Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16676

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN conxunta do 3 de abril de 2017, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-12 Internet: fas un uso responsable?

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, limitada, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación integradas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos de que non se poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, fai referencia á concepción da educación como clave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo e capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poderen satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e outras dezaseis comunidades autónomas. Este concurso ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo responsable, fomentando a participación dos centros docentes, a través do profesorado e do alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo. Dentro deste ámbito estatal realízase a primeira parte do concurso, consistente nun xogo pedagóxico virtual que se desenvolve entre o 10 de outubro de 2016 e o 7 de abril de 2017 a través da plataforma virtual do concurso (http://consumopolis.es/).

Ao remate da primeira parte, corresponde ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2016-2017 Consumópolis-12 sobre consumo responsable e calidade de vida que leva por título: «Internet: fas un uso responsable?» (código do procedemento IN114A).

2. A fase autonómica do concurso consistirá no deseño, na elaboración e na presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable en relación co uso da internet e das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación).

3. As características específicas do traballo establécense no artigo 13 desta resolución.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes equipos deben estar inscritos na fase estatal do concurso e todos os seus membros teñen que tela rematada.

2. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente. Os equipos deben procurar a paridade.

3. Cada equipo deberá presentar un único traballo.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os premios faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2017, na cal existe crédito adecuado e suficiente.

3. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal, que terá lugar en Madrid.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Debido á actividade profesional, económica e social que desempeñan as persoas físicas que sexan titulares dun centro docente, tanto no ámbito da educación como na xestión dos servizos vinculados á propia actividade educativa, considérase que as persoas físicas que sexan titulares de centros educativos teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Deberá presentarse unha solicitude por cada equipo participante.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Os traballos que se presenten ao concurso irán acompañados da seguinte documentación:

a) Ficha virtual en formato PDF descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha, cómpre subir o traballo do equipo á plataforma. Unha vez subido, débese indicar o código do equipo e do traballo.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato PDF. Nela explicarase a organización dos traballos desenvolvidos nas dúas partes do concurso.

2. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación

O prazo para a presentación dos traballos á fase autonómica comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 28 de abril de 2017.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante ou representante (DNI ou NIE).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia deles, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 13. Características dos traballos en equipo

1. Cada equipo participante deberá realizar un traballo de equipo sobre consumo responsable en relación co uso da internet e das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación).

a) O traballo consistirá na realización dun blog en que se traten os seguintes temas: o uso responsable da internet e das TIC desde o punto de vista do consumo responsable, de xeito que se visualice o estudo e a reflexión do alumnado sobre as vías de acceso á internet; os modos de uso das redes sociais; os tipos de produtos TIC consumidos; os seus potenciais riscos ou como realizar un consumo responsable destes produtos; compra segura e responsable a través da internet; dereitos e deberes das persoas consumidoras; formas de pagamento seguro ou calquera outra cuestión relativa ao uso responsable de internet e das TIC.

b) O traballo presentarase en formato electrónico e situarase nun espazo virtual, asignado previamente no portal de Consumópolis, ao cal os equipos participantes poderán acceder desde o 15 de outubro de 2016 ao 7 de abril de 2017, ambos os dous inclusive, e desde onde se poderá descargar a ficha virtual indispensable para identificar os traballos. Só se reservará un espazo virtual por equipo.

c) Os traballos que concursen poderán presentarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos e o profesorado contarán con fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que estarán localizadas na páxina web que sustenta o xogo.

2. Apertura do blog:

1. O docente coordinador abrirá unha conta nalgunha das plataformas gratuítas de blog: www.blogger.com, www.wordpress.com, etc., e elixirá un dos deseños que ofrece a plataforma.

2. Na plataforma virtual poderase consultar un documento detallado cos pasos necesarios para abrir o blog correctamente. Aqueles equipos aos cales se lles presenten problemas técnicos que lles dificulten ou impidan abrir o blog deberán enviar un correo electrónico ao administrador do concurso (ps@kidekom.com), que lles indicará, pola mesma vía, o procedemento que deben seguir.

3. Nome do blog:

a) A URL do blog deberá conter o nome do equipo seguido da palabra «consumopolis12» (por exemplo, se o equipo se chama californianos, o nome deberá ser www.californianosconsumopolis12.blogspot.com).

b) Debe estar redactado en forma positiva.

c) Pode estar escrito en prosa, en verso, ou ser un xogo de palabras que no seu conxunto teña sentido.

d) Debe ser inédito e orixinal e non ter sido premiado noutro concurso.

4. Contido do blog:

a) O blog deberá incluír como mínimo tres entradas, necesariamente referidas ás seguintes temáticas:

– As tecnoloxías da información e da comunicación (TIC): facemos un uso responsable delas?

– O comercio electrónico: é seguro?

– Os xogos en liña: existen outras alternativas de lecer?

b) O blog deberá incluír unha parte titulada «Quen somos», na cal se indique quen compón o equipo e por quen está coordinado.

c) As entradas poderán incluír contido audiovisual, ben de creación propia ben mediante ligazóns que non vulneren os dereitos de autor.

d) As entradas non poderán incluír publicidade (imaxes de marcas de produtos ou servizos existentes) nin persoas famosas ou recoñecidas (deportistas, políticos, cantantes, etc.) nin personaxes de ficción. Tampouco símbolos que fagan alusión expresa a redes sociais, programas ou páxinas de internet existentes.

e) Non poderán conter imaxes ou contidos violentos nin discriminatorios, nin calquera outro contrario aos valores da convivencia.

f) A duración máxima dos vídeos será de entre un e dous minutos e a extensión máxima dos textos será de mil caracteres sen espazos.

g) As imaxes, os audios, as cancións, os sons, os vídeos ou calquera outro contido incluído no blog non poderá vulnerar os dereitos de autor.

h) As imaxes, os audios, as cancións, os sons, os vídeos ou calquera outro contido incluído no blog non poderá conter erros lingüísticos.

i) O incumprimento de calquera destes requirimentos suporá a descualificación do traballo.

Artigo 14. Formalización do envío dos traballos a través da plataforma e obtención da ficha virtual

1. Rematado o blog, o docente coordinador entrará na plataforma habilitada para a segunda parte do concurso, copiará a URL do blog e subirá unha captura de pantalla en que quede reflectido o estado do blog xa finalizado. A partir deste momento non se poderá modificar, reescribir nin eliminar ningún contido no blog.

2. Formalizado o envío a través da plataforma, o docente coordinador poderá descargar a ficha virtual correspondente, documento que contén os datos do traballo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.

3. Desde o momento en que a ficha virtual do traballo sexa descargada pola persoa coordinadora, o traballo non poderá ser modificado. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Artigo 15. Memoria da participación no concurso

1. Cada equipo elaborará unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, en que expoña como foi a súa participación no concurso.

2. Na memoria recollerase, de xeito resumido e esquemático, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe acadada como consecuencia da participación no concurso. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña Consumópolis-12 e cal foi, se foi o caso, a documentación consultada.

b) Como se organizaron os membros do equipo para a realización do blog, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas dixitais e os demais materiais empregados.

c) A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso anteriormente descritas.

d) Xuntarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

3. A memoria realizarase en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada (nome do equipo, título do traballo, nome do centro, nome do docente coordinador e nome dos membros do equipo).

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, en que se diferencie de xeito claro a primeira parte, a segunda parte e a valoración da experiencia e da aprendizaxe.

c) Anexo bibliográfico e fotográfico, se é o caso.

Artigo 16. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Un/unha asesor/a de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da dirección técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 17. Criterios de valoración

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

1. A puntuación obtida no xogo pedagóxico «Internet: fas un uso responsable?», que representará o 45 % da puntuación total que deberá conseguir cada equipo. A avaliación das probas incluídas no xogo interactivo a través da internet Consumópolis 12 quedará establecida de forma automática pola propia plataforma web que soporta o xogo en liña.

2. Para a valoración dos traballos en equipo da segunda parte do concurso teranse en conta os criterios seguintes:

– Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso.

– Creatividade, orixinalidade e presentación na composición do traballo en equipo.

3. Para a valoración dos equipos que optan aos premios autonómicos, o traballo en equipo valorarase cun máximo de 50 puntos, coa seguinte ponderación:

a) Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: ata 15 puntos.

b) Claridade na mensaxe: ata 10 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade na composición: ata 10 puntos.

d) Presentación, calidade lingüística e calidade técnica: ata 10 puntos.

e) Memoria explicativa: ata 5 puntos.

Artigo 18. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non son resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2017, na cal existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal, que terá lugar en Madrid.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración posterior nos traballos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 20. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que poidan resultar da utilización dos textos, das imaxes e doutros elementos creativos achegados na realización do traballo e cuxa propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 21. Retirada da documentación

A dirección do centro educativo e/ou as persoas coordinadoras dos traballos presentados ao concurso poderán solicitar a retirada daqueles non premiados da páxina web que soporta o concurso, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario, quedarán expostos de forma permanente mentres se manteña o concurso.

Tamén poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a devolución dos traballos non premiados na convocatoria.

Artigo 22. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, ante a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 23. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, nº 1, 3-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.gal

Disposición derradeira

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2017

Sol María Vázquez Abeal

Román Rodríguez González

Directora do Instituto Galego do Consumo
e da Competencia

Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria