Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15154

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 10 de marzo de 2017 pola que se establecen os modelos normalizados de solicitudes para a inscrición, modificación e certificación de datos no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, previstas no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

A disposición derradeira cuarta do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 213, do 9 de novembro, sinala que a regulación dos procedementos administrativos iniciados por instancia de parte e tramitados perante o órgano autonómico competente en materia de urbanismo, así como os formularios correspondentes a estes, serán obxecto de desenvolvemento normativo posterior.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os modelos normalizados de solicitudes de inscrición, modificación e certificación de datos no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, previstas no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que se publican como anexos I a III desta orde.

Artigo 2. Forma de presentación das solicitudes de inscrición e modificación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia e documentación

1. A presentación das solicitudes de inscrición e modificación realizarase unicamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados MT500A (anexo I) e MT500B (anexo II), respectivamente, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de conformidade co establecido nos artigos 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Xunto coas solicitudes de inscrición e/ou modificación, o concello achegará a seguinte documentación:

– Copia do plan en soporte dixital debidamente dilixenciado.

– Documento que acredite a representación, se for o caso.

2. As solicitudes de inscrición e modificación de datos do Rexistro de Planeamento Urbanístico deberán presentarse no prazo dun mes desde a aprobación definitiva do instrumento de planeamento ou da modificación, respectivamente. No caso de que a solicitude ou comunicación non reúna os requisitos exixidos ou ben a documentación non sexa completada, requirirase o concello para que proceda á súa emenda no prazo dun mes, con indicación de que, si así non o fixer, se terá por desistido na súa petición.

No prazo máximo de 10 días desde a recepción da documentación completa, remitirase ao concello o certificado acreditativo da inscrición ou modificación.

3. A presentación electrónica da documentación complementaria, que figura no anexo de cada procedemento, será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude ou comunicación, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal que garanta a fidelidade co orixinal. A persoa solicitante ou o seu representante responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Neste caso, se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes de certificacións de datos do Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia e documentación

1. As solicitudes de certificacións deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado MT500C (anexo III), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) de acordo co establecido nos artigos 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes, calquera persoa ou entidade, pública ou privada, poderá empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xunto coa solicitude de certificación, achegarase a seguinte documentación:

– Xustificante de ter aboado as taxas correspondentes.

– Documento que acredite a representación, se for o caso.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3. No prazo máximo de 10 días desde a recepción da solicitude emitirase a certificación solicitada dos asentos do rexistro, que estará autorizada polo funcionario ou funcionaria habilitados para o efecto.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos previstos na presente orde, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas, nomeadamente os documentos identificativos (DNI/NIE para persoas físicas e NIF para persoas xurídicas).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Nos procedementos MT500A e MT500B, todos os trámites administrativos do procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. No procedemento MT500C, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos nos procedementos MT500A e MT500B, ao tratarse de persoas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, practicaranse por este medio exclusivamente, e deben optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

2. No procedemento MT500C, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao enderezo Rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file