Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 2017 Páx. 24694

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 49/2017)

María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 49/2017 deste xulgado do social, seguido por instancia de María del Carmen Noya Pereira contra Masalo 10, S.L., Fogasa, se ditou a seguinte resolución:

Auto.

Maxistrada xuíza.

Ana María Souto González.

En Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 27 de xaneiro de 2017 María del Carmen Noya Pereira presentou demanda de execución contra a entidade Masalo 10, S.L., instando a execución da sentenza ditada no procedemento de despedimento número 599/2016 seguido ante este xulgado e ditada o día 28 de outubro de 2016, a cal, notificada ás partes, alcanzou firmeza.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 14 de febreiro de 2017, por dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 281 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia asistiu a parte executante, pero non a executada nin o Fogasa, a pesar de constar legalmente citadas. A parte executante ratificouse na demanda executiva e solicitou que, dada a imposibilidade de readmisión, se declarase a extinción da relación laboral coas consecuencias legais inherentes, reclamando tanto a indemnización coma os salarios de tramitación; solicitándose o recibimento do preito a proba, practicándose as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado que nos autos de despedimento número 599/2016 seguidos ante este xulgado se ditou sentenza do 28 de outubro de 2016, cuxa resolución é a seguinte:

Estímase a demanda interposta por María del Carmen Noya Pereira contra empresa Masalo 10, S.L., e declárase a improcedencia do despedimento efectuada pola demandada con efectos do 30 de xuño de 2016 e, en consecuencia, debo condenar e condeno a empresa demandada a que readmita a traballadora demandante nas mesma condicións que rexían antes de producirse o despedimento con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación da sentenza a razón de 22,35 euros diarios ou ben, a elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento á demandante da indemnización de 16.697,15 euros por despedimento improcedente; sen prexuízo das responsabilidades legais do Fondo de Garantía Salarial

A opción do empresario entre a readmisión do traballador ou a indemnización por despedimento improcedente deberá exercerse no prazo de cinco días contados a partir da notificación da presente resolución, mediante un escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito prazo sen que tivese optado, entenderase que procede a readmisión.

Dáse reproducido integramente o contido da citada sentenza existente en autos, onde consta que o salario regulador da executante para os efectos do despedimento é de 687,05 euros mensuais, a antigüidade da demandante, 23 de maio de 1995, e a data de efectos do despedimento, 30 de xuño de 2016.

Segundo. Adquirida firmeza a sentenza, a demandada non exerceu o dereito de opción.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores, en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola que o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante, LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto. O mesmo precepto dispón tamén que se poderá fixar no devandito auto, en atención ás circunstancias concorrentes e aos prexuízos ocasionados pola non readmisión ou pola readmisión irregular, unha indemnización adicional de ata quince días de salario por ano de servizo e un máximo de doce mensualidades.

Corresponde á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario supoñería obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso, os feitos declarados probados resultan da documental existente en autos, e da ficcta confesio aplicada á parte demandada, conforme o artigo 91.2 de LRXS.

Con base na dita documental e atendidos os preceptos legais citados, procede declarar a extinción da relación laboral a data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos puntos 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2 alíneas b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que deberá calcularse na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012).

A demandante veu traballando por conta da demandada desde o día 23 de maio de 1995 cun salario mensual de 687,05 euros con rateo de pagas extraordinarias.

Pois ben, polo que respecta á indemnización, deberá calcularse a data da presente resolución, o que presenta un total de 17.025,66 euros.

Os salarios de tramitación desde o despedimento ata a data da presente resolución ascenden a 6.826,59 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe aterse ao previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida a data da presente resolución a relación laboral que unía a María del Carmen Noya Pereira coa demandada Masalo 10, S.L. e condeno a executada a aboarlle a María del Carmen Noya Pereira a suma de 17.025,66 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral, a suma de 6.826,59 euros en concepto de salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a presente resolución, resultando un total de 23.852,25 euros.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución e fágaselles saber que contra esta poden interpoñer recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Ana María Souto González, maxistrada xuíza de reforzo do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada da Administración de xustiza.

E, para que sirva de notificación en legal forma a Masalo 10, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017

A letrada da Administración de xustiza