto, para a Comunidade Autónoma de Galicia establécense as seguintes zonas:

a) Zona infestada pola presenza da praga denominada Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny: a correspondente aos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova, na provincia de Lugo.

b) Zona tampón: os terreos comprendidos dentro dunha franxa de 5 quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas.

Ao establecer esta franxa, nos concellos das Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño o 95 % da súa superficie queda comprendida dentro da zona tampón, polo que se establece como tal a totalidade da superficie destes concellos.

Nestes terreos aplicaranse as medidas de vixilancia intensiva establecidas nos puntos 4, 5 e 6 do artigo 8 do real decreto.

2. Nas zonas infestadas levaranse a cabo as seguintes medidas:

En plantacións

a) Prohíbese o cultivo de patacas desde o día 5 de marzo de 2017 en todos os concellos establecidos como zona infestada durante un período mínimo de dous anos e ata que se declare oficialmente a erradicación da praga.

b) Todas as plantacións de pataca existentes nas zonas infestadas no momento da entrada en vigor do real decreto serán desenterradas e retiradas baixo control oficial no tempo máis curto posible e o seu destino será o da destrución segundo as indicacións do artigo 9.1.a) do real decreto.

c) Todas as patacas cultivadas en campañas anteriores, así como as ventureiras de pataca de anos anteriores, que aparezan durante o período de prohibición do cultivo, serán desenterradas e destruídas segundo o establecido no punto anterior.

d) Nas parcelas de cultivo de pataca da campaña anterior realizarase cando menos un tratamento fitosanitario con produtos autorizados no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Mapama.

e) O cultivo de pataca poderá ser permitido dentro de zonas infestadas exclusivamente con fins científicos e de ensaio para o control da praga. Estas parcelas serán previamente autorizadas e controladas polos servizos oficiais.

En almacéns de autoconsumo

a) Os almacéns de autoconsumo non poderán almacenar patacas orixinarias de zonas infestadas. As existencias de patacas, que queden nos almacéns particulares da campaña anterior, serán entregadas aos servizos oficiais para a súa destrución, para o cal os propietarios deberán comunicar as cantidades que teñen almacenadas, entregando o modelo incluído no anexo I. Do mesmo xeito se actuará coas patacas de semente mercadas para a campaña en curso e que non foron plantadas.

b) Os almacéns en que se gardaban as patacas de campañas anteriores, unha vez baleiros, serán desinfectados e desinsectados axeitadamente e instalaranse trampas con feromona sexual específica para a captura de Tecia.

c) Destruiranse os sacos e as caixas que estivesen en contacto coas patacas contaminadas ou na mesma estancia.

d) Instalaranse trampas de feromonas específicas para captura de Tecia.

3. Medidas de erradicación para todos os almacéns comerciais de pataca localizados dentro da zona infestada:

a) Deberán colocarse mallas tupidas cun mínimo de 6x6 fíos/cm2 en ocos e ventás para evitar a entrada da praga. Nas portas deberá establecerse un sistema para evitar a entrada de Tecia (dobres portas ou outro sistema eficaz).

b) Deberán desinfectarse nas instalacións o chan, as paredes e o teito empregando materias activas autorizadas.

c) Non se poderán almacenar nin comercializar patacas producidas dentro das zonas infestadas.

d) Deberá instalarse como mínimo unha trampa con feromona sexual específica para a captura de Tecia, en función do tamaño e distribución das instalacións.

e) Levarase un rexistro de todas as entradas e saídas de patacas do almacén, así como da súa orixe e destino.

f) Prohíbese a entrada e comercialización dentro das zonas infestadas de pataca de semente, mentres non se levante oficialmente a prohibición de cultivo.

4. Medidas de erradicación para todos os demais operadores de pataca localizados dentro da zona infestada:

a) Só poderán comercializar patacas para o consumo directo e irán preparadas e envasadas para o consumidor final.

b) Prohíbese a comercialización de patacas a granel.

c) Non poderán comercializar patacas producidas dentro das zonas infestadas.

5. Restricións e control de movementos de pataca dentro das zonas infestadas:

a) Prohíbese o movemento de patacas procedentes das zonas infestadas, salvo que se realice baixo control oficial cara a vertedoiros autorizados.

b) A entrada e circulación de pataca de consumo nas zonas infestadas realizarase exclusivamente para o consumo directo e irán preparadas e envasadas para o consumidor final.

c) As entradas e saídas de pataca dos almacéns realizarase de forma que se evite a infestación, e sempre en vehículos protexidos fisicamente para evitar a contaminación. As patacas comercializadas só poderán proceder de zonas libres da praga.

d) Prohíbese a saída de pataca de consumo das zonas infestadas, unha vez que estas fosen almacenadas en instalacións situadas nestas zonas. Para iso recoméndase non almacenar grandes cantidades de pataca e, de tal xeito, evitar excedentes.

e) Para o transporte de patacas aos almacéns situados dentro das zonas infestadas deseñaranse rutas de repartición de forma que as últimas descargas poidan realizarse nestes almacéns e que o vehículo empregado saia baleiro destas zonas.

f) Realizaranse unha serie de medidas de hixiene nos vehículos de transporte que aseguren a limpeza e a eliminación da terra residual, de tal xeito que se garanta que a praga non se poida establecer nin propagar fóra das zonas infestadas.

g) Evitarase o tránsito no transporte de patacas de consumo con entrada e saída dunha zona infestada se non se vai facer ningunha descarga dentro dela. No caso de ser necesario o tránsito por estas zonas, o camión deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Os vehículos non deberán estacionarse nestas zonas máis que o tempo necesario para os descansos obrigatorios do transportista e deberán abandonalas o máis axiña posible co fin de evitar o risco de contaminación.

6. Na zona tampón aplicaranse as medidas establecidas nos puntos 4, 5 e 6 do artigo 8 e no punto 2 do artigo 9 do real decreto e, así mesmo, establécese a obriga da comunicación, inmediatamente despois da sementeira, de todas as parcelas plantadas nestas zonas, segundo o modelo establecido na Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

7. Establécese un prazo de 15 días hábiles desde a publicación desta resolución para realizar a comunicación de parcelas plantadas antes da entrada en vigor do real decreto, segundo se establecía na Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro) para todas aquelas parcelas incluídas dentro das zonas infestadas.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

missing image file