Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16721

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 31 de marzo de 2017 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo.

De conformidade co establecido no Decreto 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 239, do 15 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir tres (3) prazas do corpo administrativo de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo.

O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. O número de vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a unha (1) praza. O número de vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a dúas (2) prazas. As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: promoción interna ou acceso libre. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude quedarán definitivamente excluídas. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións respecto ao cambio de quenda deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de admitidas.

I.1.2. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas nos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non superar a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C2 da Xunta de Galicia (corpo auxiliar ou corpo de auxiliares de carácter técnico).

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos como persoal funcionario nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C2 da Xunta de Galicia (corpo auxiliar ou corpo de auxiliares de carácter técnico) desde o que participen. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigos 167 e 176 da LEPG).

I.2.1.5. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.1.6. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.1.7. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutros estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes de españois e de nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.2.6 Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.3. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertenza á escala/especialidade obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e deberán aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1. Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estas poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e no Decreto 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2. Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

- Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

- Familia numerosa ordinaria ou especial: certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

- Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta de pagamento: a persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

- Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

- Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/da titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do DNI, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que na data do 1 de agosto de 2017 conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test, máis cinco (5) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta, correspondentes ao programa que figura como anexo I desta orde.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de normas e temas que integran o programa.

As persoas aspirantes procedentes da quenda de promoción interna estarán exentas neste exercicio da parte xeral do programa.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 12,50 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal publicará, con anterioridade á realización da proba, os criterios de corrección, valoración e superación desta que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de outubro de 2017.

II.1.1.2. Segundo exercicio. As persoas aspirantes deberán realizar por escrito un suposto práctico de desenvolvemento relacionado coas materias correspondentes á parte especial do programa.

Para o desenvolvemento deste exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

O exercicio terá unha duración máxima de dúas (2) horas e trinta (30) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 15 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 7,50 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) o suposto práctico en que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna deberá asinar unha declaración segundo o modelo que figura como anexo III, que será validada pola Dirección Xeral da Función Pública segundo os datos que constan no seu expediente.

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «B», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 13 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2014.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a do persoal aspirante, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anula algunha das súas preguntas, publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.2. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou da súa toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduce que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública. A súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do TRLEBEP e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/a presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/da secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

III.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que considere pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.2.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, e dado que nesta escala/especialidade non existe infrarrepresentación feminina, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu DNI. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación das persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo II desta convocatoria.

c) Fotocopia compulsada do permiso de conducir da clase B en vigor exixido na base I.2.

d) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Quen teña a condición de persoal funcionario de carreira da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia estará exento de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento. Deberá presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependa para acreditar tal condición.

IV.4. As persoas que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo administrativo de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo

Parte xeral:

1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Os valores superiores. Os principios constitucionais. Dereitos fundamentais e liberdades públicas, a súa garantía e a suspensión.

2. A organización territorial do Estado. Organización constitucional do sistema autonómico. Distribución constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. A Administración local.

3. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado.

4. A organización institucional da Comunidade Autónoma de Galicia. O Parlamento. A Xunta e o seu presidente. A Administración de xustiza en Galicia.

5. A Administración autonómica. A organización da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entidades instrumentais do sector público autonómico.

6. O ordenamento xurídico da Unión Europea. Eficacia directa e primacía do dereito comunitario. Dereito orixinario e derivado. As institucións da Unión Europea. Composición e atribucións. As competencias da Unión Europea.

7. O dereito administrativo. As fontes do dereito administrativo. O acto administrativo. Revisión dos actos administrativos. Recursos contra os actos administrativos. O procedemento administrativo común: fases.

8. Dereitos dos cidadáns nas súas relacións coas administracións públicas. A información e a atención ao cidadán na Comunidade Autónoma de Galicia. A transparencia na actividade administrativa.

9. A responsabilidade patrimonial da Administración. O réxime xurídico no sistema español. Responsabilidade de autoridades e funcionarios. Responsabilidade das administracións públicas por actos dos seus concesionarios e contratistas.

10. Os contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Elementos. Clases. Preparación, adxudicación e formalización. Execución e modificación. Extinción.

11. O persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia: clases e normativa de aplicación. Adquisición e perda da relación de servizo. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos. Situacións administrativas.

12. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. Ficheiros de titularidade pública. Réxime sancionador.

13. Políticas de igualdade de xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: disposicións xerais. A transversalidade. A erradicación do uso sexista da linguaxe. As condicións de emprego en igualdade na Administración pública galega. Medidas de conciliación e corresponsabilidade no emprego público. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: medidas de sensibilización, prevención e detección. Dereitos das mulleres vítimas da violencia de xénero.

14. Discapacidade. A definición de discapacidade segundo a Organización Mundial da Saúde. O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: consideración de persoa con discapacidade. Dereitos. Especial consideración do dereito á vida independente de participación en asuntos públicos. Igualdade de oportunidades e non discriminación.

Parte especial:

1. A Unión Europea e a defensa dos dereitos e intereses das persoas consumidoras e usuarias. A protección dos consumidores e usuarios na Constitución española.

2. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de consumo. Órganos competentes. O Instituto Galego de Consumo. Estrutura e funcións. Competencias das entidades locais en materia de consumo. Funcións das oficinas municipais de información ao consumidor. Coordinación e colaboración entre as administracións públicas en materia de consumo.

3. Órganos de representación, consulta e participación da cidadanía en materia de consumo. As asociacións de consumidores. O Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

4. Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias.

5. Lei 2/2012, do 26 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

6. As vías de reclamación e resolución de conflitos en materia de consumo. A mediación. O sistema arbitral de consumo. Real decreto 231/2008, do 15 de febreiro, polo que se regula o sistema arbitral de consumo.

7. O dereito administrativo sancionador en materia de consumo. Principios da potestade sancionadora e do procedemento sancionador. Órganos competentes. Réxime legal das infraccións e sancións en materia de consumo.

8. A inspección de consumo. Funcións, facultades, obrigas e responsabilidade da inspección. Obrigas do administrado. Tipos de actuacións inspectoras. Colaboración con outras administracións e autoridades. Medidas cautelares.

9. Procedemento xeral de inspección. Documentos de inspección: a acta de inspección, a dilixencia. Documentación achegada á acta. Valor probatorio das actuacións inspectoras. Requisitos e limitacións do valor probatorio das actas de inspección.

10. A toma de mostras. Tipos de toma de mostras. Técnicas de mostraxe. Outras actuacións probatorias e periciais.

11. Vendas especiais. Contratos celebrados fóra do establecemento mercantil. Vendas a distancia. Venda automática. A contratación por vía electrónica segundo a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico.

12. As condicións xerais da contratación.

13. Normativa europea, estatal e galega sobre seguridade xeral de produtos.

14. As alertas de produtos perigosos en consumo. Concepto e funcionamento das redes de alerta: RAPEX e SIRI.

15. Normativa de publicidade e prácticas comerciais desleais. Regulación da publicidade nas normas de protección aos consumidores. A indicación dos prezos dos bens e servizos ofertados aos consumidores.

16. Normativa xeral de información e etiquetaxe dos produtos alimenticios, industriais, téxtiles, xoguetes.

17. Normativa do crédito ao consumo. Información e publicidade dos servizos bancarios e dos sistemas de reclamación.

18. Regulación dos talleres de reparación de automóbiles. Servizos de reparación de aparellos de uso doméstico. A prestación de servizos a domicilio. Tinturarías e servizos de limpeza de produtos téxtiles, coiros, peles e sintéticos.

19. Dereitos dos usuarios nos servizos de comunicacións electrónicas.

ANEXO II

Don/dona ...., con domicilio en ..., con DNI/pasaporte ..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo, que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ..., ... de ... de 201...

ANEXO III

Don/dona ...., con domicilio en ..., con DNI/pasaporte ..., declara baixo a súa responsabilidade, para os efectos da exención do terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo, que posúe o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

……………………….., ... de ... de 201...