Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 6 de abril de 2017 Páx. 16391

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 21 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 340829.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración, para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Segundo. Obxecto

Coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 dos incentivos á súa contratación por conta allea.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións previstas na orde destínase un importe de 2.000.000 de euros.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria