Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2017 Páx. 22234

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se convocan para o ano 2017.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e a desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015 seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

O artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, así como as universidades, os sindicatos, as empresas e organizacións empresariais, e as comunidades galegas no exterior.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras para o ano 2017 para a execución de proxectos no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, de acordo con estas bases reguladoras e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2017 e 2018 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás liñas e aplicacións orzamentarias seguintes:

Proxectos no exterior de ONGD polo importe total de 2.637.500 euros, conforme a seguinte distribución:

05.26.331A.490.0, pola contía total de 2.000.000 euros (800.000 euros no ano 2017 e 1.200.000 euros no ano 2018) e 05.26.331A.790.0, pola contía total de 637.500 euros (255.000 euros no ano 2017 e 382.500 euros no 2018).

Proxectos no exterior dos outros axentes polo importe total de 375.000 euros conforme a seguinte distribución:

05.26.331A.490.0, pola contía total de 275.000 euros (110.000 euros no ano 2017 e 165.000 euros no ano 2018) e 05.26.331A.790.0, pola contía total de 100.000 euros (40.000 euros no ano 2017 e 60.000 euros no ano 2018).

Ao tratarse de subvencións con cargo ás mesmas aplicacións orzamentarias, os créditos non asignados a unha liña de actuación poderán incrementar a dotación financeira da outra liña de actuación.

3. Considerando que resultan elixibles tanto os gastos de investimento como os gastos correntes para poder executar proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior, cómpre situar créditos no capítulo IV e no capítulo VII, e non é posible coñecer de antemán os importes totais que se van conceder con cargo a cada capítulo.

Polo tanto, as cantidades inicialmente asignadas a cada aplicación orzamentaria do capítulo IV e do capítulo VII por cada liña de subvención teñen carácter estimativo. A súa determinación definitiva será a que resulte das resolucións de concesión que se diten ao abeiro desta orde, que deberán recoller os importes parciais das subvencións concedidas, clasificados de acordo co orzamento achegado por cada entidade como parte do proxecto que fundamenta a resolución de concesión.

O previsto neste punto requirirá, de ser o caso, a tramitación previa das preceptivas transferencias de crédito. Poderán tramitarse cantos expedientes sexan necesarios das ditas transferencias relativas aos capítulos IV e VII, consonte o previsto no artigo 8.un.f) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, no suposto de que, polas características dos proxectos presentados, as actuacións que se deban executar para o cumprimento da finalidade do programa orzamentario previsto exixan a adecuación da natureza económica do gasto.

Por outra banda, segundo o establecido no punto 6 do artigo 8 da citada Lei de orzamentos, as limitacións establecidas no dito artigo non son de aplicación aos créditos do programa 331A vinculados aos proxectos que van desenvolver no exterior os axentes galegos de cooperación para o desenvolvemento.

4. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

5. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpor os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

Artigo 1. Obxecto e entidades beneficiarias

1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior que van executar as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ben individualmente o mediante unha agrupación de entidades (procedemento PR803D):

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– Universidades.

– Empresas e organizacións empresariais.

– Sindicatos.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

2. Non se considerará agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a dita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

3. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2. Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias das axudas e os proxectos

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:

1. Requisitos das entidades.

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao da publicación da convocatoria. As universidades e as comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter xustificadas, se é o caso, antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2014 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as beneficiarias de axudas económicas, se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) No caso das universidades, deberán formar parte do Sistema universitario de Galicia segundo a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema universitario de Galicia, e poderán optar a estas subvencións os seus departamentos e institutos que realicen actividades que poidan ser obxecto das axudas reguladas nestas bases.

2. Requisitos xerais de todos os proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2017, e será necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2017. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de decembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto. Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias, é dicir, que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto, non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe, fomente a igualdade entre homes e mulleres e sexa respectuoso coa protección do ambiente.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e os intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das fendas de xénero e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) Os proxectos deberán estar vinculados de xeito directo á realización das prioridades transversais, segundo o establecido no III Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento.

h) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 7, «Gastos do proxecto», desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

i) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser 100% valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

3. Requisitos específicos dos proxectos presentados polos outros axentes de cooperación.

Non serán valorados os proxectos presentados polos outros axentes da Cooperación Galega (exceptúanse os presentados polas ONGD) que non se enmarquen, cada un deles, dentro dos seguintes ámbitos:

– Universidades:

a) Actividades de cooperación interuniversitaria, como fortalecemento institucional das universidades dos países en desenvolvemento, asistencia para o deseño de títulos e currículos académicos, apoio á mobilidade do persoal investigador e docente, organización de pasantías de alumnado en prácticas, formación de redes para o traballo en común e outras.

b) Actividades de apoio e asistencia ao resto dos axentes da cooperación, tanto administracións públicas como entidades privadas (ONGD) no desenvolvemento científico e na transferencia de tecnoloxía.

– Empresas e asociacións empresariais:

a) Dotación de bens e servizos –materiais, obras e asistencia técnica– que os procesos de desenvolvemento demandan, así como achega libre de recursos humanos, materiais, técnicos ou financeiros a proxectos ou institucións de desenvolvemento.

b) Actividades de fortalecemento no sector en que desempeña a súa actividade dos países en desenvolvemento, apoiando a participación no diálogo social, na transferencia da súa experiencia e recursos a institucións cun fin homólogo nos países en desenvolvemento, tales como tarefas de formación e de asistencia técnica en áreas profesionais definidas e no apoio á consolidación das organizacións empresariais.

c) Promoción dos contactos previos e os estudos de identificación ou prefactibilidade que alenten a creación de oportunidades para a posta en marcha de iniciativas empresariais, que permitan xerar renda e emprego no país en desenvolvemento, fortalecendo o tecido produtivo do país, priorizando as actuacións das micro, pequenas e medianas empresas ou aquelas de economía social. Estas iniciativas deberán incluír unha especial atención ao respecto e defensa dos dereitos laborais, humanos, dereito ao territorio, e atenderán ao impacto na loita pola equidade de xénero e a súa contribución á loita contra a pobreza.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de responsabilidade social corporativa.

e) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as empresas crean.

– Sindicatos:

a) Actividades de apoio, a través dos seus recursos e capacidades humanas e técnicas, ás intervencións directas dos axentes de cooperación.

b) Actividades de apoio á organización sindical nos países en desenvolvemento, potenciando a capacidade técnica e organizativa destas institucións e apoiando a súa participación no diálogo social nos seus respectivos países co obxectivo de contribuír a unha maior articulación e fortaleza da sociedade civil.

c) Actividades de promoción da organización da produción a través da transferencia da experiencia dos sindicatos agrarios.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de defensa de dereitos laborais cunha especial atención aos dereitos laborais das mulleres.

– Comunidades galegas no exterior:

a) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base, aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as comunidades galegas creasen.

b) Promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, terceira idade, persoas refuxiadas, desprazadas, inmigrantes, retornadas, minorías étnicas e comunidades indíxenas.

– Outras entidades con fins sociais:

Actuacións ou actividades de apoio a organizacións e institucións dos países socios que desempeñen ou estean relacionadas co fin principal que a entidade solicitante realice en Galicia.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. A solicitude de subvención presentarase no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e conforme o que establece o artigo anterior.

2. As ONGD solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

No caso de presentar máis dun proxecto, polo menos un ten que executarse necesariamente nun país definido como prioritario no III Plan director da cooperación galega.

No caso dos outros axentes de cooperación só poderán presentar un proxecto, ben sexa individual ou ben en agrupación con outras entidades. Respecto das universidades, esta limitación aplicarase por departamento.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas.

3. Coa citada solicitude xuntarase a documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 e os documentos de formulación do proxecto, carpeta 3, presentaranse obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante, que en caso de agrupación de entidades se deberá achegar de cada unha das entidades agrupadas.

a) Declaración responsable da persoa que ostenta a representación legal da entidade na que se especifiquen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo II.

b) Declaración responsable da persoa que posúa a representación legal da entidade sobre o cumprimento das normativas ambientais e de dereitos humanos no territorio español e nos países de intervención.

c) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

d) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio local.

e) Planificación/estratexia de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado. No caso de empresas ou agrupacións empresariais deberán incluír, de ser posible, o Plan de responsabilidade social corporativa en que se insire o proxecto.

f) No caso de agrupación de entidades deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que posúan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que posúa a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e das achegas propias que vai executar cada unha delas en cada anualidade. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

g) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o establecido no artigo 23.b), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O dito documento estará asinado pola persoa que posúa a representación legal da entidade.

h) As universidades incluirán certificación, expedida pola persoa que posúa a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, en que se autorice a presentación do proxecto á convocatoria e en que se autorice, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

Carpeta 2: información relativa á contraparte ou socio local (no caso de seren varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que posúa a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración da persoa que posúa a representación legal da entidade en que se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao servizo da mesma.

c) Copia dos estatutos da entidade, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.

d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que posúa a representación legal da entidade.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

f) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Recoméndase achegar listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias, e co mesmo socio.

g) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado.

h) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración, universidade ou outra entidade pública, deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Copia do documento ou cédula de identidade da persoa que posúa a representación legal da entidade.

– Copia do documento en que se recolla o nomeamento do representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.

– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co proxecto presentado.

Carpeta 3: información relativa ao proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación técnica e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderase formular directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

4. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do proxecto, se non se emendase dentro do prazo establecido no artigo 9 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos:

– Na carpeta 1, os documentos previstos nas letras c), d) e e).

– Na carpeta 3, os documentos normalizados do proxecto.

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada exprese o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Validación do NIF da entidade solicitante.

– Validación do DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 6. Condicións de financiamento

1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto, ben que a subvención concedida non superará en ningún caso os 175.000 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao ano 2017, o importe máximo da subvención será de 60.000 euros.

Nos proxectos presentados por unha agrupación de entidades, a subvención concedida non excederá o límite de 225.000 euros. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao ano 2017, o importe máximo da subvención será de 100.000 euros.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizadas.

2. En canto á subvención concedida aos proxectos plurianuais, tanto os presentados polas ONGD como polos outros axentes, distribuirase o 40 % no ano 2017 e o 60 % en 2018.

3. O importe máximo da subvención concedida a cada ONGD non poderá ser superior ao 10 % do total da dotación da convocatoria para este tipo de axente. No caso de agrupación de entidades para o cálculo desta porcentaxe, considerarase a distribución do montante da subvención xestionado por cada unha das entidades consonte se estableza no contrato ou acordo de colaboración establecido entre elas.

4. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 7. Gastos do proxecto

1. Gastos subvencionables:

1º. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos do proxecto, agás no suposto de que as entidades solicitantes posúan ánimo de lucro, en cuxo caso se subvencionarán exclusivamente os custos directos.

2º. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos.

a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo, sempre que se realicen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria. Así mesmo, aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, sempre que se realicen no prazo dos seis primeiros meses de execución do proxecto.

Para que se poidan imputar á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base deberán realizalas persoal externo ás organizacións beneficiarias; en caso contrario deberán ser financiadas coas achegas doutros financiadores.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar os 10.000 euros.

b) Terreos e inmobles no país de execución do proxecto (inclúe compra ou alugamento). No suposto de adquisición de bens inmobles, inclúe os gastos necesarios para a compra de terreos e inmobles e a súa inscrición legal nos rexistros locais de propiedade (impostos, taxas, gastos notariais, licenzas legais, etc.). Debe achegarse un certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial.

Non se imputarán nesta partida os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local. O alugamento dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou do socio local imputaranse na partida de funcionamento.

c) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e transporte destes, obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberase especificar o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local.

d) Equipos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos (hardware e software), dotación de bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e posta en funcionamento dos equipamentos, taxas alfandegueiras ou portuarias, etc. Así mesmo, no caso de proxectos produtivos inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes, etc., o seu transporte e almacenamento.

Considéranse materiais consumibles os gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, utensilios, etc. Tamén se inclúen o alugamento de maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

e) Adquisición de medios de transporte de dúas rodas e de vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc).

f) Persoal. Para os efectos desta convocatoria entenderase:

1) Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española, sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade do dito envío e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

2) Persoal local: aquel persoal da contraparte ou socio local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente, ás súas funcións e desempeño. As súas funcións e tarefas están directamente relacionadas coa intervención. Deberase acreditar documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato no país ou zona onde se execute o proxecto.

3) Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que, por razón das súas funcións teña que desprazarse, ocasional ou regularmente, aos países de execución, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

4) Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, liquidacións (en proporción aos meses de imputación ao proxecto), así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

O importe máximo aplicable por este concepto no poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto.

g) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención (distintos aos de identificación, elaboración de liñas de base, avaliación e auditoría que se imputan nas súas partidas correspondentes). Incluiranse, como contribución das entidades solicitantes, as achegas valorizadas do traballo do seu persoal voluntario para realizar os servizos previstos nesta partida.

Tamén se incluirán os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciban contraprestación económica e que participen directamente nos proxectos subvencionados e calquera outro gasto en que poidan incorrer e que estea directamente relacionado coa intervención.

As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria inclúense nesta epígrafe. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse na epígrafe que corresponda segundo o obxecto da bolsa.

h) Funcionamento no terreo: gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o alugamento de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

i) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense, entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local, expatriado e en sede), dos/as voluntarios/as e das persoas beneficiarias, necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros, alugamento e mantemento de vehículos), así como o aloxamento, manutención dos participantes en formacións e capacitacións e, de seren necesarios, os incentivos (monetarios e en especie) aos beneficiarios dos proxectos que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarios para a boa execución do proxecto.

j) Avaliación externa con enfoque de xénero obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos que recibisen unha subvención superior a 90.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación do proxecto que se xunta coa solicitude de subvención. A avaliación externa deberá ser realizada por persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, e xuntarase a documentación que a xustifique.

Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, a avaliación externa poderase realizar tras a finalización do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.

A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 6.000 euros.

k) Auditoría contable. Financiarase para os axentes de cooperación que non posúan ánimo de lucro. Será obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro e, opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros. O importe máximo imputado a este concepto no excederá os 4.000 euros.

Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, a auditoría contable poderase realizar tras a finalización do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.

As universidades están eximidas de presentar a dita auditoría contable.

As entidades que posúan ánimo de lucro terán a obriga de encargar pola súa conta unha auditoría contable, que deberá efectuada persoal profesional independente inscrito, no caso de persoal español, no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC). Os/as auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo a revisión consideraranse como tales, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión, a revisión prevista poderaa realizar un/unha auditor/a establecido/a no dito país, sempre que a designación deste/a a leve a cabo a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, segundo uns criterios técnicos que garantan a axeitada calidade.

l) Fondo rotatorio: enténdese por tal a cantidade económica que se emprega como empréstitos directos ou en especie ás persoas beneficiarias, que deben ser devoltos por elas nas condicións contractuais que se establezan, destinadas a garantir a súa devolución. Achegarase, en todo caso, o regulamento do funcionamento do fondo. Inclúense os gastos de funcionamento, administración e xestión do fondo. O fondo rotatorio non poderá superar o 9 % do orzamento total do proxecto.

m) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para realizar o proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a adecuada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se require na convocatoria.

3º. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local para o sostemento da execución do proxecto, así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata o 10 % do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos imputaranse pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable da persoa que posúa a representación legal.

Se a entidade solicitante é unha entidade con ánimo de lucro non se subvencionarán os custos indirectos.

4º. Aceptaranse, por parte da entidade solicitante, as achegas en especie ou as valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo, sempre que se realicen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria. Así mesmo, aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, sempre que se realicen no prazo dos tres primeiros meses de execución do proxecto.

b) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto (que non deberá exceder os 20 euros por hora). Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/da voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.

5º. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que se ten que desenvolver.

Para os efectos do que prevé o parágrafo anterior, considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipamentos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das beneficiarias, así como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzadas e que, no caso de terreos, locais ou equipamentos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao proxecto obxecto de axuda. Tamén se poden valorar os bens, persoal voluntario da contraparte ou socio local e os locais postos temporalmente á disposición da execución directa do proxecto, por un importe equivalente ao alugamento destes durante o tempo en que sexan utilizados dentro do prazo de execución.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.

As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

6º. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

7º. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, deberán quedar formalmente vinculados, durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público e durante cinco anos, o resto de bens, para os fins das actuacións realizadas. Unha vez que rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberase documentar a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberase facer constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período durante o cal se afectan os bens, e deberán ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro publico correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea deberá autorizar previamente tal cesión.

O incumprimento da dita obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007, e quedará o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial, no caso de bens mobles non inscritibles.

2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

– Os elementos de transporte externos, con excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc.

– Os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

– Os xuros debedores das contas bancarias.

– Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

– Os gastos de procedementos xudiciais.

– As amortizacións de bens inventariables.

– Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

– Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

– As liquidacións por despedimento do persoal.

Artigo 8. Criterios e valoración dos proxectos

As prioridades xeográficas, sectoriais e transversais serán as establecidas no III Plan director da cooperación galega.

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 17 puntos.

1º. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar, co mesmo socio local ou poboación destinataria) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 4 puntos.

2º. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos capacitados para desenvolver o seu traballo con perspectiva de xénero e baixo o resto das prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega e recursos técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 4 puntos.

3º. Estratexia de cooperación da entidade e, no caso de empresas e agrupacións empresariais, o Plan de responsabilidade social corporativa (carpeta 1), que inclúan a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade, así como o resto de prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega para os vindeiros anos (dous como mínimo). Máximo: 3 puntos.

4º. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación (valorarase o traballo e a presenza en Galicia, a participación en redes, a adecuación ás liñas estratéxicas da cooperación). Máximo: 2 puntos.

5º. Presentación da proposta en agrupación de entidades. Terase en conta o valor engadido da agrupación ao proxecto, así como a repartición coherente e xustificada da participación de cada unha das entidades agrupadas. Máximo: 2 puntos.

6º. Achega financeira da entidade ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada. Máximo: 2 puntos.

2. Aspectos relacionados co socio local: ata 17 puntos.

1º. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación para o desenvolvemento na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación deste, descrita suficientemente nas carpetas 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2º. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3º. Estratexia en que se enmarque o proxecto para os seguintes anos (dous como mínimo). Máximo: 2 puntos.

4º. Participación en redes, foros, espazos locais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

5º. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 2 puntos.

6º. Achega financeira do socio local ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada. Máximo: 1 punto.

3. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 50 puntos.

1º. Pertinencia do proxecto, con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural das persoas beneficiarias, atendendo especificamente á situación de homes e mulleres, zona, país e sector onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2º. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada e a análise de alternativas realizada. Establecemento de bos indicadores de medición. Máximo: 5 puntos.

3º. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4º. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos, resultados ou produtos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5º. Recursos humanos e técnicos suficientes e adecuados para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

6º. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas destinatarias, criterios de identificación e selección, grao de participación nas distintas fases do proxecto e mecanismos previstos para a súa apropiación. Máximo: 5 puntos.

7º. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto a nivel social, económico, ambiental, cultural, tecnolóxico. Garantía de transferencia a unha Administración pública do país beneficiario, a unha contraparte ou socio local ou a poboación beneficiaria dos inmobles e equipamentos financiados con cargo ao proxecto. Máximo: 5 puntos.

8º. Impacto e transversabilidade de xénero. Máximo: 2 puntos.

9º. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

10º. Adecuación e contribución aos principios da Declaración de París: ata 5 puntos.

– Apropiación por parte da poboación e institucións locais: 1 punto.

– Aliñación coas políticas e prioridades do país: 1 punto.

– Harmonización do proxecto con outros na zona: 1 punto.

– Xestión do proxecto orientado a resultados: 1 punto.

– Medidas adoptadas para garantir a mutua responsabilidade e a rendición de contas: 1 punto.

11º. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 3 puntos.

12º. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

13º. Inserción do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público, con especial atención aos plans e políticas do país socio e aos marcos de asociación país (MAP), e/ou existencia de sinerxías con outros axentes no terreo. Máximo: 3 puntos.

14º. Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual das actuacións. Máximo: 3 puntos.

4. Coincidencia do proxecto coa estratexia da Cooperación Galega. Máximo: 16 puntos.

1º. País prioritario para a Cooperación Galega ou país PMA. Máximo: 6 puntos.

2º. Sector prioritario da Cooperación Galega. Máximo: 8 puntos.

– Cobertura de necesidades sociais básicas, concretamente proxectos de educación básica, abastecemento de auga e saneamento, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica, saúde xeral e básica e programas/políticas sobre saúde sexual e reprodutiva. Máximo: 4 puntos.

– Infraestrutura e promoción do tecido económico, concretamente proxectos de agricultura e agroindustrias, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura. Máximo: 4 puntos.

3º. Complementariedade e sinerxías con intervencións directas da Cooperación Galega, especialmente coas estruturas integradas de desenvolvemento (IDI República Dominicana, IDI Guatemala, Mozambique –Auga– Cabo Delgado e Pesca Centroamérica –Profopac–). Máximo: 2 puntos.

Artigo 9. Instrución

A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Valoración das solicitudes

1. Para a súa valoración constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico so sector público.

A comisión compoñerana as seguintes persoas:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os ditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

2. Para superar a fase de valoración dos proxectos de cooperación no exterior, será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % nas epígrafes I, II e III.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles que sexa posible.

No tocante aos proxectos de cooperación no exterior, estableceranse dúas listaxes independentes, unha para as ONGD e outra para os outros axentes.

3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e as leis anuais de orzamentos.

Artigo 13. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 14. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá o que proceda.

Artigo 15. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 16. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da Cooperación Galega, de conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días declaración por escrito da aceptación da axuda, na cal conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De se produciren renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderanse destinar a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 18. Anticipos

1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía. Será obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada pola representante legal da entidade, no modelo que figura como anexo III.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles, que resulten da execución do proxecto subvencionado, as persoas beneficiarias ou socio local, de ser o caso.

3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira anualidade de acordo coas previsións do artigo 19.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada polo representante legal da entidade, no modelo que figura como anexo V.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

1. Con base no que establece o artigo 29.3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos proxectos realizarase sobre o seu custo total, incluíndo, de ser o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os intereses bancarios.

2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para realizar as actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e con data límite do 31 de marzo de 2018.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente, conforme co establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, e a segunda anualidade no prazo máximo de tres meses, desde a finalización do prazo para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para presentar os informes de seguimento e final deberase utilizar o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

4. Para xustificar a primeira anualidade, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo IV xunto cos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que posúa a representación legal en Galicia da entidade solicitante acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe de seguimento sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que posúa a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Certificado de custos indirectos, asinado pola persoa que posúa a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, e co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo VI xunto cos seguintes documentos, e que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

5.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos para o fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

– Avaliación externa obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que recibisen unha subvención superior a 90.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación que se xunta coa solicitude de subvención.

5.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas universidades galegas e as axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas), que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros. Exceptúanse desta modalidade de xustificación os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros.

1º. A conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado de custos indirectos, asinado pola persoa que posúa a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

e) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

2º. A conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 euros, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado de custos indirectos, asinado pola persoa que posúa a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

e) Informe do/da auditor/a de contas, que deberá estar inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) no caso de ser realizado por persoal sometido á lexislación española.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/ha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no dito país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/ha auditor/a establecido/a nel, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente, ou sexa ratificada por este por proposta do beneficiario, consonte uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

A revisión da conta xustificativa polo auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os/as auditores/as poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso, o alcance da revisión do/da auditor/a estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría como forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa, o/a auditor/a deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregado, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selada e asinada polo/a auditor/a.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilite a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia, con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, e deberá proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

5.3. No caso dos proxectos presentados polas universidades e no caso de proxectos executados por una agrupación de entidades en que participen as universidades e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica, da parte executada directamente pola universidade, consistirá nunha certificación de gastos da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A persoa que figure na solicitude de subvención como responsable técnica do proxecto será a encargada de facilitar a remisión de tal documentación á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

5.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación económica os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

5.5. De xeito excepcional e con base no previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 23 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, para aquelas actuacións cuxa execución se vexa afectada por contextos sobrevidos de desastres naturais, conflito armado ou crises humanitarias que dificulten ou mesmo imposibiliten dispor da adecuada documentación soporte xustificativa do gasto, poderase aplicar un procedemento extraordinario de xustificación económica, logo de comunicación e autorización do órgano xestor, consistente na entrega dunha declaración responsable da entidade beneficiaria da subvención, na cal se certifique o envío dos fondos e a realización da intervención concreta, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes.

5.6. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que no sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emita o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén esta epígrafe non alteran as funcións que a lexislación vixente lle outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 22 destas bases.

5.7. No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial.

5.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5.9. No caso de proxectos con subvencións de capital superiores a 60.000 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, e conforme o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material substituirase por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», con indicación, ademais, do tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada unha das entidades financeiras do proxecto. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, xuntaranse cunha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén poderán utilizarse, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo, concepto do gasto e nome do proxecto subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá, como criterio xeral, autorizala con carácter previo o órgano concedente da subvención, e poderá tamén ser validada con posterioridade por el sempre que este considere que a autorización se produciu de se ter solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que represente sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A dita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, xunto co xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Os criterios establecidos para os xustificantes de gastos e de pagamentos deberán respectar as normas e especificidades dos países en que se desenvolva o proxecto.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, e indicarase a data, o importe, o concepto de gasto, a persoa perceptora e a provedora.

7. No caso de que a xustificación, parcial ou total, dos proxectos non estea completa ou presente defectos, o prazo para a súa emenda e para a entrega da documentación complementaria requirida polo órgano que efectuase a revisión será de corenta e cinco días hábiles, consonte o que establece o artigo 22.2 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo.

8. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida en canto non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida achegarase, de ser o caso, declaración responsable de non recuperar os ditos impostos.

Se a recuperación destes se produce durante o prazo de execución do proxecto ou actividade, os importes recuperados serán aplicados para sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten obxectivos, resultados, localización territorial, contraparte ou socio local ou poboación beneficiaria.

No caso de que a recuperación se produza nos catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, o beneficiario poderá propor a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá resolución de autorización da aplicación dos fondos, con indicación do seu prazo de execución e xustificación, salvo que o dito órgano entenda que as actividades a que se pretenden aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso emitirá resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución fose denegatoria, procederase á devolución do anticipo para o pagamento dos impostos.

A obriga de devolver á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos desde a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non se recuperaren aínda os impostos, deberá emitirse declaración responsable que acredite a dita circunstancia.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.

2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Poderanse descargar ambos os dous logotipos da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e a avaliación dos proxectos rexeranse polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

A avaliación final do proxecto analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade do proxecto financiado, adaptándose á especificidade deste nos termos de referencia (TdR).

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizados pola Cooperación Española e a Unión Europea, e recollerá como mínimo:

– Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

– Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

– Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

– Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos/as avaliadores/as e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o estatuto do cooperante.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto. Entenderase por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Conforme o que establece o artigo 21 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, o prazo de execución das actividades subvencionadas poderá ser ampliado automaticamente ata un máximo de tres meses, sen necesidade de autorización previa polo órgano xestor, deberá o beneficiario comunicalo previamente ao órgano competente antes de que finalice o prazo de execución inicial e será indistinto que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. As ampliacións do prazo de execución superiores a tres meses requirirán a autorización previa do órgano xestor.

Excepcionalmente, poderase solicitar e outorgar unha segunda ampliación do prazo de execución antes de finalizar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, e deberanse acreditar de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables ao beneficiario. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que o beneficiario supere as ditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impedise continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a cal fose outorgada a dita subvención.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade da Xunta de Galicia, pertencente á entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorran en falsidade ou ocultación de datos ou non acrediten, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán reintegrar a totalidade destas en caso de incumprimento pleno, ou a parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 24. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 27. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento; o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15704 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a cooperacion.exterior@xunta.gal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file