Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Hifas, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:
Feitos:
Primeiro. O 12 de agosto de 2016, Tomás Casquero Cimadevila, secretario do padroado da Fundación Hifas, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación Hifas foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra o 5 de agosto de 2016, ante o notario Ramón Mucientes Silva, co número de protocolo 530, pola Sociedade Hifas da Terra, S.L., que actúa representada pola súa administradora única, Catalina Fernández de Ana Portela.
Esta escritura emendouse por outra outorgada tamén en Pontevedra o 15 de decembro de 2016, ante o mesmo notario, co número de protocolo 854.
Terceiro. Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o estudo, potenciación e divulgación da aplicación dos fungos, a micoloxía e outros ámbitos de coñecemento biotecnolóxico á saúde humana e animal, á alimentación funcional e á mellora ambiental, e o fomento da micoterapia e outras terapias complementarias cara a un enfoque médico integrativo.
Cuarto. Na escritura de constitución da fundación consta a identidade do fundador, a dotación inicial, a identificación dos membros do padroado inicial e os estatutos.
Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto, fins e actividades para a súa consecución, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Catalina Fernández de Ana Portela como presidenta; Francisco Fernández de Ana Magán como vicepresidente; Tomás Casquero Cimadevila como secretario; e Esteban Sinde Stompel e Ana Margarita Quiñones Laguillo, como vogais.
Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a proposta de clasificación como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario da Fundación Hifas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Sanidade.
Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 6 de marzo de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 61, do 28 de marzo), clasificouse de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario a Fundación Hifas, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Hifas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e despois do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade, da Fundación Hifas, polo que,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Hifas.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.
Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2017
Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade