Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2017 Páx. 22087

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2016/17.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, dispón no seu artigo 20.3 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas ao finalizar o terceiro curso de educación primaria, segundo dispoñan as administracións educativas, na cal se comprobará o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática. De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas.

O Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no artigo 12.7 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e as alumnas ao rematar o terceiro curso de educación primaria, segundo dispoña a consellería con competencias en materia de educación, e que, de resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas, que se fixarán en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan resolver as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no artigo 22, atribúe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, entre outras competencias e funcións, a organización de probas específicas que deriven da normativa xeral ou específica, nos niveis educativos non universitarios de Galicia.

En consecuencia, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto ditar as instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2016/17.

Esta avaliación individualizada terá carácter censual e aplicarase a todo o alumnado que no curso 2016/17 estea realizando terceiro curso de educación primaria en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade da avaliación individualizada

A avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

Esta avaliación ten carácter informativo e orientador para os alumnos e alumnas e familias, equipos docentes, centros e Administración educativa. Complementa a información que reciben e orienta a toma de decisións na elaboración de plans de mellora. En consecuencia, debe servir para:

– Achegar información individualizada de cada alumno ou alumna avaliado sobre o seu progreso no grao de adquisición das competencias obxecto de avaliación e contribuír á detección de dificultades na aprendizaxe.

– Achegar información e orientar os centros educativos para que, en función dos resultados obtidos polo seus alumnos e alumnas, cada centro adopte as medidas necesarias que redunden na mellora do proceso educativo.

– Achegar información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso de aprendizaxe do alumnado que contribúa a orientar a toma de decisións e o establecemento de medidas encamiñadas á mellora educativa.

Terceiro. Competencias obxecto de avaliación

1. Na avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria avaliarase a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática.

2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables para o terceiro curso de educación primaria que figuran nos anexos I e III do Decreto 105/2014 do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Características xerais das probas

1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar a avaliación individualizada.

2. As probas estarán constituídas por cadernos de alumnado para cada unha das competencias obxecto de avaliación e cuestionarios de contexto dirixidos ás persoas titoras, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias. Estes cuestionarios permitirán obter información sobre as condicións socioeconómicas e culturais dos centros para a contextualización dos resultados obtidos.

Os cuestionarios de contexto realizaranse preferentemente en formato dixital, sen prexuízo de que as familias o poidan realizar en formato papel.

Quinto. Aplicación das probas

1. As probas aplicaranse en todos os grupos de terceiro curso de educación primaria conforme as instrucións que dite a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Procurarase que as probas sexan aplicadas por mestres e mestras que impartan docencia aos alumnos e alumnas avaliados en áreas que non sexan lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura, e matemáticas. Cando isto non sexa posible, corresponde á comisión de coordinación de avaliación establecida no punto noveno desta resolución seleccionar os mestres e as mestras responsables de aplicar as probas.

Sexto. Corrección das probas e gravación dos datos

Con carácter xeral, as probas deberán ser corrixidas e gravadas por mestres e mestras do centro que impartan en educación primaria as áreas de lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura, ou matemáticas, pero que non impartan docencia aos alumnos e alumnas avaliados. Cando isto non sexa posible, corresponde á comisión de coordinación de avaliación do centro seleccionar os mestres e mestras responsables da corrección das probas e da gravación dos datos.

Neste proceso aplicaranse os criterios establecidos para cada competencia avaliada.

Sétimo. Datas das avaliacións

1. A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 30 e 31 de maio.

No caso de que algún centro non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas, por coincidir cun día non lectivo no centro ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro afectado comunicarao á inspección correspondente cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao inicio da proba. A inspección do centro adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data inmediatamente posterior.

2. Os centros educativos disporán ata o día 12 de xuño inclusive para a corrección da proba e a gravación dos datos.

Oitavo. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

1. Estableceranse as medidas máis axeitadas para que as condicións de realización da avaliación individualizada de terceiro curso se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, a presentación da proba en formatos adaptados e a posta á disposición do alumnado de medios materiais e axudas técnicas que precisen.

O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo e cuxa competencia lingüística non sexa suficiente para a comprensión da proba contará co asesoramento lingüístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non se computarán para o cálculo dos datos globais.

3. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptación, polo que os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a dita avaliación e os seus resultados non se computarán para o cálculo dos datos globais.

4. A elaboración, aplicación e corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior, así como a elaboración do correspondente informe individualizado, será responsabilidade do titor ou titora, e contarán co asesoramento do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro e coa colaboración do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe.

5. Para aquelas situacións extraordinarias en que se suscite dúbida sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou á alumna, corresponde á comisión de coordinación da avaliación establecida no punto noveno desta resolución, oída a persoa titora do alumno ou da alumna, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou se procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada. De ser o caso, esa decisión farase constar no informe do dito alumno ou alumna.

Noveno. Comisión de coordinación da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria

1. Constituirase unha comisión de coordinación da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria en cada centro educativo formada polo director ou directora do centro, que a presidirá, o xefe ou xefa de estudos, de ser o caso, o xefe ou xefa do departamento de orientación, de ser o caso, e unha persoa titora de terceiro curso nomeada pola dirección do centro.

2. Corresponden a esta comisión as seguintes funcións:

a) Informar a comunidade educativa do centro sobre o sentido e a finalidade da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria.

b) Planificar e facilitar as condicións e os medios materiais para a correcta realización da avaliación.

c) Planificar e coordinar todo o proceso das avaliacións no centro e garantir que se realizan de modo adecuado.

d) Seleccionar o persoal docente responsable da aplicación, corrección e gravación das probas, de acordo co disposto nos puntos quinto e sexto desta resolución.

e) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias para as cales se suscite dúbida, resolver se ao alumno ou á alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

f) Custodiar os materiais da avaliación e garantir a debida confidencialidade.

g) Garantir o rigor e a obxectividade no desenvolvemento de todo o proceso da avaliación.

h) Organizar a entrega dos informes de resultados aos pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas e a difusión da información sobre os resultados da avaliación entre a comunidade educativa do centro.

i) Colaborar coa Administración educativa e cos servizos de Inspección educativa naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

3. A comisión de coordinación da avaliación no centro constituirase coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase a súa constitución á Inspección educativa correspondente.

Décimo. Informes

1. Os centros educativos obterán un informe individual de resultados de cada alumno ou alumna que realizou a proba xeral, que recollerá información sobre os seus resultados globais nas competencias avaliadas e será entregado aos pais, nais ou titores legais. Este informe terá carácter informativo e orientador para os centros, así como para os equipos docentes, os pais, nais ou titores legais do alumnado.

2. O titor ou titora deberá informar os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas dos resultados da avaliación individualizada de terceiro curso en relación co grao de adquisición das competencias avaliadas e das medidas adoptadas.

3. Os centros educativos obterán un informe de centro en que se recollerá información sobre resultados de centro e de grupo en cada unha das destrezas e competencias avaliadas.

Décimo primeiro. Análise dos resultados nos centros educativos

Os centros educativos, a través dos seus órganos colexiados, realizarán unha análise dos resultados obtidos polo seu alumnado na avaliación individualizada de terceiro curso de primaria e unha reflexión interna para establecer as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual.

De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solucionar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.

Décimo segundo. Control do proceso

A Administración educativa supervisará a aplicación e a corrección das probas da avaliación individualizada.

A Administración educativa, a través da Inspección educativa, requirirá, dunha mostra significativa de centros, os materiais da avaliación individualizada, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Corresponde á Inspección educativa velar polo correcto desenvolvemento da avaliación individualizada nos centros educativos e facer o seu seguimento, participar na corrección de contraste e asesorar os centros na toma de decisións posteriores á realización da proba.

Décimo terceiro. Participación do profesorado

De acordo co establecido no artigo 142 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes participarán e colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións que se realicen nos seus centros.

Décimo cuarto. Datos de carácter persoal

Para o tratamento dos datos de carácter persoal aplicarase o disposto na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos persoais serán incluídos nun ficheiro denominado avaliación do sistema educativo cuxa finalidade é xestionar os plans e probas que se realizan para contribuír a mellorar a calidade e equidade da educación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2017

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa