Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15164

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 13 de marzo de 2017 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Soutomaior.

O Concello de Soutomaior eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

En data 17.10.2016, e ao abeiro do disposto no artigo 85.7.b da LOUG, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ditou orde pola que se acorda non outorgar a aprobación definitiva do PXOM de Soutomaior, indicando as deficiencias que se debían emendar.

O Concello de Soutomaior, no Pleno do 3.2.2017, acordou aprobar provisionalmente o Plan xeral de ordenación municipal, coas correccións requiridas na Orde do 17.10.2016.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación do PXOM de Soutomaior, con dilixencia de aprobación provisional do 3.2.2017, púidose verificar o cumprimento das deficiencias sinaladas na Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 17.10.2016.

En todo caso, cómpre formular as seguintes consideracións:

1. Solo urbano.

Segundo os planos de información, algúns ámbitos carecen da totalidade de servizos exixidos no artigo 11 da LOUG para o solo urbano consolidado:

– Falla da rede de abastecemento: cuarteiróns 3.15, 3.19 e 3.20.

– Falla da rede de saneamento: rúa Cimadevila entre os cuarteiróns 4.06 e 4.09; e rúa dos Loureiros entre os cuarteiróns 4.04 e 4.05.

– Non se acredita a existencia de redes de servizos no Camiño Ribeiro entre os cuarteiróns 4.08 e 4.10 nin entre os cuarteiróns 4.10 e 4.11.

No caso de non tratarse dun erro de información, cómpre prever as correspondentes actuacións illadas en solo urbano para executalos.

2. Solo de núcleo rural.

A prohibición de segregacións das parcelas en que existan socalcos, establecida para os núcleos rurais histórico-tradicionais, deberá estenderse a todo o solo de núcleo rural, co fin de preservar o parcelario característico que non fora transformado.

3. Solo urbanizable.

No SUBLE-6 agora eliminado, cómpre cualificar como solo rústico de protección de infraestruturas as zonas de afección da PO-244 e da liña eléctrica.

A delimitación dos SUBLE 1 e 3 non afectará os terreos expropiados polo Ministerio de Fomento.

II.5. Normativa.

A modificación do artigo 196.5. na ordenanza Z1*, para restrinxir que as plantas baixas teñan o mesmo fondo que as plantas altas, debera estenderse a todas as plantas que sobresaian da rasante natural do terreo en contacto coa edificación e a todos os cuarteiróns de bordo de solo urbano con ordenación semiaberta que se atopen en situación similar (cuarteiróns 1.13, 1.14, 1.20, 1.22, 1.23 e 1.56).

II.6. Estratexia de actuación, estudo económico e ISE.

Na ficha do SUNC-14 sinalarase o prazo máximo para o desenvolvemento do PERI.

II.8 Cuestións documentais.

Deberán representarse as servidumes de tránsito e de acceso ao mar.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e coas disposicións adicional 10ª e transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Soutomaior, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Soutomaior, 13 de marzo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio