Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2017 Páx. 25760

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 19 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 347917.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións necesarias para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras.

Segundo. Finalidade

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Obras de conservación e mantemento.

b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.

c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

As citadas actuacións deberán ter sido consideradas necesarias no informe municipal emitido para a incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras e, ademais, deberán estar feitas no momento de presentación da solicitude da axuda.

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea situada nun concello que teña asinado o acordo de adhesión ao convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras.

2. Que haxa persoas demandantes de vivenda anotadas no correspondente rexistro municipal.

3. Que se emitise un informe municipal sobre a necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención.

4. Que a data de realización das actuacións sexa posterior á data de solicitude de incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Orzamento

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Subvencións a familias e institucións sen fins de lucro: 08.80.451A.780.7, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 200.000 €.

Subvencións a concellos: 08.80.451A.760.4, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 50.000 €.

Subvencións a empresas: 08.80.451A.770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 50.000 €.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda