Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2017 Páx. 24080

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 28 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2017.

A Orde do 24 de novembro de 2014 estableceu as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016), regulado polo Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

Mediante Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), do 7 de xaneiro de 2015, convocáronse as subvencións do citado programa de axuda ao alugamento de vivendas.

Pola súa parte, a Orde do 18 de xullo de 2016 estableceu as bases reguladoras para a prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas e convocou para a anualidade 2016 as prórrogas das subvencións deste programa polo procedemento de concorrencia non competitiva.

O Real decreto 637/2016, do 9 de decembro, prorroga durante un ano a vixencia do citado Plan estatal 2013-2016. Como consecuencia da prórroga do Plan estatal 2013-2016 e dos cambios normativos derivados da entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, é necesario establecer unhas novas bases reguladoras para a prórroga das subvencións do programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 e proceder á súa convocatoria na anualidade 2017.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade coas atribucións establecidas no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión da prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, código de procedemento VI432A.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria da prórroga destas axudas para a anualidade 2017.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse desta prórroga aquelas persoas que obtivesen unha subvención ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 pola que se convocaron as subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, e que gozasen desta axuda ata o 31 de decembro de 2016, así como aqueloutras persoas ás cales se lles recoñecese con posterioridade unha prórroga desta axuda en virtude da Orde do 18 de xullo de 2016. Será preciso que nun e noutro caso non perdesen o seu dereito ao cobramento da axuda mediante a oportuna resolución.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Que sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda e, pola súa vez, esta constitúa a súa residencia habitual e permanente.

2. Que o límite de ingresos da súa unidade de convivencia non exceda 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

3. Que as persoas membros da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Que non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada non supere os seguintes límites:

1) 600 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

2) 500 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3) 400 euros, se a vivenda está situada en calquera outro concello de Galicia.

Artigo 3. Cómputo, ponderación e límite máximo de ingresos da unidade de convivencia para acceder ao programa

Para os efectos do cómputo, da ponderación e do límite máximo de ingresos da unidade de convivencia requiridos para acceder ao programa observarase o regulado nos artigos 4, 5 e 6 da Orde do 24 de novembro de 2014 (DOG núm. 236, do 10 de decembro).

Artigo 4. Contía e duración das axudas

1. O importe das axudas, que en ningún caso será superior ao previsto na resolución de concesión inicial, de acordo co establecido no artigo 12 do Plan estatal 2013-2016, poderá chegar ao 40 % da renda anual que se deba satisfacer polo alugamento da vivenda habitual e permanente, cun límite máximo de 2.400 € anuais por vivenda.

2. A duración da axuda comprenderá, de ser o caso, as doce mensualidades do ano 2017.

Artigo 5. Solicitudes

1. A solicitude da prórroga deberá realizarse dentro dos 30 días naturais seguintes ao da publicación da correspondente resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida ao solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

c) Declaración de que se manteñen as mesmas condicións que as que concorrían para a concesión da subvención inicial ou, se é o caso, da prórroga do Programa de alugamento de vivendas.

d) Declaración de que a vivenda alugada constitúe o seu domicilio habitual e permanente.

e) Declaración de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

f) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante.

b) Copia do contrato de alugamento, no caso de que sexa distinto do achegado coa concesión inicial ou, se é o caso, coa prórroga anterior.

c) Anexo II de declaración responsable dos membros que compoñen a unidade de convivencia da persoa solicitante e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a identidade, ingresos e débedas.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberá cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 7. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de extranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato.

c) Certificados acreditativos da persoa solicitante de non ter débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude.

e) Certificado do nivel de renda da persoa solicitante expedido pola AEAT correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude.

f) DNI ou NIE dos demais membros que compoñen a unidade de convivencia.

g) Certificado da renda (IRPF) dos demais membros que compoñen a unidade familiar correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude.

h) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, relativo ao conxunto dos membros da unidade familiar, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude.

i) Certificados acreditativos dos demais membros que compoñen a unidade familiar de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas solicitantes ou demais membros da unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e no anexo II, respectivamente, e achegar os devanditos documentos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Se a persoa solicitante ou algunha das persoas da unidade de convivencia non estivese obrigada a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegue o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntarse, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Instituto Nacional de Emprego e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

Artigo 9. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución da tramitación da solicitude de prórroga é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das prórrogas das axudas.

Artigo 10. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación realizarase tamén na páxina web do IGVS.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión da prórroga será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 13. Causas de denegación

Será causa de denegación da solicitude de prórroga da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos nas súas bases reguladoras ou na normativa que rexe este programa.

Artigo 14. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para que a persoa beneficiaria poida percibir o importe mensual da subvención deberá xustificar, dentro dos dez primeiros días hábiles de cada mes natural, o pagamento da renda correspondente a ese mes.

No caso de contratos de alugamento vixentes en 1 de xaneiro de 2017, o pagamento da renda das mensualidades anteriores á data da resolución de concesión da prórroga deberanse xustificar nos dez primeiros días hábiles, contados desde a notificación da citada resolución.

2. A xustificación do pagamento mensual realizarase na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, a través dun extracto ou ben dun certificado bancario, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, sen prexuízo do disposto no artigo seguinte respecto aos pagamentos anticipados.

3. No caso de non terse xustificado o pagamento mensual da renda no prazo establecido, perderase o dereito ao cobramento da prórroga da subvención correspondente ao citado mes. A xustificación final realizarase no momento da xustificación da derradeira mensualidade.

Artigo 16. Pagamentos anticipados

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados da renda mensual de ata o 25 % da prórroga da subvención concedida e sen que se supere a anualidade prevista no exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado é necesario o adianto da presentación da xustificación do pagamento referida no artigo 15, mediante correo electrónico dirixido á unidade tramitadora da subvención da correspondente área provincial do IGVS.

Artigo 17. Pagamento da subvención

O ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Subministrar ao IGVS, logo do requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Desde o momento da presentación da solicitude, o IGVS poderá realizar todas as inspeccións ou comprobacións que considere oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 19. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo anterior, así como a falta de xustificación do pagamento das rendas á persoa arrendadora da vivenda e a resolución do contrato de arrendamento. Así mesmo, poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Artigo 20. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da prórroga a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio a outro da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre o que subscriba un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS que tramitou o expediente de concesión. A comunicación deberá facerse no prazo máximo de cinco días, contados desde a sinatura do novo contrato de alugamento.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo alugamento se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, na correspondente convocatoria e no Plan estatal 2013-2016 e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior. Neste caso, axustarase o importe da subvención á contía do novo contrato de alugamento, sen que en ningún caso poida ser superior á que se viña percibindo.

Artigo 21. Compatibilidade e incompatibilidade

1. De conformidade co artigo 11, punto 5, do Plan estatal 2013-2016, as subvencións previstas nesta orde só son compatibles coas achegas públicas outorgadas polos servizos sociais, con cargo aos seus respectivos orzamentos, como complemento para o pagamento do alugamento a persoas beneficiarias en situacións de especial vulnerabilidade, en particular, nos seguintes casos:

a) Unidades de convivencia de máis de dous membros e unha renda conxunta inferior a 1,2 veces o IPREM.

b) Unidades de convivencia de máis de dous membros determinadas como sectores preferentes e unha renda conxunta inferior a 1,5 veces o IPREM.

c) Calquera outra situación declarada como de especial vulnerabilidade pola Comunidade Autónoma.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e enténdense rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a esta.

5. Se o envío da notificación electrónica non foi posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO II
Convocatoria con financiamento no ano 2017

Artigo 24. Obxecto

A convocatoria para solicitar as prórrogas das subvencións do Programa de axuda ao alugamento concedidas ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 11, do 19 de xaneiro) e da Orde do 18 de xullo de 2016 (DOG núm. 149, do 8 de agosto), rexerase polo establecido nesta orde.

Artigo 25. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse dentro dos 30 días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.5, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 2.600.000 €.

2. A concesión da axuda estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Plan estatal 2013-2016, prorrogado polo Real decreto 637/2016, do 9 de decembro.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto no Plan estatal 2013-2016; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Orde do 24 de novembro de 2014, que estableceu as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o capítulo I da Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se modifica a Orde do 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, se establecen as bases reguladoras para a prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2016.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file