Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 6 de abril de 2017 Páx. 16445

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 29 de marzo de 2017 pola que se crea un novo ficheiro de datos de carácter persoal.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente e establécense nos seus puntos segundo e terceiro as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación, modificación e supresión daqueles.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 16, establece que a Xunta de Galicia creará a historia social única electrónica como conxunto de información e documentos en formato electrónico nos cales se conteñen os datos, as valoracións e as informacións relevantes sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación dos ou das profesionais e dos servizos ou prestacións que interviñeron sobre este.

Así mesmo, o dito artigo indica que a historia social única terá carácter público e confidencial e respectará os dereitos das persoas usuarias ao acceso ao seu expediente persoal e a obter copia del, garantindo que esta historia só será empregada para a intervención profesional e para unha acción inspectora de carácter público.

Tras a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, o 27 de xullo de 2016, publícase o Decreto 89/2016, do 30 de xuño, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica. O dito decreto, no seu artigo 11, número 1, establece que, de conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, os datos persoais relativos á historia social única electrónica serán incluídos nun ficheiro denominado Historia Social Única electrónica, cuxa finalidade é a xestión da dita historia social única electrónica. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Así o exposto, a organización do conxunto de datos persoais que deriven da información e documentación relevante relativa ao ámbito social xerado nos diferentes niveis de prestación e atención determina a creación dun novo ficheiro de datos de carácter persoal.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e tendo en conta o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante a presente orde da Consellería de Política Social créase o ficheiro de datos de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da dita Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, para as disposicións de creación, modificación e supresión de ficheiros, está contida no anexo.

Artigo 3. Finalidade e uso do ficheiro

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro da Consellería de Política Social regulado por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e nos declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas, haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable do ficheiro

A responsabilidade sobre o ficheiro creado por esta orde correspóndelle á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social.

No anexo detállase a unidade ante á cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan no ficheiro.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O ficheiro creado por esta orde está clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación do nivel de protección do ficheiro creado baixo esta orde.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO
Ficheiro de nova creación responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social

Denominación do ficheiro

Historia Social Única Electrónica.

Descrición da súa finalidade e usos previstos

Prestación de servizos públicos relativos ao eido dos servizos sociais e da protección social á cidadanía por parte do sistema galego de servizos sociais e demais sistemas de protección da Administración xeral, do sector público autonómico de Galicia e da Administración local, segundo os usos previstos no Decreto 89/2016, do 30 de xuño, de regulación da creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica.

Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Cidadáns/ás e residentes.

Solicitantes.

Persoas beneficiarias.

Persoas de contacto.

Procedemento de recollida de datos

Formularios en papel e electrónicos.

Entrevistas.

Procedencia dos datos

A propia persoa interesada ou quen exerza a súa representación legal.

Outras persoas físicas.

Fontes accesibles ao público.

Administracións públicas.

Outros: agrupacións de persoas voluntarias, asociacións, centros e entidades colaboradoras.

Estrutura básica do ficheiro.

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos especialmente protexidos: orixe racial, saúde, vida sexual, violencia de xénero.

Datos relativos á comisión de infraccións penais e administrativas.

Datos de carácter identificativo (DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, enderezo, sinatura, imaxe, nº de rexistro, nº da SS/mutualidade, tarxeta sanitaria, nº asistencial).

Datos de características persoais.

Datos económicos financeiros e de seguros.

Datos de circunstancias sociais.

Datos académicos e profesionais.

Datos de detalle de emprego.

Datos de transaccións.

Outros tipos de datos.

Sistema de tratamento

Automatizado.

Comunicacións ou cesións de datos

Outros órganos da Comunidade Autónoma que desenvolvan actividades relativas ao ámbito social ou de protección dos cidadáns: educación, sanidade, igualdade, vivenda, emprego, segundo o previsto na normativa reguladora da historia social única electrónica.

Outros órganos da Administración do Estado con competencia en materia de servizos sociais, segundo o previsto na normativa de servizos sociais.

Outros órganos da Administración local con competencia en materia de servizos sociais, segundo o previsto na normativa de servizos sociais.

Asociacións e organizacións que forman parte do sistema público de servizos sociais.

Centros e entidades colaboradoras que forman parte do sistema público de servizos sociais.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Non están previstas.

Órgano responsable do ficheiro

Consellería de Política Social/Secretaría Xeral Técnica.

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Consellería de Política Social/Secretaría Xeral Técnica.

Edificio Administrativo San Caetano.

15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Nivel do ficheiro

Alto.