Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 2017 Páx. 24664

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 10 de maio de 2017 pola que se amplía o prazo de realización do segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

A Orde da Consellería de Facenda do 25 de febreiro de 2016 (DOG núm 45, do 7 de marzo), pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, dispón na base 3.6 que o procedemento de actuación do tribunal se axustará en todo momento ao disposto nas bases, na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e no resto do ordenamento xurídico.

O artigo 27.4 das instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección establece que desde o remate dunha proba e o comezo da seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de 48 horas e máximo de 40 días.

Unha vez realizado o segundo exercicio o día 8 de abril de 2017, tendo en conta diversas cuestións técnicas relacionadas co desenvolvemento dos exercicios e a proposta elevada para tal efecto polo tribunal cualificador deste proceso selectivo, de conformidade co establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta consellería

DISPÓN:

A ampliación do prazo de realización do segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, en vinte días hábiles.

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe ningún recurso, de acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda