Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2017 Páx. 26051

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2017 pola que se modifica a Resolución do 22 de outubro de 2015 que dá publicidade do Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI).

Mediante Resolución do 22 de outubro de 2015, parcialmente modificada por outra de data 30 de maio de 2016, déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 209, do 3 de novembro de 2015, e DOG núm. 102, do 31 de maio de 2016).

Este programa está rexistrando un importante éxito, resultando ser un instrumento de grande importancia para as empresas galegas na actual situación dos mercados financeiros, caracterizada polas dificultades de accesibilidade aos recursos financeiros cos que se atopan os proxectos de investimento emprendidos por pequenas e medianas empresas, polo que resulta aconsellable ampliar por un ano máis o prazo de disposición dos fondos e de afectación de proxectos previsto no contrato de financiamento co BEI, posibilitando deste xeito a ampliación por outro ano, ata o 31 de maio de 2018, do prazo de presentación de solicitudes do programa de préstamos do Igape. Ademais, resulta necesario ampliar en consecuencia a dotación orzamentaria do programa para 2018 en 10 millóns de euros.

En virtude do exposto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 27 de abril de 2017, autorizou a ampliación por un ano do prazo de presentación de solicitudes de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do BEI e convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva publicitado por Resolución do 22 de outubro de 2015, así como a ampliación en 10 millóns de euros da dotación orzamentaria do programa para 2018.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 22 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva:

A Resolución do 22 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 209, do 3 de novembro de 2015), queda modificada como segue:

Un. O punto segundo do Resolvo queda redactado como segue:

«Segundo. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día seguinte; e rematará o 31 de maio de 2018 ou ata o momento de esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es».

Dous. O punto terceiro do Resolvo queda redactado como segue:

«Terceiro. Dotación orzamentaria.

Establécese unha liña de préstamos directos do Igape por importe máximo de 24.222.586 €. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A1.741A.8310 e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Ano

Importe

2015

300.000,00 €

2016

3.922.586,00 €

2017

10.000.000,00 €

2018

10.000.000,00 €

Total

24.222.586,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 31 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta modificación entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017

Juan Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica