Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 2017 Páx. 24785

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecen que esta vicepresidencia e consellería, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 10 que lle corresponde á Xunta de Galicia a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere preciso prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta de que dispoñen as entidades locais.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2, parágrafo f), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias tales como a protección civil, as emerxencias e a prevención de riscos.

A Unión Europea, a través do programa operativo Feder 2014-2020, eixe 5 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos» tema prioritario 5.2 «Fomento do investimento para facer fronte a riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes, co desenvolvemento de sistemas de xestión de catástrofes», a través de melloras de infraestruturas, instalacións e equipamento destinadas á prevención e xestión de riscos, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento do Plan Emerxe a través dun conxunto de actuacións relacionadas coa actualización dos distintos plans de prevención e seguridade existentes, actualización da normativa de protección civil e de emerxencias, así como a mellora das infraestruturas e equipamento na cobertura transfronteiriza.

Este bloque de medidas, co reforzo dos grupos de emerxencia supramunicipais e o fortalecemento das agrupacións de persoal voluntario de protección civil (en diante, AVPC), permitirá mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros (incendios forestais, inundacións, etc.) para garantir a seguridade de persoas e bens, así como a protección do ambiente. Polo tanto, estamos ante un plan de prevención e mitigación de riscos.

A implementación e execución destes plans e programas implica a necesaria realización de investimentos en equipamentos, instalacións e infraestrutura de prevención e mitigación de riscos.

A Xunta de Galicia ten a obriga de impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade aos cidadáns, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.

Por outra banda, é preciso incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste senso, o artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma deberán primar, na forma que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros que cumpren os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 da referida lei terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

No exercicio destas competencias, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos concellos en tarefas de prevención de riscos en emerxencia e protección civil, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estes antecedentes motivaron a adquisición de equipamento de emerxencias, con fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e posteriormente cedidos aos concellos en propiedade, polas ordes do 28 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro), do 16 de xullo de 2015 (DOG núm. 121, do 30 de xullo) e do 21 de marzo de 2016 (DOG núm. 71, do 14 de abril), da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable ao seu obxecto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 148/2016, da Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2017.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.

O equipamento que se vai ceder distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 10 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2: 19 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 7 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Liña 4: 9 baúis de salvamento.

Artigo 2. Crédito

A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 5 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos», tema prioritario 5.2 «Fomento do investimento para facer fronte aos riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes co desenvolvemento de sistemas de xestión de catástrofes», con cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0, código de proxecto 2016 00026.

Para estes efectos, tramitouse con anterioridade o correspondente expediente de contratación número 2017-SUEI 01-02-03-04-EM (número de referencia contable 2017-05-340), procedemento aberto e tramitación ordinaria, por importe de 847.300 euros (IVE incluído) para a adquisición dos equipamentos sinalados no artigo 1 desta orde.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentase oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, caso en que a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2015, no Consello de Contas de Galicia.

c) Non ter recibido axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou organismos e entidades adscritas a esta para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído o 2017, de acordo co establecido no artigo 4.

d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación da solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coa solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación complementaria que se establece no artigo 6 desta norma, segundo proceda.

Cada solicitante, en función das súas necesidades, deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, tendo en conta o dito na alínea c) do artigo 3 desta orde e, se é o caso, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia de acordo cos seguintes criterios:

a) As entidades que xa obtiveron algún tipo de vehículo nos últimos cinco anos, incluído 2017, sexa todo terreo, pick-up ou furgón, non poderán solicitar a liña 1 desta orde.

b) As entidades que xa obtiveron remolque de emerxencias nos últimos cinco anos, incluído 2017, non poderán solicitar a liña 2 desta orde.

c) As entidades que xa obtiveron embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate nos últimos cinco anos, incluído 2017, non poderán solicitar a liña 3 desta orde.

d) As entidades que xa obtiveron remolque de salvamento e rescate no ano 2016 non poderán solicitar a liña 4 desta orde.

e) Os solicitantes das liñas 3 e 4 que estean incluídos na listaxe de concellos con implantación do Plan Sapraga, terán preferencia na concesión do equipamento destas liñas con respecto aos demais concellos, sempre que a orde de preferencia da petición sexa a mesma.

No caso de concellos con implantación do Plan Sapraga e a mesma orde de preferencia da petición, será a puntuación total o elemento definitorio de adxudicación do equipamento.

f) Cumpridos as catro alíneas anteriores, o equipamento asinarase en función da orde de puntuación total, de maior a menor.

g) Na primeira quenda de adxudicación, cada solicitante só poderá levar equipamento dunha liña; unha vez resolta e, de seguir quedando existencias, poderían acceder ao equipamento das outras liñas, seguindo os criterios xa establecidos.

h) Os beneficiarios de equipamento da liña 1 comprométense a aceptar a cesión de terminais TETRA da nova rede de comunicacións de emerxencias da Xunta de Galicia que, nun número máximo de tres e en función das existencias, cederá esta Administración co compromiso por parte das entidades beneficiadas de facerse cargo do seu mantemento.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde, onde se aceptan e declaran os seguintes puntos:

a) Que a entidade que solicita a subvención en especie acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.

b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar, de contado, cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

f) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello, mancomunidade ou agrupación de concellos está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do/da secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3 desta orde. No caso de agrupación de concellos, un certificado por cada concello.

b) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos en que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

c) No caso de realizar a petición conxunta como agrupación de concellos, a certificación de cada pleno ou xunta de goberno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.

d) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) en que conste o número de asegurados que é persoal voluntario de protección civil. No caso de estar incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación do/da secretario/a do concello ou mancomunidade, en que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído dentro das pólizas.

e) Certificado ou declaración dos/das titulares dos servizos de emerxencias das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou das entidades solicitantes, segundo o disposto no artigo 9.2 desta orde.

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

2. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 10, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 15 desta orde.

3. O defecto na solicitude o a falta de documentos complementarios e obrigatorios seralles notificado por medios telemáticos aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Instrución

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de avaliación presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue e formada polos titulares dos servizos de emerxencias das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en que actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, que non terá dereito a voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios, que conterá unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis material, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 9. Criterios de avaliación e repartición

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC no ano 2016 constatadas polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos e operativos de protección civil, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número de mobilizacións e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de mobilizacións ata o dobre da media do conxunto destas; a partir de este número resultante, adxudicarase a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

2. Mobilizacións das AVPC, efectuadas no ano 2016, para prestar colaboración noutras entidades locais en eventos programados ou de emerxencias, tanto por petición do Centro de Atención de Emerxencias 112 como doutros concellos ou dos servizos de emerxencias provinciais, ata un total de 10 puntos.

Para a súa valoración tomarase o total de días en que a AVPC foi mobilizada nestes eventos programados ou emerxencias, que se multiplicará polo número total de persoal voluntario que participou neses operativos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número resultante e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo resultante ata o dobre da media do conxunto destes; a partir desta última cantidade adxudicarase a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Para a valoración desta epígrafe presentarase unha certificación ou declaración dos servizos de emerxencias provinciais ou das entidades solicitantes da colaboración, en que se reflicta o nome da AVPC participante, o evento e data de celebración, o número de persoal voluntario mobilizado pola AVPC e o número de días que asistiu.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencia e protección civil por concellos agrupados, asociados, mancomunados ou calquera outra fórmula conxunta, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

a) Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión outórganse 10 puntos.

b) Polo número de concellos agrupados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos agrupados ou mancomunados e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

4. Ratio de número de persoal voluntario de protección civil asegurado, por risco de accidentes, morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes da entidade solicitante, ata un máximo de 20 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

A fórmula empregada será a seguinte:

a) Divídese o número de habitantes de cada concello, mancomunidade ou agrupación de concellos por mil.

b) Divídese o número de persoal voluntario de protección civil asegurado polo resultado anterior e obtense unha ratio.

c) Adxudícase a puntuación máxima á entidade solicitante que teña a mellor ratio e o resto avalíase de xeito proporcional.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2016, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Así mesmo, e para fomentar a presentación de solicitudes conxuntas por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula de xestión compartida, serán valoradas, en todo caso, con 5 puntos, este tipo de solicitudes.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística do ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Así mesmo, e para fomentar a presentación de solicitudes conxuntas por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula de xestión compartida, serán valoradas, en todo caso, con 5 puntos, este tipo de solicitudes.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia, ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 5 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 1995, inclusive.

• 4 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2000, inclusive.

• 3 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2005, inclusive.

• 2 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2012, inclusive.

9. As AVPC inscritas nos cinco últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

1. 3 puntos ás AVPC inscritas no ano 2013.

2. 4 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2014 e 2015.

3. 5 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2016 e 2017.

10. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatada pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112, 5 puntos.

11. Pola presentación anual nos servizos de emerxencia da provincia, por parte da AVPC, dos seguintes documentos: memoria anual de actividades, acta da asemblea ordinaria anual, relación de voluntarios e xunta directiva actualizada, constatado por certificación do xefe do servizo de emerxencias da provincia, 15 puntos, a falta de documentación valorarase con 0 puntos nesta epígrafe.

Quedarán excluídas das subvencións aquelas entidades solicitantes con AVPC que teñan menos de 10 mobilizacións no ano 2016 comunicadas ao Centro de Atención de Emerxencias 112 e aquelas que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada no total de puntuación, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

Como excepción a este punto, tanto os solicitantes con AVPC creada no ano 2017 como aquelas entidades con AVPC que, despois de estar sen funcionamento nos últimos tres anos e sen solicitar ningún tipo de subvención, reactiven a súa actividade, non serán excluídas por non acadar o mínimo exixido de mobilizacións nin por non acadar a porcentaxe respecto da puntuación máxima outorgada.

A constatación da reactivación das AVPC realizarase mediante informe dos servizos provinciais de emerxencias.

No caso das AVPC inscritas en 2017, estarán exentas de achegar máis documentación que a que xa figura no rexistro.

Artigo 10. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución será adoptada polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de valoración, e publicarase posteriormente no Diario Oficial de Galicia.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades ou persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Na notificación da resolución faranse constar as condicións particulares que deberá cumprir o interesado ao cal se lle conceda o equipamento e que se recollen no artigo 11.

3. No suposto de que, transcorridos cinco meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a resolución de concesión poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día que se produza o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

a) Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Serán por conta das entidades beneficiarias os gastos do imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que poida supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que sexa a súa contía.

c) Compromiso de que o equipamento sexa destinado a misións de protección civil e emerxencias. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

e) O/a alcalde/sa do concello, presidente/a da mancomunidade ou representante da agrupación de concellos a que se lle conceda o equipamento solicitado disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia tamén enviada por vía telemática.

f) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, o material adquirido por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e adxudicado aos beneficiarios desta orde está afecto ao cumprimento dunha finalidade de carácter público, polo que ten a consideración de subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa responsable da Secretaría Xeral Técnica desta vicepresidencia e consellería, debendo constar nela o regulamentado no artigo 11 ao respecto.

No momento de asinar a acta de cesión, os beneficiarios deberán presentar a declaración actualizada do modelo do anexo II asinada polo representante do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos.

Dado que os fondos achegados proveñen do programa de fondos Feder Galicia 2014-2020, as entidades beneficiarias quedarán obrigadas a cumprir cos requisitos de publicidade establecidos no número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos e mantemento da rotulación do equipamento cedido.

Así mesmo, tamén se deben adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

De igual xeito, e de acordo co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, os concellos, mancomunidades ou agrupación de concellos quedarán obrigados ao mantemento dos bens cedidos un mínimo de cinco (5) anos.

Artigo 13. Reversión dos bens na comunidade autónoma

1. Se o equipamento cedido non se aplica ao fin sinalado ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou da deterioración que experimentasen.

2. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que comporta a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 14. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o citado órgano mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a emerxencias.interior@xunta.gal.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Mancomunidades ou agrupación de concellos

Todos os documentos descritos no articulado da presente orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade ou agrupación de concellos, serán expedidos polo seu órgano competente.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase o director xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Lexislación como fondo Feder

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Comunidade Europea (Feder) estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable recollida no Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, así como no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

Disposición derradeira cuarta. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file