Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2017 Páx. 22288

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 26 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 344616.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ben individualmente o mediante unha agrupación de entidades:

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– Universidades.

– Empresas e organizacións empresariais.

– Sindicatos.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a dita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (procedemento PR803D).

Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 3.012.500 euros, de acordo coa seguinte distribución:

– Para proxectos no exterior de ONGD, por un importe total de 2.637.500 euros (1.055.000 euros no ano 2017 e 1.582.500 euros no ano 2018), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 –por un importe total de 2.000.000 de euros (800.000 euros no ano 2017 e 1.200.000 euros no ano 2018)– e a aplicación 05.26.331A.790.0 –por un importe total de 637.500 euros (255.000 euros no ano 2017 e 382.500 euros no ano 2018)–.

– Para proxectos no exterior dos outros axentes, por un importe total de 375.000 euros (150.000 euros no ano 2017 e 225.000 euros no ano 2018), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 –por un importe total de 275.000 euros (110.000 euros no ano 2017 e 165.000 euros no ano 2018)– e a aplicación 05.26.331A.790.0 –por un importe total de 100.000 euros (40.000 no ano 2017 e 60.000 euros no ano 2018)–.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto, e a subvención concedida non superará en ningún caso os 175.000 euros. Para proxectos que se executen só durante o ano 2017 a subvención máxima concedida será de 60.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 225.000 euros. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2017 a subvención máxima concedida será de 100.000 euros.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2017 e o 60 % no ano 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza