Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2017 Páx. 24214

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2017 pola que se convocan probas selectivas para o acceso á escala administrativa, subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta aos subgrupos C1 e C2 ocupadas por persoal pertencente a corpos ou escalas do subgrupo C2, e coa finalidade de facilitar a súa promoción e a permanencia no mesmo posto de traballo que ocupan como titulares,

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril, así como nos Estatutos da USC, resolve convocar probas selectivas para acceso á escala administrativa da USC, pola quenda de promoción interna, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 27 prazas na escala administrativa da USC, subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

1.2. Esta convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala auxiliar da que procedan as persoas aspirantes.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I.

1.5. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

1.6. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a data de toma de posesión como persoal funcionario do subgrupo C1, os seguintes requisitos:

a) Ser español ou ter a condición de nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 16 anos e non ter acadada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de bacharel, técnico, bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

Así mesmo, considéranse equivalentes para os efectos desta convocatoria:

– Ter aprobadas as probas de acceso á Universidade para maiores de vinte e cinco anos ou estar en condicións de obter o certificado correspondente na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

– De conformidade co establecido na disposición adicional novena do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, acreditar unha antigüidade de 10 anos nun corpo ou escala do subgrupo C2, ou ter unha antigüidade de cinco anos e superar un curso específico de formación.

d) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala auxiliar, subgrupo C2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC.

Tamén poderá participar nesta convocatoria, cos mesmos requisitos de titulación e antigüidade exixidos ao persoal funcionario de carreira, o persoal laboral fixo, grupo IV1, que ocupe posto reservado a persoal funcionario na relación de postos de traballo correspondente, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.

e) Ter prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos como funcionario/a da escala auxiliar, subgrupo C2, ou como persoal laboral, grupo IV1, en postos reservados a persoal funcionario.

f) Será requisito indispensable para o ingreso, ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos a persoa aspirante declara ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto, e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala á que pretende incorporarse.

g) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto na base 3.4.2 desta convocatoria, para as persoas discapacitadas e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá facelo constar na solicitude que se axustará ao modelo oficial publicado como anexo IV desta convocatoria, no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude estará a disposición das persoas interesadas na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega).

As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar o primeiro exercicio, previsto no anexo I.

3.2. A Xerencia expedirá de oficio certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida, nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional e, de ser o caso, as situacións recollidas na fase de concurso do anexo I, relativas ao exercicio do dereito de conciliación. Esta certificación engadirase á solicitude presentada pola persoa aspirante.

Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.3. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos puntos anteriores farase no Rexistro Xeral da Universidade, situado na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela), no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros (avenida Bernardino Pardo Ouro, s/n, polígono de Fingoi, 27002 Lugo) no rexistro electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3.4. Os dereitos de exame serán de 30,56 €, que se ingresarán na conta de Abanca «oposicións» número: ES07 2080 0388 2031 1000 0646. Para realizar o ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.4.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, non concedéndose ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.4.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

3.4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.5. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da USC ditará resolución, declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constará o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición perante o reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría segunda das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.2. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran algunhas das circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír aos que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Previa convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.7. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os devanditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispoñer a incorporación, con carácter temporal, doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, de acordo co previsto no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás que se refire o número 3.5. participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos nos que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vai realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame, o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes que o das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «K», de conformidade co establecido na Resolución do 20 de xaneiro de 2017 da Consellería de Facenda.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.3. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizara o primeiro deles, así como na Reitoría da universidade, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html ou en calquera outro que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, cunha antelación de, polo menos, vinte e catro horas á sinalada para o seu inicio.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas aspirantes. Así mesmo, se tivera coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, previa audiencia da persoa interesada.

Contra a exclusión da persoa aspirante, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa celebración, na sede do tribunal, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaran o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida e do documento acreditativo da identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de 3 días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de 7 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria.

7.6. O tribunal fará pública a listaxe de persoas aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada unha delas fosen seleccionadas, e que en ningún caso poderá conter un número de persoas candidatas superior ao das prazas convocadas.

7.7. Finalizado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ao reitor a relación definitiva de persoas aspirantes aprobadas por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel no que se fixese pública a relación definitiva de persoas aprobadas na Reitoría da Universidade, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, nº 6, Santiago de Compostela) a documentación requirida para proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira da escala administrativa, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado/a funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán nomeadas funcionarias de carreira da escala administrativa, mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese da adxudicación de destino pola orde de puntuación obtida no proceso selectivo. Ás persoas aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselles con carácter definitivo, o mesmo posto do que son titulares.

9.3. A toma de posesión efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Listaxe de espera.

10.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego

Para estes efectos, e co fin de determinar a opción por campus, as persoas aspirantes presentarán a solicitude que figura como anexo V desta convocatoria, xunto coa solicitude de admisión ás probas selectivas.

11. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2017

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I
Denominación das prazas: escala administrativa

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican. Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización de exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que acreditaran documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá na realización dun suposto práctico que se elixirá entre tres propostos polo tribunal. Cada suposto versará sobre un dos bloques (II, III e IV) do temario, e en todos eles se poderán incluír preguntas de dereito administrativo.

O suposto estará desagregado en 15 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta.

O tempo máximo para a súa realización será de 90 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 30 puntos, correspondéndolle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a puntuación mínima.

II. Fase de concurso: consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición, dos seguintes méritos referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

a) Antigüidade: máximo 9 puntos.

– Por cada ano completo de servizos prestados: 0,65 puntos.

– Por cada mes completo de servizos prestados que reste: 0,054 puntos.

b) Nivel de complemento de destino: máximo 20 puntos.

Tanto para o persoal funcionario como para o laboral fixo, valorarase o nivel de complemento de destino correspondente ao posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte táboa:

Nivel

Puntos

22

20

21

19

20

18

19

17

18

16

17

15

16

14

15

13

No caso de non ser titular dun posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao consolidado atenderase ao mínimo correspondente á escala á que pertenza a persoa funcionaria.

c) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes: máximo 1 punto.

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106 da Lei de emprego público de Galicia: 0,2 puntos. Para estes efectos só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética da puntuación correspondente á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I.

No suposto de que existise empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, resolverase a favor de quen obtivese unha maior puntuación na fase de oposición, e se isto non fose suficiente, pola maior puntuación obtida na fase de concurso, maior idade, por esta orde ata que se resolva o empate.

ANEXO II
Denominación das prazas: escala administrativa

Programa

I. Dereito administrativo.

1. A Lei de réxime xurídico do sector público: disposicións xerais. Os órganos das administracións públicas. Órganos colexiados: funcionamento. Abstención e recusación.

2. A Lei de réxime xurídico do sector público: funcionamento electrónico do sector público. Os convenios.

3. A Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas: os interesados no procedemento. A actividade das administracións públicas.

4. O acto administrativo: requisitos. Eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade. Garantías do procedemento.

5. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrución e finalización.

6. Revisión dos actos en vía administrativa. Os recursos administrativos.

7. A Lei orgánica de protección de datos: principios da protección de datos. Dereitos das persoas.

II. Xestión económica e financeira.

1. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma: contido e aprobación.

2. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: dos créditos e das súas modificacións: créditos extraordinarios e suplementos de créditos. Créditos ampliables. Transferencias de crédito. Incorporación de créditos. Xeración de créditos. Anticipos de tesourería.

3. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: procedemento administrativo de execución e liquidación do orzamento: fases e documentos contables.

4. Estatutos da USC: o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela: estrutura, contido e procedemento de aprobación.

5. Contratos do sector público: delimitación dos tipos contractuais. Procedemento de adxudicación dos contratos administrativos.

III. Recursos humanos.

1. Lei de emprego público de Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación.

2. Lei de emprego público de Galicia: estrutura do emprego público.

3. Lei de emprego público de Galicia: dereitos individuais dos empregados públicos. Deberes e código de conduta.

4. Lei de emprego público de Galicia: mobilidade do persoal funcionario.

5. Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade: a educación e a formación para a igualdade entre homes e mulleres.

IV. Organización e xestión universitaria.

1. Sistema europeo de créditos e sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. Normativa básica cos procedementos de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao.

2. A ordenación das ensinanzas universitarias: grao, máster e doutoramento.

3. O suplemento europeo ao título de grao, máster e doutoramento.

ANEXO III
Denominación das prazas: escala administrativa

Tribunal titular:

Presidente:

– José Luis Cruz Torres, funcionario de carreira da USC.

Vogais:

– María Carmen Soengas Seoane, funcionaria de carreira da USC.

– Manuel Fernández Iglesias, funcionario de carreira da USC.

– Emilio Martínez Carballeira, funcionario de carreira da USC.

Secretario:

– José Manuel Caamaño Jerez, funcionario de carreira da USC.

Tribunal suplente

Presidenta:

– Dulce María García Mella, funcionaria de carreira da USC.

Vogais:

– Ana Mª Domínguez Gigirey, funcionaria de carreira da USC.

– Catuxa Lombao Vázquez, funcionaria de carreira da USC.

– Lucas Gómez Fernández, funcionario de carreira da USC.

Secretaria:

– María Obdulia Lareo Currás, funcionaria de carreira da USC.

missing image file
missing image file