Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15203

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2017 pola que se convoca unha xornada sobre terrorismo xihadista: análise e riscos.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria dunha xornada sobre terrorismo xihadista: análise e riscos, en colaboración co Centro de Estudos de Seguridade da USC (Ceseg), coa Central Sindical Independente de Funcionarios de Galicia (C-SIF), co Sindicato Unificado de Policía (SUP) e coa Asociación Internacional de Policía (IPA), de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: xornada sobre terrorismo xihadista: análise e riscos.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 16.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

1º. Facilitar unha visión completa sobre o terrorismo xihadista e realizar unha análise desde a súa orixe, evolución e situación actual.

2º. Ofrecer orientacións básicas sobre medidas de autoprotección e formas de proceder, e fomentar a prevención activa.

Contido:

1º. Riscos e ameazas para a seguridade en España.

2º. Evolución recente do DAESH.

3º. Aplicación dun protocolo antixihadista: experiencias desde a formación.

4º. Análise do terrorismo islámico desde a perspectiva histórica.

5º. O xihadismo como ameaza de Occidente: protocolos de seguridade, ameaza en espazos públicos e con grandes aglomeracións, análises dos últimos atentados e a figura do lobo solitario

6º. Resposta xudicial ao terrorismo.

7º. O papel das mulleres europeas na xihad global.

8º. Ciberespionaxe: tratamento da ameaza.

9º. Explotación das capacidades de intelixencia na loita contra o terrorismo xihadista.

10º. O papel das forzas e corpos de seguridade ante o terrorismo xihadista.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatario/as:

Persoal da Policía local, Policia nacional, Garda Civil e Unidade da Policía Nacional Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoal da carreira xudicial, fiscal e letrados da Administración de xustiza.

Persoal de institucións penais.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es. A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 18 de febreiro de 2016.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden atopar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección: por orde de inscrición.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 21 de abril de 2017, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigacións das persoas seleccionadas:

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obrigación de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberá comunicarse por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22. Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De exceder esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp.

Datas: 26 e 27 de abril de 2017.

Horario: das 9.30 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.00 horas.

Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten á súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 20 de marzo de 2017

Luís Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública