Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16640

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 36/2017, do 6 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.un da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, establece que durante o ano 2017 só se poderá proceder no sector público delimitado no artigo anterior á incorporación do novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

O Real decreto lei 6/2017, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público nos ámbitos de persoal docente non universitario e universitario, Forzas Armadas, forzas e corpos de seguridade do estado e corpos de policía dependentes das comunidades autónomas para 2017, establece no artigo 1.1.a) unha taxa de reposición do cen por cento para as administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas dos corpos de funcionarios docentes non universitarios.

Polo anterior, e tendo en conta a planificación educativa e as vacantes que durante o ano 2016 se produciron nos distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes, no ano 2017.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e Lei 10/2015, do 31 de agosto, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de abril de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o ano 2017 nos termos que se establecen neste decreto, e de conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

Corpo de mestres: 400.

Corpo de profesores de ensino secundario: 540.

Corpo de profesores de música e artes escénicas: 23.

Corpo de profesores técnicos de formación profesional: 80.

Artigo 3. Distribución das prazas do corpo de profesores de ensino secundario e do corpo de profesores de música de artes escénicas

As prazas correspondentes ao corpo de profesores de ensino secundario distribuiranse entre o sistema de ingreso libre e a promoción interna do seguinte xeito:

a) Sistema de ingreso libre: 432.

b) Sistema de acceso desde os corpos docentes clasificados no subgrupo A2: 108.

As 23 prazas correspondentes ao corpo de profesores de música e artes escénicas son para o sistema de acceso de funcionarios docentes ao mesmo subgrupo e nivel de complemento de destino.

Artigo 4. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva superase a proba e non obtivese praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluído ou incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 5. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións ca os demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 6. Acumulación das prazas

1. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de ingreso libre acumularanse ás convocadas no dito sistema, na correspondente especialidade.

2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de acceso acumularanse ás prazas convocadas polo dito sistema, na correspondente especialidade.

3. As prazas que, se é o caso, queden vacantes dos sistemas de acceso do A1 ao A1 e do A2 ao A1 non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de abril de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria