Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16691

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 31 de marzo de 2017 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

De conformidade co establecido no Decreto 34/2015, do 5 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 10 de marzo), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir oito (8) prazas do corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, pola quenda de promoción interna. O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

1.2.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira ao corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

1.2.4. Ter prestados servizos efectivos durante polo menos dous anos como persoal funcionario no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigos 167 e 176 da LEPG).

I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

1.2.7. Non poden participar no proceso selectivo as persoas que xa pertenzan ao corpo e escala de funcionarios obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e deberán aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1º. Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e, posteriormente, validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estas poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2º. Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

• Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

• Familia numerosa ordinaria ou especial: certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses antes á data da convocatoria.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta de pagamento: a persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

– Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

– Pagamento electrónico:

• Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

• Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza a estas a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que na data do 1 de decembro de 2017 conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Este exercicio constará de dúas probas:

– A primeira proba consistirá na resolución por escrito, dun cuestionario de dez (10) preguntas proposto polo tribunal, sobre as materias comprendidas no programa. O tempo máximo de duración será dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

– A segunda proba consistirá na realización, por escrito, de tres (3) supostos prácticos de dereito tributario ou ben de tres (3) supostos prácticos de dereito orzamentario. O tempo máximo de duración será de dúas (2) horas.

Para o desenvolvemento da segunda proba deste exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; en relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Durante o desenvolvemento desta proba, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos, e da segunda proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos; suma que non poderá ter lugar se a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos, caso en que non se superará o exercicio.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal o contido do exercicio.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de febreiro de 2018.

II.1.1.2. Segundo exercicio. Consistirá en expoñer oralmente catro (4) temas, extraídos ao chou, entre os incluídos no programa conforme o seguinte: o primeiro corresponderá aos temas relativos ás materias de dereito administrativo e de facenda pública (temas 1 a 42); o segundo corresponderá ás de sistema financeiro español e dereito orzamentario (temas 43 a 60); e o terceiro e o cuarto corresponderán á materia de dereito tributario (temas 61 a 94).

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

Despois da extracción dos temas e antes de comezar a súa exposición, concederase ata un máximo de dez (10) minutos de tempo para que a persoa aspirante elabore, en presenza do tribunal, un guión que poderá utilizar no desenvolvemento da súa exposición, consultando para iso exclusivamente o programa de oposición.

Unha vez concluída a exposición dos temas, o tribunal poderá dialogar coa persoa aspirante por un tempo máximo de dez (10) minutos, exclusivamente sobre aspectos concretos relacionados cos temas expostos.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima.

O exercicio celebrarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto. Para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Para estes efectos, na resolución da Dirección Xeral da Función pública pola que se aproban as listas provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas publicada no DOG publicarase tamén se consta no expediente a documentación que xustifique a dita exención. Aquelas persoas aspirantes ás cales non lles conste a dita documentación (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán presentala, de ser o caso, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «S», de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 13 de xaneiro de 2015 da Consellería de Facenda (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2015.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as dúas medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba da que se trate e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.1.2.9. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.2. Fase de concurso.

II.2.1. A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

a) Antigüidade: outorgarase 0,70 puntos por cada ano de servizos efectivos ou fracción superior a 6 meses, ata un máximo de 18 puntos. Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública.

b) Grao persoal consolidado e formalizado: outorgarase a seguinte puntuación segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do recoñecemento de grao pola autoridade competente no día de publicación desta convocatoria no DOG:

– Grao 16: 1 punto.

– Grao 17: 1,5 puntos.

– Grao 18: 2 puntos.

– Grao 19: 2,5 puntos.

– Grao 20: 3 puntos.

– Grao 21: 3,5 puntos.

– Grao 22: 4 puntos.

– Grao 23: 4,5 puntos.

– Grao 24: 5 puntos.

– Grao 25: 5,5 puntos.

– Grao 26: 6 puntos.

– Grao 27: 6,5 puntos.

– Grao 28: 7 puntos.

No suposto en que as persoas funcionarias non teñan formalizado ningún grao persoal, computarase, para os efectos de puntuación na presente epígrafe, o nivel mínimo 16, sempre que tivesen prestado servizos continuados durante dous anos como persoal funcionario de carreira. Non obstante, se dentro do prazo para a presentación da solicitude de participación no proceso selectivo solicita ao órgano competente o recoñecemento do grao persoal, terase en conta o grao correspondente, sempre que a consolidación deste se tivese producido con anterioridade ou no día da publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG.

c) Traballo desenvolvido: outorgarase a seguinte puntuación segundo o nivel do posto de traballo que se ocupe con carácter definitivo o día da publicación desta convocatoria como persoal funcionario do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas:

– Nivel 16: 1,50 puntos.

– Nivel 18: 2 puntos.

– Nivel 20: 2,50 puntos.

– Nivel 22: 3 puntos.

– Nivel 24: 3,50 puntos.

– Nivel 25: 4 puntos.

– Nivel 26: 4,50 puntos.

– Nivel 28: 5 puntos.

A valoración efectuada neste apartado non poderá ser modificada por futuras reclasificacións de nivel, con independencia dos seus efectos económicos.

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe da persoa funcionaria, e ás persoas funcionarias en adscrición provisional ou a disposición valoraráselles o nivel correspondente ao grao que teñan consolidado e formalizado.

d) Formación:

Valoraranse os cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Escola de Facenda Pública e Instituto de Estudos Fiscais, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (Afedap), sobre as seguintes materias:

– Procedemento Administrativo.

– Seguridade e Saúde Laboral.

– Contratación Administrativa.

– Xestión Económica e Orzamentaria.

– Xestión Tributaria.

– Subvencións.

– Persoal.

– Igualdade de Xénero.

– Dereito Sancionador.

– Responsabilidade Patrimonial.

– Informática: Internet, Correo Electrónico, Procesador de Textos, Folla de Cálculo, Bases de Datos, Deseño de Presentacións.

– Protección de Datos de Carácter Persoal.

Así mesmo, puntuaranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados ou polas escolas oficiais de idiomas. A puntuación máxima pola asistencia a estes cursos será dun punto.

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

– Por cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,20 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,40 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,80 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Valorarase tamén cos mesmos criterios o curso de perfeccionamento de xefes de sección.

– Non se valorará:

- A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

- As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

- Os cursos de doutoramento.

- Os módulos ou partes integrantes dun curso.

- Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 6 puntos.

e) Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

f) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, ata o máximo dun punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,2 puntos/permiso.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da LEPG: 0,2 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

II.2.2. Os méritos enumerados na base II.2.1 deberán referirse no momento da data de publicación desta convocatoria no DOG, e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no DOG.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.2.3. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, as persoas aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.2.4. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.3. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou da súa toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do TRLEBEP e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/a presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base IV.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles en que estea prevista a exposición pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderá á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.3.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, posto que non existe no corpo infrarrepresentación feminina, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios da oposición pola súa orde de realización.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.1.

– De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 29 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro).

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo e escala.

c) Declaración baixo a súa responsabilidade de que posúe as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas do corpo e escala ao que accede.

IV.3. As persoas que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas funcionarias e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

Ás persoas aspirantes que superen este proceso selectivo adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que puidera ser ocupado por persoal funcionario da escala superior de finanzas de acordo coa relación de postos de traballo. No caso de que a persoa aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivera aberta á escala superior de finanzas, ofertarase na elección de destino unha praza vacante aberta a esa escala.

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes aprobadas será efectuada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas aspirantes poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Programa do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción
interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma
de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas

– Dereito administrativo:

Tema 1. As fontes do dereito administrativo. A Constitución. A lei. Os decretos lei. A delegación lexislativa. Os tratados internacionais.

Tema 2. A potestade regulamentaria: titularidade, límites e control. O regulamento: clases. Eficacia dos regulamentos. A inderrogabilidade singular.

Tema 3. A organización administrativa. Órganos unipersoais e colexiados. A competencia e a xerarquía. Centralización, descentralización e desconcentración.

Tema 4. O sector público institucional estatal. Os organismos autónomos. As entidades públicas empresariais. As sociedades mercantís estatais. Os demais entes públicos.

Tema 5. As entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

Tema 6. As potestades administrativas. O principio de legalidade. A autotutela da Administración. A responsabilidade da Administración e os seus axentes. Requisitos. Prazos de reclamación e procedemento.

Tema 7. O acto administrativo (I). Concepto, elementos e clases. Forma. A notificación e a publicación dos actos administrativos. O silencio administrativo.

Tema 8. O acto administrativo (II). Eficacia e executoriedade dos actos administrativos. A suspensión de efectos do acto administrativo. A execución forzosa: especial referencia á vía de constrinximento. Validez e invalidez dos actos administrativos. Revogación e anulación de oficio dos actos administrativos.

Tema 9. O procedemento administrativo: concepto e clases. Regulación. As partes no procedemento administrativo: dereitos das persoas e dos interesados. Os interesados. Capacidade, lexitimación e representación. Iniciación. Instrución: especial referencia ao trámite de audiencia. A terminación do procedemento: formas.

Tema 10. Os contratos administrativos (I). O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público. Ámbito subxectivo e obxectivo de aplicación. Órganos de contratación. O contratista: aptitude para contratar. Clasificacións dos contratos.

Tema 11. Os contratos administrativos (II). O obxecto do contrato, o prezo e a súa revisión. Prazo de duración. As garantías no contrato administrativo. A preparación dos contratos. Procedementos de selección do adxudicatario.

Tema 12. Os contratos administrativos (III). Invalidez dos contratos e recurso especial en materia de contratación. A execución do contrato. Efectos, cumprimento e pagamento. Causas de extinción. Cesión dos contratos e subcontratación. Rexistros oficiais.

Tema 13. O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Tráfico xurídico do patrimonio. Utilización e aproveitamento do patrimonio. Xestión do patrimonio. Protección e defensa.

Tema 14. A noción do servizo público. Os modos de xestión do servizo público.

Tema 15. A potestade sancionadora da Administración. Fundamentos, contido e límites. As sancións administrativas: concepto e clases. O procedemento sancionador.

Tema 16. A expropiación forzosa. Fundamento e límites. Os suxeitos da expropiación. Requisitos da expropiación. O prezo xusto. A reversión expropiatoria.

Tema 17. Os recursos administrativos. Clases de recursos. Procedemento de tramitación e resolución dos recursos administrativos.

Tema 18. A xurisdición contencioso-administrativa: ámbito. Os órganos da xurisdición contencioso-administrativa. As partes do procedemento. Obxecto do recurso. O procedemento contencioso-administrativo. A sentenza. Os recursos.

Tema 19. A Administración pública e a xustiza. Conflitos xurisdicionais, cuestións de competencia e conflitos de atribucións.

Tema 20. A organización administrativa estatal. Principios de organización. A organización administrativa central e periférica. A administración consultiva.

– Facenda pública:

Tema 21. O sector público nunha economía de mercado. Delimitación, criterios de medición, importancia e evolución. A contabilidade nacional e o sector público. A facenda pública. Os contidos actuais.

Tema 22. A intervención do sector público na actividade económica. Os fallos do mercado. Os fins do sector público. As operacións do sector público.

Tema 23. A toma de decisións no sector público. Elección social e preferencias individuais. O funcionamento democrático. Burocracia e grupos de interese.

Tema 24. O orzamento. Concepto e estrutura. O ciclo orzamentario. As distintas técnicas orzamentarias: do orzamento administrativo ás modernas técnicas de presupostación. O orzamento e os sistemas de planificación e control.

Tema 25. A eficiencia no sector público. Produción pública e produción privada. Selección e avaliación de proxectos. Custos, beneficios e regras de decisión.

Tema 26. A xestión pública. A xestión pública como ciencia multidisciplinar. Os fallos do sector público. Limitacións da intervención pública na corrección dos fallos do mercado. Emprego público: aspectos descritivos e mecanismos de incentivos.

Tema 27. Experiencias de reforma na xestión pública nos países da OCDE. Problemas de medición do output público. Os indicadores de actividade. Mecanismos casecompetitivos e de mercado: os casemercados. Empresas públicas e eficiencia.

Tema 28. Relación entre equilibrio orzamentario e crecemento e estabilidade económica. Disciplina fiscal na Unión Europea. A reforma da institución orzamentaria en España: as leis de estabilidade orzamentaria.

Tema 29. Gasto público: teorías explicativas do crecemento, equidade e eficiencia. Teorías explicativas do crecemento do gasto público. Incidencia e efectos distributivos do gasto público. Eficacia e eficiencia do gasto público: conceptos e técnicas de análise.

Tema 30. Gasto público no Estado do benestar (I). Gastos sociais. Bens preferentes e equidade categórica. Gasto público en sanidade. Gasto público en educación. Gasto público en vivenda.

Tema 31. Gasto público no Estado do benestar (II). Prestacións económicas: concepto, tipos e xustificación. Sistema de pensións: deseño e efectos económicos. O seguro de desemprego. Os programas de loita contra a pobreza.

Tema 32. Os ingresos públicos. Criterios de clasificación. Os prezos e a empresa pública. Prezos públicos e taxas. As contribucións especiais. O imposto, concepto e distincións. Distintos tipos de impostos. Os elementos integrantes dos impostos.

Tema 33. Os principios impositivos. Os principios do beneficio e da capacidade de pagamento. A incidencia impositiva. Os sistemas fiscais. As principais figuras impositivas. Os condicionantes da estrutura tributaria. Evolución e modelos internacionais.

Tema 34. Os custos da imposición. Custos de eficiencia. Exceso de gravame e imposición óptima. Custos de recadación. A fraude fiscal: conceptos, efectos e condicionantes.

Tema 35. Imposición sobre a renda das persoas físicas: concepto e natureza. Evolución. Concepto fiscal de renda. A consideración das distintas fontes. As rendas irregulares e as variacións patrimoniais. As rendas empresariais. As exencións e os gastos deducibles. A unidade contribuínte: problemas de delimitación e alternativas no seu tratamento. As tarifas e os seus problemas. A autoliquidación. Efectos económicos e valoración actual.

Tema 36. Imposición sobre sociedades: concepto e características. Xustificación. Base impoñible: problemas e alternativas de determinación. Tipos de gravame e beneficios fiscais. A incidencia do imposto. A integración coa imposición sobre a renda das persoas físicas.

Tema 37. A imposición xeral sobre as vendas. Concepto e clasificación. A imposición sobre o valor engadido: tipoloxía e problemas. Incidencia e valoración.

Tema 38. A imposición sobre consumos específicos. Razóns xustificativas. Evolución e figuras actuais. Incidencia e efectos económicos. Cota fixa versus imposición ad valorem. A imposición sobre o comercio exterior.

Tema 39. Tendencias dos modelos tributarios. As críticas aos modelos vixentes. As novas figuras impositivas: os impostos de ordenación, os impostos ecolóxicos e a taxa sobre transaccións financeiras. As propostas de reformas fiscais.

Tema 40. O déficit público e a facenda extraordinaria. Definicións e instrumentos de financiamento. A débeda pública: concepto, clases e efectos económicos, a carga da débeda. As privatizacións de activos públicos. A inflación como imposto. Os efectos económicos do déficit: expansión e efecto expulsión.

Tema 41. A facenda multinivel. Principios do federalismo fiscal. Distribución de competencias e modelos de financiamento. As subvencións intergobernamentais. A facenda internacional: a dobre imposición internacional; a harmonización fiscal.

Tema 42. Planificación fiscal individual e empresarial. Métodos para a análise da planificación fiscal: concepto de custo de uso, tipos marxinais efectivos e cálculo de taxas internas de retorno axustadas por impostos. Concepto de tipo impositivo anual equivalente. Aplicacións a instrumentos de aforro a curto e longo prazo.

– Sistema financeiro español:

Tema 43. A estrutura do sistema financeiro español. A autoridade monetaria. Intermediarios financeiros. Mercados financeiros.

Tema 44. Banco de España. Órganos reitores. Funcións. Supervisión prudencial das entidades de crédito. Execución da política monetaria. O Sistema Europeo de Bancos Centrais e o Banco Central Europeo.

Tema 45. Entidades de crédito. Os bancos. As caixas de aforro. Órganos de goberno. Competencias das CCAA. As fundacións bancarias. As cooperativas de crédito. As entidades de diñeiro electrónico.

Tema 46. O sector asegurador. Competencias da comunidade autónoma en materia de seguros. Condicións para o acceso e para o exercicio da actividade aseguradora. O Consorcio de Compensación de Seguros. Protección do asegurado.

Tema 47. A débeda pública nas administracións territoriais. Limitacións no acceso ao endebedamento do sector público autonómico galego. A tutela financeira sobre as corporacións locais galegas.

– Dereito orzamentario:

Tema 48. O dereito orzamentario: concepto e contido. A lei de disciplina orzamentaria e substentabilidade financeira de Galicia.

Tema 49. A lexislación financeira da Comunidade Autónoma de Galicia: a Facenda autonómica: ámbito de aplicación, dereitos e obrigas da Comunidade Autónoma.

Tema 50. Os orzamentos xerais da comunidade autónoma (I). Concepto e contido. Clasificacións orzamentarias de ingresos e gastos. Elaboración e aprobación.

Tema 51. Os orzamentos xerais da comunidade autónoma (II). As modificacións orzamentarias. Tipoloxía, requisitos e competencias para a súa autorización. O control das modificacións orzamentarias. Liquidación dos orzamentos.

Tema 52. O gasto público: concepto. Principios constitucionais. Procedemento de execución do gasto público.

Tema 53. Xestión de gastos de persoal. Retribucións dos empregados públicos. A Seguridade Social dos empregados públicos. A xestión dos gastos de clases pasivas.

Tema 54. A xestión de gastos contractuais. O nacemento das obrigas contractuais. O cumprimento dos contratos. O recoñecemento da obriga. Xustificación. A extinción da obriga contractual. As obrigas de exercicios futuros.

Tema 55. A xestión de gastos de transferencias. As subvencións: concepto, natureza e clasificación. O procedemento de concesión e pagamento. Xustificación. Reintegro. Infraccións administrativas en materia de subvencións. O delito subvencional.

Tema 56. A Tesouraría da comunidade autónoma: funcións e competencias. A xestión de pagamentos. Pagamentos para xustificar e anticipos de caixa fixa. Réxime xurídico do endebedamento do sector público e dos avais da comunidade autónoma.

Tema 57. O dereito da contabilidade pública. O Plan xeral de contabilidade pública de Galicia. Principios contables, contas anuais e normas de valoración. A Conta xeral da comunidade autónoma. Formación e remisión. Documentos e estados que a integran. Exame, comprobación e aprobación. As contas económicas do sector público.

Tema 58. O control interno da actividade económico-financeira do sector público (I), concepto de control. Clases de control. Natureza, fundamento e ámbito de aplicación do control. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma: organización e funcións.

Tema 59. O control interno da actividade económico-financeira do sector público (II). O control previo de legalidade. Concepto, regulación e principios xerais. Control previo de legalidade de ingresos. Control previo de legalidade de gastos e pagamentos. Diferentes momentos de exercicio. A omisión da intervención. O control financeiro. Concepto. Regulación e principios xerais. Clases de control financeiro. A auditoría como forma de exercicio do control financeiro.

Tema 60. O control externo da actividade económico-financeira do sector público (I). O control parlamentario. O control do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. O Consello de Contas: competencias e funcións. A función fiscalizadora. A función xurisdicional do Tribunal de Contas. Réxime de responsabilidade na xestión financeira pública. Os procedementos para a exixencia de responsabilidade contable.

– Dereito tributario:

Tema 61. O dereito tributario: concepto e contido. As fontes do dereito tributario. Administración tributaria. As obrigas e deberes da Administración tributaria. Os principios do ordenamento tributario español.

Tema 62. A aplicación e a interpretación das normas tributarias. Ámbito temporal e criterios de suxeición ás normas tributarias. Interpretación e cualificación. A integración das normas tributarias: analoxía, simulación e conflito na aplicación da norma tributaria.

Tema 63. Os tributos. Concepto, fins e clases de tributos. A relación xurídico-tributaria. As obrigas tributarias: a obriga tributaria principal, a obriga tributaria de realizar pagamentos á conta, as obrigas entre particulares, as obrigas tributarias accesorias, as obrigacións tributarias formais e as obrigas tributarias no marco da asistencia mutua.

Tema 64. Os obrigados tributarios: clases. Dereitos e garantías. Os suxeitos pasivos. O contribuínte e o seu substituto. Exencións subxectivas. A capacidade de obrar na orde tributaria. Representación. Residencia e domicilio fiscal.

Tema 65. Os responsables tributarios. A responsabilidade tributaria. Responsables solidarios e subsidiarios. Os sucesores. Retedores e obrigados a ingresar á conta. Outros obrigados tributarios.

Tema 66. Os elementos de cuantificación da obriga tributaria. A base impoñible: concepto e métodos de determinación. A base liquidable. O tipo de gravame. A cota tributaria. A débeda tributaria: concepto. Garantías da débeda tributaria.

Tema 67. A aplicación dos tributos (I). Concepto e órganos competentes. A información e asistencia aos obrigados tributarios. A consulta tributaria. Información con carácter previo á adquisición ou transmisión de bens inmobles. O número de identificación fiscal. A xestión censual. Colaboración social na aplicación dos tributos. A Asistencia mutua: concepto.

Tema 68. A aplicación dos tributos (II). Os procedementos administrativos en materia tributaria: fases. Obriga de resolución e prazos de resolución. A proba. Notificacións. A denuncia pública. As liquidacións tributarias.

Tema 69. Actuacións e procedemento de xestión tributaria (I). Funcións de xestión tributaria. Declaracións. Autoliquidacións. Comunicacións de datos. Procedemento de devolución iniciado mediante autoliquidación, solicitude ou comunicación de datos. Procedemento iniciado mediante declaración.

Tema 70. Actuacións e procedemento de xestión tributaria (II). Procedemento de comprobación de valores. Procedemento de verificación de datos. Procedemento de comprobación limitada. Outros procedementos de xestión tributaria.

Tema 71. A recadación (I). Órganos de recadación: organización da xestión recadadora da Xunta de Galicia. Extinción das débedas: o pagamento. Prescrición. Insolvencias. Aprazamentos e fraccionamentos. Garantías para o aprazamento e o fraccionamento. O procedemento de compensación. A compensación de oficio de débedas de entidades públicas. O procedemento de dedución.

Tema 72. A recadación (II). A recadación en período executivo. O procedemento de constrinximento: concepto. Concorrencia de procedementos. Suspensión. Embargo e alleamento de bens e dereitos. O procedemento fronte a responsables e sucesores. Privilexios para o cobramento de débedas tributarias: a facenda pública e os procesos concursais. As terzarías.

Tema 73. A inspección dos tributos: órganos, funcións, facultades e deberes. Tipos de actuacións. Documentación das actuacións da inspección. Procedemento de inspección: normas xerais. Iniciación e desenvolvemento. Terminación das actuacións inspectoras. Disposicións especiais.

Tema 74. A potestade sancionadora en materia tributaria (I). Principios. Os suxeitos responsables das infraccións e sancións tributarias. Concepto e clases de infraccións e sancións tributarias. Cuantificación das sancións. Extinción da responsabilidade derivada das infraccións tributarias e extinción das sancións tributarias.

Tema 75. A potestade sancionadora en materia tributaria (II). Procedemento sancionador en materia tributaria: iniciación, instrución e terminación. Tramitación conxunta. Tramitación separada. Delitos contra a facenda pública. Descrición dos tipos penais contra a facenda pública.

Tema 76. Revisión de actos en vía administrativa. Normas comúns. Procedementos especiais de revisión. O recurso de reposición. As reclamacións económico-administrativas: ámbito de aplicación, organización e competencias. A Xunta Superior de Facenda.

Tema 77. As reclamacións económico-administrativas: os interesados no procedemento. A suspensión. O procedemento xeral: procedemento en única ou primeira instancia, recursos en vía económico-administrativa, procedemento abreviado ante órganos unipersoais.

Tema 78. O imposto sobre a renda das persoas físicas (I): natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Suxeición ao imposto: aspectos materiais, persoais e temporais. Determinación da capacidade económica sometida a gravame: rendementos e ganancias e perdas patrimoniais. Clases de rendas. Integración e compensación de rendas.

Tema 79. O imposto sobre a renda das persoas físicas (II). Base impoñible e liquidable. Reducións. Adecuación do imposto ás circunstancias persoais e familiares do contribuínte. Cálculo do imposto estatal. Gravame autonómico. Cota diferencial. A tributación familiar. Réximes especiais. Declaracións, pagamentos á conta e obrigas formais. O imposto sobre a renda de non-residentes.

Tema 80. O imposto sobre o patrimonio das persoas físicas. Natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Feito impoñible. Suxeito pasivo. Exencións. Base impoñible e liquidable. A débeda tributaria. Xestión do imposto.

Tema 81. O imposto sobre sociedades (I): natureza e ámbito de aplicación. O feito impoñible. Contribuíntes. Exencións. Período impositivo e devindicación do imposto. Base impoñible.

Tema 82. O imposto sobre sociedades (II). Débeda tributaria: tipos de gravame, cota íntegra, bonificacións, deducións, retencións, devolucións e pagamentos á conta. Réximes especiais. Xestión do imposto.

Tema 83. O imposto sobre sucesións e doazóns (I). Feito impoñible: presuncións. Suxeito pasivo e responsables. Base impoñible. Comprobación de valores. A base liquidable. A tarifa. A débeda tributaria. Devindicación e prescrición.

Tema 84. O imposto sobre sucesións e doazóns (II). Normas especiais sobre o dereito de usufruto, uso, habitación, substitución, fideicomisos, reservas, particións e excesos de adxudicación, repudiación, renuncia e doazóns. Obrigas formais. Xestión do imposto.

Tema 85. O imposto sobre o valor engadido (I). Natureza e ámbito de aplicación. Feito impoñible. Breve referencia ás exencións. Deslinde do IVE co Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Lugar de realización do feito impoñible. Devindicación do imposto. Suxeitos pasivos e responsables.

Tema 86. O imposto sobre o valor engadido (II). Repercusións. A base impoñible. A débeda tributaria: tipos impositivos. Deducións. Devolucións. Réximes especiais. Xestión.

Tema 87. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (I). Natureza e contido. Ámbito de aplicación territorial. Transmisións patrimoniais onerosas: feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e cota tributaria. Regras especiais sobre determinados bens e dereitos. Tributación das operacións societarias: feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e débeda tributaria.

Tema 88. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (II). Actos xurídicos documentados: principios xerais e tributación dos documentos administrativos, mercantís e notariais. Disposicións comúns: beneficios fiscais, comprobación de valores, devindicación, prescrición, obrigas formais, xestión e devolución.

Tema 89. Os impostos especiais. Os impostos especiais de fabricación: disposicións comúns e principais normas reguladoras. Os distintos impostos especiais de fabricación: estrutura básica. Tipos estatal e autonómico do imposto sobre hidrocarburos. O imposto especial sobre determinados medios de transporte. Os impostos especiais sobre o carbón e sobre a electricidade. O imposto sobre as primas de seguros. Os impostos ambientais estatais.

Tema 90. A tributación sobre o xogo. Tributos cedidos: taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias. Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar. Imposto sobre actividades do xogo.

Tema 91. Os tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia: o imposto sobre contaminación atmosférica. O imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada. O canon da auga e o coeficiente de vertedura. O canon eólico. O imposto compensatorio ambiental mineiro.

Tema 92. As taxas e prezos públicos: normativa estatal. A lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia: instrumentos financeiros e reguladores. Taxas e prezos: elementos esenciais; aplicación de taxas e prezos.

Tema 93. O financiamento das comunidades autónomas. Principios. Sistemas de financiamento das comunidades autónomas de réxime común. Os tributos cedidos. Órganos e formas de relación entre o Estado e as CCAA.

Tema 94. Financiamento das facendas locais. A Lei reguladora das facendas locais. Estrutura e contido. Os impostos municipais preceptivos e potestativos. Outros recursos. Taxas e contribucións especiais.