Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2017 Páx. 19666

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 11 de abril de 2017, conxunta da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 343537.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran, na data de peche da convocatoria, as condicións que se indican nela para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.

Segundo. Obxecto

O apoio á etapa posdoutoral mediante dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas para a ampliación da especialización no estranxeiro do persoal investigador doutor e a súa reincorporación na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante un contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Modalidade B: axudas para posibilitar a continuación da súa formación e establecer unha traxectoria investigadora propia, para as persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria de 2013 do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan I2C que permaneceu nel ata o 1 de abril de 2017 e que obtivo unha avaliación positiva e para as persoas investigadoras da convocatoria de 2012 ás cales, por circunstancias especiais, se lles concedese un aprazamento da avaliación e que obteñan unha avaliación positiva, mediante un contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 8.690.000 euros: 6.630.000 euros para a modalidade A e 2.060.000 euros para a modalidade B.

Na modalidade A poderanse conceder ata 51 axudas (a previsión inicial é de 45 en universidades do SUG e 6 no resto de entidades beneficiarias). O importe máximo de cada axuda é de 45.500 euros anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato dun máximo de 44.000 euros brutos anuais durante a fase de estadía e de 38.000 euros brutos anuais durante a fase de retorno.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía de 1.500 euros anuais durante a fase de estadía e de 1.000 euros anuais durante a fase de retorno.

Na modalidade B poderanse conceder 20 axudas. O importe total máximo de cada axuda é de 47.000 euros anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato posdoutoral dun máximo de 38.000 euros brutos anuais.

2. Unha axuda complementaria, por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, de 5.000 euros para o ano 2017 e de 10.000 euros para os anos 2018 e 2019.

3. Un complemento anual por axuda, destinado ás universidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación, de 1.000 euros anuais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente da Axencia Galega de Innovación