Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2017 Páx. 14975

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2017 pola que se convocan cursos para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito, con data do 4 de xaneiro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse cursos para persoal da Administración local de Galicia.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria de cursos para persoal da Administración local de Galicia que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal ao servizo da Administración local de Galicia, e en caso de vacante, persoal de Administración autonómica e estatal, que estean en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e de tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección, deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981546339 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 54, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, darase prioridade no proceso de selección dos participantes aos solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2017, segundo a Resolución do 20 de xaneiro (DOG do 30 de xaneiro), comezarase pola letra K.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o exposto anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberá xustificarse documentalmente ante os responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas e o horario en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación. As datas e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

– Código: CV17004.

Curso sobre a nova Lei do solo de Galicia e a aplicación práctica da disciplina urbanística.

1. Obxectivos.

• Realizar unha actualización dos coñecementos dos asistentes sobre a normativa vixente en materia de disciplina urbanística, para adaptala á nova regulación operada coa aprobación da nova Lei do solo de Galicia.

• Estudar as principais modificacións realizadas, tales como os prazos de prescrición e as reducións pecuniarias das sancións ou as competencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

• Ofrecer aos asistentes un enfoque práctico da aplicación da nova Lei do solo de Galicia, para liquidar os problemas concretos do mundo local e posuír unha visión máis xeral e global de toda a materia.

2. Destinatarios.

• Asesores, letrados, secretarios, secretarios-interventores, funcionarios con habilitación de carácter estatal, en xeral, e demais técnicos xurídicos ao servizo das corporacións locais que realicen funcións de carácter técnico na área de urbanismo.

• Arquitectos, enxeñeiros, aparelladores e demais persoal ao servizo da Administración local da provincia que teñan asignadas no seus postos de traballo tarefas de xestión ou asesoramento en materia de urbanismo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 30 horas.

Datas: do 17 ao 27 de abril de 2017.

Lugar: aulas de formación da Deputación de Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel (r/ Progreso, nº 30, 2º).

Prazas: 40.

4. Contido.

1. Lei 2/2016 do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Principais novidades. Principios e estrutura da lei. Ordenación do territorio.

2. Plan urbanístico e tipoloxía do solo. Plan urbanístico. Avaliación ambiental estratéxica dos instrumentos de plan urbanístico. Tipoloxía do solo.

3. Execución do plan.

4. Convenios urbanísticos en Galicia. Obxecto e natureza dos convenios urbanísticos. Convenios. Procedemento.

5. Deber de conservación e ruína.

6. As licenzas urbanísticas. Actos de edificación e uso do solo e do subsolo suxeitos a licenza. Licenzas urbanísticas e comunicacións previas. Procedemento de outorgamento de licenzas. Caducidade das licenzas. Procedemento para a tramitación das comunicacións previas.

7. Disciplina urbanística. Aplicación. Réxime sancionador.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

– Código: CV17005.

Curso de aplicacións informáticas para presentacións gráficas: Microsoft PowerPoint-2010.

1. Obxectivos.

• Explicar a importancia da presentación dun documento para a imaxe que transmite a entidade, conseguindo que a información se presente de forma clara e persuasiva, a partir de distintas presentacións de carácter profesional de organizacións tipo.

• Utilizar as funcións das aplicacións de presentacións gráficas presentando documentación e información en diferentes soportes, e integrando obxectos de distinta natureza.

• Utilizar de forma integrada e conveniente: gráficos, texto e outros obxectos, conseguindo unha presentación correcta e adecuada á natureza do documento.

• Asegurar a calidade da presentación ensaiando e corrixindo os defectos detectados e, se é o caso, propondo os elementos ou parámetros de mellora.

• Gardar as presentacións nos formatos adecuados, preparándoas para ser doadamente utilizadas, protexéndoas de modificacións non desexadas

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local que realizase algún curso de informática básica anteriormente ou con coñecementos informáticos previos.

Persoal técnico e administrativo das entidades locais que realice labores con mecanización informática e que deba realizar traballos con presentacións gráficas.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixto (6 horas presenciais e 24 horas de teleformación).

Duración: 30 horas.

Datas: do 2 ao 30 de maio de 2017

Sesión presenciais: 2, 15 e 30 de maio de 2017.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

1. Deseño, organización e arquivo das presentacións. A imaxe corporativa dunha empresa. Deseño de presentacións. Avaliación dos resultados. Organización e arquivamento das presentacións. Entrega do traballo realizado.

2. Introdución e conceptos xerais. Execución e saída da aplicación. Creación, gravación, peche e as vistas dunha presentación.

3. Accións con diapositivas. Inserción, eliminación, duplicación e ordenación de diapositivas.

4. Traballo con obxectos. Selección, desprazamento, eliminación, modificación, duplicación, recolocación, aliñación dos obxectos. Traballo con textos. Viñetas. Estilos. Táboas. Debuxos.

5. Documentación da presentación. Inserción de comentarios e preparación das notas do orador.

6. Deseños ou estilos de presentación. Uso dos modelos. Combinación de cores. Fondos e patróns.

7. Impresión de diapositivas en diferentes soportes. Configuración da páxina. Encabezamentos, pés e numeración. Configuración dispositivos e opción de impresión.

8. Presentación de diapositivas tendo en conta o lugar e a infraestrutura. Animación de elementos. Transición de diapositivas. Intervalos de tempo. Configuración da presentación. Conexión a un proxector e configuración. Ensaio de presentación. Proxección.

– Código: CV17006.

Curso de transparencia e bo goberno na Administración local.

1. Obxectivos.

• Proporcionar un coñecemento en profundidade da normativa básica estatal e autonómica en materia de transparencia aplicada ao ámbito local.

• Analizar as sinerxías administrativas derivadas da Administración electrónica, en particular, en relación co Portal de transparencia (Lei 39 e 40 de 2015).

• Abordar as dificultades no exercicio do dereito de acceso á información dos cidadáns e a aplicación dos límites legais, principalmente en materia de protección de datos.

• Analizar a metodoloxía e sistemas para a avaliación e seguimento do cumprimento normativo das obrigas legais en materia de transparencia.

• Ofrecer solucións concretas e liñas de actuación conducentes á implantación dunha verdadeira cultura de transparencia no ámbito local.

2. Destinatarios.

• Secretarios, interventores, secretarios-interventores e tesoureiros da Administración local. Habilitados de carácter estatal e persoal técnico da Administración local.

• Profesionais ao servizo das corporacións locais con postos ou funcións relacionadas cos contidos obxecto do curso.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 20 horas.

Datas: do 23 ao 31 de maio de 2017.

Lugar: aulas de formación da Deputación de Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel (r/ Progreso, nº 30, 2º).

Prazas: 40.

4. Contido.

1. Aproximación ao marco normativo en materia de transparencia e estratexia de implantación coa Administración electrónica.

2. Obrigas de publicidade activa en materia organizativa, institucional, de planificación e de relevancia xurídica.

3. O portal de transparencia como ferramenta de garantía normativa. aspectos prácticos.

4. Transparencia económico-financeira e rendición de contas.

5. Dereito de acceso á información pública e aplicación dos seus límites.

6. Avaliación e seguimento das obrigas normativas. vías de reclamación

5. Valoración

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.