Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2017 Páx. 17716

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se somete a información pública a proposta de declaración provisional de espazo natural de interese local da zona denominada Fraga de Casas Vellas, no termo municipal de Lalín.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debido á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales. Entre as diferentes categorías de espazo natural protexido establecidas destaca unha prevista para a protección dos valores naturais municipais que posúan singularidade: os espazos naturais de interese local (ENIL).

O artigo 17 da lei establece que, por petición dun concello e tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non leva á súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de declarar, de maneira provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, e dentro deste prazo os promotores deberán presentar, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Lalín ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a declaración do lugar denominado Fraga de Casas Vellas como espazo natural de interese local, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública na tramitación da solicitude co obxecto de cumprir co disposto no artigo 18.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter a información pública e audiencia aos interesados por proposta de declaración provisional do espazo natural de interese local Fraga de Casas Vellas durante un prazo de vinte (20) días, contando o devandito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir alegacións mediante escrito dirixido ao enderezo postal Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben ao enderezo electrónico planificación.conservación@xunta.gal, poñendo no asunto «ENIL Fraga de Casas Vellas».

Segundo. A proposta de declaración provisional do ENIL Fraga de Casas Vellas, componse dunha memoria técnica que contén o acordo do Pleno, os planos achegados polo Concello de Lalín, os informes e o borrador de orde pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local a Fraga de Casas Vellas.

Terceiro. Durante o citado prazo, os documentos poderán ser examinados nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra. Avda. Fernández Ladreda, 43-1º-4º, 36071 Pontevedra.

– Concello de Lalín. Praza de Galicia, 1, 36500 Lalín (Pontevedra).

Do mesmo xeito poderase consultar o texto da memoria da proposta de declaración provisional na sección de conservación da natureza da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion) entrando na subsección de documentos en información pública.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO
Límites do espazo natural protexido

missing image file