Mediante a Resolución do 14 de marzo de 2017 (DOG nº 61, do 28 de marzo) establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2016.
En aplicación do establecido no artigo 7 da dita resolución, o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro día 28 de abril. A coincidencia do prazo sinalado para a presentación de solicitudes cos días festivos da celebración da Semana Santa, a circunstancia de que a maioría dos potenciais beneficiarios residen fóra de España, así como a situación especial que están a atravesar os residentes dalgúns países de Iberoamérica, lugar de residencia da maioría dos destinatarios destas axudas, aconsellan proceder a unha ampliación do prazo sinalado inicialmente.
En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Ampliar ata o 5 de maio de 2017, inclusive, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 14 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2017.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración