Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2017 Páx. 25984

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2017/18.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O 8 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Esta lei establece no seu artigo 54 que, anualmente, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza determinará as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.

O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, atribúe a esta consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e no seu artigo 12, concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia de ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos.

Con base no exposto, oído o comité galego de caza na súa reunión ordinaria que tivo lugar o 16 de marzo de 2017, no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 12 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Normas de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2017/18, que abrangue o período comprendido entre o 1 de agosto de 2017 e o 31 de xullo do ano 2018.

Establécense nesta resolución os seguintes procedementos:

– Solicitude de aprobación do Plan anual de aproveitamento cinexético (procedemento MT720A).

– Solicitude de aprobación da renovación do Plan de ordenación cinexética (procedemento MT720B).

Artigo 2. Período hábil para a caza

O período hábil xeral para exercer a caza na Comunidade Autónoma de Galicia será o comprendido entre os días 15 de outubro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018, ambos inclusive, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V desta resolución. Os días da semana en que se permitirá o seu exercicio dependerán das modalidades de caza, maior ou menor, de que se trate e veñen detallados nos títulos II e III desta resolución, así como nas limitacións sinaladas no título V desta resolución.

Nas zonas de caza permanente reflectidas nos plans de ordenación cinexética do correspondente tecor, autorízase a caza sementada de paspallás e perdiz, coas limitacións temporais establecidas no punto 1 do artigo 45 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Igualmente, poderase autorizar a caza sementada de coello de monte e faisán.

Artigo 3. Venda, transporte e comercio das pezas de caza

1. Só poderán ser obxecto de venda, transporte ou comercio as especies silvestres cazables que se relacionan no anexo II desta resolución e unicamente durante o período hábil de caza para cada especie. O tráfico ou comercio de especies de protección temporal nas provincias onde a súa captura estivese prohibida precisará dunha guía expedida polo organismo competente que xustifique a súa procedencia.

2. Os exemplares de especies cinexéticas, procedentes de explotacións industriais, así como os seus ovos cando se trate de aves, poderán comercializarse en calquera época do ano, logo da acreditación suficiente da súa orixe e do cumprimento dos requisitos fixados no artigo 2 do Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro, e demais normativa de ámbito sanitario, en especial a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 1082/2009, do 3 de xullo, polo que se establecen os requisitos de sanidade animal, para o movemento de animais de explotacións cinexéticas, de acuicultura continental e de núcleos zoolóxicos, así como animais da fauna silvestre. O transporte dos animais realizarase, en todo caso, consonte o establecido na normativa relativa á protección destes durante o seu transporte.

Artigo 4. Repoboación e solta de especies cinexéticas

As soltas de exemplares de especies cinexéticas exixirán a autorización previa da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza ao abeiro do establecido no artigo 53 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Na solicitude de autorización deberán constar as especies, o número, a procedencia e a referencia ao estado sanitario dos exemplares que se propón adquirir, así como unha declaración do interesado da adecuación da solicitude ás previsións do plan anual de aproveitamento cinexético que afecta o terreo onde vaian ser liberados os animais.

A liberación de presas de escape para o adestramento das aves de cetraría non terá a consideración de repoboación cinexética.

Artigo 5. Adestramento de cans e aves de cetraría

1. Nos terreos de réxime cinexético común, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2017 ata o 6 de xaneiro de 2018 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

En terreos de réxime cinexético especial, agás na superficie vedada dos tecores, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2017 ata o 14 de outubro de 2017 os xoves, sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, e desde o 15 de outubro de 2017 ata o 6 de xaneiro de 2018 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Nos terreos de réxime cinexético especial que teñan autorizada a prórroga do período hábil de caza para a arcea, autorízase o adestramento de cans sobre esta especie, sen petición previa, desde o 7 de xaneiro de 2018 ata o 15 de marzo de 2018 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

En todo caso, o adestramento realizarase sen armas nin calquera outro medio de caza, evitando que se produza a captura da peza e respectando a época de maior sensibilidade na cría das especies, segundo o establecido no artigo 44.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. O número máximo de cans por cazador/a será de 4 e de 12 por grupo constituído por un máximo de seis persoas cazadoras, sexa cal sexa o tipo de réxime do terreo cinexético en que se realice o adestramento, excepto nas zonas de adestramento para cans que teñen a súa propia normativa.

2. Autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría en terreos de réxime cinexético especial, nas zonas destinadas a ese fin, sen petición previa, ao longo de todo o ano, agás nos meses de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, cun mínimo de dous meses consecutivos de suspensión, escollidos nun único período entre abril e xullo, que serán propostos polo/a titular do terreo cinexético no Plan anual de aproveitamento cinexético, entendéndose, na súa falta, que se corresponden cos meses de maio e xuño.

3. Autorízase o adestramento na modalidade de cans atrelados en terreos de réxime cinexético especial, en toda a superficie e ao longo de todo o ano, agás nas épocas sensibles de cría. Esta época determínase conforme o exposto no parágrafo anterior e coas seguintes condicións:

a) Ter o can atrelado e controlado en todo momento.

b) Non molestar en ningún caso as especies cinexéticas.

c) Non acercarse ao cocho da peza.

d) Un máximo de dous cans por cazador/a.

e) Coa autorización do/da titular do tecor ou explotación cinexética.

Coas mesmas limitacións, a persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar o adestramento de cans atrelados nos terreos de aproveitamento cinexético común.

4. O adestramento de cans e aves de cetraría en terreos queimados por incendio está prohibido durante un período que vai desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran tres anos deste, agás autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, logo do informe favorable da consellería competente en materia forestal.

5. O adestramento de aves de cetraría en terreos de réxime cinexético común axustarase aos mesmos requirimentos e condicións que o adestramento de cans.

6. Os/as titulares de terreos de réxime cinexético especial extremarán as precaucións e adoptarán as medidas de seguridade precisas para evitar accidentes, ou calquera interferencia, durante a realización de batidas ou montarías no período que coincida co permitido para o adestramento de cans e aves de cetraría, e non se pode realizar o adestramento na mesma mancha onde se realiza a batida ou a montaría.

7. Con fins de competición, logo do informe da Federación Galega de Caza, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderán autorizar o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con caza sementada en calquera época do ano.

Artigo 6. Competicións de caza

A Federación Galega de Caza ou as sociedades de caza, logo da súa autorización, poderán celebrar competicións de caza en terreos de réxime cinexético especial os xoves, sábados, domingos e festivos. Nas competicións poderán abaterse pezas de caza silvestres cando se realicen durante o seu período hábil de caza, e ao longo de todo o ano, se se realizan con caza sementada ou sen morte da caza.

TÍTULO II
Caza menor

Artigo 7. Días hábiles

Considéranse días hábiles de caza os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico, coas excepcións que se recollen nesta resolución.

Artigo 8. Limitacións de carácter xeral

1. Nas zonas libres en que, en virtude do establecido no artigo 9, punto 4, da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua igual ou superior ás 500 ha, a cota máxima por cazador/a e día será dunha perdiz rubia e un coello.

2. Nos terreos de réxime cinexético especial as cotas serán as que se establezan nos correspondentes plans anuais de aproveitamento cinexético aprobados.

Artigo 9. Métodos e modalidades de caza

1. Na práctica da caza menor nos terreos de aproveitamento cinexético común, non se poderá cazar en grupos maiores de seis persoas cazadoras, nin cazar coordinadamente máis dun grupo. Cada cazador/a poderá utilizar ata un máximo de 4 cans. O número máximo de cans por grupo será de 12.

2. A práctica da cetraría e caza con arco, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, poderá realizarse nas mesmas condicións que as que se sinalan para a caza con outros métodos de caza.

Autorízase a caza da gaivota chorona común (Larus ridibundus), gaivota arxéntea (Larus argentatus), estorniño pinto (Sturnus vulgaris), pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone), mediante a modalidade de cetraría, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, durante todo o ano, agás nos meses de abril, maio e xuño. Nos terreos de réxime cinexético especial con autorización do/da titular do aproveitamento e nas zonas libres de caza, con autorización da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza.

TÍTULO III
Caza maior

Artigo 10. Días hábiles

Considéranse días hábiles de caza, con carácter xeral, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, coas excepcións que se recollen nesta resolución.

Artigo 11. Métodos e modalidades de caza

1. A celebración de montarías ou batidas, en terreos de réxime cinexético especial, requirirá a notificación previa ao servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente, que deberá ser efectuada cunha antelación mínima de 10 días. Tamén poderá comunicarse mediante un calendario que abranga toda a tempada. Tanto a solicitude como a súa celebración, deberán axustarse ao disposto na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, así como na regulamentación vixente.

2. Nos terreos de réxime cinexético común en que, en virtude do establecido no artigo 9.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua igual ou superior a 500 ha, a caza maior no período hábil xeral só se poderá exercer os sábados e nas modalidades de batida, montaría, axexo e espera, cos requisitos que se dispoñen na Lei 13/2013, do 23 decembro, de caza de Galicia, e na regulamentación vixente e coa autorización previa do servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente.

3. A solicitude e a realización das batidas, montarías, axexos e esperas, así como as medidas precautorias, normas de seguridade e responsabilidade, estarán suxeitos aos requisitos que prevé a Lei 13/2013, do 23 decembro, de caza de Galicia, e a regulamentación vixente. Se por calquera circunstancia algunha das batidas, montarías, axexos ou esperas autorizadas non se pode efectuar no lugar e data fixados, en ningún caso se poderá trasladar a súa celebración a outra data ou lugar.

4. Nos terreos de réxime cinexético común, as solicitudes de batidas e montarías deben ir acompañadas da relación de cazadores/as que participarán nestas cazarías colectivas.

5. Nas batidas e montarías, a persoa responsable deberá levar no seu poder, en todo momento, a autorización correspondente. A relación completa de participantes, encabezada pola persoa responsable da cazaría, cos respectivos nomes e números do DNI/NIF, deberá estar confeccionada no momento da colocación das persoas cazadoras nos postos.

6. Nos terreos de réxime cinexético especial cando se celebre unha batida, montaría, espera ou axexo sobre especies de caza maior, poderase disparar a todas as pezas de caza maior que estean en período e día hábil de caza e que estean recollidas no plan de ordenación cinexética e no plan anual de aproveitamento cinexético e sempre que non se teña cuberta a cota de capturas. Coas mesmas premisas e sempre que se fixese constar na solicitude, poderáselle disparar ao raposo, no seu período hábil, utilizando armas e municións propias da caza maior.

Artigo 12. Pezas de caza

1. Nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos terreos de réxime cinexético especial e nas autorizacións concedidas para o exercicio da caza maior nos terreos de réxime cinexético común especificaranse as pezas de caza por especie, sexos e idades sobre as que se poderá exercer a caza.

2. En todo caso, nunca poderán incluírse como pezas de caza:

a) As crías e as femias de especies de caza maior cando vaian acompañadas das súas crías.

b) Os machos inmaduros das especies corzo, cervo e gamo.

c) Os machos adultos que efectuasen a esmouca antes do peche do seu período hábil de caza.

Todos os animais de caza maior que sexan abatidos deberán ser identificados mediante un precinto que facilitará a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, logo do pagamento da correspondente taxa, e que deberá colocarse na peza de caza antes de ser transportada fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poida quitarse sen alteralo ou destruílo.

As matrices dos precintos utilizados, xunto cos resultados da actividade cinexética sobre pezas de caza maior, así como as listas de participantes en batidas e montarías, deberá achegalos o/a solicitante aos servizos provinciais de Conservación da Natureza no prazo máximo de quince días naturais desde a data da realización da cazaría.

Para o transporte das partes das pezas de caza maior abatidas, o responsable da cazaría emitirá unha declaración que acredite a súa procedencia, de acordo co modelo incluído no anexo VI desta resolución.

TÍTULO IV
Medidas de control por danos

Artigo 13. Danos producidos pola caza

1. Co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, os servizos provinciais de Conservación da Natureza poderán acordar medidas de control. Estas medidas adoptaranse logo de que os/as axentes de Conservación da Natureza, seguindo directrices expresamente establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, comproben os danos existentes.

2. As principais medidas de control fronte aos danos por especies que se poderán adoptar son as seguintes:

a) Lobo (Canis lupus): por danos constatados desta especie, poderanse autorizar esperas, batidas e montarías durante todo o ano, salvo nos meses de abril, maio e xuño, nos cales unicamente se poderán autorizar esperas. A existencia de danos deberá ser comunicada ao servizo provincial de Conservación da Natureza co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre esta especie. As persoas solicitantes de cada batida, montaría ou espera autorizadas deberán informar dos seus resultados, por escrito, o servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente nun prazo máximo de cinco días hábiles seguintes ao da súa realización. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a denegación doutras solicitudes e a anulación automática das xa autorizadas. En todo caso, observarase o disposto no plan de xestión desta especie aprobado polo Decreto 297/2008, do 30 de decembro.

As solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos nas zonas de xestión 1 e 2 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, serán resoltas pola persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural resolverá as solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos na zona de xestión 3 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro.

b) Xabaril (Sus scrofa):

1. Co fin de reducir os danos producidos por esta especie, tras comprobarse a existencia daqueles, os servizos provinciais de Conservación da Natureza poderán autorizar a realización de batidas, montarías e esperas. As solicitudes deberán presentarse a partir da detección dos danos, de modo que permita a súa comprobación polo servizo provincial correspondente. Os/as titulares dun tecor tamén poderán solicitar a adopción destas medidas de control nas zonas de adestramento para cans e aves de cetraría e zonas de vedado que teñan autorizadas. As persoas solicitantes das batidas, montarías ou esperas autorizadas deberán informar por escrito dos seus resultados o servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente, nun prazo máximo dos 10 días seguintes á súa realización. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas, montarías ou esperas e a anulación automática das xa autorizadas.

2. Nos concellos que se relacionan no anexo IV desta resolución, as autorizacións de caza por danos realizaranse de xeito inmediato, non sendo preceptiva a comprobación destes, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuar os servizos de Conservación da Natureza.

Por petición do/da titular do tecor, os exemplares capturados nas actuacións cinexéticas autorizadas por danos non serán tidas en conta no cómputo da cota anual de capturas.

c) Corzo (Capreolus capreolus) e cervo (Cervus elaphus): co fin de reducir os danos producidos por estas especies, poderase proceder de igual forma que no indicado na letra b.1 anterior para o xabaril, incluíndo a modalidade de axexo.

d) Raposo (Vulpes vulpes): co fin de reducir os danos producidos por esta especie, poderase proceder de igual forma que no indicado para o caso do corzo e o cervo.

3. Para os danos producidos polas especies indicadas nas alíneas a), b), c) e d) do punto anterior, en terreos cinexéticos de réxime especial as solicitudes serán formularaas o/a titular do dereito de aproveitamento; nelas recolleranse obrigatoriamente as sinaturas da persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados. En terreos de aproveitamento cinexético común as solicitudes serán formuladas pola persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados. Cando os danos sexan xeneralizados, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, por petición motivada dos concellos afectados e logo do informe técnico do servizo provincial de Conservación da Natureza, poderán autorizar a caza mediante as modalidades e medios que consideren máis adecuados, establecendo as condicións particulares para levar a cabo a cazaría. As persoas participantes nestas cazarías serán determinadas polos concellos mediante un sorteo público entre os/as cazadores/as que o soliciten, e darase prioridade ás persoas propietarias dos bens afectados.

No caso do lobo (Canis lupus) observarase, en todo caso, o establecido no plan de xestión aprobado para esta especie.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer, mediante unha resolución motivada, limitacións temporais á adopción destas medidas de control co fin de evitar alteracións nas poboacións de fauna silvestre e non interferir na súa cría e reprodución. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza, neses casos, prestarán asesoramento técnico ás persoas afectadas polos danos para a adopción de medidas alternativas de prevención e protección para as persoas ou na agricultura, na gandaría, nos montes ou na flora e fauna silvestres.

5. A carne das pezas de caza reguladas no punto 2 deste artigo, que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control, non poderá ser obxecto de venda ou comercio.

6. As pezas de caza maior que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control, deberán ser identificadas mediante precintos que serán facilitados pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de balde e deberán colocarse nas pezas de caza antes de ser transportadas fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poidan quitarse sen alteralos ou destruílos. As matrices dos precintos utilizados, así como os que non sexan empregados, achegaranse ao correspondente servizo provincial de Conservación da Natureza, xunto cos resultados das cazarías.

Artigo 14. Aves prexudiciais para a agricultura e a caza

En virtude do disposto no artigo 58 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, poderán quedar sen efecto as prohibicións contidas no capítulo I do título III da dita lei, e permitirase a caza e captura de aves silvestres que poidan ocasionar danos aos cultivos agrícolas e á fauna. As persoas interesadas deberán formular unha solicitude dirixida á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na cal se fará constar:

a) Especie que se pretende cazar ou capturar.

b) Os prexuízos causados ou os riscos que se poidan producir, así como a súa magnitude.

c) As técnicas disuasorias probadas sen éxito.

d) Expresión do método, o tempo e o lugar onde se pretende cazar as aves prexudiciais.

Será preceptivo o informe do servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente sobre os danos existentes, en que se indicará se os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non é posible establecer razoablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude.

TÍTULO V
Réximes especiais por especies

Artigo 15. Réximes especiais propostos polos/as titulares

Serán de obrigado cumprimento as ordenacións específicas nos terreos de réxime cinexético especial aprobadas polas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, propostas polos/as titulares destes terreos, en que se establezan vedas e peches anticipados dos distintos períodos hábiles.

Artigo 16. Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza

1. Caza menor:

a) Arcea (Scolopax rusticola): en terreos cinexéticos de réxime especial e logo da súa solicitude, poderase prolongar o período hábil de caza para esta especie ata o día 11 de febreiro de 2018. Establécese para esta especie unha cota de captura de 3 exemplares por cazador/a e día.

b) Becacina (Gallinago gallinago): excepto nos concellos que se relacionan no anexo V desta resolución, nos cales a súa caza está prohibida, esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor, e poderase prorrogar o seu período hábil en terreos cinexéticos de réxime especial e logo da súa solicitude, ata o día 11 de febreiro de 2018. Establécese para esta especie unha cota de captura de 3 exemplares por cazador/a e día.

c) Lebre (Lepus granatensis): unicamente se autoriza a súa caza no período hábil comprendido entre o 15 de outubro e o 26 de novembro de 2017 e en terreos de réxime cinexético especial.

d) Raposo (Vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor e en batida. Poderanse autorizar batidas para a caza do raposo desde o 2 de setembro ata o 14 de outubro de 2017, e desde o 7 de xaneiro ata o 11 de febreiro de 2018, os xoves, sábados, domingos e festivos en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de apoiar a consecución da finalidade perseguida polas actuacións de xestión, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderán autorizar en toda a superficie dos tecores e explotacións cinexéticas comerciais, batidas e esperas ao raposo os sábados do período hábil de caza menor, así como batidas e esperas nas zonas vedadas dos tecores desde o 2 de setembro ata o 14 de outubro de 2017, e desde o 7 de xaneiro ata o 11 de febreiro de 2018, cando se planificasen e executasen actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo. Para autorizar estas batidas de xestión, previamente deben ser solicitadas polo/a titular do aproveitamento cinexético, mediante o calendario do plan anual de aproveitamento, no cal se fixen as xornadas de caza en que se realizarán as batidas, quedando xustificada a súa necesidade ao facer referencia ás actuacións de mellora sobre as poboacións cinexéticas reflectidas no Plan anual de aproveitamento cinexético.

e) Paspallás (Coturnix coturnix): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

Nos tecores da antiga lagoa de Antela nos concellos que se relacionan no anexo III desta resolución, ademais poderase autorizar a súa caza entre o 19 de agosto e o 10 de setembro de 2017 os sábados e domingos nas modalidades denominadas en man e ao salto, cun máximo de 15 escopetas por xornada e cuartel de caza e un máximo de 4 escopetas por cuadrilla. Require autorización expresa da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Ourense, que poderá recoller medidas especiais para garantir o cumprimento destas condicións, e será preceptiva a presentación dun plan técnico de caza que ten que incluír un censo da especie, un cálculo do número de capturas totais e a súa repartición por xornadas de caza, cun máximo de 10 pezas por cazador/a e día. Os cuarteis de caza autorizados contarán cunha superficie máxima de 1.000 ha e o seu número virá dado en función da superficie útil para a especie, de acordo co seguinte:

• Número de cuarteis autorizados:

2.000 ha<superficie útil para a especie<5.000 ha: 1.

5.000 ha<superficie útil para a especie<10.000 ha: 2.

Superficie útil para a especie>10.000 ha: 3.

Só se poderá autorizar a caza desta especie nos terreos dos cuarteis en que teñan realizado a colleita na súa maior parte, e prohibirase a caza naquelas superficies non recollidas.

Atendendo á época da recollida da colleita, diferéncianse dúas zonas:

– Zona 1: cuarteis localizados ao oeste do río Faramontaos, entre as localidades de Xinzo de Limia e Faramontaos e a estrada OU-1101 entre Xinzo de Limia e Vilar de Barrio.

– Zona 2: cuarteis localizados ao leste do río Faramontaos, entre as localidades de Xinzo de Limia e Faramontaos e a estrada OU-1101 entre Xinzo de Limia e Vilar de Barrio.

A persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Ourense poderá adiantar ou atrasar o período ata un máximo de tres semanas en cada unha das zonas. Unha vez aberto o período de caza, este non superará as catro fins de semana consecutivas en cada unha das zonas. Ademais, a diferenza temporal de apertura da caza entre as distintas zonas non poderá superar as dúas semanas. Se os atrasos fosen maiores, ou os censos efectuados así o aconsellen, a persoa titular da Dirección Xeral Patrimonio Natural poderá modificar as cotas e os períodos autorizados e incluso anular o período. Os tecores autorizados para a caza do paspallás deben estar dotados de vixilancia.

f) Pombo torcaz (Columba palumbus) e rula común (Streptopelia turtur): estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor.

Nos tecores da antiga lagoa de Antela, nos concellos que se relacionan no anexo III desta resolución, poderase autorizar a súa caza xunto co paspallás nas mesmas condicións que as reflectidas na alínea e), e fixarase unha cota máxima de captura para estas especies e neste período de caza de 5 exemplares por cazador/a e xornada.

g) Tordo real (Turdus pilaris), tordo común (Turdus philomelos), tordo malvís (Turdus iliacus) e tordo charlo (Turdus viscivorus): prolóngase o período hábil de caza para estas especies ata o día 31 de xaneiro de 2018, na superficie dos Tecor incluída nos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, O Rosal e Tui da provincia de Pontevedra.

h) Perdiz charrela (Perdix perdix), avefría (Vanellus vanellus), pato cullerete (Anas clypeata), rula turca (Streptopelia decaocto), gaivota escura (Larus fuscus), pomba brava1 (Columba livia), pomba zura (Columba oenas) e gralla cereixeira (Corvus monedula): queda prohibida a súa caza.

(1) Excepto exemplares utilizados como presas de escape no ámbito da cetraría.

2. Caza maior:

a) Corzo (Capreolus capreolus): no caso dos machos, autorízase a súa caza desde o 26 de agosto ata o 14 de outubro de 2017, para exemplares adultos, nas modalidades de batida, montaría e axexo, os sábados, domingos e festivos, agás os axexos, que poderán ser todos os días.

Nos terreos baixo réxime cinexético especial, poderanse cazar os machos de corzo mediante a modalidade de axexo, desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2018, en calquera día da semana.

Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento cinexético das femias de corzo. Non obstante, permitirase a súa caza puntual e localizada como consecuencia dos danos que poidan ocasionar, de acordo co establecido no artigo 13 desta resolución.

Así mesmo, en prol dun mantemento sustentable das poboacións desta especie e sempre e cando se solicite e xustifique no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético, permitirase a caza das femias adultas en descaste, mediante a modalidade de axexo (calquera día da semana) ou en batida ou montaría (os sábados, domingos e festivos), no período comprendido entre o 2 de setembro e o 14 de outubro de 2017 ou ben entre o 7 de xaneiro e o 4 de febreiro de 2018, a elección do/da titular do aproveitamento. Este período deberá quedar expresamente reflectido no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético, e entenderase, na súa falta, que se corresponde co segundo dos períodos indicados (do 7 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2018).

A autorización fixará o número de pezas máximo que se poderá abater de acordo co Plan anual de aproveitamento cinexético. Non poderán realizarse na mesma mancha unha batida e un axexo simultáneos, nin modalidades de caza maior e menor simultaneamente.

b) Xabaril (Sus scrofa): en terreos de réxime cinexético especial, poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 26 de agosto de 2017 ata o 14 de xaneiro de 2018, nas modalidades de batida, montaría e espera, autorizadas segundo o establecido nos artigos 11 e 12 desta resolución.

En terreos de réxime cinexético común, poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 26 de agosto ata o 31 de agosto de 2017 e desde o 7 de xaneiro ata o 14 de xaneiro de 2018. No período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e o 5 de xaneiro de 2018, ambos incluídos, unicamente se poderá cazar os sábados.

Queda prohibido realizar, na mesma mancha e xornada, batidas sobre esta especie e practicar a caza sobre especies de caza menor.

c) Cervo, gamo e muflón (Cervus elaphus, Dama dama e Ovis ammon musimon): unicamente poderán cazarse en terreos cinexéticos de réxime especial, na modalidade de axexo, desde o 2 de setembro ata o 1 de outubro de 2017, calquera día da semana, no caso de machos adultos e femias adultas en descaste e, con todas as modalidades, desde o 15 de outubro de 2017 ata o 14 de xaneiro de 2018, os xoves, sábados, domingos e festivos e calquera día no caso dos axexos, con autorización dos servizos provinciais de Conservación da Natureza.

d) Cabra montesa (Capra pyrenaica): prohíbese a caza desta especie no territorio de Galicia agás nos tecores do Xurés especificados no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, onde se permite a súa caza desde o 15 de setembro de 2017 ata o 15 de marzo de 2018, impoñéndose, entre outras, as seguintes condicións e restricións:

• A modalidade de caza permitida é o axexo e establécese unha cota de capturas de 10 machos (7 exemplares de trofeo e 3 selectivos) e 3 femias en descaste. Diferéncianse os seguintes períodos en función do tipo de exemplar que se vaia cazar:

Exemplar

Datas

Macho selectivo e femia adulta en descaste

Do 15.9.2017 ata o 31.10.2017

Macho trofeo

Do 15.12.2017 ata o 15.3.2018

e) Rebezo (Rupicapra pyrenaica): unicamente se permite o aproveitamento cinexético desta especie na Reserva Nacional de Caza dos Ancares, de acordo co establecido no artigo 19 desta resolución.

f) Lobo (Canis lupus): queda prohibida en xeral a súa caza en Galicia, e poderán adoptarse medidas de control fronte aos danos producidos pola especie, de acordo co reflectido no artigo 13.2.a) desta resolución.

Artigo 17. Terreos nos cales se prohibe o exercicio da caza

Sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, con respecto ao exercicio da caza nas zonas de seguridade, queda prohibido o exercicio de toda clase de caza e adestramento de cans e aves de cetraría nos terreos recollidos no anexo I desta resolución, así como nas zonas de seguridade declaradas expresamente por petición do/da titular dos terreos.

Artigo 18. Autorización de xestión cinexética en vedados

De acordo co establecido no artigo 19.3 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, os vedados de caza poderán ser obxecto de xestión cinexética por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais, debidamente motivadas.

As solicitudes de autorización de xestión dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio correspondente, e deberán ir acompañadas dun informe técnico en que se xustifique a necesidade da adopción das ditas medidas.

O servizo provincial de Conservación da Natureza valorará se as solicitudes presentadas se axustan ás motivacións establecidas no citado artigo e fixará as condicións para o outorgamento das autorizacións, de ser o caso.

Artigo 19. Réxime especial da Reserva Nacional de Caza dos Ancares

Os períodos hábiles de caza na Reserva Nacional de Caza dos Ancares estableceranse en función dos acordos que en tal sentido tome a Xunta Consultiva da Reserva.

Artigo 20. Solicitudes de aprobación do Plan anual de aproveitamento cinexético e de renovación do Plan de ordenación cinexética

1. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que teñan vixente o seu Plan de ordenación cinexética deberán presentar o Plan anual de aproveitamento cinexético ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para o cal deben presentar a solicitude de aprobación segundo o anexo VII desta resolución (procedemento MT720A), que está dispoñible na sede electrónica, á cal se debe achegar o plan redactado na aplicación informática habilitada para o efecto e dispoñible no portal web de caza de Galicia http://emediorural.xunta.es/caza/UsuariosCaza/.

Para acceder á dita aplicación informática será preciso identificarse introducindo o número de NIF/DNI/NIE e contrasinal facilitado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

2. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais cuxa vixencia do seu Plan de ordenación cinexética remate na tempada 2016/17, deberán presentar a súa renovación ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para o cal deben presentar a solicitude de renovación segundo o anexo VIII desta resolución (procedemento MT720B), dispoñible na sede electrónica, á cal se debe achegar o Plan de ordenación cinexética e o resumo obtido da aplicación informática habilitada para o efecto e dispoñible no portal web de caza de Galicia http://emediorural.xunta.es/caza/UsuariosCaza/.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante da persoa física ou xurídica solicitante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 22. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de aprobación do Plan anual de aproveitamento cinexético (MT720A) a seguinte documentación.

a) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa.

b) Plan anual de aproveitamento cinexético obtido do portal web de caza.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de renovación do Plan de ordenación cinexética (MT720B) a seguinte documentación.

a) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa.

b) Resumo do Plan de ordenación cinexética obtido do portal web de caza.

c) Plan de ordenación cinexética.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

As solicitudes de aprobación do Plan anual de aproveitamento cinexético (MT720A) deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes de renovación do Plan de ordenación cinexética (MT720B) deberán presentarse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, establecéndose como data límite o 30 de xuño de 2017.

Artigo 25. Tramitación

As solicitudes remitiranse ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os servizos de Conservación da Natureza examinaranas e revisarán a documentación acompañante que se especifica no artigo 22 desta resolución.

No caso de que sexan detectados erros ou omisións, requirirase o/a interesado/a para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao da recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 26. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 48 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 2 do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, a competencia para a aprobación do Plan anual de aproveitamento cinexético e de renovación do Plan de ordenación cinexética corresponde á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, non poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que, tendo presentada a solicitude de renovación do Plan de ordenación cinexética, non obteñan a súa resolución expresa no prazo de dous meses fixado no artigo 2.5 do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o regulamento de caza de Galicia, entenderán por aprobado o dito plan.

4. No caso dos tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que presentaron no prazo establecido para o efecto a solicitude de aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético para a tempada 2017/18, sen obter no prazo dun mes unha resolución expresa, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, considerarase non aprobado o dito plan mentres non se dite esta resolución expresa. Non obstante, quedará prorrogada a vixencia do Plan anual de aproveitamento cinexético correspondente á tempada 2016/17, ata que se dite a correspondente resolución administrativa.

Disposición adicional primeira

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións informativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

Facúltanse a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para modificar o inicio ou o remate dos períodos de caza sinalados cando haxa razóns especiais que o xustifiquen, así como para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación da presente disposición mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltanse as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para autorizar as competicións deportivas que afecten unha soa provincia e a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, cando afecten máis dunha provincia.

Disposición derradeira terceira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO I
Zonas nas cales se prohibe o exercicio da caza e o adestramento de cans
e aves de cetraría

Lémbrase, con carácter xeral, a prohibición de cazar nas zonas de seguridade a que se refire o artigo 85.10 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 13 desta resolución.

Provincia da Coruña

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

CO-01

Arquipélago de Sálvora do P. Nac. Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (concello de Ribeira)

Toda a súa superficie

CO-02

Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira)

N: vila de Corrubedo e estrada de acceso a esta desde Artes; S: camiño que une a parroquia do Vilar con Liboi ata punta Corveiro; L: camiño que comunica as parroquias de Artes e O Vilar

CO-03

Zona costeira occidental atlántica co concello de Muros: zona da Lagoa de Louro

Camiño público que desde O Ancoradoiro sae á estrada AC-550 de Cee a Ribeira; segue por esta estrada ao longo de 200 metros para continuar polo límite do Monte Naraío e Tixia e polo camiño a través deste, ata alcanzar a AC-550 pasando polo casarío da Madanela, 80 metros ao longo desta ata o comezo do chamado camiño do monte Louro, límite deste monte entre o camiño e o mar; liña de costa ao longo da praia de Louro ata o porto do Ancoradoiro e desde aquí, en liña recta, ata o punto de partida

CO-04

Illas Sisargas (concello de Malpica de Bergantiños)

Toda a súa superficie

CO-05

Zona costeira occidental atlántica do concello de Porto do Son, zona Lagoas de Xuño e San Pedro de Muro

Río Sieira desde a súa desembocadura no océano Atlántico, río arriba, ata a estrada de Noia a Sta. Uxía de Ribeira (km 52,3). Desde este punto ata a encrucillada da estrada de Seráns, pasando por San Pedro de Muro, ata a antiga fábrica de tella. Desde aquí, seguindo o camiño que chega ata a punta do Cabo Teira, séguese pola liña de costa ata a desembocadura do río Sieira

CO-06

Zona costeira occidental atlántica do concello de Ferrol: Lagoa de Doniños

Norte, partindo da liña de costa séguese a liña que separa os terreos de uso militar, ata chegar á encrucillada da estrada que vai a Curros e Fontemaior; desde esta encrucillada de estradas séguese pola estrada de Fontá ata chegar á punta Penencia na costa e desde aquí, pola liña de costa, ata a liña de terreos de uso militar

CO-07

Zona da lagoa da Frouxeira no concello de Valdoviño

Norte desde a punta A Frouxeira, ao longo do areal ou praia da Frouxeira, pola liña de costa ata a liña recta imaxinaria trazada desde a illa Percebelleira ata a estrada que desde Porta do Sol, en Valdoviño, remata na praia. Seguindo por esta estrada ata a estrada de Ferrol a Cedeira e por esta ata o seu cruzamento coa de Ferrol a Valdoviño ata Canto do Muro, pola estrada local da Frouxeira ata a punta A Frouxeira

CO-08

Zona do Monte de San Xurxo e Monte de Brión, concello de Ferrol

Norte e oeste co océano Atlántico, ao leste con predios particulares na demarcación parroquial de San Xurxo en que está situado o monte, ao sur con predios particulares e o océano Atlántico.

Norte e oeste, demarcación parroquial de Doniños. Ao leste, con propiedades particulares da parroquia de Brión, ao sur con propiedades particulares e océano Atlántico

CO-09

Encoro de Cecebre

N: desde a presa seguindo pola estrada que une o lugar de Cecebre con San Román, atravesando os lugares de Seixurra e San Román, ata o cruzamento coa autoestrada do Atlántico; L: seguindo a autoestrada ata o quilómetro 17 e continuando por unha pista en terra de servidume daquela, para rematar na presa de formigón sobre o río Mero; S: desde o punto anterior seguindo a marxe dereita do río Mero ata a ponte, e continuando pola estrada entre os lugares da Torre, Covelo, Agrolongo e Orto de Arriba ata o viaduto do río Barcés, cuxa marxe dereita segue ata o lugar de Táboas, na estrada de Mabegondo a Carral; O: seguindo a marxe esquerda do río Barcés ata o viaduto e continuando pola estrada ata a presa do encoro

CO-10

Encoro de Sabón

Desde a presa do encoro contiguo á central térmica de Sabón pola estrada de servizo do polígono industrial, deixando o encoro á man esquerda ata o cruzamento da estrada da Coruña a Fisterra. Desde este punto, e seguindo a estrada de servizo do polígono, ata as instalacións industriais de Silicios de Sabón, S.A. e presa

CO-11

Brañas de Sada, concello de Sada

Parroquia de Sada. Coord.: lonxitude 8º 15’ W, latitude 43º 21’ N

CO-12

ZEPA Es0000086, ría de Origueira e Ladrido

A que figura na Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG núm. 95, do 19 de maio), pola que se dispón a publicación no DOG, da cartografía onde se recollen os límites dos espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG núm. 69, do 12 de abril)

CO-13

Encoro da Ribeira, concello das Pontes de García Rodríguez

N: marxe do encoro e límite do tecor C-10.121 ata 200 m da confluencia do regato Brandián; L: bordeando o predio Cabalar a 200 m do cercado e continuando pola marxe dereita do río Eume ata a área recreativa de Caneiro; S: desde a área recreativa de Caneiro seguindo o camiño ou pista cara ás Pontes ata a confluencia do camiño que baixa ao complexo recreativo de Vilarbó, seguindo este camiño ata as ditas instalacións e despois continuando pola marxe esquerda do encoro, respectando os 200 m de influencia, ata a presa; O: desde a presa seguindo a marxe do encoro en Cuíña, Vilarnovo e Maraxón ata pechar o perímetro

CO-14

Ría de Ferrol

Desde a ponte das Pías ata a desembocadura do Xuvia en ambas as dúas marxes

CO-15

Marismas de Baldaio

N: océano Atlántico; S: o camiño desde Rebordelos a Santa Mariña, pasando pola Igrexa, Castrillón, Outeiro, Cambre e Arnados; L: o camiño desde a praia Pedra do Sal ata Rebordelos; O: o camiño desde Santa Mariña á Punta do Pazo

CO-16

Enseada de Insua, concello de Ponteceso

N: o camiño local de Punta Balarés a Cospindo, continuando pola estrada de Corme ata Ponteceso, estrada de Ponteceso a Buño; S: estrada de Ponteceso a Laxe, ata o lugar de Canduas; L: o camiño que vai desde a estrada de Ponteceso a Buño ata o río Anllóns, continuando por este, ata Anllóns de Arriba; O: a liña que une Canduas, Punta Padrón e Punta Balarés

CO-17

Lagoa de Traba

N: océano Atlántico; leste e sur: desde punta Arnado seguindo polo camiño en parte, ata enlazar coa última pista de concentración parcelaria, que discorre paralelamente á lagoa en dirección ao lugar de Cernado; O: pista asfaltada que une o lugar de Mórdomo coa estrada comarcal de Laxe-Ponte do Porto

CO-18

LIC Es1110007

Betanzos-Mandeo

Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG núm. 95, do 19 de maio), pola que se dispón a publicación da cartografía onde se recollen os límites dos espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario Oficial de Galicia núm. 69, do 12 de abril)

CO-19

Estación cinexética de Cerqueiros ( Monfero)

En toda a estación

CO-20

Marisma de Carnota

Área incluída dentro do perímetro da masa de auga

CO-21

Encoro de Vilagudín, concellos de Cerceda, Ordes e Tordoia

Área incluída dentro do perímetro da masa de auga dentro dos 200 metros de cota máxima do nivel de auga do encoro

CO-22

Encoro de Vilasenín (concellos de Cerceda e Ordes)

Área incluída dentro dos cinco metros da cota máxima do nivel de auga do encoro

CO-23

MVMC de Xián, Furiño, Gándara, A Ribeiratorta e Reboredo, (parroquias de Colúns e Arcos, concello de Mazaricos

Toda a súa superficie

CO-24

Predio do mosteiro de Sobrado

Toda a súa superficie

CO-25

Zona do Barbanza

Linde O: iníciase na cota 557, que linda os montes de Barbanza de Cures e Barbanza de Nebra; continúa polas cotas 576, 567, 602, 600, 581, 593, 663, 606, 612, 597 e 620 de Barbanza de Nebra, segue polas cotas 622, 616 de Barbanza de Noal, continúa polas cotas 634, 626, 629, 644 e 616 de Barbanza de Baroña, cota que fai límite cos montes de Barbanza de Boiro. Linde L: da cota 616, límite entre os montes de Barbanza de Baroña e Barbanza de Boiro, cruzando o rego Barazal ata a cota 561 de Barbanza de Boiro, de aquí á fonte de Porto Traveso e ás cotas 562, 572, 576, e 557 de Barbanza de Cures recollendo o inicio do linde O

CO-26

Terreos do concello de Sobrado

S: desde o quilómetro dous da estrada LC-233 ata a saída do regato da Lagoa de Sobrado; séguese o seu curso ata o lugar da Pontepedra, O: desde A Pontepedra, seguindo a estrada ata o quilómetro 18 da LC-231; N: pola estrada que vai ao Centro Ictioxénico ata a dita instalación; L: desde o Centro Ictioxénico, monte a través ata o quilómetro dous da estrada LC-233

CO-27

Marismas de Dodro

Os límites da prohibición están sinalizados sobre o terreo polo Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña

Provincia de Lugo

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

LU-01

Xunqueiras e ría de Ribadeo

Desde a ponte de Porto pola pista que pasa por Miou de Louteiro, ata a altura do km 4,700 da estrada de Vegadeo a Lugo, onde cruza o río Eo; desde este punto quilométrico segue pola citada estrada de Lugo a Vegadeo ata Porto de Abaixo, desde aquí e pola estrada nacional de Santander á Coruña ata Ribadeo, desde aquí pola estrada provincial ata A Senra, desde aquí pola pista que chega á punta de costa denominada punta de Rocas Brancas

LU-02

Monte Fraga Vella (concellos de Abadín e Mondoñedo)

N: monte de utilidade pública Tremoal e Fraga das Vigas, parroquia de Labrada, do concello de Abadín: Casarío dos Agros e río Fraga Vella; L: río Fraga Vella e monte de utilidade pública nº 46B Brañas e Toxiza, da parroquia de Mondoñedo e outras; S: monte de utilidade pública nº 43 Coto da Cal, da parroquia de Romariz, do concello de Abadín; O: monte de utilidade pública nº 44 Tremoal e Fraga das Vigas, da parroquia de Labrada, do concello de Abadín

LU-03

Terreos de Espiñeira e lagoa de Cospeito (concello de Cospeito)

N: termo do concello de Vilalba, ata o punto de cruzamento da estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito, en Guisande; L: estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito; S: estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito, lugar de Feira do Monte e estrada de Cospeito a Vilalba, ata a ponte de Sistallo; O: pista da ponte de Sistallo á casa de Angulo da Espiñeira, ata o límite co concello de Vilalba

LU-04

Terreos do monte do Veral, parroquia do Veral, concello de Lugo

N: estrada de Lugo a Friol e río Mera; L: propiedades particulares da parroquia de San Xoán do Alto; S: propiedades de veciños/as de San Xoán do Alto e camiño de Abelairas; O: río Mera, monte da parroquia do Veral, e propiedades dos veciños do Veral

LU-05

Monte Paramedela (concello da Pobra do Brollón)

N: monte de Salcedo a Bairán; L: monte de Salcedo a Bairán; S: monte de Salcedo a Bairán e río Lor, concello de Quiroga; O: monte de Salcedo e Bairán e río Loureiro

LU-06

Monte Bibei (concello de Quiroga)

N: monte de Enciñeira; L: provincia de Ourense, monte comunal e propiedades particulares; S: provincia de Ourense; O: río Bibei, propiedades particulares, regato de Cavados e estrada de Ourense a Ponferrada

LU-07

Devesa de Rogueira (sita en Moreda, O Courel)

N: monte e prados en Moreda; L: monte de Moreda e de Vieña, ata o pico de Formigueiros; S: termo municipal de Quiroga ata Corga de Mosa e monte de Ferreiros ata Pico Polín; O: monte de Parada

LU-08

Ría de Foz

N: boca da ría desde Punta do Cabo ata punta de San Bartolomeu; L: desde o punto anterior pola beira leste da praia de Altar á de Tupido, estrada de Viladaíde e A Áspera e camiño á igrexa de San Cosme de Barreiros, estrada ao Vilar, ferrocarril Ferrol-Xixón ata o camiño de dirección NS á estrada comarcal 642 de Ferrol por Ortigueira; S: estrada C642, A Espiñeira e Ponte da Espiñeira; O: desde a Ponte da Espiñeira, pola estrada C642 ata Fondós, baixada á punta de Malatel e beira da ría ata punta do Cabo

LU-09

Veiga de Pumar (concello de Castro de Rei)

N: termo municipal de Cospeito, pola estrada de Rocelle a Porto do Monte e en liña recta ao Porto de Boraño, no río Miño; L: río Miño ata 200 metros augas abaixo da desembocadura do regato de Pumar, na presa de Oroxe, leiras particulares ata o cruzamento da estrada de Xustás a Oroxe, S: estrada de Oroxe a Almudia; O: estrada de Almudia a Arneiro ata o límite do termo municipal de Castro de Rei

LU-10

Lagoas do Pedroso, parroquias de Pacios e Illán (termo municipal de Begonte)

N: pista de acceso desde O Pedroso ata a confluencia co río Ladra; L: pista que comunica os lugares de Riocaldo e O Pedroso; S: nacional VI; O: río Ladra

Provincia de Ourense

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

OU-01

Encoro de Castrelo de Miño (concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño e Cenlle)

Nas augas e marxes de dominio público, desde os lugares de Sanín e Oleiros ata o encoro

OU-02

Parque Natural do Invernadeiro (concello de Vilariño de Conso)

Decreto 166/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural do Invernadeiro

OU-03

Predio Salgueiros (concello de Muíños), pertencente ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Toda a súa superficie

OU-04

Subzona ZPDG-A1 (Alta Serra do Xurés en Lobios e Muíños, O Barranco da Cruz do Touro en Lobios e o Barranco de Olelas en Entrimo)

Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés

OU-05

Zona de influencia de explotación de areas da comarca da Limia, no termo municipal de Sandiás

Plano do Plan director de restauración para as explotacións mineiras a ceo aberto na lagoa de Antela, aprobado pola Resolución do 4 de maio de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental marco e Plan director de restauración para as explotacións mineiras a ceo aberto na lagoa de Antela (Ourense) do 2 de febreiro de 2001 (DOG núm. 99, do 24 de maio)

OU-06

Terreos do predio da Edreira e Nabuíñas, no termo municipal de Laza

Toda a súa superficie

OU-07

Zonas de reserva integral do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra

Decreto 77/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural

Provincia de Pontevedra

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

PO-01

Arquipélagos das Cíes, Ons e Cortegada do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Toda a súa superficie

PO-02

Augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público da enseada de San Simón, formada polo entrante da ría de Vigo ata a ponte de Rande, sobre o estreito de Rande

Toda a súa superficie

PO-03

Augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público e zona marítima do complexo intermareal de Umia-O Grove-A Lanzada-punta Bodeira

Zona húmida incluída no Convenio internacional de Ramsar

PO-04

Norte e sur das Gándaras de Budiño (concello do Porriño)

N: estrada que parte da estrada N-550 en dirección Santo André; S: estrada que parte da N-550 en dirección Madanela; L: N-550 e estrada de acceso ao polígono das Gándaras; O: a división entre a vexetación da zona húmida e os piñeiros, matogueira e terras de cultivo. Camiño que parte da estrada que marca o límite norte e que atravesa Centeáns, Quintela e chega ata Madanela

PO-05

Encoro de Pontillón do Castro (concello de Pontevedra). Superficie: 31,5 ha

N: pista forestal contigua ao encoro; L: pista forestal contigua ao encoro que continúa a anterior; S: estrada comarcal de Pontevedra ao encoro, desde a confluencia coa pista anterior ata o dique daquel. O: liña imaxinaria paralela ao límite dos terreos propiedade do Concello de Pontevedra, a unha distancia de 250 m que parte do dique do encoro

PO-06

Zona sur da Illa de Arousa, denominada punta do Carreirón

N: enseada da Brava e praia de Salinas; L: liña de costa; S: liña de costa;

O: liña de costa

PO-07

Zona de Baixo Miño e illa Canosa

N: pola pista que delimita o piñeiral da praia de Camposancos, segue pola faixa aberta polo tendido eléctrico de alta tensión, segue ata o campo de deportes, continúa por toda a zona húmida, desde a pista que sae da Pasaxe ata a ponte do río Tamuxe; L: río Tamuxe; S: río Miño; O: océano Atlántico e punta de Santa Tegra

PO-08

Illa Canosa e Morraceira do Grilo

Toda a súa superficie

PO-09

Parque Natural do Monte Aloia, en Tui

Toda a súa superficie

PO-10

Zona de Val Miñor

N: estrada PO-340, desde a desviación para Mañufe ata monte Lourido; S: estrada de Mañufe á ermida Sta. Marta; L: estrada e ponte desde Mañufe á estrada PO-340; O: zona marítima desde a Ermida de Santa Marta ata os illotes de Garza e monte Lourido

PO-11

Xunqueira de Alba, no termo municipal de Pontevedra

N: pista de Ponte Cabras ata a autoestrada A-9; S: río Lérez; L: pista desde As Correntes pasando pola ponte do Maxeiro, rúa da Gándara, ata a ponte das Cabras; O: autoestrada A-9

ANEXO II

Relación de especies cazables comercializables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Aves:

Anas plathyrhynchos: pato real.

Alectoris rufa: perdiz rubia.

Phasianus colchicus: faisán común .

Columba palumbus: pombo torcaz.

Columba oenas: pomba zura1.

Coturnix coturnix: paspallás1.

b) Mamíferos:

Lepus granatensis: lebre.

Oryctolagus cuniculus: coello.

Vulpes vulpes: raposo.

Sus scrofa: xabaril.

Cervus elaphus: cervo.

Capreolus capreolus: corzo.

Dama dama: gamo.

Ovis ammon musimon: muflón*.

(1) Só os exemplares procedentes de explotacións industriais.

(*) Especie incluída no convenio de Washington.

ANEXO III

Concellos da provincia de Ourense, que abranguen a antiga lagoa de Antela:

• Rairiz de Veiga

• Vilar de Santos

• Sandiás

• Vilar de Barrio

• Sarreaus

• Xinzo de Limia

• Trasmiras

• Porqueira

• Xunqueira de Ambía

ANEXO IV

Relación de concellos nos cales se poderán adoptar medidas excepcionais para o control dos danos ocasionados polo xabaril.

Baña (A)

Bergondo

Boimorto

Brión

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Carnota

Cerdido

Coristanco

Curtis

Ferrol

Laracha (A)

Laxe

Lousame

Mañón

Mazaricos

Monfero

Muxía

Negreira

Ortigueira

Outes

Paderne

Ponteceso

Pontes de García Rodríguez (As)

Ribeira

Santiago de Compostela

Santiso

San Sadurniño

Toques

Tordoia

Touro

Trazo

Val do Dubra

Valdoviño

Vimianzo

Zas

Alfoz

Baleira

Baralla

Barreiros

Becerreá

Begonte

Bóveda

Carballedo

Castroverde

Cervantes

Chantada

A Fonsagrada

Guitiriz

Incio (O)

Láncara

Lourenzá

Lugo

Monforte de Lemos

Monterroso

Muras

Navia de Suarna

Ourol

Palas de Rei

Pantón

Pastoriza (A)

Pedrafita do Cebreiro

Pobra do Brollón (A)

Pol

Pontenova (A)

Portomarín

Quiroga

Ribadeo

Saviñao (O)

Sober

Taboada

Trabada

Valadouro (O)

Vicedo (O)

Vilalba

Xermade

Xove

Arnoia (A)

Barco de Valdeorras (O)

Boborás

Bolo (O)

Carballeda de Valdeorras

Carballiño (O)

Castrelo de Miño

Castrocaldelas

Cenlle

Gudiña (A)

Larouco

Maceda

Maside

Manzaneda

Merca (A)

Mezquita (A)

Montederramo

Monterrei

Muíños

Ourense

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Punxín

Ramirás

Ribadavia

Riós

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Xoán de Río

Teixeira (A)

Veiga (A)

Verín

Viana do Bolo

Vilamarín

Agolada

Cañiza (A)

Cerdedo

Dozón

Estrada (A)

Forcarei

Guarda (A)

Lalín

Meaño

Pontecesures

Rodeiro

Rosal (O)

Silleda

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

ANEXO V

Relación de concellos nos cales se prohibe cazar a becacina (Gallinago gallinago).

– Baltar

– Baños de Molgas

– Calvos de Randín

– Cualedro

– Monterrei

– Muíños

– Porqueira

– Rairiz de Veiga

– Sarreaus

– Trasmiras

– Vilar de Barrio

ANEXO VI
Declaración responsable de procedencia de partes de pezas cinexéticas

D._____________________________________________ con NIF _______________ e domicilio ______________________________ provincia de _____________________ en calidade de responsable da cazaría realizada o __________________, no espazo cinexético______________________________, con matrícula _________________, na modalidade _______________________________.

Declara:

Que o exemplar da especie___________________, sexo_______, foi cazado na citada cazaría, sendo identificado co precinto nº _______________________, e fai ENTREGA:

A D._____________________________________________ con NIF ______________ e domicilio __________________________________ provincia de ___________________, das seguintes partes da peza cinexética:

Partes da peza cinexética (especifíquense):____________

_____________________________________________________________________________________________

Peso aproximado (kg):

______________________________________

Data:

Asdo.: o responsable da cazaría_____________________________________

Este documento soamente acredita a procedencia legal das partes da peza cinexética. Non exime, polo tanto, o seu posuidor, do cumprimento da normativa sanitaria ou de calquera outro requisito legal que poida ser requirido polas autoridades competentes.

A validez desta autorización esténdese ata un máximo de 15 días naturais desde a data da súa emisión.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file