Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2017 Páx. 17244

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Xunta de Galicia encargado da proposta e execución das directrices xerais da política cultural de Galicia a quen lle corresponde a dirección e coordinación das grandes liñas de actuación e as medidas para o desenvolvemento da cultura galega, no senso máis amplo, mediante a cooperación e a suma de vontades coas institucións con que comparte obxectivos, entes locais, organismos públicos e entidades privadas, como forma de cristalizar as iniciativas no eido da protección, investigación e difusión cultural.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, atribúen á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as competencias en materia de patrimonio cultural de Galicia e, como parte del, correspóndenlle as actuacións para a protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio documental e arquivos.

Os arquivos custodian documentos como testemuño e garantía de dereitos e deberes das institucións e dos cidadáns, e como fonte de información para a xestión administrativa e a investigación. A súa función é conservar e servir os documentos polos medios e técnicas que lle son propias.

Os arquivos galegos forman parte dunha estrutura organizativa, o Sistema de arquivos de Galicia, composta por órganos, arquivos e servizos, que busca a consecución dos fins propios dos arquivos a través da colaboración cara á súa rendibilidade social e económica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como órgano coordinador e directivo do Sistema de arquivos de Galicia, é quen de establecer as directrices técnicas que garantan a organización e funcionamento dos arquivos que integran o sistema e prestarlles asistencia, poñendo á súa disposición os recursos técnicos e os créditos que anualmente se establezan nos seus orzamentos.

En consecuencia, para que os arquivos realicen axeitadamente as súas funcións e os cidadáns teñan acceso á información contida nos documentos é preciso que estean dotados da infraestrutura e equipamento adecuado, que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos (CT130A).

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 109 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 3. Requisitos para participar

1. Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de arquivos de Galicia.

2. O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

3. No caso dos entes locais, segundo o artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Artigo 4. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de setenta e sete mil setecentos corenta euros (77.740 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

10.20.432A.760.0: 57.740 €

10.20.432A.781.0: 20.000 €

2. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 5.000 € por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

3. Este importe de 5.000 € ascenderá a 7.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por más dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

4. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de que nunha aplicación quede crédito dispoñible, poderá incrementar o crédito da outra aplicación.

6. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Artigo 5. Solicitudes e prazo

1. Só se admitirá unha solicitude por beneficiario, que se presentará conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./chave365).

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto arquivístico para o que se solicita a axuda: memoria explicativa do proxecto que se vai realizar de acordo coa normativa internacional de descrición arquivística, indicando os datos da documentación que se describirán.

b) O orzamento total dos gastos con IVE incluído onde se especifiquen, entre outros, os seguintes conceptos:

– Prezo unitario e total por unidade de instalación descrita.

– Prezo unitario e total por unidade documental descrita.

c) A porcentaxe de financiamento do proxecto que asume a institución solicitante e o importe da axuda que se solicita.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Certificado de domicilio fiscal.

c) Estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Estar ao día de pagamentos coa Seguridade Social.

e) Estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Criterios de valoración aplicables a todos os arquivos.

As propostas presentadas valoraranse ata un máximo de 8 puntos a través da análise da memoria e o proxecto presentado, e outorgaranse en función dos seguintes criterios prioritarios:

a) Nivel de autofinanciamento: ata 2 puntos. Recibirá 2 puntos a subvención que teña maior porcentaxe de autofinanciamento e o resto repartirase de forma proporcional.

b) Primeiras subvencións: 1 punto.

c) Antigüidade e interese dos fondos que se describirán: ata 3 puntos.

Ata o século XIX: 3 puntos.

De 1900 ata 1985: 2 puntos.

De 1985 ata 2013: 1 punto.

d) Viabilidade do proxecto segundo a análise que se desprende dos orzamentos presentados na solicitude e en función do prazo de execución: ata 2 puntos.

Posibilidade real de execución: 1 punto.

Adecuación do orzamento aos prezos de mercado: 1 punto.

2. Criterios de valoración aplicables a entidades locais:

a) Número de habitantes do concello onde radique o arquivo: ata 2 puntos.

Concellos con menos de 10.000 habitantes: 2 puntos.

Concellos entre 10.000 e 50.000 habitantes: 1 punto.

b) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal) ata 1 punto, tendo en conta os seguintes aspectos:

Pola mera presentación da solicitude conxunta entre concellos nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: ata 0,25 puntos.

Tendo en conta o número de concellos asociados e participantes no proxecto: ata 0,75 puntos: 0,25 puntos por cada concello.

c) Criterios aplicables ás solicitudes presentadas por entidades locais fusionadas: outorgaranse 2 puntos pola mera presentación da solicitude nos termos sinalados nesta orde.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta das actuacións e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditar que contan cun local estable destinado a arquivo e que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou baixo a fórmula de consorcio e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 10. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, para o que se outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha comisión técnica efectuará a avaliación das solicitudes. Esta comisión estará composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos que a presidirá, e como vogais actuarán dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear un suplente. A comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada das solicitudes por orde decrecente de puntuacións. En caso de empate na puntuación das solicitudes terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación de solicitude.

4. No suposto de renuncia dalgún dos adxudicatarios, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda debido ao límite orzamentario, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 11. Resolución

A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión das axudas no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución.

A resolución de concesión ou denegación da axuda terá que ser motivada e notificaráselles aos interesados dentro do prazo de dez días a partir da data en que o acto foi ditado, e deberá conter o texto íntegro da resolución, con indicación de se pon fin ou non á vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, se for o caso, en vía administrativa e xudicial, o órgano ante o cal se deban presentar e o prazo para interpolos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente.

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco (5) meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 12. Notificación e recursos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. A resolución de concesión ou denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo (artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas).

Artigo 13. Aceptación da axuda

Logo da notificación da resolución definitiva do órgano competente, os adxudicatarios propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Prazo, xustificación e pagamento das axudas

1. O prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 30 de outubro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación da seguinte documentación:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

b) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, con identificación do acredor, importe, data de emisión e data de pagamento. Indicaranse as desviacións producidas en relación co orzamento aprobado.

c) Fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento.

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

e) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións, deba ter solicitado o beneficiario.

f) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

3. As entidades locais beneficiarias, de acordo co establecido nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, deberán presentar a conta xustificativa da subvención, que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A conta xustificativa estará integrada pola seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación de gastos.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. Inclúese nesta orde os proxectos realizados dende o 1 de xaneiro de 2017 ata a data límite de xustificación da orde.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade que a actividade ou actuación recibiu financiamento da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

3. O órgano instrutor poderá comprobar en calquera momento a execución das actuacións subvencionadas e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa.

4. Os beneficiarios comprométense a entregar unha copia do traballo desenvolvido calquera que sexa o proxecto realizado.

5. A entidade beneficiaria mediante a aceptación da axuda autorizará formalmente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a difusión por calquera medio de todos os elementos que constitúen o resultado do proxecto realizado.

6. Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 17. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 18. Réxime xurídico

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto na presente orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e demais normativa de aplicación.

A presentación electrónica de solicitudes suxeitarase ao disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que regula a obriga das persoas xurídicas de relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a subdireccion.arquivos@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file