Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 2017 Páx. 18564

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2017 pola que se convoca o III congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística denominado Disciplina urbanística: unha perspectiva global.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ten encomendada a función de control e disciplina urbanística na Comunidad Autónoma de Galicia. Para levar a cabo este labor, a APLU intenta realizar accións formativas de interese xeral tanto para os profesionais na materia urbanística como para a cidadanía en xeral co propósito de que as medidas para loitar e evitar os ilícitos urbanísticos non sexan só represivas senón tamén preventivas, cumprindo a formación e difusión unha das súas principais liñas de acción.

Para iso, a APLU organiza o III congreso denominado Disciplina urbanística: unha perspectiva global, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 15 e 16 de xuño de 2017, no cal se contará con expertos de recoñecido prestixio nesta materia.

Así, dentro do plan de actividades da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para o ano 2017 e de acordo coas funcións atribuídas polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, así como do artigo 10 do Plan de inspección APLU 2016-2017, convócase o III congreso sobre Disciplina urbanística: unha perspectiva global, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar aos destinatarios un espazo de reflexión sobre a situación actual e global do estado actual da disciplina urbanística, os seus problemas, conflitos e posibles solucións. Asimesmo, preténdese ter unha visión de conxunto sobre solucións do noso contorno ante os principais retos que presenta a ocupación ilegal do territorio, que ocasiona un consumo importante de recursos perecedoiros como o solo e a auga, e destrúe ademais o noso territorio e a paisaxe. Neste sentido, co obxectivo de analizar a cuestión desde unha perspectiva global, contarase con expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo, coa finalidade de que cada un deles achegue as súas experiencias e coñecementos, intentando entre todos propor posibles melloras para adoptar nas actuacións futuras de cara á consecución dun urbanismo sustentable.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A protección da costa: experiencias tras a modificación operada pola Lei 2/2013, de protección e uso sustentable do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

– Sustentabilidade e crecemento.

– Auga e urbanismo: dispoñibilidade de recursos hídricos.

– Principais novidades das leis de procedemento administrativo e a súa repercusión no ámbito da intervención urbanística.

– Procedemento administrativo e proceso contencioso-administrativo. Medidas cautelares. Eficacia das sentenzas contra a Administración.

– A loita contra os espazos de discrecionalidade urbanística.

– A superación da indisciplina urbanística: problemas e retos a que enfrontarse.

– É necesario repensar o noso modelo urbanístico?

3. Comunicacións.

Os participantes no congreso poderán presentar comunicacións que versen sobre temas relacionados co contido do programa. As comunicacións serán enviadas ao enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal ata o 5 de xuño de 2017 ás 15.00 horas. As normas para a presentación das devanditas comunicacións estarán dispoñibles na web http://www.axenciaurbanistica.es.

4. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas, das universidades do sistema universitario, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.

Emitirase un diploma acreditativo da asistencia.

5. Desenvolvemento.

Lugar: Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Santiago de Compostela.

Rúa de Miguel Ferro Caaveiro, s/n, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

Datas: 15 de xuño (mañá e tarde) e 16 de xuño de 2017 (mañá).

Horario: 15 de xuño das 9.30 ás 14.30 horas e das 16.30 ás 19.30 horas; 16 de xuño das 9.30 ás 14.30 horas.

Duración: 13 horas.

6. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

7. Inscrición.

A matrícula é gratuíta.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da APLU: http://www.axenciaurbanistica.es.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 15.00 horas do día 13 de xuño de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 9.00 ás 14.30 horas, no teléfono: 981 54 43 25 ou no enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal.

8. Modificacións.

A APLU reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

9. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio