Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15207

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2017.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008: «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás.

h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións á distribución de produtos culturais, para o exercicio 2017, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro (código de procedemento CT402C).

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou de calquera organismo dependente.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo da actividade subvencionada.

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 (DOUE do 24.12.2013, L352/1), relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 16 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do réxime xurídico do sector público.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Beneficiarios e modalidades da subvención. Requisitos

1. Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as entidades que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017:

Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a cal solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da solicitude o/s contrato/s ou convite/s con contido económico.

Poderanse acoller a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres funcións/concertos e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.

Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos e/ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a cal solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da solicitude o/s contrato/s ou convite/s con contido económico.

Modalidade A.3: subvencións para asistir a feiras e mercados culturais fóra de Galicia. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para asistir a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a cal solicita a subvención

– Inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado

– Acreditar a relación de vinculación dos/das asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria

Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

Beneficiarias: persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderanse acoller a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas. Polo menos, a metade deberán ser en espazos que non formen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Se o número de representacións é impar, exixirase que a metade menos un sexan en espazos que non formen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

En ningún caso, máis de catro representacións nun mesmo espazo.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a cal solicita a subvención

– Ter asinado no momento da solicitude o/s contrato/s ou cesións.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Importes e límites das subvencións nas distintas modalidades

1. O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 435.000 euros, dos cales 335.000 euros se reservan para as modalidades A1, A2 e A3, salvo que non existan suficientes solicitudes nesas modalidades, caso en que o importe non adxudicado se poderá adxudicar na A4, da partida orzamentaria 2017.10.A1.432.B.470.0, da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2017.

2. A contía máxima total que poderá obter unha empresa beneficiaria no conxunto das distintas modalidades da presente convocatoria será de 25.000 euros. Este límite tamén se aplicará por cada compañía/artista/grupo cando estea representado por varias entidades.

Aplicaranse ademais os seguintes límites máximos na adxudicación:

2.1. Modalidades A.1 e A.2:

O correspondente aos gastos de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos/actores/bailaríns/manipuladores) e técnico necesario para a distribución do espectáculo, co límite equivalente ao importe do contrato de distribución.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a compañía, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

– Gastos de desprazamento:

Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e a viaxe de volta, e quedan excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. Si son gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra, no caso de que se teñan representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución. En todo caso, deberán achegarse as facturas correspondentes aos gastos xustificados, así como o seu pagamento.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes:

– Gastos de visado, no suposto de que sexa imprescindible para efectuar as representacións:

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Resto de Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

– Peaxes de autoestradas, combustibles, alugamento de vehículos, desprazamento a aeroportos:

– Billetes de autobús e tren.

Á parte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 30 euros en España e Portugal, 50 euros no resto de Europa e 80 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte:

Enténdese por transporte aqueles gastos referentes ao desprazamento dos materiais precisos para desenvolver a actividade. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, en que se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado. O máximo subvencionable para o trasporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 no resto de Europa e 800 no resto do mundo.

– Gastos de mantenza e aloxamento:

Deberanse acreditar os gastos subvencionados coas correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes...), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que se poderá xustificar co aboamento das axudas de custo legal ou convencionalmente permitidas nas correspondentes nóminas. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

– España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 36 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 40 euros por persoa e día.

– Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

– Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 80 euros por persoa e día.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

– No caso de non ser representacións consecutivas:

España e Portugal: 2 días.

Resto de Europa: 3 días.

Resto do mundo: 4 días.

– No caso de representacións consecutivas:

Os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación artística ou concerto.

2.2. Modalidade A.3:

– O correspondente aos gastos derivados da asistencia á feira, festival ou mercado cultural, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantenza (segundo os máximos reflectidos para as modalidades A.1 e A.2), así como os dereitos ou as cotas de asistencia e alugamento de espazos de exhibición, co límite equivalente ao 60 % sobre o custo e co máximo de 4.000 euros por feira e 25.000 euros anuais por solicitante. O máximo de persoas asistentes que se subvencionará por beneficiario será de dúas.

Non son obxecto desta liña de subvencións os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións, nin os correspondentes á elaboración de materiais promocionais.

2.3. Modalidade A.4:

O apoio á distribución de espectáculos de artes escénicas dentro da Comunidade Autónoma. A Agadic subvencionará ata o 100 % dos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social, excluídas axudas de custo) necesarios para a representación, correspondentes á data da súa realización, cos seguintes límites:

a) No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables son:

Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

Ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

Máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

A contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros.

A contía máxima de salario do persoal artístico subvencionable enténdese referida aos mínimos fixados polo Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

Enténdese por caché, para os efectos desta cláusula, o establecido na Rede Galega de Teatros e Auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

Só se subvencionarán os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública para espazos escénicos convencionais. Tamén están incluídos os contratos subscritos con entidades privadas, sempre que os espazos escénicos sexan públicos e xestionados polas ditas empresas privadas en virtude de contrato de xestión de servizos públicos.

As compañías só poderán ser beneficiarias desta subvención nun máximo de catro representacións por espazo.

En ningún caso serán obxecto de subvención as funcións contratadas pola Agadic e, en xeral, pola Xunta de Galicia e calquera das entidades do sector público galego, nin as que sexan consecutivas a estas no mesmo espazo.

b) No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe de caché, ademais dos límites establecidos no punto anterior, a contía total de tal contraprestación máis a axuda da Agadic non poderá superar o 100 % do caché.

Cuarta. Inicio do procedemento: solicitudes

1. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes delas.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinta. Prazo

1. O prazo para presentar as solicitudes será desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e ata o 31 de agosto de 2017.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sexta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Documentación xeral:

• Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

• Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación.

• Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

• Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.

• Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

• Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

1.2. Os documentos relacionados serán obxecto de consulta electrónica automatizada. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente do anexo I e achegar os ditos documentos:

▪ DNI ou NIE da persoa solicitante.

▪ NIF da persoa xurídica solicitante.

▪ DNI ou NIE da persoa representante.

▪ Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

▪ Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

▪ Estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

▪ Estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

1.3. Documentación complementaria para cada modalidade:

a) Modalidade A.1 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia) e modalidade A.2 (subvencións para a exhibición de espectáculos de artes escénicas e musicais en feiras e festivais fóra de Galicia):

– Ficha de distribución (anexo II).

– Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.

b) Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia.

– Ficha de distribución (anexo II).

– Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

– De ser o caso, contrato ou declaración asinada polo solicitante da relación dos asistentes coa entidade.

c) Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

– Ficha de contratación (anexo III).

– Contrato de actuación.

1.4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétima. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Oitava. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal.

Novena. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola Dirección da Axencia, e serán elevados á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesa convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro da Agadic.

2. Ao se tratar dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular o informe proposta de resolución, debidamente motivado.

4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar que se cumpren os requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. O presidente do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación das propostas de resolución. As citadas resolucións deberanse ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da presentación das solicitudes, serán motivadas e farán mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda, da porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable e a distribución da axuda por anualidades. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

7. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

9. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

10. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase ou publicase resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención.

12. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

A) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

B) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

13. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicaranlle á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada. Deberáselle comunicar por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de «axuda de minimis» exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décima. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego de acordo coa cláusula decimoprimeira, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic -consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia- poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo primeira. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. Os prazos de xustificación das presentes subvencións son os seguintes:

– Para expedientes cuxa última función e/ou feira remate ata o día 30 de xuño de 2017, o prazo rematará o día 1 de agosto de 2017.

– Para o resto dos expedientes o prazo rematará o día 15 de novembro.

2. Gastos subvencionables.

Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate final da xustificación, e que se inclúan nos indicados na cláusula terceira para cada modalidade. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

Non serán subvencionables os gastos relativos:

– Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Aos gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– Aos gastos de subcontratación da execución da actividade, cando excedan o 20 % do importe da subvención concedida.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

3. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa:

3.1. Documentación xeral:

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total dos gastos de explotación presentados no proxecto inicial e aceptados como subvencionables pola Agadic (anexo IV).

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario, por importe igual ou superior á subvención concedida, salvo na modalidade A.3, de asistencia á feira, na cal se subvenciona o 60 % do orzamento, e o beneficiario deberá xustificar o 100 % dos gastos. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo V).

3.2. Modalidades A.1 e A.2:

– Copia compulsada dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira, ou certificación acreditativa da realización do espectáculo pola entidade organizadora.

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe igual ou superior á subvención concedida por cada concepto subvencionado e cos límites establecidos nas presentes bases.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

3.3. Modalidade A.3:

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe total dos gastos.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

3.4. Modalidade A.4:

– Fotocopia compulsada dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira.

– Nóminas e documentos acreditativos das contías aboadas en concepto de Seguridade Social do persoal artístico e técnico e, se é o caso, facturas e pagamentos do persoal técnico correspondente á data da representación e xustificantes bancarios dos pagamentos.

Décimo segunda. Obrigas específicas asumidas polas beneficiarias

A entidade subvencionada asume a obriga de cumprir a presente convocatoria e, en concreto, as obrigas seguintes:

1. Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, inseríndoos nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada.

2. Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

3. O beneficiario deberá dar cumprimento das obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Décimo terceira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitarlle á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado.

3. A Agadic poderá acordar, motivadamente, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Décimo cuarta. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file