Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2017 Páx. 17327

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS: (Ident.): 341923.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, segundo o procedemento establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro. Así mesmo, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria; a percepción da axuda queda condicionada a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, dentro do prazo máximo establecido para a resolución desta convocatoria de axudas, segundo o sinalado no artigo 14.2 desta orde.

En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal, será necesario, ademais de cumprir co requisito disposto no punto anterior, que a persoa solicitante teña recoñecida a prestación de asistencia persoal a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia.

Segundo. Obxecto

Concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e de carácter non periódico.

Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2017.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito de 221.126,38 euros, cofinanciada nun 80 % con fondos FSE no programa operativo Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1 «Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos».

Do crédito total garántese un importe mínimo de 97.000 € para subvencionar a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal e un importe de 124.126,38 € para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal.

A determinación do importe das subvencións baséase nun custo unitario, segundo a tipoloxía do servizo e o réxime de prestación. A relación de custos unitarios e importes máximos subvencionables asociados á carteira de servizos para os cales se pode solicitar axuda están recollidos no artigo 5 desta orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a súa presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

A solicitude deberá ir acompañada do proxecto de intervención relativo ao servizo de promoción do cal se solicita a axuda, efectuado pola entidade ou profesional prestador do servizo, que deberá figurar no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxo responsable é a Consellería de Política Social. Para estes efectos será suficiente con que a inscrición no RUEPSS se leve a cabo con anterioridade ao prazo sinalado no artigo 17.2 desta orde.

Realizaranse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, que serán do 80 % do importe da subvención concedida.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social