Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2017 Páx. 12445

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as bases que rexen a convocatoria de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

O artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, na súa redacción dada pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, modificou, no seu número 6, a regulación dos sistemas de provisión definitiva dos postos de traballo reservados á escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional. En particular, a nova normativa estatal establece unha nova porcentaxe para a valoración dos méritos xerais, méritos de determinación autonómica e méritos específicos.

Así mesmo, a disposición transitoria sétima da citada Lei 27/2013, no seu punto primeiro, establece que: «En tanto non entre en vigor o Regulamento previsto no artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e en todo aquilo que non se opoña ao disposto nesta lei, mantén a súa vixencia a normativa regulamentaria referida aos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación do citado artigo».

De conformidade co disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e de acordo co establecido na Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a estes funcionarios (BOE núm. 192, do 12 de agosto), no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro e único

Dar publicidade á convocatoria do concurso ordinario de Galicia de traslados para a provisión dos postos de traballo reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional vacantes nas entidades locais, de conformidade coas bases comúns por que se debe rexer o concurso, que se publican no anexo I, e a relación de bases, méritos autonómicos, méritos específicos e comisións avaliadoras aprobados por cada unha das corporacións locais que se mencionan no anexo II.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración local

ANEXO I
Bases comúns

Primeira. Postos

Ofrécense neste concurso os postos vacantes reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional naquelas corporacións que aprobaron as bases específicas.

Segunda. Participación

1. Os funcionarios con habilitación de carácter nacional, así como os funcionarios non integrados nas actuais subescalas, pertencentes aos extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios da Administración local a que se refire a disposición transitoria primeira, 1, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, poderán concursar aos postos que se ofrecen nos termos seguintes:

– Os secretarios de primeira, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría superior.

– Os secretarios de segunda, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría de entrada.

– Os secretarios de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría intervención.

– Os secretarios de concellos para extinguir, ás secretarías de concellos con poboación que non exceda os 2.000 habitantes.

– Os interventores, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente a postos de intervención.

– Os depositarios, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, pero unicamente a postos de tesouraría.

2. Non poderán concursar:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firmes se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c) e d) da Lei de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o paso a elas.

d) Os funcionarios que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, salvo que concursen a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se encontren nos supostos do artigo 20.1.f), da Lei de medidas para a reforma da función pública.

Terceira. Documentación e prazo para participar

1. No prazo de quince (15) días naturais a partir da publicación conxunta deste concurso no Boletín Oficial del Estado, os funcionarios con habilitación de carácter nacional que desexen tomar parte nel dirixirán á corporación local do posto a que concursan a seguinte documentación:

– Solicitude de participación comprensiva de declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño (BOE do 9 de xullo).

– Documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica de acordo co que establece a base cuarta desta resolución, así como os específicos de cada posto nos termos que se indican no anexo I.

2. Os concursantes a dous ou máis postos presentarán solicitude e documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica en todas as corporacións en que soliciten postos. Así mesmo, os concursantes a dous ou máis postos presentarán en idéntico prazo de quince (15) días naturais orde de prelación de adxudicacións ante a Subdirección Xeral de Relacións con Outras Administracións (María de Molina, nº 50, 28071 Madrid). A orde de prelación será única e comprensiva da totalidade de postos solicitados, e único, así mesmo, se se concursa a unha ou varias subescalas e categorías. A formulación da orde de prelación, cuxo único obxecto é evitar a adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante, non substituirá a solicitude de participación dirixida a cada corporación local.

3. Os requisitos exixidos, así como os méritos, deberán reunirse na data correspondente á resolución da Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarta. Méritos de determinación autonómica

Méritos de determinación autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional).

1. Méritos.

Os méritos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia serán incluídos polas corporacións locais na respectiva convocatoria.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos está constituído polos seguintes:

– Experiencia profesional: consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia que impliquen o coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia.

– Cursos de formación e perfeccionamento superados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública e que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

– Actividade docente: dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal e réxime económico-financeiro das entidades locais en cursos organizados pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración con esta.

– Publicacións: en materias relativas ás especialidades de organización territorial e do dereito propio de Galicia.

2. Valoración de méritos.

A proporción que corresponde a cada unha das clases de méritos expresados no artigo anterior é a seguinte:

– Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

– Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,50 puntos.

– Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

– Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

3. Regras para a puntuación de méritos.

Experiencia profesional: os servizos prestados valoraranse do seguinte xeito:

– Servizos prestados como funcionarios de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

a.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

a.2) De distinta subescala e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

– Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionarios de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

a.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

a.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

Máximo: 0,90 puntos.

Cursos de formación e perfeccionamento: a valoración dos cursos, con exclusión dos que formen parte dos procesos selectivos correspondentes, efectuarase da forma seguinte:

Teranse en conta unicamente os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas que previamente fosen homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para os efectos deste artigo.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuando os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto.

Para o suposto de que a puntuación dos cursos non estivese determinada nas súas convocatorias, a valoración farase exclusivamente respecto daqueles cursos en que a materia impartida teña relación coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, da forma seguinte:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento con duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Máximo: 1,5 puntos.

Actividade docente: valorarase cun máximo de 0,30 puntos, a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndo os congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

Publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,30 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

4. Acreditación de méritos.

Os concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación do certificado correspondente ou a copia do título debidamente compulsada.

5. Valoración dos méritos pola comisión avaliadora.

A comisión avaliadora do concurso comprobará e valorará os méritos alegados de acordo coas regras e coas puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Quinta. Méritos específicos

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se detallan no anexo II.

Sexta. Valoración de méritos

1. De acordo coas previsións da convocatoria, a comisión avaliadora comprobará e valorará os méritos específicos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño.

Non se valorarán aqueles méritos que non se consideren suficientemente acreditados coa documentación presentada.

2. Para a valoración dos méritos autonómicos no concurso ordinario, as comisións avaliadoras poderán solicitar á consellería competente en materia de réxime local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

3. Coa puntuación que se deduza das valoracións, sumada aos méritos xerais e autonómicos, a comisión elevará proposta á corporación comprensiva dos/as candidatos/as coa orde da valoración final de méritos.

4. A comisión de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo aqueles que non os reúnan. A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte xeito, tendo en conta o parágrafo 6 do novo artigo 92 bis da Lei de bases de réxime local, introducido pola Lei 27/2013, onde se establece unha nova repartición de porcentaxes sobre o total da puntuación de méritos (30 puntos) para os concursos de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional:

– Méritos xerais, deben supoñer un mínimo do 80 % da puntuación total, 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais dos habilitados nacionais aprobada pola Dirección Xeral de Función Pública, sen que sexa posible ningunha acreditación adicional por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte da comisión de valoración.

– Méritos específicos, un 5 % da puntuación total, 1,50 puntos, e méritos de determinación autonómica, non poderán superar o 15 % da puntuación total, ata un total de 4,5 puntos, con base na documentación acreditativa achegada polos concursantes.

Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, a comisión de valoración asignará unicamente a puntuación de méritos autonómicos, se existiren.

5. Tamén poderán sinalar unha puntuación mínima no caso indicado no artigo 21.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e a previsión dunha exposición oral para os efectos de concreción dos méritos.

6. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, a comisión avaliadora dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración determinada na normativa estatal. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Sétima. Proposta de resolución

Efectuadas polo tribunal a exclusión e puntuación final de concursantes, elevará ao presidente da corporación proposta de resolución comprensiva de todos os non excluídos e as súas puntuacións ordenadas de maior a menor. Así mesmo, elevará relación fundada de excluídos.

Oitava. Resolución

1. O presidente da corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada polo tribunal de valoración.

2. A dita resolución será motivada con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso, deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos candidatos e comprender, por orde de puntuación, a totalidade dos concursantes non excluídos.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral da Función Pública dentro dos trinta días naturais seguintes ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Novena. Coordinación de nomeamentos

1. A Dirección Xeral da Función Pública, transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, procederá a efectuar a coordinación de resolucións coincidentes a favor dun mesmo concursante, con adxudicación final de postos, atendendo á orde formulada polos interesados na folla de prelación e á puntuación obtida en cada un dos postos.

Décima. Formalización de nomeamentos

De acordo co resultado da coordinación nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións nos restantes, a Dirección Xeral da Función Pública procederá a formalizar os nomeamentos, ao seu envío ás comunidades autónomas e á súa publicación no prazo dun mes, no Boletín Oficial del Estado.

Décimo primeira. Prazo de toma de posesión

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

2. Este prazo empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de nomeamentos no Boletín Oficial del Estado. Se o destino obtido comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a dita publicación.

3. O cómputo de prazos de toma de posesión iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se lles concedesen aos interesados.

4. Por necesidades do servizo, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que teña que cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferir o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres (3) meses; o segundo deles deberá dar conta deste acordo á Dirección Xeral de Cooperación Local.

Décimo segunda. Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos

Os concursantes non poderán renunciar ao concurso nin ao posto que sexa adxudicado a partir do momento en que os tribunais eleven proposta de resolución á corporación.

As adxudicacións de postos no concurso terán carácter voluntario e non xerarán, en consecuencia, ningún dereito ao aboamento de indemnización por traslado.

Décimo terceira. Cesamento e toma de posesión

1. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ao posto, pasando a depender o funcionario da correspondente corporación.

2. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes serán comunicadas á Dirección Xeral de Cooperación Local e á comunidade autónoma respectiva, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

Décimo cuarta. Recursos

Os actos administrativos dos tribunais de valoración poderán ser impugnados conforme o previsto no artigo 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II
Bases específicas polas que se rexerán os concursos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional

*Secretaría-Intervención do Concello de Alfoz (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Alfoz (Lugo).

Denominación e clase do posto: secretaría-intervención do Concello de Alfoz.

Subescala e categoría: secretaría-intervención sen categoría.

Poboación en data do 1.1.2016: 1.818 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 11.416,02 €.

• Baremo de méritos específicos.

A) Méritos profesionais (ata un máximo de 0,72 puntos):

– Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención en concellos de Galicia, en réxime de nomeamento definitivo, provisional ou comisión de servizos, que carezan de plan xeral de ordenación municipal aprobado, que conten no seu termo municipal con espazos protexidos pola declaración de Rede Natura 2000 e encoros (0,06 puntos por mes completo de servizos ata un máximo de 0,72 puntos).

O Concello de Alfoz non conta con plan xeral de ordenación municipal aprobado, está inmerso nos últimos anos nun procedemento tendente á aprobación do plan xeral de ordenación municipal. No seu termo municipal atópanse o encoro de Onza e os espazos naturais Rede Natura 2000 da Serra do Xistral e o Río Ouro, obxecto de tratamento singular no plan xeral de ordenación municipal. A Serra do Xistral e o Río Ouro, por estaren afectados pola declaración de Rede Natura 2000, son clasificados polo artigo 34.2.f) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, como solo rústico de protección de espazos naturais e os usos e actividades que se realicen neles están suxeitas a un réxime especial de autorizacións ao abeiro do artigo 36.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Polo que é esencial o coñecemento do réxime urbanístico aplicable a este tipo de municipios xa que, en pequenos concellos coma este, o secretario-interventor terá baixo a súa competencia a tramitación dos expedientes urbanísticos.

Os encoros, ao mesmo tempo, son bens de características especiais, as concesións administrativas sobre eles ou sobre os servizos públicos a que se afecten, os dereitos reais de superficie, os dereitos reais de usufruto e os dereitos de propiedade que concorran sobre eles están suxeitos ao gravame do imposto municipal de bens inmobles. Este imposto é de exacción obrigatoria para os concellos e a súa recadación repercute directamente na facenda local e na actividade económica do concello.

É por iso que a corporación municipal acorda primar, á hora de cubrir este posto de traballo, a experiencia adquirida en municipios de Galicia con estas características, características que concorren na maioría dos concellos de Galicia, son concordantes coas deste municipio e esa experiencia considérase fundamental para o desempeño deste posto de traballo e as funcións que ten atribuídas, como son o asesoramento xurídico, a fiscalización e o control interno da xestión económico financeira, a intervención dos ingresos e a fiscalización dos actos de xestión tributaria; así o establecen os artigos 1, 3, 4, 8 e 14 do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios con habilitación de carácter nacional.

– A experiencia profesional acreditarase mediante certificación expedida polo concello ou entidade en que se prestou servizo coa especificación das características sinaladas e tempo de servizo prestado no concello.

B) Cursos de formación e perfeccionamento (máximo 0,63 puntos):

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

– Soamente se valorarán cursos impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP...) e colexios oficiais de secretarios, interventores e secretarios-interventores da Administración local cando sexan recoñecidos e valorados polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local) ou centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP...). Cada curso será valorado con 0,63 puntos.

Neste punto valoraranse os cursos que versen sobre materias relacionadas coa área xurídica, urbanismo, os recursos humanos, organización, dirección e xerencia pública cunha duración igual ou superior ás 200 horas.

Valoraranse o Curso superior de dirección pública local, o Curso de xestión e dirección de pequenos e medianos municipios e o Curso de estudos territoriais e urbanísticos.

Nos concellos menores de 5.000 habitantes, como é o Concello de Alfoz, o persoal con coñecementos especializados é moi escaso e, por tanto, só se valorarán os cursos cunha duración igual ou superior ás 200 horas, que implicarían un coñecemento máis amplo, específico e pormenorizado da materia. Neste tipo de concellos o secretario-interventor ten baixo a súa responsabilidade a maior parte dos servizos que presta o concello, e por iso se acorda primar os cursos relacionados coa dirección, coordinación e xerencia pública. Os cursos de formación e perfeccionamento en xeral xa son valorados tanto no baremo estatal como no autonómico, e por coherencia só se valorarán os relacionados coa competencia municipal que teñan tratamento especializado.

A puntuación máxima nesta epígrafe será de 0,63 puntos.

– Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados a que se refiren.

C) Actividade docente (puntuación máxima 0,15 puntos):

– A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, urbanismo, persoal e réxime económico financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola EGAP ou o INAP.

A súa valoración será a razón de 0,002 puntos por hora impartida e excluiranse congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes. Acreditarase mediante certificado emitido polo organismo competente en que conste a materia e o número de horas impartidas.

– En ningún caso se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, en caso de seren solicitados posteriormente polo tribunal, nin os que se xustifiquen por copias simples.

D) Entrevista persoal.

Non se prevé a realización de entrevista persoal.

E) Méritos xerais.

A valoración dos méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora.

F) Coñecemento da lingua galega.

De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega que se acreditará mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso ou da petición de cobertura do posto, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado da lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente.

G) Comisión de valoración.

Tribunal titular:

Presidenta: María Graciela Riveiro Moreira, secretaria-interventora do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña.

Secretario: Sonia María González Varela, secretaria-interventora do Concello de Cortegada.

1º vogal: Enmanuel López Ares, secretario-interventor do Concello de Laxe.

2º vogal: Isabel Outeiriño Sánchez, secretaria do Concello de Vilaboa.

3º vogal: Juan Hernando Rosa Ruiz, secretario-interventor do Concello da Pontenova.

Tribunal suplente:

Presidenta: María Yebra Pimentel López, interventora do Concello de Cospeito.

Secretario: Jorge Boado Fernández, secretario do Concello de Noia.

1º vogal: Víctor Voces López, secretario do Concello de Burela.

2º vogal: Raquel Meilán Sánchez, técnica de administración xeral da Deputación Provincial de Lugo.

3º vogal: Leticia Rodríguez Díaz, secretaria-interventora do Concello de Folgoso do Courel.

*Adxunto a Intervención do Concello do Barco de Valdeorras (Ourense):

Entidade e provincia: Concello do Barco de Valdeorras (Ourense).

Denominación e clase do posto: adxunto a intervención do Barco de Valdeorras (Ourense).

Subescala e categoría: secretaría-intervención sen categoría.

Poboación na data do 1.12.2015: 13.785 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 27.

Complemento específico: 13.598,2 €.

Os méritos xerais e os autonómicos serán os que determinen cada unha das correspondentes administracións. Os requisitos do coñecemento da lingua galega e a súa acreditación serán os que determine a normativa vixente.

• Baremo de méritos específicos.

A) Servizos prestados.

A puntuación máxima neste apartado será de 0,72 puntos.

Por ter exercido (servizo activo ou situación asimilada), en municipios con poboación superior aos 10.000 habitantes, como titular do posto despois do correspondente concurso ou libre designación ou en réxime de comisión de servizos ou nomeamento provisional, postos de intervención reservados a funcionarios de habilitación de carácter nacional da subescala de intervención-tesouraría ou ben postos de colaboración á intervención (dos previstos no artigo 2.g) do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de habilitación de carácter nacional) reservados á subescala de intervención-tesouraría ou de secretaría-intervención: a razón de 0,06 puntos por mes de exercicio ata un máximo de 0,72 puntos. As fraccións inferiores ratearanse, considerando, para estes efectos, que o mes ten unha duración de trinta días.

Xustifícase valorar unicamente os servizos prestados como titular do posto, nomeamento provisional e en comisión de servizos, xa que son as formas de prestación de servizo por parte de funcionarios de carreira pertencentes ao corpo de funcionarios de Administración local de habilitación de carácter nacional que garanten unha dedicación total ao posto e, por tanto o tempo efectivamente prestado, descartando outras formas de provisión como a acumulación ou a comisión circunstancial.

Xustifícase exixir unha poboación superior aos 10.000 habitantes porque a xuízo da corporación debe valorarse a experiencia en municipios de poboación similar ao Barco de Valdeorras xa que en boa medida a complexidade e variedade dos procedementos administrativos se atopan vinculados, entre outros parámetros, co demográfico. Deste xeito a poboación deste municipio superou desde hai moitos anos os 10.000 habitantes (o que se pode comprobar, en relación cos últimos 20 anos, na páxina web do INE) sen chegar a superar os 20.000 habitantes.

Para acreditar estes méritos pódese optar por:

1. Presentar certificacións expedidas polo correspondente concello en que se especifique o posto, o nomeamento (concurso, libre designación, comisión de servizos ou nomeamento provisional), período en que se exerceu e a situación administrativa en que estivo o funcionario. A poboación en 1 de xaneiro de cada ano será comprobada de oficio polo tribunal na páxina web do INE.

2. Presentar certificado emitido (por medios electrónicos preferentemente, para o que se debe solicitar na páxina https://sede.administracionespublicas.gob.es) polo órgano competente da Administración do Estado en materia de administracións públicas e habilitación nacional (a día de hoxe a Secretaría de Estado de Administracións Públicas, Dirección Xeral da Función Pública).

B) Cursos de formación e perfeccionamento.

A puntuación máxima por este punto será de 0,63 puntos.

Soamente se valorarán os cursos impartidos pola Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local, escolas oficiais de funcionarios (INAP, EGAP, etc.) e universidades.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada ou orixinal dos títulos e ou certificados de asistencia e superación a que se refiran, en que conste o número de horas e a materia sobre a que versan, precisamente para acreditar a data da celebración do curso, xa que do certificado do órgano competente da Administración do Estado (a que se refire a letra A, número 2) soamente se deduce o ano de realización do curso.

Valoraranse con 0,002 puntos por cada hora recibida en accións formativas en materia de contabilidade, estabilidade orzamentaria e regra de gasto, endebedamento, subvencións, plans de axuste, plans económico-financeiros e de saneamento, control interno e auditoría.

C) Outros requisitos.

A puntuación máxima por este punto será de 0,15 puntos.

Valorarase o coñecemento da linguaxe administrativa galega:

– Por estar en posesión do curso medio de linguaxe administrativa galega: 0,10 puntos.

– Por estar en posesión do curso superior de linguaxe administrativa galega: 0,15 puntos.

Soamente se valorarán os cursos impartidos pola Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local, escolas oficiais de funcionarios (INAP, EGAP, etc.) e universidades.

Os cursos deberán acreditar unha duración de 75 horas.

O medios de acreditación será a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada do título correspondente.

Comisión de valoración:

Tribunal titular:

Presidente: Francisco Javier Llorente Serrano, secretario-interventor asesor da Deputación Provincial de Ourense.

Secretario: Juan Marquina Fuentes, vicesecretario da Deputación Provincial de Ourense.

1º vogal: María del Rosario Concepción Paradelo Fernández, secretaria-interventora do Concello de Larouco.

2º vogal: Evaristo Crespo Rodríguez, secretario-interventor do Consello Comarcal do Bierzo.

3º vogal: María Fe González Marquina, interventora asesora da Deputación Provincial de Ourense.

Tribunal suplente:

Presidenta: Mónica Legaspi Díaz, interventora da Deputación Provincial de Ourense.

Secretario: Óscar Luaces de la Herrán, tesoureiro do Concello de Ponferrada.

1º vogal: María Gloria Luis Santamaría, secretaria-interventora do Concello da Veiga.

2º vogal: Ana María González García, tesoureira do Consello Comarcal do Bierzo.

3º vogal: José Aurelio Bello Gómez, secretario-interventor do Concello de Carballeda de Valdeorras.

*Secretaría-intervención do Concello de Pedrafita do Cebreiro (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

Denominación e clase do posto: secretaría-intervención de Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

Subescala e categoría: secretaría-intervención sen categoría.

Poboación na data do 31.12.2015: 1.088 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 24.

Complemento específico: 646 €/mes.

• Baremo de méritos específicos.

A) Formación.

Por cursos de formación en ambiente impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, Comunidades Autónomas e Administración local) centro e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP, universidades públicas...). A razón de 0,01 puntos/horas cun máximo de 0,63 puntos. Aclárase que se valoran as horas dos cursos dedicadas a ambiente de competencia local (urbanismo, subvencións, potestade sancionadora...).

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiren. Non se valorarán os cursos con duración inferior a 20 horas. Para os efectos de garantir a actualización dos coñecementos, só serán valorados aqueles cursos cuxa data de expedición do diploma acreditativo sexa como máximo de hai 15 anos.

O 98,01 % deste concello intégrase na Rede Natura 2000, espazos declarados como zonas de especial protección dos valores, en aplicación da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia. Esta circunstancia implica especialidades ambientais de necesario coñecemento no traballo diario, contidas na lexislación ambiental e de aí que se valore esta materia que incide en toda a actividade municipal.

B) Experiencia profesional.

Por servizos prestados en concellos de clase terceira polos cales discorra o Camiño Francés. A razón de 0,01 puntos por mes completo de servizos, cun máximo de 0,72 puntos.

Acreditarase con certificación expedida polo municipio en que e se prestasen os servizos.

Este concello forma parte da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, constituída por acordo do 6 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Administración Local, o que implica a necesidade dun coñecemento específico do contido no plan xeral de ordenación municipal e estatutos propios da Mancomunidade, así como diversa normativa local en materia de instalación de terrazas, uso de instalacións municipais... que o diferencian do resto dos camiños de Santiago, dadas as características especiais e necesidades de cada un deles, o que xustifica a creación da entidade supramunicipal mencionada, cun funcionamento activo e continuo.

C) Outros méritos. Non se valoran.

En ningún caso se valorarán os méritos que non se encontren debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, no caso de seren solicitadas posteriormente polo tribunal, nin os que se xustifiquen por copias simples.

D) Non se prevé a realización de entrevista persoal.

E) Comisión de valoración.

Tribunal titular:

Presidenta: Mónica Vázquez Núñez, secretaria-interventora do Concello de Láncara.

Secretario e 1º vogal: José López González, secretario-interventor do Concello de Paradela.

2º vogal: Froilán Pallín Seco, secretario-interventor do Concello de Pol.

3º vogal: Marco Antonio García Gabilán Sangil, secretario-interventor do Concello do Corgo.

4º vogal: Ana María Rivas García, secretaria-interventora do Concello de Becerreá.

Tribunal suplente:

Presidenta: Ana Isabel Candame Areosa, secretaria-interventora do Concello de Samos.

Secretario e 1º vogal: José Ángel Balseiro Amido, secretario-interventor do Concello de Rábade.

2º vogal: Begoña Teijeiro Campo, secretaria-interventora do Concello de Barreiros.

3º vogal: Ignacio López López, secretario-interventor do Concello das Nogais.

4º vogal: Rosa Pérez López, secretaria-interventora do Concello de Navia de Suarna.

No non previsto nestas bases, aplicarase o disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo para funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as normas que o desenvolven, e a calquera outra que lle sexa de aplicación.