Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2017 Páx. 14289

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de marzo de 2017 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos con centros docentes privados para o curso académico 2017/18 e seguintes.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), no seu artigo 116.4 establece que corresponde ás comunidades autónomas ditar as normas necesarias para o desenvolvemento do réxime de concertos educativos, de acordo co previsto no propio artigo e no marco do disposto nos artigos 108 e 109 da mesma lei orgánica.

Ademais da LOE, a normativa básica reguladora dos concertos educativos está contida na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos; disposición que establece as normas e o procedemento para realizar a subscrición dos concertos, así como para a súa renovación e modificación de oficio ou por instancia de parte.

Ao finalizar o curso 2016/17 remata o período de catro anos de duración dos concertos educativos subscritos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria cos centros docentes privados, aprobados pola Orde do 9 de agosto de 2013 (Diario Oficial de Galicia do 14 de agosto), polo que é preciso ditar unhas novas normas e realizar a convocatoria de subscrición para o curso escolar 2017/18 e seguintes.

De conformidade co artigo 116.3, parágrafo segundo, da LOE, redactado polo número 70 do artigo único da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (BOE do 10 de decembro), o concerto educativo terá unha duración mínima de seis anos no caso da educación primaria, e de catro no resto das ensinanzas.

Por canto antecede, en aplicación do artigo 7 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e no artigo 3 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto establecer as normas relativas á subscrición, renovación e modificación dos concertos educativos cos centros docentes privados da Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas que se sinalan no número 2 deste artigo, e a súa convocatoria para os cursos 2017/18 e seguintes.

2. O concerto educativo comprenderá as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de educación especial, e de ciclos formativos de formación profesional de grao superior, de grao medio e de formación profesional básica, referidas nas letras a), b), c), e e) do artigo 3.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

Artigo 2. Destinatarios

Poderán acollerse ao réxime de concertos educativos os centros docentes privados da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas sinaladas no artigo 1.2 e cumpran os requisitos que establecen esta orde e a demais normativa vixente.

Artigo 3. Requisitos para a subscrición, renovación ou modificación

1. a) Todas as unidades deberán estar autorizadas previamente á solicitude do concerto de acordo coa normativa vixente.

b) Non obstante, poderá solicitarse concerto para unidades que, durante o mes de xaneiro, se atopen en trámite de autorización. Neste suposto, a concesión do concerto educativo para as ditas unidades estará condicionada á efectiva obtención da autorización antes do inicio do curso académico.

c) Os centros docentes privados que desexen acceder por primeira vez ao concerto terán que levar máis de cinco anos funcionando desde a data da súa autorización definitiva, a non ser que manifestasen a súa vontade de acollerse a este réxime no momento de solicitar a autorización.

2. No segundo ciclo de educación infantil e nos niveis de ensino obrigatorio, os centros privados concertados non poderán ter en funcionamento ningunha unidade máis que as concertadas, sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

3. Os centros docentes privados que soliciten o concerto terán que estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Duración do concerto

1. Os concertos que se formalicen en virtude desta orde terán unha duración máxima de seis cursos académicos, a partir do curso 2017/18, incluído, e ata o final do curso 2022/23, que se producirá o día 31 de agosto de 2023.

Non obstante, os que se subscriban ou modifiquen no curso 2018/19 e seguintes rematarán ao final do curso 2022/23, sen prexuízo da súa posible modificación dentro do período de vixencia desta convocatoria.

2. Se se denegase a renovación dun concerto educativo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria podería acordar coa titularidade do centro a prórroga por un só ano.

CAPÍTULO II
Acceso ao réxime de concertos

Sección 1ª. Normas da convocatoria

Artigo 5. Convocatoria e prazo de solicitude

O procedemento para acollerse ao réxime de concertos educativos ou para modificar os subscritos con anterioridade iniciarase por instancia da titularidade dos centros docentes privados que presentarán unha solicitude dirixida á correspondente Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no mes de xaneiro anterior ao inicio do ano académico para o cal se solicita.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. Solicitude.

a) A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

b) As solicitudes serán subscritas polas persoas que figuren no Rexistro de Centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como titulares dos centros docentes. No suposto de que a titularidade corresponda a unha persoa xurídica, a solicitude será asinada por quen teña a súa representación, xuntando a documentación que a acredite suficientemente nos termos do artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Modelos de solicitude.

a) Para a subscrición ou renovación do concerto das ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial e de ciclos formativos de formación profesional de grao superior, de grao medio e de formación profesional básica, presentarase a solicitude conforme o modelo do anexo I desta orde (código de procedemento ED506A).

b) Para solicitar a modificación do concerto educativo presentarase o modelo do anexo II desta orde (código de procedemento ED506B).

3. Tramitación electrónica.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

4. Documentación complementaria.

a) Presentarán unha memoria explicativa na cal se fará constar a seguinte información:

1º. Para todos os centros:

– Nivel educativo para o que se formula a solicitude, con expresión do número de unidades autorizadas e en funcionamento. Se se trata de unidades de formación profesional especificaranse os ciclos formativos. Se se trata dun centro que imparte educación secundaria ao cal estea adscrito algún centro de educación primaria, ou dun centro de educación primaria ao cal estea adscrito algún centro de educación infantil, farase constar tal circunstancia.

– Composición resultante e calquera outro dato que o solicitante considere pertinente.

2º. Os centros que soliciten o acceso ao réxime de concertos por primeira vez engadirán na memoria a seguinte información:

– Condicións socioeconómicas da poboación escolar atendida polo centro.

– Experiencias pedagóxicas que se realicen no centro e interese delas para a calidade do ensino e para o sistema educativo.

b) Acreditación da identidade da persoa solicitante/representante:

1º. Para persoas físicas: copia do DNI da persoa solicitante, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2º. Para persoas xurídicas: copia do NIF da entidade solicitante, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

3º. Copia do DNI da persoa representante, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Autorización ao órgano xestor.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán presentar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a súa presentación.

6. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, incluiranse nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación, e os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse ante esta, mediante o envío da comunicación correspondente ao enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao correo electrónico: sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Artigo 7. Criterios para a concesión do concerto educativo

En virtude do disposto no artigo 116 da LOE poderán renovar ou subscribir o concerto educativo aqueles centros privados que satisfagan necesidades de escolarización. Entre os centros que cumpran este requisito, terán preferencia para acollerse ao réxime de concertos aqueles que atendan poboacións escolares de condicións económicas desfavorables ou os que realicen experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo. En todo caso, serán obxecto de atención preferente os centros que, cumprindo os criterios anteriormente sinalados, estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa.

Sección 2ª. Comisións provinciais de valoración

Artigo 8. Constitución e composición da comisión

1. Para o estudo das solicitudes presentadas, na xefatura territorial desta consellería constituirase a comisión provincial de valoración de concertos educativos, de conformidade co artigo 23 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

2. As comisións terán a seguinte composición:

Presidencia: a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– Tres funcionarias ou funcionarios da xefatura territorial correspondente designadas/os pola xefatura territorial. Un/ha deles/as actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

– Unha persoa representante dos concellos en que teña maior incidencia o ensino concertado, designada pola Fegamp.

– Dúas profesoras ou profesores do ensino privado concertado designadas/os polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

– Dúas persoas designadas polas federacións de nais e pais do alumnado máis representativas no ensino privado concertado.

– Dúas persoas representantes de centros docentes privados concertados designadas polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito provincial.

– Un/ha técnico/a nomeado/a pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no caso das solicitudes de concerto educativo para ensinanzas de formación profesional.

Artigo 9. Estudo das solicitudes e proposta da comisión

1. A xefatura territorial desta consellería, unha vez recibidas as solicitudes, verificará que a titularidade dos centros presenta a documentación exixida e solicitará informe á Inspección educativa. As solicitudes serán examinadas pola comisión provincial.

2. A comisión avaliará a documentación recibida e formulará as correspondentes propostas nos termos previstos no artigo 23 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

3. As xefaturas territoriais desta consellería, ao longo do mes de febreiro seguinte ao da presentación, remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as solicitudes dos centros, xunto co informe da Inspección educativa e as propostas das comisións provinciais de concertos educativos, que deberán ser motivadas.

Artigo 10. Informe da Inspección educativa

O informe da Inspección educativa, vinculado ao curso académico en que se presenta a solicitude, referirase aos seguintes aspectos:

a) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade nos centros de titularidade pública da localidade ou, se é o caso, da zona de escolarización do centro solicitante de concerto, co fin de determinar se o centro cobre as necesidades de escolarización tal como se prevé no artigo 116 da LOE. Cando o informe se refira ás solicitudes de concertos para ensinanzas de formación profesional, a citada avaliación non se limitará á localidade ou á zona de escolarización, senón que, segundo o caso, poderá relacionarse cun ámbito xeográfico maior.

b) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade no centro solicitante do concerto.

c) Valoración das experiencias pedagóxicas realizadas no centro, se as houber (só para os que o solicitan por primeira vez).

d) Características socioeconómicas da zona educativa do centro que solicita o concerto (só para os que o solicitan por primeira vez).

e) No caso das solicitudes relacionadas con concertos educativos en ensinanzas de formación profesional, o informe da Inspección educativa incluirá unha análise das necesidades de escolarización realmente satisfeitas polo centro nos últimos catro anos. Para este informe a Inspección educativa poderá contar co asesoramento dun/ha técnico/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Sección 3ª. Resolución e formalización do concerto

Artigo 11. Proposta de resolución provisional

1. Recibidas as solicitudes, segundo o establecido no artigo 9.3 desta orde, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, á vista da programación xeral do ensino e das dispoñibilidades orzamentarias, elaborará a proposta de resolución provisional con indicación das unidades e niveis que correspondan e, se é o caso, co motivo de denegación.

A proposta de resolución provisional notificarase só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Contra a devandita resolución provisional, os interesados poderán formular as alegacións que consideren oportunas no prazo de dez días contados desde o seguinte día ao da notificación.

3. Unha vez valoradas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elevará a proposta definitiva de resolución á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na cal se incluirán todos os centros docentes presentados á convocatoria.

Artigo 12. Resolución definitiva

A resolución definitiva producirase no prazo máximo de cinco meses a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, mediante orde desta consellería. Esta resolución publicarase no DOG, e nela deberá constar o número de unidades, con indicación do nivel educativo, que son obxecto de concerto, así como as solicitudes denegadas.

Para o suposto de que non recaia resolución expresa dentro do prazo máximo previsto de cinco meses, o silencio administrativo terá efecto desestimatorio, de conformidade co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra a resolución definitiva, a persoa interesada poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 13. Formalización do concerto

Os concertos educativos formalizaranse en documento administrativo axustado ao modelo aprobado que se incorpora como anexo III desta orde, no cal se farán constar os dereitos e obrigas recíprocas, así como as características concretas do centro e demais requisitos derivados da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (Lode), da LOE e demais normas de desenvolvemento.

Artigo 14. Obrigas do centro concertado

1. A titularidade do centro queda obrigada a ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes aos niveis ou graos de ensino obxecto do concerto e a ter unha relación media de alumnado/unidade escolar non inferior á que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tendo en conta a existente para os centros públicos da bisbarra, concello, ou, se é o caso, distrito en que estea situado o centro. Isto sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

2. Así mesmo, a titularidade do centro queda obrigada ao cumprimento do establecido na normativa vixente sobre escolarización e admisión do alumnado.

3. A titularidade do centro, en caso de inexistencia de alumnado nas unidades concertadas, está obrigada a comunicalo a esta consellería, no prazo de 15 días naturais contados a partir da data de finalización da matrícula.

4. Os centros docentes que subscriban concerto educativo implementarán, necesariamente, nas distintas aplicacións informáticas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria relativas á xestión académica e administrativa:

a) O proceso de admisión de alumnado (ordinario e extraordinario) e matriculación.

b) A xestión completa de avaliación do alumnado: inicial, continua, cualificacións finais e expedientes académicos.

c) As solicitudes de títulos académicos.

d) A xestión da formación en centros de traballo.

Así mesmo, estarán obrigados a colaborar coa consellería en todos aqueles outros programas dirixidos ou que teñan relación cos centros concertados.

5. Os centros acollidos ao réxime de concertos educativos deberán facer constar na súa denominación, na súa documentación e en toda información ou publicidade que realicen a súa condición de centro concertado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

CAPÍTULO III
Modificacións dos concertos durante o seu período de vixencia

Artigo 15. Procedemento de modificación

1. Por instancia de parte.

a) Procederá a modificación do concerto por instancia de parte nos casos previstos no artigo 46 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

b) As solicitudes de modificación para o curso 2018/19 e seguintes, presentaranse conforme o modelo que se xunta como anexo II (procedemento ED506B), no prazo establecido no artigo 5 e conforme o sinalado no artigo 6 desta orde.

2. De oficio.

a) A Administración educativa, de acordo co previsto no artigo 46 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, poderá modificar de oficio o número de unidades concertadas dun determinado centro.

Procederá reducir o número de unidades no caso de que a proporción de alumnado/unidade escolar permita concentrar grupos que tivesen pouco alumnado ou cando a relación media por unidade escolar sexa inferior ao determinado pola Administración educativa para cada tipo de ensinanzas.

b) Para proceder de oficio á redución de unidades, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo do informe da Inspección educativa, dará audiencia ao interesado comunicándolle as alteracións que considera necesarias para o curso seguinte co fin de que, no prazo de 10 días, faga as alegacións que considere oportunas.

Avaliadas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elevará proposta ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que resolverá definitivamente. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderá ser obxecto do recurso potestativo de reposición, ou ben impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Formalización da modificación

1. A alteración do número de unidades concertadas dará lugar á modificación do correspondente concerto educativo subscrito polo centro afectado.

2. A subscrición das modificacións efectuarase mediante addenda ao documento de formalización do concerto educativo.

CAPÍTULO IV
Orzamentos

Artigo 17. Partidas orzamentarias

1. Educación infantil. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.422A.482.0, por unha contía total máxima de 13.643.968,44 € para o período setembro-decembro do ano 2017, de 38.537.055,48 € para cada unha das anualidades de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 e de 24.893.087,04 € para o período xaneiro-agosto de 2023.

2. Educación primaria e/ou educación secundaria obrigatoria. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.422A.482.1, por unha contía total máxima de 67.765.004,21 € para o período setembro-decembro do ano 2017, de 191.005.883,81 € para cada unha das anualidades de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 e de 123.240.879,60 € para o período xaneiro-agosto de 2023.

3. Educación especial. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.422D.482.0, por unha contía total máxima de 4.264.351,28 € para o período setembro-decembro do ano 2017, de 12.014.265,27 € para cada unha das anualidades de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 e de 7.749.913,99 € para o período xaneiro-agosto de 2023.

4. Ciclos formativos de formación profesional de grao superior, de grao medio e de formación profesional básica. Estes concertos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.422M.482.1, por unha contía total máxima de 5.993.149,35 € para o período setembro-decembro do ano 2017, de 16.874.245.70 € para cada unha das anualidades de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 e de 10.881.096,35 € para o período xaneiro-agosto de 2023.

5. Os posibles incrementos de unidades concertadas quedarán condicionados á existencia de autorización, á comprobación de que as novas unidades atendan necesidades de escolarización e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición transitoria única. Solicitudes para o curso 2017/18

Para o ano académico 2017/18, as solicitudes a que se refire o artigo 5 presentaranse no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 14 de febreiro de 2013 (DOG núm. 62, do 1 de abril) pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos con centros docentes privados para o curso académico 2013/14 e seguintes, e se realiza a convocatoria, así como todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Autorizacións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

En Santiago de Compostela, ...

Dunha parte,

... Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Doutra,

Dª/D ..., na súa condición de titular/representante legal do centro cuxos datos se sinalan a seguir:

Denominación: ...

Código: ...

Enderezo: ...

Localidade: ...

Concello: ...

Provincia: ...

De conformidade co disposto nos artigos 3.2 e 25 do Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, aprobado polo Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e de acordo coa Orde do 14 de marzo de 2017 publicada no Diario Oficial de Galicia ...,

ACORDAN:

Subscribir o concerto educativo, conforme coas seguintes cláusulas:

Primeira. O presente concerto educativo ten por obxecto o sostemento do centro privado con fondos públicos para a prestación do servizo público da educación nos termos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (Lode), e na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio de educación (LOE).

O centro asume as obrigas establecidas nas devanditas leis orgánicas, no Real decreto 2377/1985, do 18 decembro, na Orde do ... (DOG núm. ..., do ...), pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2017/18, e demais normativa de aplicación.

Segunda. En aplicación do establecido na Orde ... pola que se aproban os concertos educativos, o presente concerto, terá a seguinte extensión e duración:

(Indicarase o nivel ou niveis educativos, número de unidades e período polo que se concertan. No caso de formación profesional especificarase o ciclo formativo ou a familia profesional, e no caso de educación especial expresarase a modalidade).

Terceira. A Administración está obrigada á asignación de fondos públicos para o sostemento do centro concertado nos termos sinalados nos artigos 116 da LOE, e 12 e 13 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

A Administración educativa satisfaralle ao persoal docente os salarios correspondentes, como pagamento delegado e en nome da titularidade do centro, sen que estes signifiquen ningunha relación laboral entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o referido persoal.

Cuarta. A titularidade do centro está obrigada a impartir as ensinanzas obxecto deste concerto gratuitamente, sen percibir ningún concepto que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola súa impartición, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e plans de estudo e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor.

Quinta. A titularidade está obrigada, así mesmo, a que as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios que, se é o caso, se realicen no centro, se adecuen ao disposto no artigo 51 da Lode, e no Decreto 444/1996, do 13 de decembro, polo que se regulan as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

Sexta. A titularidade obrígase ao cumprimento das normas de admisión de alumnado que se establecen no artigo 84 da LOE, no Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e demais normativa de desenvolvemento.

Sétima. A titularidade obrígase a manter e, se é o caso, constituír os órganos de goberno a que se refire o artigo 54 da Lode, e o artigo 26 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Oitava. A provisión de vacantes do persoal docente que se produzan no centro concertado realizarase conforme o disposto no artigo 60 da Lode e no artigo 26.3 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Novena. Independentemente do número de unidades autorizadas, o centro unicamente terá en funcionamento o número de unidades concertadas; non obstante, isto non lle será de aplicación se o centro está a acceder de forma progresiva ao réxime de concertos.

Décima. O centro deberá facer constar na súa denominación, na súa documentación e na súa publicidade a súa condición de centro concertado.

Igualmente, a titularidade deberá poñer en coñecemento dos membros da comunidade escolar e, se é o caso, das autoridades competentes o carácter propio do centro, no suposto de que o tiver.

Décimo primeira. Para a execución do concerto, a titularidade adoptará as seguintes medidas:

Para os efectos do aboamento das cantidades correspondentes a salarios facilitaralle á Administración educativa a relación do persoal docente en pagamento delegado, coas súas retribucións, as liquidacións das cotizacións á Seguridade Social mediante a formalización e remisión dos documentos oficiais de cotización correspondentes, así como os partes de alta, baixa ou alteración.

As altas e baixas do persoal docente no réxime da Seguridade Social xestionaraas a titularidade do centro na súa condición de empregador na relación laboral. As devanditas circunstancias deberán ser acreditadas por esta ante a Administración educativa.

As responsabilidades que poidan derivar do incumprimento das obrigas de altas, baixas e liquidación de cotizacións, serán por conta da titularidade do centro.

Para o pagamento delegado relacionarase o profesorado correspondente ás unidades concertadas sen que, en ningún caso, o custo de cada unidade poida exceder dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento de centros concertados.

Así mesmo, a relación de perceptores en pagamento delegado incluirá as circunstancias que concorren en cada profesora ou profesor para os efectos de determinar o soldo, a antigüidade, a cotización á Seguridade Social e outras posibles variantes.

Todas as actividades do profesorado do centro concertado, tanto lectivas coma non lectivas, retribuídas pola Administración en pagamento delegado prestaranse no nivel de ensino obxecto deste concerto.

As cantidades aboadas durante o ano pola Administración, en concepto de «outros gastos», xustificaranse ao longo do mes de xaneiro do ano seguinte mediante a presentación pola titularidade da certificación do acordo do Consello Escolar aprobatorio das contas.

Para a xustificación das cantidades aboadas en concepto de «persoal complementario» achegaranse os orixinais ou copias compulsadas das nóminas, TC2 da Seguridade Social e a acreditación do seu pagamento.

Estas cantidades xustificaranse, no mesmo prazo, separadamente das do concepto «outros gastos».

Décimo segunda. Para a renovación, prórroga e/ou modificación deste concerto observarase o disposto no título V do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e na devandita Orde do ...

Décimo terceira. Serán causas de extinción deste concerto as sinaladas no título VI do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Décimo cuarta. As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste concerto serán resoltas pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou órgano en que delegue.

Para que conste, na data e lugar antes indicados, asinan este documento por triplicado,

Polo centro privado,


(Nome e apelidos)

Pola Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria,


(Cargo e datos persoais)