Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18105

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 20 de marzo de 2017 pola que se aproba o Plan de acción para a loita contra o uso ilegal do veleno no medio natural de Galicia.

A colocación de cebos envelenados no medio natural produce anualmente a morte de gran número de exemplares de fauna silvestre, incluso da protexida, e de animais domésticos, polo que constitúe un importante factor de risco para a conservación das especies ameazadas, ao mesmo tempo que para a saúde das persoas.

A utilización ilegal de veleno no medio natural é unha práctica prohibida no Código penal, no cal ten a consideración de delito, e na lexislación nacional e autonómica vixente, en que está considerada como infracción administrativa, expresamente nas leis 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Os danos que provoca aos animais de compañía atópanse tamén tipificados como infracción na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en virtude do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, e do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, ten atribuídas as funcións relativas ao desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación das especies silvestres. Por isto, sen prexuízo das actuacións doutras administracións en razón das súas competencias e da necesaria colaboración e coordinación entre os distintos organismos e entidades públicas e privadas, é responsabilidade desta consellería a planificación e o desenvolvemento das medidas de loita contra o uso ilegal do veleno en Galicia.

Coa finalidade de avanzar na erradicación deste factor de ameaza da nosa biodiversidade, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio elaborou o presente Plan de acción e loita contra o uso ilegal de veleno no medio natural de Galicia seguindo as directrices da Estratexia nacional contra o uso ilegal de cebos envelenados no medio natural. Esta estratexia foi aprobada o 23 de setembro de 2004 pola Comisión Nacional de Protección da Natureza, co obxectivo de proporcionar uns criterios orientadores e homoxeneizar as actuacións das comunidades autónomas nesta materia. O devandito plan configúrase como un conxunto de actuacións que realizará a consellería competente en conservación da natureza, en coordinación con outros departamentos autonómicos e outras administracións e forzas de seguridade, coa finalidade de reducir e finalmente erradicar o uso ilegal do veleno no territorio da Comunidade Autónoma Galicia.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do plan

Aprobar o Plan de acción para a loita contra o uso ilegal do veleno no medio natural de Galicia, que figura no anexo I desta orde.

Disposición adicional primeira. Nomeamento das coordinacións rexional e provinciais

A persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio natural designará mediante resolución a coordinación rexional e provinciais previstas no plan, antes de 6 meses contados desde a data de publicación desta orde.

Disposición adicional segunda. Aprobación dos protocolos de actuación

Os protocolos de actuación establecidos no plan serán aprobados mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio natural, logo de oídas as entidades interesadas.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio natural para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e resolucións complementarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido na presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO I
Plan de acción e loita contra o uso ilegal de veleno no medio natural de Galicia

1. Diagnose.

A pesar de consistir nun método non selectivo e cruento coa fauna, a utilización de veleno foi unha práctica arraigada en España a mediados do século pasado para o control de predadores, a partir da súa aplicación polas xuntas provinciais de Extinción de Animais Daniños e Protección da Caza, reguladas polo Decreto do 11 de agosto de 1953. Non obstante, o seu uso aparece documentado hai máis dun século na Lei de caza de 1879, que exixía autorización previa da Administración para a utilización destas substancias. No ano 1983 foron concedidas as últimas autorizacións para o seu emprego, segundo a normativa de armas e dos métodos de caza, que o regulaba entón. Na actualidade trátase dunha actividade prohibida e considerada como delito no Código penal, ao mesmo tempo que tipificada como infracción nas diversas normativas de ámbito nacional e autonómico en materia de conservación da natureza e cinexética.

Con base nas actuacións realizadas nos últimos anos pola consellería con competencias en materia de patrimonio natural, tense coñecemento de que esta actividade delituosa aínda se atopa amplamente estendida no territorio galego e causa periodicamente importantes danos á fauna silvestre. A utilización do veleno constitúe unha das principais ameazas para a conservación das especies protexidas e predadoras. Porén, a loita contra o uso ilegal de cebos envelenados foi recollida en Galicia nos plans de recuperación do oso pardo e de xestión do lobo e na proposta técnica do plan de recuperación da aguia real, como medida para garantir a viabilidade das poboacións autóctonas das ditas especies. Este problema constitúe, ademais, un risco para a saúde pública.

No período 1997-2016 foron comunicados por persoal da Xunta de Galicia e por forzas e corpos de seguridade un total de 155 incidentes de mortalidade de fauna con elevada sospeita de intoxicación (123 confirmados mediante analítica toxicolóxica), nos cales se viron afectados 322 animais de diferentes especies domésticas e silvestres.

1.1. Especies afectadas.

O can foi con diferenza a especie en que máis envelenamentos foron detectados e por iso serviu en moitos casos como indicador ou sentinela do uso ilegal do veleno. Outras especies afectadas en orde decrecente de incidencia foron os córvidos, o lobo e o raposo. No ámbito da conservación da fauna silvestre tivo especial relevancia, pola súa clasificación como en perigo de extinción nos catálogos español e galego de especies ameazadas, o envelenamento dun exemplar de oso pardo no ano 2000 nas montañas dos Ancares, provincia de Lugo, intoxicado con carbofurano.

1.2 Substancias tóxicas utilizadas.

Algunhas das substancias tóxicas detectadas nos incidentes de envelenamento de fauna son comercializadas como praguicidas de uso legal, principalmente no ámbito fitosanitario. Non obstante, as máis utilizadas non contan con autorización para este fin, ao teren sido excluídas con anterioridade da Lista comunitaria de substancias activas, na cal figuran todos os produtos permitidos na formulación de fitosanitarios na Unión Europea. Entre estas destaca a estricnina, utilizada nun elevado número de episodios rexistrados en Galicia.

Nas mostras analizadas durante os últimos anos detectouse un total de 34 substancias tóxicas, das cales a estricnina foi a máis abundante e estivo presente no 40% dos incidentes de envelenamento confirmados. Substancias como o metiocarb, o fenobarbital, o diazinón, a cloralosa e o carbofurano foron outros dos produtos identificados, pero nunha proporción marcadamente inferior á da estricnina.

1.3. Distribución xeográfica e temporal dos casos.

Con relación á distribución xeográfica dos incidentes de mortaldade de fauna con sospeita de envelenamento en Galicia, destaca a alta incidencia nas provincias de Pontevedra e da Coruña, seguidas, con menor casuística, polas provincias de Lugo e Ourense. Na avaliación da distribución estacional de casos, constátanse dous períodos anuais de alta concentración de episodios que coinciden cos meses de marzo e outubro.

1.4 Motivacións.

Estudos previos realizados na Comunidade Autónoma de Galicia indicaron a posibilidade da relación entre a utilización de cebos envelenados e diversas prácticas:

• A gandaría en extensivo afectada polo ataque de predadores, maioritariamente o lobo.

• A agricultura afectada polos danos de fauna silvestre, principalmente o xabaril.

• O furtivismo.

• Posibles disputas entre titulares de terreos (cinexéticos ou non), así como envelenamentos efectuados coa intención de causar dano aos animais de compañía e aos seus propietarios/as.

2. Marco legal.

A utilización do veleno como método non selectivo de destrución de fauna está expresamente prohibido pola Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e pola Directiva 2009/147/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres.

No ámbito nacional, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, prohibe a utilización de veleno e outros métodos non selectivos e considera como infracción o seu uso ilegal, mentres que o Código penal tipifica como delito o emprego non autorizado de velenos no medio natural e a morte de exemplares de especies ameazadas por estas prácticas. A nivel autonómico, considérase infracción administrativa á Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a morte da fauna silvestre, a destrución do seu hábitat e a utilización ilegal de produtos químicos no medio natural, e á Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, a utilización, tenza e porte de métodos masivos e non selectivos para a caza.

Ao mesmo tempo, o maltrato e a morte dos animais de compañía vulnera o disposto na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, mentres que a falta de comunicación dos feitos e actividades que supoñan un risco para a saúde das persoas, animais e o ambiente en relación cos produtos zoosanitarios e de alimentación animal é constitutiva dunha infracción á Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

A comercialización, venda e aplicación dos fitosanitarios e praguicidas autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia regúlanse actualmente por unha extensa lexislación comunitaria, estatal e autonómica, mentres que diversa normativa publicada ao longo dos anos restrinxiu a comercialización e utilizacións das substancias non autorizadas. Entre estas destaca a estricnina, que foi limitada na Unión Europea polas directivas 91/414/CEE do Consello, do 15 de xullo de 1991, relativa á comercialización de produtos fitosanitarios e 98/8/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de febreiro de 1998, relativa á comercialización de biocidas, en cuxos programas de revisión foi prohibida a posta no mercado dos fitosanitarios e biocidas que a contiñan con efectos a partir do 31 de marzo de 2004 e do 1 de setembro de 2006, respectivamente. A nivel estatal, a Orde do 4 de febreiro de 1994 pola que se prohibe a comercialización e utilización de praguicidas de uso ambiental que conteñen determinados ingredientes activos perigosos restrinxira xa con anterioridade a comercialización da estricnina con esta finalidade en todo o territorio nacional.

3. Finalidade.

O Plan de acción para a loita contra o uso ilegal do veleno no medio natural de Galicia ten como fin diminuír, e por último erradicar, o uso ilegal do veleno no medio natural de Galicia.

4. Obxectivos.

Para acadar o fin indicado, traballarase na consecución dos seguintes obxectivos:

4.1. Principais:

1. Investigación e persecución dos envelenamentos de fauna.

2. Información dos incidentes de envelenamento que ocorran no medio natural.

3. Prevención, disuasión e vixilancia do uso ilegal do veleno.

4.2. Transversais:

a) Coordinación entre as distintas administracións e forzas de seguridade implicadas no plan.

b) Protocolización das principais actuacións previstas.

5. Ámbito de aplicación.

O Plan de acción para a loita contra o uso ilegal do veleno no medio natural de Galicia será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma.

6. Competencia.

As actuacións de desenvolvemento, execución e coordinación do plan corresponden á consellería competente en materia de patrimonio natural, con excepción das actuacións propias das xurisdición penal e da policía xudicial e sen prexuízo das competencias doutros departamentos e administracións. En todo caso, a través da dirección xeral competente nesta materia, garantirase a coordinación coas entidades implicadas e, especialmente, cos departamentos da Xunta de Galicia competentes en materias de agricultura, gandaría, xestión forestal e saúde pública.

7. Liñas de actuación.

Desenvolveranse as seguintes liñas de actuacións dirixidas ao cumprimento específico de cada un dos obxectivos fixados:

7.1. Investigación e persecución dos envelenamentos de fauna.

7.1.1. Medios.

a) Promoverase a especialización do persoal dependente da dirección xeral competente en materia de patrimonio natural na loita contra o uso ilegal do veleno, de xeito que se concentren os recursos materiais e formativos e se mellore a calidade das actuacións desenvolvidas neste ámbito.

b) Con esta finalidade, impartirase formación interna periódica e dotarase ao dito persoal do material necesario para a recolla de mostras nos casos de presunto uso ilegal de veleno.

c) Subministraranse os medios para o mantemento da cadea de custodia aos centros de recuperación de fauna silvestre onde se realicen os estudos post mortem e a remisión de mostras aos laboratorios de análise específica.

7.1.2. Investigación.

a) Incidirase na procura, recolla e análise de cebos e cadáveres de fauna e outros animais domésticos envelenados no medio natural, e remitiranse as mostras correspondentes para o seu estudo toxicolóxico.

b) Solicitarase a cooperación doutras forzas e corpos de seguridade na investigación da autoría do delito, e especificamente nos casos en que se sorprenda o presunto/a autor/a material dos feitos ou nos que se localicen probas que faciliten a súa identificación e/ou deriven no rexistro de propiedades, tales como vehículos ou instalacións agropecuarias.

c) Garantirase o mantemento da cadea de custodia das mostras analizadas, coa finalidade de optimizar as tarefas de investigación, persecución e apertura de dilixencias administrativas e/ou penais.

d) Promoverase o mantemento de liñas de traballo para o control da estricnina e outras substancias utilizadas nos envelenamentos de fauna na Comunidade Autónoma, focalizado na detección de puntos de almacenamento e vías de circulación, en coordinación coas distintas forzas de seguridade e os departamentos competentes na regulación da tenza, almacenamento e utilización desta substancia.

7.1.3. Procedementos sancionadores e penais.

a) Con cada acta de denuncia de envelenamento de fauna presentada por axentes da autoridade, iniciaranse as actuacións dirixidas á determinación da autoría dos feitos, así como da presenza de veleno mediante as análises toxicolóxicas pertinentes.

b) Cando se determine a autoría de feitos delituosos, incoarase un expediente sancionador segundo o estipulado na lexislación vixente en materia de conservación da natureza, cinexética e/ou de protección animal, de ser o caso; con independencia das actuacións en materia de sanidade vexetal, residuos, sanidade animal e outras que acometan os departamentos competentes, aos cales se dará traslado do expediente cando se considere procedente.

c) A documentación de cada incidente de envelenamento de fauna será remitida ao Ministerio Fiscal, dando conta das accións realizadas ata ese momento pola consellería competente.

d) Os servizos xurídicos da consellería competente na materia manterán o seguimento dos expedientes abertos nos distintos xulgados, co obxecto de retomar o antes posible, cando proceda, a vía sancionadora administrativa.

7.1.4. Reparación de danos causados.

a) Valorarase en cada caso e segundo a magnitude e gravidade do episodio, a aplicación das medidas cautelares e/ou recuperadoras da fauna silvestre estipuladas na lexislación vixente, incluíndo a suspensión temporal da actividade cinexética no terreo afectado, que poderá executarse:

i. Como medida recuperadora e de protección da fauna silvestre de acordo co establecido nos artigos 44.1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e 65.3 (alínea d) da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

ii. Cando a infracción sexa imputable ao/á titular dos dereitos cinexéticos, como medida provisional no marco do correspondente expediente sancionador en materia de caza e para evitar o agravamento dos danos, segundo o disposto no artigo 80.3 da Lei 13/2013, do 23 de decembro.

iii. Cando por mor do alcance dos envelenamentos se orixinen desaxustes graves entre as previsións do plan anual de aproveitamento cinexético ou os plans de ordenación cinexética e a realidade do aproveitamento, poderá interromperse a actividade mentres non se aprobe unha revisión do documento afectado segundo o disposto no artigo 51 da Lei 13/2013, do 23 de decembro.

b) En todo caso, reclamarase o valor da reparación do dano biolóxico causado polo veleno na forma e condicións fixadas na Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.

7.2. Información dos incidentes de envelenamento que ocorran no medio natural de Galicia.

7.2.1. Recompilarase e actualizarase toda a información xerada en cada incidente de envelenamento de fauna no medio natural nunha xeodatabase asociada ao plan. Esta información será analizada periodicamente e representada en gráficos e mapas de risco, que se difundirán entre os distintos departamentos implicados. Os resultados desta avaliación servirán para definir e revisar un plan de vixilancia contra o uso do veleno ilegal. Neste, clasificaranse os concellos afectados polos incidentes en tres posibles categorías (zona de alta, media e baixa incidencia), segundo a magnitude e periodicidade dos envelenamentos rexistrados, e determinaranse as actividades e actuacións que se desenvolverán en cada tipo de zona.

7.2.2. Potenciaranse os estudos específicos das zonas de alta incidencia de envelenamentos, especialmente naquelas con elevada casuística de predación á gandaría, que conterán unha análise aclaratoria da motivación do uso de cebos envelenados.

7.2.3. Promoverase a colaboración cidadá para a alerta dos envelenamentos de fauna no medio natural e divulgaranse os principais mecanismos da súa comunicación, que estarán focalizados no teléfono 112 do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia e a través dos servizos provinciais competentes en materia de conservación da natureza.

7.2.4. Habilitarase unha vía específica para que o persoal veterinario en exercicio clínico poida comunicar á consellería competente en materia de patrimonio natural, en cumprimento do disposto na Lei 8/2003, do 24 de abril, os incidentes de envelenamento no medio natural coñecidos durante o desenvolvemento da súa actividade profesional.

7.2.5. Fomentarase o intercambio de información entre os sectores implicados, tales como organizacións non gobernamentais do ámbito ambiental e da protección animal, as asociacións de caza e de gandeiros/as que o requiran, coa finalidade de que poidan contribuír á divulgación e sensibilización da sociedade e de acometer as accións legais que consideren oportunas.

7.3. Prevención, disuasión e vixilancia do uso ilegal do veleno.

7.3.1. Coa finalidade de acadar o máximo rexeitamento ao uso ilegal do veleno, divulgarase a súa situación en Galicia e as súas consecuencias sobre a fauna, o ambiente e a saúde pública. Igualmente, darase publicidade ás actuacións de vixilancia, aos incidentes de envelenamento coñecidos e aos expedientes administrativos e xudiciais desenvolvidos ao respecto, con especial incidencia nas sancións e condenas impostas.

7.3.2. Habilitaranse vías de información, formación e sensibilización da sociedade e, especialmente, dos colectivos máis afectados pola fauna silvestre, así como dos colaboradores no desenvolvemento do plan.

7.3.3. Nas probas para a obtención da licenza de caza na Comunidade Autónoma incidirase na problemática do uso ilegal do veleno no medio natural e nas sancións derivadas.

7.3.4. Coa finalidade de perseguir e disuadir do uso ilegal do veleno, manterase a vixilancia desta actividade polos/as axentes ambientais e outro persoal da consellería competente no terreo, fomentando a colaboración con outras forzas de seguridade. Dentro destas tarefas promoverase o uso de equipos caninos especializados para a detección de cebos e cadáveres envelenados.

7.3.5. Promoverase a elaboración dun calendario de inspeccións preventivas contra o veleno.

7.3.6. No caso de incidentes de envelenamento de fauna reiterados e/ou de magnitude significativa no medio natural, as áreas afectadas serán clasificadas como de alta incidencia no plan de vixilancia. Nestas áreas intensificaranse as tarefas de vixilancia e valorarase a aplicación de medidas de recuperación da fauna.

7.3.7. Fomentarase, en función da dispoñibilidade orzamentaria, a adopción de medidas preventivas dos danos á gandaría e á agricultura provocados pola fauna silvestre.

7.4. Coordinación entre as distintas administracións e forzas e corpos de seguridade implicadas no plan.

7.4.1. Coordinación interna da consellería competente.

Nomearase unha coordinación rexional e catro coordinacións provinciais do plan, coa finalidade de harmonizar a súa execución.

– As principais funcións da coordinación rexional serán:

a) Manter e xestionar a base de datos de envelenamentos de fauna en Galicia, así como estar informada de todos os incidentes e actuacións desenvolvidas ao respecto na Comunidade Autónoma.

b) Elaborar os mapas de risco e as memorias de avaliación do Plan de acción, así como o Plan de vixilancia.

c) Redactar os informes de alcance autonómico que sexan requiridos e, especificamente, os necesarios para a finalidade de divulgación.

d) Elaborar e revisar os protocolos de actuación sinalados no plan.

e) Impulsar, coordinar e supervisar as actuacións establecidas neste.

f) Coordinar o fluxo de información dos resultados das análises, informes e outra documentación relevante dos incidentes de envelenamento.

g) Representar a consellería competente no Grupo de Traballo Nacional de Ecotoxicoloxía do Comité de Flora e Fauna Silvestre da Comisión Nacional de Protección da Natureza do ministerio competente en materia de conservación da natureza.

h) Dotar do material necesario para o desenvolvemento dos traballos relacionados coa vixilancia e levantamento de cadáveres ou cebos envelenados.

– As funcións das coordinacións provinciais serán:

a) Recompilar, custodiar e remitir ao Servizo Técnico Xurídico as actas e demais documentación para o inicio de actuacións previas e de expedientes sancionadores, e para a aplicación das medidas que se desenvolverán no marco destes, así como elaborar os informes complementarios de cada caso requiridos pola persoa instrutora ou a autoridade xudicial.

b) Remitir a dita información á coordinación rexional e outros departamentos implicados.

c) Planificar coas persoas responsables dos servizos de Conservación da Natureza, e cos e coas axentes ambientais e vixilantes de recursos naturais os labores de vixilancia en materia de cebos envelenados a nivel provincial.

d) Coordinar as actuacións coas forzas de seguridade e administracións competentes neste nivel.

7.4.2. Coordinación entre a consellería competente e outros departamentos da Xunta de Galicia.

Segundo o requiran as accións emprendidas para acadar os obxectivos principais do plan, solicitarase colaboración aos seguintes departamentos da Administración autonómica:

a) Á Consellería de Presidencia para a colaboración da Policía autonómica como forza de seguridade, especialmente no ámbito da vixilancia, investigación e persecución do delito.

b) Á consellería competente en materia de agricultura e gandaría, e especificamente cos departamentos responsables en:

i. Inspección de praguicidas fitosanitarios, para o control e rastrexabilidade no nivel local dos produtos comerciais deste tipo a base de substancias autorizadas que se detecten nas análises toxicolóxicas dos incidentes de envelenamento.

ii. Regulación de medicamentos de uso veterinario e produtos zoosanitarios de ámbito gandeiro, para o control e rastrexabilidade das substancias deste tipo que se identifiquen nas análises toxicolóxicas.

iii. Sanidade animal, para a aplicación da normativa nesta materia no que respecta á comunicación dos incidentes de envelenamento.

iv. Identificación do gando equino, para a intensificación do seu control nas zonas de alta incidencia de envelenamentos relacionados con ataques de predadores a esta especie, por tratarse dun requisito imprescindible para recibir compensacións por estes danos.

v. Xestión forestal, para a información do seu persoal adscrito sobre o presente plan e a súa colaboración na comunicación dos incidentes de envelenamentos que detecten durante o desenvolvemento das súas funcións.

c) Á consellería competente en materia de saúde pública e sanidade, e especificamente cos departamentos responsables en:

i. Inspección e regulación de praguicidas biocidas, para o control e rastrexabilidade destas substancias detectadas nas análises.

ii. Inspección de farmacias, para o control e rastrexabilidade dos medicamentos de uso humano utilizados nos envelenamentos.

7.4.3. Cooperación con outras administracións competentes na loita contra o uso ilegal do veleno.

Promoveranse canles de colaboración e coordinación como mínimo coas seguintes entidades:

a) O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), na procura e recolla de mostras presuntamente envelenadas, así como no ámbito da vixilancia, investigación e persecución dos incidentes de envelenamento.

b) Os órganos da xustiza, especialmente a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia, poñendo no seu coñecemento o plan, os protocolos de actuación e a información recollida na súa aplicación.

c) A Federación Galega de Municipios e Provincias para a información dos concellos de Galicia e das súas policías locais, especialmente nas áreas de alta incidencia ou nas que acontezan incidentes de envelenamento de magnitude relevante.

d) Os departamentos competentes no control de envelenamentos nas restantes comunidades autónomas e o Ministerio do Goberno central responsable da conservación da natureza, especificamente mediante a asistencia a reunións, revisión de documentos conxuntos e remisión dos datos da Comunidade Autónoma de Galicia que se requiran.

7.5. Protocolización das principais actuacións previstas no plan.

Para acadar os obxectivos especificados estableceranse, como mínimo, os seguintes protocolos de traballo, que sistematizarán as principais actuacións recollidas no plan:

a) Protocolo de levantamento e cesión para análise de mostras e cebos presuntamente envelenados.

b) Protocolos de estudo anatomo-patolóxico forense para os centros de recuperación de fauna silvestre e laboratorios colaboradores.

c) Protocolo de actuacións administrativas e de coordinación coa vía penal.

Dotarase o persoal responsable da execución destes protocolos do material necesario para o seu desenvolvemento e aplicación.

Seguimento do plan.

7.6. Memoria de seguimento.

Esta memoria será realizada cada dous anos e terá por finalidade valorar o cumprimento dos obxectivos previstos no plan e a idoneidade, eficacia e resultados das actuacións desenvolvidas.

A avaliación técnica da efectividade do plan realizarase tendo en consideración a evolución anual do seguinte sistema de indicadores:

a) Recursos.

Avaliaranse os recursos materiais e persoais existentes na Comunidade Autónoma para acadar os distintos obxectivos do plan.

b) Fauna afectada.

Cuantificarase o número de especies e de exemplares afectados polo uso do veleno, coa especificación das substancias empregadas.

c) Episodios de envelenamento.

Analizarase o número de episodios de envelenamento ocorridos na Comunidade Autónoma e a súa distribución por provincias e concellos.

d) Categorías de risco xeográficas.

Avaliaranse as variacións nas clasificacións dos diferentes concellos e outras áreas xeográficas nas distintas zonas de risco.

e) Procedementos sancionadores.

Revisarase o número de procedementos sancionadores iniciados, tanto por vía administrativa como penal, pola utilización de cebos envelenados.

f) Actuacións de coordinación.

Recompilarase información sobre as distintas actuacións de coordinación desenvolvidas entre os actores implicados na aplicación do plan.

7.7. Seguimento do plan.

A supervisión do desenvolvemento do presente plan efectuarase no marco do Observatorio Galego da Biodiversidade, como órgano colexiado responsable en Galicia do asesoramento na súa conservación, segundo o disposto no Decreto 260/2007, do 13 de decembro, polo que se crea o Observatorio Galego da Biodiversidade e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.

Este seguimento terá por obxecto analizar e valorar a eficacia da aplicación do plan e do cumprimento dos seus obxectivos, con base nos indicadores establecidos e nas memorias de avaliación, así como propoñer as posibles modificacións segundo os resultados acadados.

8. Vixencia e revisións.

O presente plan de acción ten vixencia indefinida, determinada en todo caso polo cumprimento dos obxectivos establecidos.

Co fin de adaptalo a novos condicionantes emerxentes, avaliaranse os seus resultados cada tres anos e acometerase a súa modificación no caso de que na memoria de seguimento se xustifique a necesidade do axuste das medidas previstas.

9. Calendario de actuacións.

De xeito orientativo e de acordo cos fondos dispoñibles, o programa de actuacións desenvolverase durante os seis anos seguintes á data de aprobación do plan de acordo cos seguintes prazos e prioridades:

Actuación

Prazos

Prioridade

Procedemento de execución

C

M

L

1. Investigación e persecución

1.1.

Formación do persoal da Administración (axentes, vixilantes e persoal técnico)

X

Alta

Medios propios

1.2.

Adquisición de material para a toma de mostras e custodia polos/as axentes ambientais

X

Alta

Subministracións

1.3.

Adquisición de material para a realización de necropsias e toma de mostras nos centros de recuperación de fauna e posterior remisión a laboratorio

X

Alta

Subministracións

1.4.

Procura, recolla e custodia de mostras envelenadas

X

Alta

Medios propios

1.5.

Envío e transporte das mostras ao laboratorio

X

Alta

Medios propios e contratación

1.6.

Análise das mostras

X

X

X

Alta

Medios propios e contratación

1.7.

Investigación dos envelenamentos en colaboración coas forzas e corpos de seguridade

X

X

X

Alta

Medios propios e doutras administracións

2. Información

2.1.

Recompilación periódica e arquivamento da información

X

Media

Medios propios

2.2.

Análise da información e elaboración de informes

X

Media

Medios propios

2.3.

Habilitación de vías de comunicación de incidentes de envelenamento

X

Alta

Medios propios

3. Prevención, disuasión e vixilancia

3.1.

Información, formación e disuasión da sociedade

X

Media

Medios propios e contratación

3.2.

Intensificación da vixilancia en colaboración con outras autoridades

X

X

Alta

Medios propios e doutras administracións

4. Coordinación

4.1.

Coordinación interna e con outras autoridades/entidades implicadas

X

Alta

Medios propios

5. Protocolización

5.1.

Elaboración de protocolos de traballo

X

Alta

Medios propios

6. Seguimento e revisión

6.1.

Seguimento e revisión periódica do plan de acción e actualización dos protocolos

X

Media

Medios propios