Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16550

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 35/2017, do 30 de marzo, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia constituíu unha primeira regulación da formación mínima dos socorristas acuáticos/as e o seu Rexistro Profesional na Comunidade Autónoma.

Os dous eixos centrais regulamentados determináronse no artigo 6, relativo á formación mínima, e na disposición transitoria única, relativa á inscrición provisional.

En relación co primeiro deles, a formación mínima para o acceso ao rexistro constituíu e constitúe a referencia mais importante, xa que vén supoñer o establecemento duns novos altos estándares de calidade e capacitación para o desenvolvemento da profesión en Galicia, ao exixir estar en posesión da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas, ou/e da cualificación profesional de socorrismo en espazos acuáticos naturais, dependendo do ámbito en que vaian desenvolver a súa actividade.

Así, o certificado de profesionalidade convértese no motor central de cambio e especialmente significativo da regulación, ao establecer a exixencia da súa posesión para exercer a profesión, pois que deste xeito se aumenta notablemente a cualificación da formación dos/das profesionais e, consecuentemente, a vixilancia, seguridade e prestación de calidade do servizo á cidadanía usuaria en consonancia co sistema nacional de cualificacións e formación profesional, que ten entre os seus fins capacitar para o exercicio de actividades profesionais e promover unha oferta formativa de calidade e, neste ámbito, o certificado, tanto en instalacións acuáticas como en espazos acuáticos naturais, supón unha garantía suplementaria para as persoas usuarias.

Pero a dita garantía suplementaria non está constituída só polo certificado, senón que se ampliou mediante a implantación doutras vías, como a exixencia para o acceso ao rexistro do título de técnico deportivo en salvamento e socorrismo ou do título de técnico deportivo superior en salvamento e socorrismo, ou ben da acreditación de ter superado as catro unidades de competencia da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas ou/e espazos naturais, todas elas coas especificacións do artigo 6.

As referidas garantías suplementarias de presente e futuro dunha axeitada prestación de servizos de calidade exixían e exixen xestionar o cambio incorporando transitoriamente os/as profesionais formados/as ao abeiro da situación anterior, polo que mediante a disposición transitoria única e durante o período transitorio de 5 anos se permitía garantir a obtención por parte das persoas interesadas da acreditación das unidades de competencia da cualificación profesional correspondente e se poderían inscribirse de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia as persoas que, no momento da entrada en vigor desta normativa, cumprisen cos requisitos da referida disposición transitoria.

Deste xeito, cunha planificación de futuro, de presente e da realidade social, en resumo, regulábase a formación mínima e a transitoriedade, que constituíron durante estes anos eixes principais da profesión de socorrista.

Non obstante, durante o tempo de vixencia do actual decreto, púxose de manifesto a necesidade de introducir determinadas modificacións dirixidas a tres obxectivos principais:

• Por unha banda, manter o alto nivel de exixencia para a prestación dos servizos de cualificación e calidade á cidadanía usuaria, mantendo o certificado de profesionalidade como eixe central, ademais das outras titulacións ou acreditacións especificadas no artigo 6 do decreto.

• Doutra, incorporar mediante unha ordenada formación de adaptación á profesión os licenciados e licenciadas ou graduados e graduadas en ciencias da actividade física e o deporte e os técnicos e técnicas superiores en animación de actividades físicas e deportivas, xa que constitúen titulacións especialmente vinculadas á actividade física e o deporte e que cos cursos de adaptación de 270 e 265 horas, segundo sexa para espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas, conformarán profesionais cunha alta cualificación para prestar un servizo de alta calidade.

• E, como terceiro obxectivo, ampliar o prazo para que aos/ás profesionais formados/as con anterioridade á actual regulación se lles garanta a posibilidade da obtención da cualificación ou formación profesional correspondente.

Ademais destes principais obxectivos, cómpre destacar que a modificación regula as entidades que poderán realizar os cursos de adaptación, baixo o criterio da experiencia ou da especial vinculación ás persoas destinatarias e posibilita tamén que as entidades locais poidan programar a dita formación. Así, esta vinculación ou experiencia atópase nas propias entidades locais como entes contratantes dos profesionais, nas entidades acreditadas para impartir o certificado de profesionalidade do código AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas e do código AFDP0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, conforme a normativa aplicable de centros e entidades de formación para o emprego, nas universidades dado que son as entidades que poden impartir o Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, que se establece como nova formación mínima de acceso ao rexistro, ou nos centros que teñan autorizadas as ensinanzas deportivas na modalidade de Salvamento e Socorrismo, así como aqueles que teñan autorizado o ciclo superior de Animación de Actividades Físicas e Deportivas da familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas, pola mesma razón anterior pero referida ao título de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, ademais da propia Academia Galega de Seguridade Pública.

E finalmente, en coherencia co anterior, aprovéitase para ampliar a regulación dos cursos de reciclaxe establecendo como entidades formadoras as mesmas que para os cursos de adaptación.

En virtude do exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, facendo uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de marzo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, queda modificado como segue:

Un. Engádense dúas novas letras D) e E) nos puntos 1 e 2 do artigo 6:

«Artigo 6.1:

D) Título de Licenciado ou Graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA), establecido no anexo V e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda.

E) Título de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA), establecido no anexo V e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda.

Artigo 6.2:

D) Título de Licenciado ou Graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), establecido no anexo VI e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda.

E) Título de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), establecido no anexo VI e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda».

Dous. Engádese unha disposición adicional primeira:

«Disposición adicional primeira. Entidades autorizadas para impartir os cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA) e en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), obriga de comunicación e facultades de control

1. As entidades que poderán impartir o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas e o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais, de acordo co establecido no anexo V, VI e VII serán as seguintes:

a) As entidades acreditadas para impartir o certificado de profesionalidade do código AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas e do código AFDP0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, conforme a normativa aplicable de centros e entidades de formación para o emprego.

b) As universidades.

c) Os centros que teñan autorizadas as ensinanzas deportivas na modalidade de Salvamento e Socorrismo, así como aqueles que teñan autorizado o ciclo superior de Animación de Actividades Físicas e Deportivas da familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas, sempre que cumpran os requisitos establecidos neste decreto.

d) As entidades locais de Galicia.

2. As entidades deberán comunicar, cunha antelación mínima dun mes, á Academia Galega de Seguridade Pública a celebración dos cursos, sen que sexa precisa unha autorización expresa para a súa realización.

A comunicación deberá realizarse de xeito individual para cada edición dos cursos. Non poderán acumularse na solicitude dúas ou máis edicións de cada curso.

3. As comunicacións deberán realizarse segundo o modelo do anexo VIII desta disposición e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF da entidade solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante da entidade.

No caso de que as entidades ou persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades ou persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. Se a comunicación contén algunha deficiencia ou omisión de carácter esencial nos datos ou manifestacións, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de 10 días, emende a falta, sen prexuízo da facultade para requirir calquera outra documentación que se considere oportuna.

Cando a comunicación cumpra os requisitos establecidos, a Agasp notificarao á entidade interesada.

6. No suposto de incumprimento do prazo de comunicación ou do contido dela e sen prexuízo dos requirimentos que procedan para a súa emenda, o curso carecerá de validez para a inscrición das persoas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

7. Nun prazo de 10 días contados desde a finalización do curso, as entidades interesadas deberán comunicalo á Agasp mediante o modelo normalizado segundo o anexo IX desta disposición e acompañado da seguinte documentación:

– A relación do alumnado presentado, matriculado e apto especificando nomes, apelidos e DNI ou NIE.

8. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación, nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Agasp. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agasp, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Academia Galega de Seguridade Pública, rúa da Cultura s/n, CP 36680, A Estrada, Pontevedra, ou a través dun correo electrónico a agasp@xunta.gal.

11. Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición e os do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

12. A Academia Galega de Seguridade Pública poderá requirir calquera documentación que considere oportuna, e directamente, mediante contrato, convenio ou calquera outro instrumento xurídico válido con terceiro, queda facultada para exercer calquera tipo de control ou inspección sobre o referido curso para comprobar a súa adecuación aos requisitos establecidos nos anexos deste decreto, así como para ditar as resolucións que procedan, incluído, se for o caso, o non recoñecemento, para os efectos administrativos regulados neste decreto, da suficiencia do curso».

Tres. Engádese unha disposición adicional segunda:

«Disposición adicional segunda. Realización dos cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

A Academia Galega de Seguridade Pública, nas súas propias instalacións existentes ou ben mediante contrato, convenio ou calquera outro instrumento xurídico válido con terceiro, poderá impartir os cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas e o de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais».

Catro. Engádese unha disposición adicional terceira:

«Disposición adicional terceira. Entidades autorizadas para impartir os cursos de formación continua establecidos no número 3 do artigo 10

As entidades autorizadas para impartir os cursos de formación continua establecidos no número 3 do artigo 10 serán as mesmas que as establecidas na disposición adicional primeira e segunda.

Para a realización desta formación continua aplicaranse igualmente as disposicións adicionais primeira e segunda».

Cinco. A disposición transitoria única pasa a denominarse «Disposición transitoria primeira».

Seis. Engádese unha nova disposición transitoria segunda:

«Disposición transitoria segunda. Prazo excepcional para a comunicación dos cursos durante o ano 2017

Excepcionalmente, durante o ano 2017, o prazo establecido para a comunicación a que se refire o punto segundo da disposición adicional primeira será de quince días».

Sete. Engádense cinco novos anexos do seguinte teor:

ANEXO V
CURSO DE ADAPTACIÓN DA ACTIVIDADE FÍSICA E DEPORTIVA PARA O EXERCICIO PROFESIONAL DO SOCORRISMO EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

CÓDIGO:

CAFDO-IA

PERSOAS DESTINATARIAS:

LICENCIADOS E LICENCIADAS OU GRADUADOS E GRADUADAS EN CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E O DEPORTE

TÉCNICOS E TÉCNICAS SUPERIORES EN ANIMACIÓN DE ACTIVIDADES FÍSICAS E DEPORTIVAS

NÚMERO DE HORAS:

265 HORAS

CÓDIGO DO MÓDULO

DENOMINACIÓN DO MÓDULO FORMATIVO

CAFDO-IA-1

PROBA ESPECÍFICA

CAFDO-IA-2

PREVENCIÓN DE SITUACIÓNS DE RISCO E VIXILANCIA EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

CAFDO-IA-3

INTERVENCIÓN E RESCATE EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

CAFDO-IA-4

PRIMEIROS AUXILIOS E ACTUACIÓN INICIAL EN EMERXENCIAS NAS INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

CAFDO-IA-5

PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS DE SOCORRISMO EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

MÓDULO FORMATIVO

Duración total en horas

CAFDO-IA-1

PROBA ESPECÍFICA

120

CAFDO-IA-2

PREVENCIÓN DE SITUACIÓNS DE RISCO E VIXILANCIA EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

15

CAFDO-IA-3

INTERVENCIÓN E RESCATE EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

25

CAFDO-IA-4

PRIMEIROS AUXILIOS E ACTUACIÓN INICIAL EN EMERXENCIAS NAS INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

25

CAFDO-IA-5

PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS DE SOCORRISMO EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

80

TOTAL (120 PROBA DE ACCESO + 65 DE FORMACIÓN + 80 PRÁCTICAS PROFESIONAIS)

265

DESCRICIÓN DOS MÓDULOS QUE SE DEBERÁN CURSAR:

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-IA-1

PROBA ESPECÍFICA

120 horas

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación:

Desenvólvese no ambiente acuático executando técnicas específicas de nado e habilidades e destrezas específicas con eficacia e seguridade.

a) Executouse o mergullo e a orientación posterior no ambiente acuático durante o desprazamento de xeito eficaz.

• Entrada á auga de pé mantendo o equilibrio e o control do corpo no aire durante o salto.

• Entrada á auga de cabeza de xeito hidrodinámico, mantendo o control do corpo no aire durante o salto.

b) Realizouse o nado en apnea durante a distancia establecida, manténdose preto do chan da piscina, sen saír á superficie e mantendo a dirección da proba.

c) Mantívose a flotación durante a colocación das aletas, mantendo a orientación e utilizando cando menos unha técnica identificable.

d) Executáronse varios xiros nos diferentes eixes cada 25 metros e cada cambio de estilo durante o desprazamento na auga mantendo a flotación e a orientación, e permitindo a observación do contorno.

e) Executáronse as técnicas de crol con cabeza fóra da auga, braza completa, costas con aletas e crol con aletas, mantendo a dirección da proba, coordinando os movementos coa respiración e adaptándose ao uso do material auxiliar.

f) Mantívose a eficacia no desprazamento, a velocidade e resistencia de nado, realizando a totalidade da proba en menos de cinco minutos e trinta segundos.

Proba asociada «Combinada con aletas».

• A persoa aspirante situada na banqueta de saída da piscina introdúcese na auga (de pé ou de cabeza, segundo a proposta do tribunal) e mergúllase ata o fondo da piscina (mínimo 1,80 metros de profundidade).

• A continuación percorre en apnea prolongada unha distancia de 10 a 15 metros.

• Ascende á superficie e completa os primeiros 25 metros nadando a estilo libre.

• Posteriormente percorre 25 metros a estilo crol coa cabeza fóra, mantendo a visión fóra da auga, a orientación e a observación do contorno.

• Seguidamente realizará 50 metros a estilo braza.

• Logo de percorridos, colócase as aletas situadas nun extremo do bordo do vaso manténdose en flotación dinámica.

• Despois de colocar as aletas percorre 50 metros nadando a estilo costas.

• Segue 50 metros nadando a estilo crol e dáse por finalizada a proba.

Condicións básicas de realización da proba de acceso: espazo e equipamentos.

Espazo: piscina de 25 m × 1,80 m de profundidade.

Equipamento e material: un par de aletas por alumno/a.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-IA-2

PREVENCIÓN DE SITUACIÓNS DE RISCO E VIXILANCIA EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

15 horas

Resultados de aprendizaxe:

– Definir e aplicar técnicas específicas de supervisión e análise do contexto de intervención para detectar factores de perigosidade en zonas de baño habituais en instalacións acuáticas.

– Identificar e determinar os recursos materiais tendo en conta factores de prevención, vixilancia, rescate e atención primaria á persoa accidentada, e o seu mantemento.

– Elaborar e/ou adaptar protocolos de actuación preventivos, de rescate e de evacuación segundo as tipoloxías de accidentes.

– Deseñar un protocolo de actuación para seguir en caso de condutas inadecuadas ou incorrectas por parte das persoas usuarias da instalación, ante a existencia dunha modificación das condicións de salubridade do centro acuático.

– Seleccionar a información que un centro acuático debe dar ás persoas usuarias para mellorar a seguridade das súas actividades.

– Concienciar sobre as condutas que deben ter as persoas usuarias respecto aos espazos e elementos naturais da instalación.

– Determinar as medidas que debe adoptar o socorrista ou a socorrista considerando a súa identificación permanente, a súa autoprotección e a prevención de riscos laborais.

– Definir e aplicar diferentes técnicas de comunicación e habilidades sociais relativas a diferentes persoas usuarias e situacións, garantindo a seguridade e a boa convivencia.

– Definir técnicas e protocolos de vixilancia nas zonas de baño público, considerando as características da instalación acuática.

Contidos:

– Lexislación específica e relacionada co socorrismo en instalacións acuáticas:

• Leis e normativas relacionadas coa seguridade en instalacións acuáticas:

Dereitos e deberes laborais do socorrista ou da socorrista acuático/a.

Responsabilidade civil e penal do socorrista ou da socorrista acuático/a.

• Barreiras arquitectónicas: lexislación estatal e autonómica, factores e recursos de seguridade.

• Organización do socorrismo en instalacións acuáticas, recursos humanos e materiais en piscinas, parques acuáticos, piscinas naturais.

– Vixilancia e prevención de accidentes en instalacións acuáticas: prevención, vixilancia, riscos laborais, protocolos de actuación e plans de emerxencia.

– Comunicación aplicada a situacións de prevención de riscos: técnicas de comunicación aplicadas a situacións de prevención de riscos, sistemas de comunicación interna e externa.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-IA-3

INTERVENCIÓN E RESCATE EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

25 horas

Unidade formativa 1: Técnicas de nado e condición física no rescate de persoas accidentadas en instalacións acuáticas (10 horas).

Resultados de aprendizaxe:

– Desenvolver un programa específico de mantemento do nivel de condición física e de adestramento de técnicas de intervención eficaz do socorrista ou da socorrista en instalacións acuáticas.

– Facilitar a incorporación de novas tendencias e protocolos e plans de actuación ante emerxencias en instalacións acuáticas.

Contidos:

– Mergullo básico: nocións físicas aplicadas ao mergullo, mergullo con equipo subacuático sinxelo: aletas, lentes e tubo, modificacións da visión.

– Acondicionamento físico do socorrista ou da socorrista: o adestramento no medio acuático; adestramento específico das técnicas de traslado en socorrismo acuático.

Unidade formativa 2: Extracción e traslado de persoas accidentadas en instalacións acuáticas (15 horas).

Resultados de aprendizaxe:

– Valorar as situacións de emerxencia que poden acontecer nas diferentes instalacións acuáticas establecendo os procedementos para o rescate.

– Executar con seguridade e eficacia as manobras de entrada, aproximación, control e traslado no medio acuático, adaptándoas a diferentes situacións.

– Describir as técnicas de comunicación no trato coa persoa accidentada e/ou acompañantes en función da situación de emerxencia.

– Definir as técnicas de autocontrol ante situacións de emerxencia.

Contidos:

– Intervención no socorrismo acuático.

• Características da auga e consideracións relativas á roupa e ao calzado.

• Organización do salvamento e socorrismo.

• A percepción do problema: elementos esenciais na percepción.

• A análise da situación.

• A toma de decisións.

• Execución das accións de rescate.

– Técnicas de rescate en instalacións acuáticas:

• De localización, puntos de referencia e composición de lugar.

• A utilización do material como medio auxiliar de rescate acuático: aro salvavidas, tubo de rescate, boia torpedo.

• Técnicas de entrada na auga: con ou sen material.

• Técnicas de aproximación, contacto, traslado e extracción da persoa accidentada.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-IA-4

PRIMEIROS AUXILIOS E ACTUACIÓN INICIAL EN EMERXENCIAS NAS INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

25 horas

Resultados de aprendizaxe:

– Identificar as características da asistencia como primeira persoa interveniente.

– Aplicar técnicas de valoración inicial segundo o protocolo establecido accedendo á persoa accidentada de forma oportuna e asegurando un contorno seguro.

– Aplicar técnicas de soporte vital segundo o protocolo establecido.

– Identificar os primeiros auxilios que se deben prestar para as lesións ou patoloxías máis frecuentes e aplicar as técnicas de primeiros auxilios segundo os protocolos establecidos.

– Aplicar métodos de mobilización e inmobilización que permitan a evacuación da persoa accidentada se for necesario.

– Aplicar técnicas de apoio psicolóxico á persoa accidentada e a familiares.

– Aplicar técnicas de autocontrol ante situacións de estrés.

Contidos:

– Fundamentos dos primeiros auxilios: definición de accidente, urxencia e emerxencia; aspectos ético-legais na primeira persoa interveniente.

– Actuación da primeira persoa interveniente: riscos na intervención; seguridade e protección durante a intervención; prevención de contaxios e enfermidades.

– Técnicas de apoio psicolóxico en primeiros auxilios: medidas, técnicas e estratexias de autocontrol emocional para superar situacións de ansiedade, agresividade, angustia, dó e estrés.

– Técnicas e manobras da primeira asistencia á persoa accidentada: RCP básica e obstrución da vía aérea por corpo estraño; desfibrilación precoz; intervención prehospitalaria en afogamentos e persoas lesionadas medulares no medio acuático; a caixa de primeiros auxilios e a enfermaría.

– Emerxencias colectivas e catástrofes: sistemas de emerxencia; accidentes de tráfico; emerxencias colectivas e catástrofes.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-IA-5

PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS DE SOCORRISMO EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

80 horas

Resultados de aprendizaxe:

– Completar a adquisición de competencias profesionais propias do socorrismo en instalacións acuáticas acadadas a través dos contidos teóricos e prácticos propios do curso en situacións laborais reais.

– Adquirir unha identidade e unha madureza profesional motivadoras para a aprendizaxe ao longo da vida e para as adaptacións aos cambios das necesidades de formación.

ANEXO VI
CURSO DE ADAPTACIÓN DA ACTIVIDADE FÍSICA E DEPORTIVA PARA O EXERCICIO PROFESIONAL DO SOCORRISMO EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

CÓDIGO:

CAFDO-EAN

PERSOAS DESTINATARIAS:

LICENCIADOS E LICENCIADAS OU GRADUADOS E GRADUADAS EN CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E O DEPORTE

TÉCNICOS E TÉCNICAS SUPERIORES EN ANIMACIÓN DE ACTIVIDADES FÍSICAS E DEPORTIVAS

NÚMERO DE HORAS:

270 HORAS

CÓDIGO DO MÓDULO

DENOMINACIÓN DO MÓDULO FORMATIVO

CAFDO-EAN-1

PROBA ESPECÍFICA

CAFDO-EAN-2

PREVENCIÓN DE SITUACIÓNS DE RISCO E VIXILANCIA EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

CAFDO-EAN-3

INTERVENCIÓN E RESCATE EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

CAFDO-EAN-4

PRIMEIROS AUXILIOS E ACTUACIÓN INICIAL EN EMERXENCIAS NOS ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

CAFDO-EAN-5

PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS DE SOCORRISMO EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

MÓDULO FORMATIVO

Duración total en horas

CAFDO-EAN-1

PROBA ESPECÍFICA

120

CAFDO-EAN-2

PREVENCIÓN DE SITUACIÓNS DE RISCO E VIXILANCIA EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

20

CAFDO-EAN-3

INTERVENCIÓN E RESCATE EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

25

CAFDO-EAN-4

PRIMEIROS AUXILIOS E ACTUACIÓN INICIAL EN EMERXENCIAS NOS ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

25

CAFDO-EAN-5

PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS DE SOCORRISMO EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

80

TOTAL (120 PROBA DE ACCESO + 70 DE FORMACIÓN + 80 PRÁCTICAS PROFESIONAIS)

270

DESCRICIÓN DOS MÓDULOS QUE SE DEBERÁN CURSAR:

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-EAN-1

PROBA ESPECÍFICA

120 horas

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación:

Desenvólvese no ambiente acuático executando técnicas específicas de nado e habilidades e destrezas específicas con eficacia e seguridade.

a) Executouse o mergullo e a orientación posterior no ambiente acuático durante o desprazamento de xeito eficaz.

• Entrada á auga de pé mantendo o equilibrio e o control do corpo no aire durante o salto.

• Entrada á auga de cabeza de xeito hidrodinámico, mantendo o control do corpo no aire durante o salto.

b) Realizouse o nado en apnea durante a distancia establecida, manténdose preto do chan da piscina, sen saír á superficie e mantendo a dirección da proba.

c) Mantívose a flotación durante a colocación das aletas, mantendo a orientación e utilizando cando menos unha técnica identificable.

d) Executáronse varios xiros nos diferentes eixes cada 25 metros e cada cambio de estilo durante o desprazamento na auga mantendo a flotación e a orientación, e permitindo a observación do contorno.

e) Executáronse as técnicas de crol con cabeza fóra da auga, braza completa, costas con aletas e crol con aletas, mantendo a dirección da proba, coordinando os movementos coa respiración e adaptándose ao uso do material auxiliar.

f) Mantívose a eficacia no desprazamento, a velocidade e resistencia de nado, realizando a totalidade da proba en menos de cinco minutos e trinta segundos.

Proba asociada «combinada con aletas».

• A persoa aspirante situada na banqueta de saída da piscina introdúcese na auga (de pé ou de cabeza, segundo a proposta do tribunal) e mergúllase ata o fondo da piscina (mínimo 1,80 metros de profundidade).

• A continuación percorre en apnea prolongada unha distancia de 10 a 15 metros.

• Ascende á superficie e completa os primeiros 25 metros nadando a estilo libre.

• Posteriormente percorre 25 metros a estilo crol coa cabeza fóra, mantendo a visión fóra da auga, a orientación e a observación do contorno.

• Seguidamente realizará 50 metros a estilo braza.

• Logo de percorridos, coloca as aletas situadas nun extremo do bordo do vaso manténdose en flotación dinámica.

• Despois de colocar as aletas percorre 50 metros nadando a estilo costas.

• Segue 50 metros nadando a estilo crol e dáse por finalizada a proba.

Condicións básicas de realización da proba de acceso: espazo e equipamentos.

Espazo: piscina de 25 m × 1,80 m de profundidade.

Equipamento e material: un par de aletas por alumno/a.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-EAN-2

PREVENCIÓN DE SITUACIÓNS DE RISCO E VIXILANCIA EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

20 horas

Resultados de aprendizaxe:

– Definir e aplicar técnicas específicas de supervisión e análise do contexto de intervención para detectar factores de perigosidade en zonas de baño habituais en espazos acuáticos naturais.

– Identificar e determinar os recursos materiais tendo en conta factores de prevención, vixilancia, rescate e atención primaria á persoa accidentada, e o seu mantemento.

– Elaborar e/ou adaptar protocolos de actuación preventivos, de rescate e de evacuación segundo as tipoloxías de accidentes.

– Determinar as medidas que debe adoptar o socorrista ou a socorrista considerando a súa identificación permanente, a súa autoprotección e a prevención de riscos laborais.

– Definir e aplicar diferentes técnicas de comunicación e habilidades sociais relativas a diferentes persoas usuarias e situacións, garantindo a seguridade e a boa convivencia.

– Formar as persoas usuarias sobre as condutas que deben adoptar en canto á conservación e respecto polos espazos acuáticos naturais e o seu contorno.

– Definir técnicas e protocolos de vixilancia nas zonas de baño público, considerando as características do espazo acuático natural.

Contidos:

– Lexislación específica e relacionada co socorrismo en espazos acuáticos naturais:

• Leis e normativas relacionadas coa seguridade en espazos acuáticos naturais:

Dereitos e deberes laborais do socorrista ou da socorrista acuático/a.

Responsabilidade civil e penal do socorrista ou da socorrista acuático/a.

• Barreiras arquitectónicas: lexislación estatal e autonómica, factores e recursos de seguridade.

• Organización do socorrismo en espazos acuáticos naturais, recursos humanos e materiais en praias fluviais, encoros e lagos, ríos e riadas, praias de bandeira azul.

– Vixilancia e prevención de accidentes en espazos acuáticos naturais: prevención, vixilancia, riscos laborais, protocolos de actuación e plans de emerxencia.

– Comunicación aplicada a situacións de prevención de riscos: técnicas de comunicación aplicadas a situacións de prevención de riscos, sistemas de comunicación interna e externa.

– Factores ambientais, influencia na intervención do socorrista ou da socorrista en espazos acuáticos naturais: tipos de espazos e características; factores atmosféricos; factores que afectan o medio acuático.

– Factores humanos: afluencia de persoas usuarias e presenza de actividades recreativas ou deportivas.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-EAN-3

INTERVENCIÓN E RESCATE EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

25 horas

Unidade formativa 1: Técnicas de nado e condición física no rescate de persoas accidentadas en espazos acuáticos naturais (10 horas).

Resultados de aprendizaxe:

– Adaptar as habilidades, destrezas e técnicas de nado ás condicións do contorno nos diferentes espazos acuáticos naturais.

– Desenvolver un programa específico de mantemento do nivel de condición física e de adestramento de técnicas de intervención eficaz do socorrista ou da socorrista en espazos acuáticos naturais.

– Facilitar a incorporación de novas tendencias e protocolos e plans de actuación ante emerxencias en espazos acuáticos naturais.

Contidos:

– Mergullo básico: nocións físicas aplicadas ao mergullo, mergullo con equipamento subacuático sinxelo: aletas, lentes e tubo, modificacións da visión.

– Aplicación das técnicas de entrada na auga e de aproximación á persoa accidentada: sen material, con material; desde a beira; desde as embarcacións; a roupa no salvamento; os estilos de nado adaptados ao salvamento no medio natural.

– Acondicionamento físico do socorrista ou da socorrista: o adestramento no medio acuático; adestramento específico das técnicas de traslado en socorrismo acuático.

Unidade formativa 2: Extracción e traslado de persoas accidentadas en espazos acuáticos naturais (15 horas).

Resultados de aprendizaxe:

– Valorar as situacións de emerxencia que poden acontecer nos diferentes espazos acuáticos naturais establecendo os procedementos para o rescate.

– Determinar con seguridade e eficacia as técnicas de rescate desde a beira e desde as embarcacións adaptándoas ás condicións do contorno, accidente, estado da vítima e recursos humanos e materiais dispoñibles.

– Describir as técnicas de comunicación no trato coa persoa accidentada e/ou acompañantes en función da situación de emerxencia.

– Definir as técnicas de autocontrol ante situacións de emerxencia.

Contidos:

– Técnicas de rescate en espazos acuáticos naturais:

• De localización, puntos de referencia e composición de lugar.

• A utilización do material como medio auxiliar de rescate acuático: aro salvavidas, tubo de rescate, boia torpedo, táboa de salvamento, moto acuática, embarcación de motor, carrete de rescate.

• A evacuación da persoa accidentada: coordinación con outros recursos.

– Manobras, tarefas e técnicas específicas nos diferentes espazos acuáticos naturais:

• Intervención do socorrista ou da socorrista acuático/a desde embarcacións acuáticas de rescate.

• Liñas de seguridade, balizamentos e coutamento de zonas.

• Coordinación con outros recursos.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-EAN-4

PRIMEIROS AUXILIOS E ACTUACIÓN INICIAL EN EMERXENCIAS NOS ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

25 horas

Resultados de aprendizaxe:

– Identificar as características da asistencia como primeira persoa interveniente.

– Aplicar técnicas de valoración inicial segundo o protocolo establecido accedendo á persoa accidentada de forma oportuna e asegurando un contorno seguro.

– Aplicar técnicas de soporte vital segundo o protocolo establecido.

– Identificar os primeiros auxilios que se deben prestar para as lesións ou patoloxías máis frecuentes e aplicar as técnicas de primeiros auxilios segundo os protocolos establecidos.

– Aplicar métodos de mobilización e inmobilización que permitan a evacuación da persoa accidentada se for necesario.

– Aplicar técnicas de apoio psicolóxico á persoa accidentada e a familiares.

– Aplicar técnicas de autocontrol ante situacións de estrés.

Contidos:

– Fundamentos dos primeiros auxilios: definición de accidente, urxencia e emerxencia; aspectos ético-legais na primeira persoa interveniente.

– Actuación da primeira persoa interveniente: riscos na intervención; seguridade e protección durante a intervención; prevención de contaxios e enfermidades.

– Técnicas de apoio psicolóxico en primeiros auxilios: medidas, técnicas e estratexias de autocontrol emocional para superar situacións de ansiedade, agresividade, angustia, dó e estrés.

– Técnicas e manobras da primeira asistencia á persoa accidentada: RCP básica e obstrución da vía aérea por corpo estraño; desfibrilación precoz; intervención prehospitalaria en afogamentos e persoas lesionadas medulares no medio acuático; a caixa de primeiros auxilios e a enfermaría.

– Emerxencias colectivas e catástrofes: sistemas de emerxencia; accidentes de tráfico; emerxencias colectivas e catástrofes.

MÓDULO FORMATIVO:

CAFDO-EAN-5

PRÁCTICAS PROFESIONAIS NON LABORAIS DE SOCORRISMO EN ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

80 horas

Resultados de aprendizaxe:

– Completar a adquisición de competencias profesionais propias do socorrismo en espazos acuáticos naturais acadadas a través dos contidos teóricos e prácticos propios do curso, en situacións laborais reais.

– Adquirir unha identidade e unha madureza profesional motivadoras para a aprendizaxe ao longo da vida e para as adaptacións aos cambios das necesidades de formación.

ANEXO VII

Observacións de carácter xeral para anexo V e anexo VI

Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia

Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia

I. Requisitos de formación de profesorado:

O profesorado deberá acreditar como mínimo a seguinte experiencia docente ou actividade no ámbito deportivo e laboral:

Experiencia docente acreditable

Actividade no ámbito deportivo e laboral

Polo menos 100 horas de docencia acreditada en formación de adestradores/as nos niveis 1, 2 ou 3 de salvamento e socorrismo nas formacións a que se refiren as disposicións adicional quinta e transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, e a disposición transitoria primeira do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

Polo menos dous anos de exercicio deportivo-laboral relacionado cos resultados de aprendizaxe e contidos do módulo, realizado nos catro anos inmediatamente anteriores ao nomeamento.

II. Requisitos mínimos de espazos, instalacións e equipamentos:

Espazo formativo

Superficie m2 15 alumnos/as

Superficie m2 25 alumnos/as

Aula polivalente

60

100

Ximnasio

90

120

Piscina climatizada de 25 m de longo x 1,80 m de profundidade na parte máis profunda

120

120

Espazo acuático natural con zona de baño público: (CAFDO-EAN)

Espazo formativo

Equipamento mínimo

Aula polivalente

– Mesa e cadeira para a persoa formadora; mesas e cadeiras para o alumnado; encerado; equipamentos audiovisuais; ordenador con acceso á internet; canón de proxección.

– Manequíns de primeiros auxilios (adulto e pediátrico).

– Material de inmobilización e mobilización.

– Material de curas.

– Desfibrilador externo semiautomático.

– Material de salvamento e socorrismo.

– Material de rescate.

– Material de comunicación.

As entidades promotoras da dita formación poderán establecer convenios de colaboración co fin de que as ensinanzas dos módulos formativos se poidan ofertar nun centro ou instalación e o resto das ensinanzas noutro centro ou instalación diferente, sempre e cando reúnan os requisitos mínimos exixidos.

III. Validación de módulos:

Validación dos módulos CAFDO-IA-1, Proba específica, dunha duración de 120 horas, e CAFDO-IA-4, Primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias nas instalacións acuáticas, de 25 horas, do Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia, cos módulos CAFDO-EAN-1, Proba específica, de 120 horas, e CAFDO-EAN-4, Primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias nos espazos acuáticos naturais, de 25 horas, do Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) As persoas que acrediten mediante o oportuno certificado a realización dos módulos formativos CAFDO-IA-1 e CAFDO-IA-4 do Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia, terán validados os módulos CAFDO-EAN-1 e CAFDO-EAN-4 do Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas que acrediten mediante o oportuno certificado a realización dos módulos formativos CAFDO-EAN-1 e CAFDO-EAN-4 do Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia terán validados os módulos CAFDO-IA-1 e CAFDO-IA-4 do Curso de Adaptación da Actividade Física e Deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As entidades que realicen a formación serán as encargadas de apreciar a dita validación, atendendo aos contidos establecidos respectivamente nos anexos V e VI deste decreto.

IV. Faltas de asistencia.

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa dos cursos é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto.

missing image file
missing image file
missing image file

Disposición transitoria única. Prórroga do prazo da inscrición provisional

1. Prorrógase ata o día 10 de abril de 2021 o período transitorio establecido no parágrafo primeiro da disposición transitoria única do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

2. A inscrición provisional dos/das socorristas acuáticos/as practicada ao abeiro da anterior disposición transitoria única quedará prorrogada automaticamente, sen necesidade de presentar documentación ningunha e sen prexuízo do dereito a solicitar a baixa no rexistro.

3. Antes do 31 de decembro de 2017, a Academia Galega de Seguridade Pública remitirá, ao enderezo que conste no rexistro de cada persoa inscrita, o distintivo co novo período de validez.

4. As novas solicitudes de inscrición provisional para as persoas que non estiveren no rexistro realizarase polo período que proceda, segundo resulte da data de resolución de nova inscrición e como máximo polo novo período de catro anos. Para as novas inscricións aplicarase a regulación establecida no Decreto 104/2012, do 16 de marzo.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas, emerxencias, interior e seguridade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día dez de abril de dous mil dezasete unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza