Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2017 Páx. 17263

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2016/17.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

Mediante o Regulamento (UE) nº 1288/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, creouse o programa Erasmus+ de educación, formación, xuventude e deporte da Unión para o período 2014-2020.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, co obxecto de seguir impulsando a mobilidade dos/das estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, considera conveniente convocar esta orde de axudas que complementan o financiamento das axudas do programa Erasmus+ xestionadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas aos/ás estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2016/17 (procedemento ED322A).

Artigo 2. Orzamento e dotación económica

As accións derivadas desta convocatoria ascenden a un total de 25.000 euros, sen prexuízo de poderen ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas desta consellería, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Financiaranse con fondos propios da comunidade autónoma e con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422E.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Artigo 3. Período

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2016/17.

Artigo 4. Requisitos dos/das solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de centros públicos que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán da Unión Europea ou estranxeiro non comunitario con residencia legalizada no Estado español.

b) Estar matriculado no curso 2016/17 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores nesta comunidade autónoma.

c) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2016/17.

d) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. As axudas establecidas na presente orde serán compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que as conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, pola persoa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (ED322A), https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar

1. A solicitude do anexo I (modelo normalizado ED322A) presentarase xunta coa seguinte documentación:

– Documento acreditativo de ter concedida unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2016/17.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas e os datos incluídos na declaración responsable:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Estar ao día do pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

c) Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Tramitación

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase unha listaxe das solicitudes admitidas e excluídas, e sinalarase as causas de exclusión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nos centros de ensinanzas artísticas superiores correspondentes. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/.

2. As persoas interesadas disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dun prazo de 10 días, e poderán presentar a documentación que corresponda preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, poderase presentar a reclamación ou emenda presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións establecidos no artigo 68 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Contía e criterios de distribución das axudas

1. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de tres meses.

3. Todos/as os/as solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán unha axuda económica uniforme en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+, que se distribuirá do seguinte modo:

a) 150 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) 120 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) 80 €/mes para un país de destino do grupo 3.

Grupo 1

Países do programa con custos de vida maiores

Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega, Suíza.

Grupo 2

Países do programa con custos de vida media

Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia, Turquía.

Grupo 3

Países do programa con custos de vida máis baixos

Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Antiga República Iugoslava de Macedonia.

4. Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, será adxudicado aos/ás solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros, ata esgotar o orzamento.

En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, establecida a dous decimais, procederase ao desempate tendo en conta a nota media a catro decimais por orde de prelación de maior a menor. De persistir o empate, terase en conta o maior número de créditos cursados e aprobados.

Artigo 11. Comisión Avaliadora

1. A selección dos/das candidatos/as será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

– Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de música e artes escénicas.

Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

– Secretario/a: un/unha asesor/a de música e artes escénicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 12. Resolución

1. Efectuada a selección pola Comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contado desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. As persoas solicitantes excluídas poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Pagamento

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada pola persoa interesada, unha vez presentado o anexo II (declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúan ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», regulado na Orde do 26 de marzo de 2012 (DOG do 4 de abril) desta consellería, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Infraccións e sancións

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Obrigas

As persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 de Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional terceira. Impugnación

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file