Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2017 Páx. 17277

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2016/17.

BDNS (identif.): 341405.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas aos/ás estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2016/17.

Segundo. Requisitos

Cidadáns/cidadás da Unión Europea ou estranxeiros/as non comunitarios/as con residencia no Estado español, matriculados/as no curso 2016/17 en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ensinanzas artísticas superiores, que obtivesen unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2016/17 e non gozasen desta axuda en convocatorias anteriores.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2016/17 (código do procedemento ED322A).

Cuarto. Contía das axudas

150 €/mes, 120 €/mes ou 80 €/mes, dependendo do país de destino e, de ser o caso, adicionalmente, 500 € para os expedientes académicos que posúan unha maior nota media, cun orzamento máximo total de 25.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria