Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2017 Páx. 17742

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 7 de abril de 2017 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís dependentes desta consellería en réxime de oferta concertada durante a Campaña de verán 2017.

Mediante a presente orde preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís das cales é titular a Consellería de Política Social, consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a mocidade non sempre dispoñen dos medios e instalacións adecuadas para iso. En consecuencia, co obxecto de lle facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre sen ánimo de lucro, durante a Campaña de verán 2017, isto é, durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a Campaña de verán do ano que corre –que comprende do 15 de xuño ao 30 de setembro–, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I.

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispor:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do material (excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación) que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I desta orde.

O primeiro servizo de alimentación será a comida do día da incorporación e o último, o almorzo do día seguinte ao último día de estadía concedido.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade.

5. Grupos de mozos e mozas non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como beneficiario, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Solicitude

4.1. Presentación de solicitudes.

a) Solicitudes presentadas por entidades locais, outras entidades, asociacións e escolas de tempo libre:

As solicitudes deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

b) Solicitudes presentadas por grupos de mozos/as non asociados/as:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4.2. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación, no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen os mozos e mozas en calidade de responsables destes, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

4.3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4.4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa á dita consulta no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a copia do DNI ou NIE da persoa representante da entidade ou grupo solicitante. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

4.5. No suposto de presentación electrónica obrigatoria, a documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No suposto de presentación electrónica ou presencial, a documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4.6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas que estean obrigadas a presentar electronicamente a súa solicitude deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. No caso das persoas que non estean obrigadas a presentar electronicamente a súa solicitude, estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

c) Corporacións locais galegas.

d) Grupos de mozos e mozas galegos/as non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

e) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

f) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa mocidade e grupos de mozos e mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no parágrafo anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas e/ou de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no citado anexo I.

b) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos/ás seus/súas membros ou aos/ás seus/súas asociados/as.

c) As entidades que non dispuxeron de prazas en réxime de oferta concertada, durante a campaña de verán, no último ano (ou, no caso de empate, nos dous últimos anos), agás que tivesen renunciado a prazas concedidas, caso en que se atenderá ao previsto na alínea 3 deste artigo.

d) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar os/as participantes.

3. Sen prexuízo do disposto nos números 1 e 2 deste artigo, as entidades que en anos anteriores non fixeron uso das instalacións unha vez adxudicadas, sen presentar causa xustificada no seu momento, pasarán a ocupar o último lugar dentro dos criterios de prioridade descritos nos puntos anteriores.

No caso de que algunha entidade renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos exixidos no artigo 3, e conforme o procedemento sinalado no artigo 9. As renuncias serán sempre respecto do total das prazas adxudicadas e deberán formalizarse mediante correo electrónico no seguinte enderezo: ofertaconcertada.benestar@xunta.gal

Artigo 6. Instrución e resolución

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada:

– Pola persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

– Polas persoas titulares dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social ou a persoa funcionaria en quen deleguen.

– Por unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado designada polo/a director/a xeral, que actuará como secretario/a.

O uso das instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano 2017 será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta da comisión de valoración.

As resolucións ditadas serán motivadas e notificaránselles ás entidades interesadas no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo/a interesado/a, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 9. Dispoñibilidade das prazas non ocupadas

1. No caso de que unha vez adxudicadas as prazas conforme os artigos precedentes quedasen prazas sobrantes, estas poranse á disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3, mediante a apertura dun novo período de solicitudes en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de Xuventude (www.xuventude.xunta.es).

2. Unha vez publicadas as prazas dispoñibles, as entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas mediante un correo electrónico, no enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de 7 días á data de inicio da estadía que se solicita.

As entidades e os grupos que remitisen o anexo de solicitude no prazo do artigo 4 e non resultasen adxudicatarios, por aplicación dos criterios recollidos no artigo 5, terán prioridade respecto doutros/as solicitantes que as demanden por primeira vez nesta fase de resultas. Disporán da prioridade sinalada durante un prazo de 10 días contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

3. A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes, sen prexuízo da prioridade sinalada no parágrafo anterior. Para estes efectos, a adxudicación de prazas entre as entidades e grupos solicitantes con prioridade realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes no prazo de 10 días sinalado.

Artigo 10. Reserva de prazas e primeiro pagamento

1. Recibida a resolución, os/as beneficiarios/as están obrigados/as, no prazo de 10 días:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25 % do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, nin se a entidade adxudicataria anulase a reserva de utilización da instalación, ou reducise o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

b) A presentar de xeito electrónico a seguinte documentación, dirixida ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada:

– Breve proxecto de actividades que se van realizar.

– Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

– Xustificante do aboamento do 25 % expresado anteriormente.

No caso de grupos de mozos/as non asociados/as, esta documentación deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Se transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación non se cumprise o disposto no parágrafo anterior, declararase expresamente, a través da oportuna resolución, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán á disposición dos/as demais solicitantes, conforme o procedemento sinalado no artigo 9.

Artigo 11. Autorización de uso temporal

1. Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido no artigo anterior, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75 % do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de usuarios/as ao inicio da actividade é menor ao confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación dos/das responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e se actualiza a normativa vixente en materia de mocidade no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos cinco días anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial, a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo non fixesen os pagamentos correspondentes as entidades beneficiarias, procederase de acordo co disposto no parágrafo segundo do artigo 10 desta orde.

Artigo 12. Obrigas dos/das beneficiarios/as

Os/as adxudicatarios/as estarán obrigados/as:

1. A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e se actualiza a normativa vixente en materia de mocidade.

2. A observar as normas de réxime interno da instalación de que sexan adxudicatarios/as, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

4. A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor dos/das seus/súas propios/as socorristas.

Artigo 13. Tarifas

1. Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (DOG nº 67, do venres, 8 de abril).

Aqueles grupos que figuren inscritos no Rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais gozarán dun desconto do 50 % sobre os prezos sinalados no punto anterior.

As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade, domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, terán, así mesmo, un desconto do 50 % sobre os prezos sinalados neste punto.

2. O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán á disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Política Social.

Artigo 14. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Actividades dirixidas á cidadanía», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I
Oferta concertada

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

Nº de prazas ofertadas

Total de prazas

A Coruña

Albergue xuvenil Marina Española Bergondo

15-20 de xuño

120

480

23-28 de xuño

120

Campamento xuvenil Virxe de Loreto-Porto do Son

17-28 de xullo

30

2-13 de agosto

30

13-20 de agosto

90

21-28 de agosto

90

Lugo

Albergue xuvenil Area-Viveiro

21-29 de xuño

120

325

Campamento xuvenil A Devesa-Ribadeo

2-13 de agosto

30

18-29 de agosto

175

Ourense

Campamento Penedos de Xacinto (Entrimo)

15-26 de agosto

100

100

Pontevedra

Campamento xuvenil Illa de Ons-Bueu

10-17 de agosto

60

290

18-29 de agosto

60

Campamento xuvenil Pontemaril-Forcarei

17-28 de agosto

50

Albergue xuvenil As Sinas-Vilanova de Arousa

30 de agosto a 10 de setembro

120

1.195

missing image file
missing image file